Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 18 de decembro de 2015 Páx. 47314

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de decembro de 2015 pola que se modifica a Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Mediante a Orde do 10 de marzo de 2015 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 48, do 11 de marzo) convocáronse, entre outras, dúas axudas do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 en concreto, as axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica.

Como se indica na disposición adicional sétima da dita orde, a aprobación desas axudas quedaba supeditada á aprobación previa do PDR de Galicia 2014-2020 pola Comisión Europea. No últimos meses, antes da aprobación do PDR e de acordo coas exixencias da Comisión Europea foi necesario facer algúns cambios no deseño destas axudas. Unha vez que o PDR xa foi aprobado pola Comisión Europea, mediante Decisión de Execución da Comisión C(2015) 8144 do 18 de novembro de 2015, é necesario adaptar a convocatoria destas axudas ao recollido neste.

As adaptacións que se van realizar nas axudas de agroambiente e clima son: a eliminación da exixencia de cumprir a condición de agricultor activo; a supresión da axuda de produción integrada e, por último, a substitución dos criterios de priorización de explotación prioritaria e da densidade de poboación do concello da explotación, por outro criterio de maior carácter ambiental como é a localización das explotacións en zonas de montaña. Esta última adaptación aplicarase tamén ás axudas de agricultura ecolóxica en que, ademais, se suprimen as referencias ás cargas gandeiras por existir unha regulación específica na propia normativa aplicable a este método de produción.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 10 de marzo de 2015

Introdúcense as seguintes modificacións no capítulo III do título III da citada orde:

Un. Elimínase a letra e) do punto 2 do artigo 51.

Dous. O artigo 53 queda redactado como segue:

« Artigo 53. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta axuda os apicultores (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes».

Tres. O artigo 58 queda redactado como segue:

«Artigo 58. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta axuda os agricultores (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes».

Catro. O artigo 63 queda redactado como segue:

«Artigo 63. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta axuda os agricultores (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación de bovino, ovino, cabrún e/ou equino inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes».

Cinco. O artigo 68 queda redactado como segue:

«Artigo 68. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta axuda os agricultores (persoas físicas ou xurídicas ou grupos de persoas físicas ou xurídicas) titulares dunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións Gandeiras (Rega) que cumpran as condicións de elixibilidade e se comprometan voluntariamente a respectar os compromisos indicados nos artigos seguintes».

Seis. Elimínase a subsección 5ª da sección 2ª: artigos 73 a 77, ambos inclusive.

Sete. O punto 1 do artigo 78 queda redactado como segue:

«1. Os criterios de prioridade que se aplicarán son os seguintes:

a) Solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 por cento da superficie ou dos animais, no caso de non dispoñer de superficie, en concellos de montaña identificados como tal no anexo V desta orde: 2 puntos. Este criterio non se aplica no caso da apicultura para a conservación da biodiversidade en zonas con limitacións naturais.

b) Solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 por cento da superficie ou dos animais ou colmeas, no caso de non dispoñer de superficie, en Rede Natura 2000: 1 punto».

Oito. Elimínase a letra e) do punto 1 do artigo 83.

Nove. Elimínase a letra e) do punto 1 do artigo 88.

Dez. O punto 1 do artigo 91 queda redactado como segue:

«1. Os criterios de prioridade que se aplicarán son os seguintes:

a) Solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 por cento da superficie ou dos animais ou colmeas, no caso de non dispoñer de superficie, en concellos de montaña identificados como tal no anexo V desta orde: 2 puntos.

b) Solicitantes cuxas explotacións teñan polo menos o 30 por cento da superficie ou dos animais ou colmeas, no caso de non dispoñer de superficie, en Rede Natura 2000: 1 punto».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural