Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 23 de novembro de 2015 Páx. 44240

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 17 de novembro de 2015 de delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

O Decreto 129/2015, do 8 de outubro, fixou a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, estruturando a Consellería do Medio Rural nunha Secretaría Xeral Técnica e tres direccións xerais, adscribíndolle o Fondo Galego de Garantía Agraria, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria.

A actividade administrativa da Consellería do Medio Rural leva consigo unha concentración de funcións na súa persoa titular, cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal dela, recorrer á delegación de competencias, co debido respecto aos principios informadores da actividade administrativa, que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1, en prol dunha maior axilidade da actuación que beneficie tanto a Administración como os administrados.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Delegacións na Secretaría Xeral Técnica

Primeiro. Administración de persoal

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que corresponden ao/á conselleiro/a en materia de persoal segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

Segundo. Contratación

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos nesta materia:

a) O inicio e aprobación dos expedientes de contratación e a aprobación e disposición do gasto.

b) O recoñecemento de obrigas e proposta de ordenación dos pagamentos correspondentes.

c) As competencias que corresponden á persoa titular da consellería en materia de contratos menores de competencia do/da secretario/a xeral técnico/a.

d) Dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 113 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

e) A aprobación dos pregos de prescricións técnicas, de cláusulas administrativas particulares e dos modelos tipo destes.

f) A adxudicación e formalización dos contratos; as prerrogativas da súa interpretación, resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes prerrogativas que, de acordo coa lexislación, corresponden ao órgano de contratación.

g) A aprobación dos proxectos de obras e das súas modificacións.

h) As competencias que, en materia de encomendas de xestión, corresponden á persoa titular da consellería.

Terceiro. Xestión financeira e orzamentaria

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a o exercicio das competencias seguintes:

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos xerais asignadas a Consellería do Medio Rural, sen prexuízo das competencias de cada dirección xeral, inclusive aqueles que deriven de compromisos recoñecidos ou xerados en exercicios anteriores, así como o seu compromiso e liquidación, que non se atopen reservados á autorización do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar da Consellería de Facenda a adecuación dos pagamentos correspondentes.

b) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gasto dos orzamentos xerais asignadas á secretaría xeral técnica que teñan a consideración de «gastos por xustificar», sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

c) As facultades que en materia de xestión orzamentaria lle corresponden á persoa titular da consellería conforme o previsto no artigo 67 e concordantes do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

d) As facultades que corresponden á persoa titular da consellería en materia de validación do gasto prevista no artigo 102 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) As competencias delegadas nos puntos anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

Cuarto. Xestión patrimonial

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio atribúe ao titular da consellería.

Quinto. Subvencións e sancións

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a da consellería a competencia para iniciar e resolver os procedementos de reintegro e perda do dereito ao cobramento de axudas e subvencións e a incoación de procedementos sancionadores e imposición de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, delégase no/na secretario/a xeral técnico/a a competencia para a imposición das sancións que correspondan ao titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, e a adopción de medidas ao longo do proceso sancionador que correspondan ao titular da consellería.

Sexto. Recursos e reclamacións

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e extraordinario de revisión cando a facultade de resolución corresponda ao titular da consellería, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados. Igualmente, corresponderalle a resolución do recurso especial en materia de contratación.

b) Resolver os recursos de reposición interpostos contra actos que poñan fin á via administrativa.

c) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que diten en virtude das facultades delegadas, así como os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos directores xerais e outros órganos en exercicio das facultades delegadas.

d) Iniciar e resolver os procedementos de revisión de oficio, declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, así como a rectificación de erros cando ditase o acto rectificado por delegación, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

e) Iniciar e resolver os procedementos das reclamacións previas á vía civil e aos procedementos de responsabilidade patrimonial por importe superior a 1.500 euros aos que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

g) Presentar e dar resposta aos requirimentos que, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, se susciten entre a Consellería do Medio Rural e outras administracións públicas, presentar os recursos que, se é o caso, procedan, así como a tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor do Pobo e outras institucións.

h) Executar as sentenzas cuxo cumprimento sexa competencia da persoa titular da consellería.

i) Convalidar os actos ditados polos órganos que sexan inferiores xeráquicos da persoa titular da consellería.

Sétimo. Comisións de servizo con dereito a indemnización

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente dos servizos centrais da Consellería do Medio Rural.

Oitavo. Réxime interno

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a a disposición de todo o relativo ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia do/da conselleiro/a ou doutra dirección xeral.

Noveno. Fundacións

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a o exercicio das facultades que a normativa en materia de fundacións atribúe ao protectorado destas.

Décimo. Montes veciñais en man común

Delégase no/na secretario/a xeral técnico/a a emisión dos informes que o artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento de execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, atribúe ao conselleiro.

Décimo primeiro. Criterios complementarios

1. Na aplicación das delegacións contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) Atribúese ao/á secretario/a xeral técnico/a o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

b) Atribúese ao/á secretario/a xeral técnico/a o despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á persoa titular da consellería.

Artigo 2. Delegacións nos/nas directores/as xerais

1. Deléganse nos/nas directores/as xerais as seguintes competencias:

Primeiro. Contratación

O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico atribúe á persoa titular da consellería en relación cos contratos que teñan a consideración de menores con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gasto dos orzamentos xerais asignadas á súa dirección xeral, sen prexuízo das competencias que correspondan aos xefes territoriais respecto dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados.

Segundo. Xestión financeira e orzamentaria

a) Autorizar e dispoñer os gastos con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gastos dos orzamentos xerais asignadas á súa dirección xeral, inclusive aqueles que deriven de compromisos recoñecidos ou xerados en exercicios anteriores, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) Recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos correspondentes aos créditos sinalados no punto anterior, cos límites igualmente indicados.

c) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar» con cargo ás aplicacións orzamentarias do estado de gasto dos orzamentos xerais asignadas á súa dirección xeral, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

d) As competencias delegadas nos puntos anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

Terceiro. Subvencións

a) Delégase nos/nas directores/as xerais a competencia para resolver os procedementos de axudas e subvencións que se tramiten no ámbito das súas competencias, así como os actos e incidencias que xurdan ao longo do procedemento, salvo que a competencia corresponda a outro órgano.

Cuarto. Convenios

A sinatura de convenios de importe igual ou inferior a 150.000 euros no ámbito da súa dirección xeral e aqueles que non impliquen obrigas económicas para a consellería, así como as competencias que na súa tramitación correspondan á persoa titular da consellería.

Artigo 3. Delegacións nos xefes territoriais

1. Deléganse nos/nas xefes/as territoriais as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos con cargo ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do estado de gastos dos orzamentos xerais, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados e distribuídos polo/pola titular da consellería, que non se atopen reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

b) O exercicio das competencias que en materia de contratos menores corresponden á persoa titular da consellería ata o límite dos créditos que para tal fin sexan desconcentrados.

c) O exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de «gastos por xustificar» realizados con cargo a créditos que lle fosen desconcentrados.

d) As competencias delegadas nos puntos anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos.

e) Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lles son atribuídas ao/á titular da consellería pola lexislación vixente.

f) O exercicio da competencia para efectuar as contratacións de persoal temporal a que lle sexa de aplicación o acordo sobre as condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta de Galicia incluído no V convenio colectivo único da Xunta de Galicia ou normativa que o substitúa ou sexa de aplicación.

g) A sinatura de convenios ou acordos de terminación convencional dos procedementos de responsabilidade patrimonial cuxa contía reclamada sexa igual ou inferior a 1.500 euros.

Artigo 4. Réxime xurídico das delegacións

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

2. En calquera momento o/a conselleiro/a poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das cales quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no artigo 13.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade do/da secretario/a xeral técnico/a, as súas competencias propias e delegadas serán asumidas polo/pola subdirector/a xeral de Persoal, durante o tempo que persistan as devanditas causas, con excepción da asistencia ás reunións da comisión de secretarios xerais técnicos e as competencias delegadas en materia de contratación, que serán asumidas, neste último caso, polos directores xerais competentes por razón da materia.

4. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dos/das directores/as xerais, as competencias delegadas nesta orde serán asumidas, durante o tempo que persistan as devanditas causas, polo/pola secretario/a xeral técnico/a.

5. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade dos/das xefes/as territoriais, as súas funcións serán asumidas pola persoa que designe a conselleira.

Disposición adicional

A delegación de competencias nos/nas directores/as xerais para resolver procedementos de concesión de axudas e subvencións e no/na secretario/a xeral técnico/a para resolver os procedementos de reintegro prevalecerá sobre as normas específicas de igual ou inferior rango que regulen esta materia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 30 de marzo de 2012, de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais, directores xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia e a Orde do 1 de xuño de 2009, modificada pola Orde do 25 de novembro de 2010, de delegación de competencias nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural