Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 29 de outubro de 2015 Páx. 41868

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes da categoría de condutor/a nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

No pacto publicado no DOG nº 89, do 9 de maio de 2011, regúlase o procedemento de selección, a través de listas elaboradas consonte a baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Ao abeiro dos números I.4.4 e I.4.5 da citada norma, esta dirección xeral, logo do acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto na sesión do 27 de febreiro de 2015 e en uso das competencias que lle atribúe o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 139, do 20 de xuño),

RESOLVE:

Primeiro

Iniciar o prazo para inscribir as persoas interesadas na lista de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade, na categoría de condutor/a.

Segundo

A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 26 de abril de 2011 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG nº 89, do 9 de maio) e consonte as bases e baremo de méritos contidos respectivamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro

1. Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos de participación

1.1. Normas xerais.

Poderán inscribirse nas listas correspondentes ao primeiro proceso de xeración consonte o novo pacto, na categoría indicada, as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base quinta, reúnan os seguintes requisitos:

1.1.1. Requisitos comúns.

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos/das españois/españolas e dos/das nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e dos/das nacionais dalgún Estado ao/ás cales, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da dita idade dependentes.

b) Idade: ter feitos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non estar inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación ou titulacións que habilitan para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data prevista na base 6.1. As titulacións de acceso correspondentes á categoría recóllense no anexo V.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación, ou de ser o caso, o seu recoñecemento.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

1.1.2. Promoción profesional.

O persoal fixo interesado en promocionar internamente dentro do seu ámbito deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde nunha categoría de nivel académico igual ou inferior á cal se opta.

b) Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación ou titulacións de acceso requiridas, segundo se recolle no anexo V.

1.2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas da mesma categoría a que se opta e que foron confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño), polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto V do pacto de selección temporal actualmente vixente (DOG nº 89, do 9 de maio de 2011).

1.3. Posesión dos requisitos.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

Segunda. Solicitude de inscrición

2.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar na lista, figurasen ou non inscritas na lista da mesma categoría elaborada ao abeiro do Pacto do 24 de maio de 2004 (DOG nº 104, do 1 de xuño).

2.2. A formalización das solicitudes de inscrición efectuarana as persoas interesadas a través do currículo profesional habilitado electronicamente (Fides/Expedient-e/Sección de Procesos), ao cal se accederá a través da páxina web ( www.sergas.es ), na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

O modelo normalizado de formulario de inscrición estará dispoñible no dito sistema. Logo de confirmado electronicamente pola/o interesada/o deberá imprimirse e asinarse para a súa presentación en formato papel a través do preceptivo rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2.3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a categoría a que se opta e o ámbito territorial de dispoñibilidade, así como deberán cubrirse as declaracións que constan no modelo relacionadas cos requisitos de admisibilidade.

No caso de discrepancia entre o formulario de inscrición cuberto pola vía electrónica e a documentación acreditativa dos datos incorporados no mesmo, será válida esta última.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. Non entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias, admitiranse as renuncias á inscrición así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

A solicitude de renuncia/modificación deberá efectuarse mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á cal se dirixa o formulario de inscrición e deberá presentarse no mesmo prazo e lugares que esta.

Terceira. Ámbito de inscrición e compatibilidade

3.1. O ámbito territorial de inscrición nesta lista recóllese no anexo III.

3.2. Cada solicitude de inscrición irá referida a un único ámbito territorial.

3.3. A solicitude de inscrición nesta categoría será incompatible coa solicitude de inscrición en calquera outra categoría.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

4.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/Expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao Expedient-e efectuarase a través da páxina web ( www.sergas.es ) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, o uso e o acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

4.2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos, deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible na conta do expediente persoal electrónico, na epígrafe de «informe».

4.3. Xunto coa solicitude de validación, deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e Expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base sexta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non terá que achegarse novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse nalgún dos lugares previstos na base sétima desta resolución.

4.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base sexta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

4.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta Administración sanitaria:

– A cualificación obtida no/s exercicio/s da fase de oposición da última convocatoria OPE da categoría convocada.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación impartida pola Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria.

– Os datos validados no sistema informático Expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito, aínda que conste validado.

4.6. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, comportará a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedesen.

4.7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas, non se terá en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/Expedient-e na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes non serán obxecto de valoración neste proceso.

Quinta. Dispoñibilidade para vinculacións temporais de condutor/a de vehículos especiais de carácter sanitario

5.1. A cobertura de necesidades de vinculacións temporais de condutor/a de vehículos especiais de carácter sanitario efectuarase, con carácter preferente, con aquelas persoas aspirantes que, ademais dos requisitos previstos na base primeira, fagan constar a súa dispoñibilidade para estas vinculacións no modelo de solicitude de inscrición na lista de condutor/a.

5.2. Será requisito adicional para optar aos referidos nomeamentos o rexistro en Fides (na epígrafe de «Outros méritos») e a acreditación documental ante a unidade validadora dos permisos de conducir das clases C e D, xunto cos certificados de aptitude profesional (CAP) de ambas as clases de permisos ou, de ser o caso, da acreditación da súa exención.

5.3. Tales requisitos deberán reunirse o último día do prazo de presentación de instancias e manterse ata a data de formalización do nomeamento. O seu rexistro en Fides/expedient-e e a súa acreditación documental deberá producirse na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sexta. Prazo de inscrición

6.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o día 30 de outubro ata o 30 de novembro de 2015. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de novembro de 2015 que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

6.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición no expediente electrónico con posterioridade ao 30 de novembro de 2015, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas que se efectúe nesta categoría.

Sétima. Lugar de presentación

O formulario de inscrición, logo de formalizado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no modelo normalizado e poderá presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava. Procedemento de elaboración das listas

8.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal elaboraranse de conformidade co previsto no punto II do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

8.2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (Fides/Procesos), ao cal se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

8.3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas coa asignación aos primeiros da puntuación e da orde de prelación provisionais acadadas.

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de Xestión Integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou o rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo, os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas nas listas.

8.4. Contra esta resolución os/as interesados/as poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación.

Novena. Aboamento de taxas

9.1. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro), como requisito necesario para participar neste proceso as persoas aspirantes que accedan por primeira vez ás listas de selección temporal desta categoría ou aquelas que non consten admitidas na lista vixente deberán aboar previamente, en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes, o importe de 16,98 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

9.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións das áreas de xestión integrada e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

9.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda ( www.conselleriadefacenda.es ) e, dentro desta, á lenda «Oficina virtual tributaria». Premerase entón na lenda «Servizos de acceso libre» e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións», escolléndose a opción «Pagamento telemático de taxas e prezos». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

9.4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

9.5. As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Décima. Nomeamentos a tempo parcial

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivos.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

Décimo primeira. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes

No suposto de indispoñibilidade de aspirantes na lista desta categoría e ata a seguinte xeración de listas que se efectúe segundo o disposto no punto II.4.3 do Pacto de selección temporal, acudirase á utilización de listas das áreas/zonas de xestión máis próximas.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse áreas/zonas de xestión máis próximas as que se determinan, respecto de cada área/zona concreta, no anexo IV.

As persoas aspirantes poderán facer constar nos formularios de solicitude a súa dispoñibilidade para prestar servizos fóra da área/zona orixinaria de adscrición, conforme a respectiva prelación.

Décimo segunda. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na resolución pola cal se publiquen as puntuacións definitivas e orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo ( www.sergas.es ).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

ANEXO II
Baremos

O baremo de méritos que se aplicará será o previsto no número II.3 da Resolución do 26 de abril de 2011 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (DOG nº 89, do 9 de maio).

A orde de prelación das persoas aspirantes na respectiva lista, en cada unha das quendas, obterase automaticamente pola suma dos resultados e puntuacións obtidas en cada un dos exercicios da fase de oposición en que participase na última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na respectiva categoría e a puntuación que resulte da aplicación do baremo de méritos aprobado pola Resolución do 8 de agosto de 2006 (DOG do 14 de agosto).

A puntuación máxima acadable pola participación da persoa aspirante no último proceso selectivo convocado na respectiva categoría será do 60 % da puntuación total do baremo.

A puntuación máxima acadable nas epígrafes de experiencia profesional, formación acreditada e outras actividades non poderá exceder o 40 % da puntuación total do baremo.

ANEXO III
Áreas e zonas

Ámbitos listas.

Áreas/Zonas:

– Lista de condutor/a.

1. A Coruña.

2. Ferrol.

3. Santiago de Compostela.

4. Lugo.

5. Ourense.

6. O Barco de Valdeorras.

7. Pontevedra.

8. Vigo.

ANEXO IV
Áreas/Zonas limítrofes

1. Para Ferrol. A Coruña, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

2. Para A Coruña. Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

3. Para Santiago de Compostela. A Coruña, Pontevedra, Vigo e Lugo, nesta orde.

4. Para Lugo. Monforte de Lemos, Burela, A Coruña e Ferrol, nesta orde.

5. Para Ourense. O Barco de Valdeorras, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

6. Para O Barco de Valdeorras. Ourense, Lugo e Santiago de Compostela, nesta orde.

7. Para Pontevedra. Vigo, Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, nesta orde.

8. Para Vigo. Pontevedra, Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, nesta orde.

ANEXO V
Requisitos de titulación/formación

Deberá posuír, polo menos, unha das titulacións indicadas:

• Graduado escolar.

• Graduado/a en ESO ou equivalente.

• Título de técnico (formación profesional de grao medio).

• Formación profesional de primeiro grao.

E, adicionalmente, deberá estar en posesión dos seguintes permisos e/ou certificacións:

• Permiso de conducir clase BTP.

Para vinculacións temporais de condutor/a de vehículos especiais de carácter sanitario:

• Permisos de conducir das clases C e D, xunto cos certificados de aptitude profesional (CAP) de ambas as clases de permisos ou, de ser o caso, acreditación da súa exención, nos termos do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.