Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 22 de decembro de 2015 Páx. 47697

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se modifica o couto de pesca da lagoa Mina Mercedes V no concello de Valga.

Antecedentes:

De conformidade co disposto no artigo 15 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (DOG núm. 106, do 4 de xuño), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o expediente de modificación do couto de pesca da lagoa Mina Mercedes V.

No expediente de modificación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Pontevedra.

O expediente de modificación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V foi sometido a información pública mediante Resolución do 21 de outubro de 2015, publicada no DOG núm. 217, do 13 de novembro. Neste trámite de información pública non se presentaron alegacións.

O couto de pesca lagoa Mina Mercedes V foi creado mediante a Resolución do 10 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca lagoa Mina Mercedes V no concello de Valga (DOG núm. 39, do 24 de febreiro).

Consideracións legais:

O expediente de modificación do couto de pesca lagoa Mina Mercedes V cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial (DOG núm. 151, do 5 de agosto), no Decreto 130/1997, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992 e mais no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (DOG núm. 221, do 19 de novembro).

Resolución:

De conformidade con todo o anterior, resolvo modificar o couto de pesca da lagoa Mina Mercedes V, situado no lugar da Torre, parroquia de Campaña, concello de Valga, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

Zonificación do couto:

Tramo 1.

Situación e límites: beira oeste da lagoa e nel están instaladas na actualidade dúas plataformas flotantes. O límite sur do tramo está situado a 50 m do extremo máis ao sur da lagoa (X=527.279, Y=4.727.909), e o límite norte, no extremo exterior da plataforma flotante situada máis ao norte da lagoa (X=527.241, Y=4.728.153).

Lonxitude: 334 m.

Tramo 2.

Situación e límites: beira norte da lagoa, comeza na plataforma flotante situada máis ao norte da lagoa (X=527.241, Y=4.728.153) ata 30 m antes do extremo da lagoa situado máis ao nordés (X=527.335, Y=4.728.158).

Lonxitude: 108 m.

Tramo 3.

Situación e límites: transcorre desde o límite do tramo 2, situado nos últimos 30 m do extremo nordés da lagoa (X=527.335, Y=4.728.158), ata o punto situado a 50 m do extremo sur da lagoa (X=527.279, Y=4.727.909).

Lonxitude: 357 m.

Normativa do couto:

Clasificación: couto de pesca sen morte.

Especie principal: troita común.

Engados: autorízanse unicamente a mosca artificial, nas súas distintas modalidades, e a culleriña, en ambos os casos cun só anzol e sen arponciño. Prohíbense para todos os efectos os engados naturais.

Canas: autorízase unha soa cana por pescador.

Períodos e xornadas hábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

Número de permisos de pesca: 20 permisos diarios como máximo.

Adxudicación dos permisos de pesca: no tramo 1 terán prioridade para obter permisos de pesca as persoas menores de 16 anos ou maiores de 65 anos e as persoas discapacitadas. Quen non pertenza a estes colectivos poderá acceder en función da existencia de permisos sobrantes.

Outras normas: logo de autorización expresa do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra, poderá practicarse a pesca con extracción nos tramos que se establezan na citada autorización. A lagoa poderá ser utilizada en calquera época do ano para actividades de escolas de pesca, logo de autorización do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá reservar a totalidade ou unha parte dos permisos de pesca para actividades colectivas, con solicitude previa e na cal figurarán as datas, o horario e a relación de participantes inscritos.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2015

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza