Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 24 de decembro de 2015 Páx. 48237

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 3 de decembro de 2015, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Costa, a favor dos veciños de Montegrande, na parroquia de Partovia (Santiago), no concello do Carballiño (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar con data do 10 de decembro de 2014, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Costa, a favor dos veciños de Montegrande, na parroquia de Partovia (Santiago), no concello do Carballiño (Ourense) resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 12 de setembro de 2001 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común dos veciños de Montegrande, no cal solicitan a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas A Costa.

Segundo. Con data do 23 de abril de 2002, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abre un período de un mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Os veciños de Montegrande, no concello do Carballiño, solicitaron a clasificación como veciñal en man común duns terreos que coinciden parcialmente cos solicitados polos veciños de Santián, no concello de Maside. A comunidade de Santián defende que a estrema do monte veciñal vería definida pola existencia duns marcos parroquiais, de acordo co deslindamento levado a cabo entre as parroquias de Partovia e Amarante no ano 1742, por petición dos monxes de Oseira e con autorización do rei Felipe V. Pola súa parte, a comunidade de Montegrande defende que os lindes virían marcados polos límites dos termos municipais do Carballiño e Maside.

Examinada toda a documentación, o Xurado acordou a clasificación dos respectivos montes veciñais na parte non controvertida. Non obstante, respecto da parte de monte obxecto de conflito, e de acordo co informe do Servizo de Montes do 5 de maio de 2009, o Xurado entende que ningunha das dúas comunidades acreditou o seu aproveitamento, requisito indispensable para proceder a recoñecer un monte como veciñal en man común, de acordo co artigo 1 da Lei 13/1989, de montes veciñais.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que consta no expediente, descríbese así:

Denominación do monte: A Costa.

Superficie: 2,3 ha.

Pertenza: veciños de Montegrande.

Parroquia: Partovia (Santiago).

Concello: O Carballiño.

1. Parcelas catastrais que comprende e superficies:

Concello

Datos catastrais

Superficie en clasificación (m2)

Polígono

Parcela

Lugar

Superficie catastral (m2)

O Carballiño

57

1020

Común

13.057

13.057

1085

Lovios

7.252

7.252

964

Común

919

919

1057

Lampazas

70.050

1.358

9005

Camiño rural

30.674

2.414

2. Estremas:

Norte (parcelas catastrais enumeradas de oeste a leste)

Concello

Polígono

Parcela

O Carballiño

57

1057

Leste (parcelas catastrais enumeradas de norte a sur)

Concello

Polígono

Parcela

O Carballiño

57

9005

1018

1087

Sur (parcelas catastrais enumeradas de leste a oeste)

Concello

Polígono

Parcela

O Carballiño

57

9005

Oeste (parcelas catastrais enumeradas de sur a norte)

Concello

Polígono

Parcela

O Carballiño

57

685

684

683

682

681

680

679

678

677

1075

1048

1025

3. A clasificación destes terreos non afecta a ningún monte veciñal en man común dos clasificados ata a data, nin dos que están en trámites de clasificación. Non invaden montes catalogados de utilidade pública, montes cualificados como protectores ou con outras figuras de especial protección. E non están afectados por consorcios ou convenios para a xestión forestal pública.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e corresponde constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992,do 4 de setembro, o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado A Costa, a favor dos veciños de Montegrande, na parroquia de Partovia (Santiago), no concello do Carballiño (Ourense), de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 3 de decembro de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense