Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 19 de novembro de 2015 Páx. 43772

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2015 pola que se convoca un curso monográfico sobre a posta en marcha da transparencia activa e pasiva.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2015 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso monográfico sobre a posta en marcha da transparencia activa e pasiva, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O día 10 de decembro de 2015 entra en vigor no ámbito de aplicación das comunidades autónomas e das entidades locais a Lei 19/2013, do 9 de decembro, sobre transparencia, acceso á información pública e bo goberno. A lei supón un importante xiro no actuar das administracións públicas. O curso pretende ofrecer unha explicación teórico-práctica da aplicación da normativa sobre transparencia polas administracións públicas. Perséguese que as persoas asistentes coñezan polo miúdo as disposicións sobre transparencia activa e pasiva para que poidan aplicalas nas administracións públicas das cales son empregados públicos. Para iso é preciso coñecer os dereitos dos cidadáns, as obrigas das administracións públicas e, así mesmo, os procedementos de actuación. De aí que se van expoñer os problemas prácticos que a Lei 19/2013 suscita, dando solucións tanto desde a vertente procedemental, coma de recursos humanos e de utilización da Administración electrónica.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

– A transparencia, valor da Administración.

– O dereito de acceso: principios e límites.

– O procedemento de acceso: diagramas e exemplos prácticos.

– A publicidade activa: principios e suxeitos.

– O contido da publicidade activa.

– O control das obrigas de transparencia: órganos de control, infraccións e sancións.

– Administración electrónica, soporte da transparencia.

– Transparencia: impactos organizativos da transparencia nas administracións públicas.

– Transparencia: e agora que?

3. Destinatarios.

Empregados das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local e de xustiza, das universidades do Sistema universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 10 e 11 de decembro.

Horario: día 10: mañá e tarde.

día 11: mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.es/matricula/ .

O prazo para inscribirse estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 7 de decembro de 2015.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

8. Certificado de asistencia oficial.

Ao final do curso entregarase un certificado de asistencia a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data, o lugar de realización do curso e o selo oficial da institución.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública