Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 13 de novembro de 2015 Páx. 42987

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se fai pública a minoración do importe existente para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario para o ano 2015, convocadas pola Resolución do 17 de febreiro de 2015.

No Diario Oficial de Galicia número 37, do 24 de febreiro de 2015, publicouse a Resolución do 17 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

A convocatoria, no seu artigo 5, destina un crédito total para esta finalidade de 25.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

No parágrafo segundo do devandito artigo 5 establécese que, transcorrido o segundo cuadrimestre do ano sen ter sido tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto, este poderá reducirse ata unha porcentaxe similar á empregada ata esa data para poder atender outros fins, logo da correspondente resolución da persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Como queira que, unha vez rematado o segundo cuadrimestre do ano 2015, non foron tramitadas solicitudes para poder adxudicar o 50 % do crédito previsto, cómpre minorar o importe da contía inicial prevista na devandita resolución.

Por todo o exposto e no exercicio das competencias atribuídas polo Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único

1. Para o exercicio orzamentario 2015 minórase en 10.000 € o importe da contía inicial prevista no artigo 5 da Resolución do 17 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, que serán destinados a ampliar a dotación orzamentaria das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o ano 2015, por resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Esta modificación non afecta os prazos para a presentación de solicitudes establecidos na dita resolución de convocatoria nin tampouco o resto do seu articulado.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración