Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 27 de novembro de 2015 Páx. 44802

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 25 de novembro de 2015 pola que se fai público o incremento do importe das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015.

A Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas cales se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015, establece na súa exposición de motivos que o financiamento destas axudas se efectuará con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, a través dos créditos consignados na aplicación 11.05.312B.480.0, polo importe global de 1.800.000 euros, incrementada en 140.000 euros pola Orde do 31 de agosto de 2015 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda da axuda, deben artellarse as medidas necesarias para garantir o dereito das persoas solicitantes e que cumpren os requisitos determinados na Orde do 30 de decembro a poderen recibir as axudas que lles corresponden, polo que parece oportuno incrementar o importe destinado á dotación orzamentaria consignada nas respectivas ordes para a concesión das ditas prestacións económicas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015, modificada pola Orde do 31 de agosto de 2015, en 1.020.000 euros, na aplicación orzamentaria 11.05.312B.480.0.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2015

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social