Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Venres, 20 de novembro de 2015 Páx. 43924

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2016, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo (Boletín Oficial del Estado número 184, do 2 de agosto), e da Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Diario Oficial de Galicia número 233, do 27 de novembro).

A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) núm. 3820/85 do Consello, e a Directiva 91/439/CEE do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que no seu capítulo VI (artigos 14 a 17), e no seu anexo V, recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, e o órgano competente poderá publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria. Igualmente, o artigo 14 da mesma norma establece que o exame deberá ser superado no prazo de seis (6) meses contados desde a finalización do curso de formación acreditativo da cualificación inicial para a obtención do certificado de aptitude profesional. Este curso deberá repetirse no suposto de ter transcorrido o referido prazo sen a superación da proba.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

Con base nas ditas previsións ditouse a Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se estableceron as bases e as regras de desenvolvemento das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, e se estableceu unha habilitación á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para levar a cabo as sucesivas convocatorias de exame.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, e na Orde do 19 de novembro de 2009, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e consonte coa proposta formulada pola Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte,

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria

Convócanse para o ano 2016 as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución.

Segundo. Calendario

No ano 2016 realizaranse nove convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:

Convocatoria

Datas de realización

Prazo de inscrición

20.1.2016 a 3.2.2016

23.11.2015 a 30.12.2015

24.2.2016 a 9.3.2016

31.12.2015 a 5.2.2016

6.4.2016 a 20.4.2016

6.2.2016 a 18.3.2016

18.5.2016 a 1.6.2016

19.3.2016 a 29.4.2016

22.6.2016 a 6.7.2016

30.4.2016 a 3.6.2016

27.7.2016 a 10.8.2016

4.6.2016 a 8.7.2016

14.9.2016 a 28.9.2016

9.7.2016 a 26.8.2016

2.11.2016 a 16.11.2016

27.8.2016 a 14.10.2016

7.12.2016 a 21.12.2016

15.10.2016 a 18.11.2016

Terceiro. Inscrición

a) Para inscribirse ás probas será necesario presentar, dentro do prazo previsto no punto anterior, unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I desta resolución, xunto co impreso de autoliquidación de taxas polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de non prestar o consentimento para que a Administración consulte telematicamente os seus datos de identidade e residencia, o aspirante deberá achegar tamén copia do DNI e, de ser o caso, da documentación que acredite a súa residencia habitual en Galicia, de conformidade co disposto na Orde do 19 de novembro de 2009.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes excluídos ou non admitidos á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

b) As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes a través desta vía será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Cuarto. Tratamento de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.civ@xunta.es .

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2015

Helena de Lucas de Santos
Directora xeral de Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file