Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 10 de novembro de 2015 Páx. 42759

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2015 pola que se sinalan as datas para o levantamento das actas previas á ocupación e de ocupación definitiva dos bens e dereitos afectados polas obras correspondentes ao proxecto modificado das obras da ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares, Vigo (Pontevedra) (expediente OH.336.1083.M1).

O 20 de xullo de 2015 o director de Augas de Galicia aprobou técnica e definitivamente o proxecto modificado das obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares, Vigo (Pontevedra).

As ditas obras enmárcanse dentro da actuación de saneamento de Vigo, actuación que está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, xa que as obras de referencia están recollidas no Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro.

O artigo 29 da precitada lei dispón que a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da comunidade autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e da adquisición de dereitos, cos fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente.

O 6 de outubro de 2010 publicouse o Decreto 164/2010, do 23 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados polas obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares, Vigo (Pontevedra) (expediente OH.336.889). Na súa consecuencia, o procedemento expropiatorio rexerase conforme o establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

No procedemento expropiatorio, a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. terá a condición de entidade beneficiaria, conforme o disposto no artigo 132.4 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo.

Consonte o anterior, en virtude das atribucións conferidas, facendo uso das facultades outorgadas polo artigo 98 da Lei de expropiación forzosa e atendendo ao sinalado nas regras 2ª e 3ª do seu artigo 52,

RESOLVO:

Convocar os titulares dos bens e/ou dereitos afectados polo procedemento expropiatorio derivado da execución das obras do proxecto modificado de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares, Vigo (Pontevedra), conforme se lles notificará nas correspondentes cédulas individuais e por anuncios no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra e nos diarios La Voz de Galicia e El Faro de Vigo, para que, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos terreos, de se considerar necesario, asistan ao levantamento das correspondentes actas previas á ocupación e de ocupación definitivas no lugar, na data e nas horas que a seguir se indican:

Lugar: Complexo Polideportivo de Samil, sito na avda. de Samil, s/n, Vigo (Pontevedra).

Data: 26.11.2015.

Hora: das 10.00 ás 12.00 horas.

Para estes efectos indícase que, unha vez levantada a acta previa á ocupación, ofreceráselles aos afectados, con carácter previo ao levantamento da acta de ocupación definitiva, a percepción do importe correspondente ao depósito previo á ocupación e aos prexuízos pola rápida ocupación. Neste sentido, no suposto de que se renunciase á percepción de tal contía ou nos casos de non comparecencia do convocado, procederase á súa consignación na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, consignación que habilitará para a formulación da acta de ocupación e cuxa realización será comunicada, en calquera caso, aos correspondentes afectados.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo de pagamento do imposto sobre bens inmobles. Pódense facer acompañar, se o xulgan oportuno e pola súa conta, dos seus peritos e/ou notarios.

A relación de bens e dereitos afectados foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 1 de abril de 2015, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 67, do 10 de abril de 2015, e nos diarios La Voz de Galicia e El Faro de Vigo, do 10 de abril de 2015; e puido ser examinada, xunto cos planos parceiros nas oficinas do Servizo Territorial de Augas de Galicia da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur (r/ San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo), da Área Técnica de Augas de Galicia (rúa Doutor Maceira, 18, baixo, 15706 Santiago de Compostela), da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (r/ Colón, 21-3º, 36201 Vigo) e do Concello de Vigo (praza do Rei, s/n), así como na páxina web de Augas de Galicia.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados así como o plano parceiro correspondente estarán expostos no Concello de Vigo (praza do Rei, s/n), no Servizo Territorial de Augas de Galicia da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur (rúa San Salvador, 2-4º, 36201 Vigo), nos servizos centrais de Augas de Galicia en Santiago de Compostela (praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela), así como nas oficinas en Vigo da entidade beneficiaria do procedemento expropiatorio: a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (rúa Colón, 21-3º, Vigo).

Conforme establece o artigo 56.2 do Regulamento de expropiación forzosa, ata o momento en que se proceda ao levantamento das citadas actas previas á ocupación e de ocupación definitivas, os interesados poderán formular, por escrito, as alegacións para os únicos efectos de emendar posibles erros que se producisen ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación, dirixiranas á Secretaría Xeral de Augas de Galicia (praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela).

A publicación desta resolución, a teor do disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos afectados que sexan descoñecidos e a aqueles dos que se ignore o seu paradoiro.

O que se fai público para xeral coñecemento, advertindo os interesados de que o pagamento se fará precisamente aos que figuren como propietarios dos bens ou titulares dos dereitos expropiados. Non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial ou consular), xa sexa xeral ou particular para este caso, e deberán identificarse co documento nacional de identidade.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia