Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 28 de decembro de 2015 Páx. 48666

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2016.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no exercicio das súas competencias e consciente da importancia de establecer medidas de estímulo á creación, ten como obxectivo promover a xeración de novas propostas narrativas de especial valor cinematográfico co propósito de contribuír ao enriquecemento cultural do país a través das distintas formas de expresión audiovisual.

Nesta resolución establécense as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións para a escrita e produción de proxectos en versión orixinal galega, entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega, co obxectivo de impulsar a creación e ao mesmo tempo contribuír ao cumprimento das tarefas que a Lei do audiovisual atribúe ao sector na normalización da lingua galega.

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para fomentar a creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais ou a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas para a mesma finalidade polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

E supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Modalidades

1. Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:

Modalidade A: subvencións á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias, para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B: subvencións para a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega cunha duración inferior a 30 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.

Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración igual ou superior aos 60 minutos e que conten cun realizador que non teña dirixido ou codirixido máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

2. Cada proxecto deberá estar inscrito nunha soa modalidade.

Terceira. Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o que solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar as subvencións referidas na modalidade C os directores residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras con antigüidade ininterrompida de polo menos un ano inmediatamente anterior a esta convocatoria, establecidas cando menos por un ano previo inmediatamente anterior a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

3. Non poderán acceder ás subvencións os solicitantes que se encontren afectados por algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta. Procedemento, orzamento e imputación de créditos e contía

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 145.000 euros, correspondentes á aplicacións seguintes dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais: 55.000 euros da aplicación orzamentaria 2016.10.A1.432B.480.0, e 90.000 euros da aplicación orzamentaria 2016.10.A1.432B.770.0, distribuídos en dúas anualidades: 21.000 euros da anualidade 2016 e 69.000 euros da anualidade 2017.

3. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

4. O crédito distribuirase do seguinte xeito entre as distintas modalidades: 5 proxectos da modalidade A (25.000 euros), 5 proxectos para da modalidade B (30.000 euros) e 3 proxectos da modalidade C (90.000 euros).

5. O expediente tramítase como anticipado de gasto, e no ano 2015 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Quinta. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, as solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, indicándose ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Sétima. Documentación requirida aos solicitantes

1. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación administrativa:

a) DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Certificado de empadroamento en Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Os solicitantes domiciliados na Comunidade Autónoma de Galicia poderán autorizar á Agadic o acceso telemático aos seus datos de residencia. Nese caso non será obrigatorio achegar o certificado.

c) Declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

d) Adicionalmente, para acceder á modalidade C:

– Copia compulsada ou cotexada do NIF da persoa xurídica solicitante ou documento equivalente, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

– Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas na epígrafe/subepígrafe que corresponda en que se acredite a antigüidade dun ano ininterrompido inmediatamente anterior á publicación da convocatoria se o solicitante é unha persoa xurídica, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

– Documentación que acredite de forma suficiente a representación de quen asina a solicitude.

– DNI ou NIE do representante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

2. Ademais da documentación anterior, achegarase un exemplar en formato electrónico ou en papel sen encadernar da seguinte documentación técnica, que se enviarán directamente á comisión, para a súa avaliación, unha vez que a documentación administrativa estea completa:

Modalidade A: escrita individual de guión para longametraxe cinematográfica.

a) Historial profesional do solicitante acompañado de:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou en calidade de guionista.

– De ser o caso, especificación dos títulos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á escrita de guión con anterioridade á convocatoria.

b) Memoria explicativa do proxecto cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, onde se inclúa unha reflexión sobre a viabilidade do proxecto no audiovisual galego.

c) Sinopse argumental cunha extensión máxima de 1 páxina.

d) Tratamento secuenciado do proxecto de guión, cunha extensión de entre 15 e 30 páxinas a dobre espazo.

e) Se é un guión adaptado: declaración de autorización expresa do propietario dos dereitos da obra preexistente.

Modalidade B: curtametraxe.

a) Historial profesional do solicitante acompañado de:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.

– De ser o caso, especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de curtametraxes con anterioridade á convocatoria.

b) Memoria explicativa do proxecto, cunha extensión de entre 1 e 3 páxinas, en que consten as intencións con respecto á promoción e distribución da curtametraxe.

c) Sinopse do proxecto, cunha extensión máxima de 1 páxina.

d) Guión definitivo, técnico ou literario, da película.

e) Calendario e plan de produción.

f) Currículo do equipo técnico-artístico.

g) Calquera outra documentación que o solicitante ache pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Modalidade C: longametraxe.

a) Historial profesional do director, acompañado de:

– Declaración responsable con especificación das longametraxes realizadas en que participou como director.

– De ser o caso, especificación dos títulos dirixidos que recibiron subvención da Xunta de Galicia á realización de longametraxe con anterioridade á convocatoria.

b) De ser o caso, historial da empresa solicitante.

c) Historial de: guionista, director de fotografía, compositor, actores, montador xefe, director artístico, xefe de son e outros profesionais do equipo creativo de carácter técnico que intervirá na produción.

d) Sinopse argumental dun máximo de 1 páxina.

e) Unha memoria dun máximo de 5 páxinas en que se describa o carácter innovador da película e as intencións en canto á súa promoción e distribución.

f) Guión definitivo do proxecto.

g) Calendario do proxecto, plan de produción e plan de localizacións da rodaxe.

h) Orzamento do proxecto (segundo o modelo publicado na páxina web da Agadic) e plan de financiamento.

i) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presenten deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Oitava. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Novena. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.es

Décima. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

3. A comisión de valoración avaliará as solicitudes consonte os criterios de valoración establecidos nestas bases, emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicará a puntuación asignada a cada un deles e fará unha proposta dos que se consideran subvencionables.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de valoración, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución e indicará as solicitudes subvencionadas.

Décimo primeira. Comisión de valoración

1. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados na base seguinte.

2. A comisión de avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e estará constituída por:

a) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, de entre os grupos I, II e III.

b) Catro persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual.

c) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

3. Os membros da comisión declararán por escrito non ter relación cos solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria anual.

A comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, e farán a proposta dos proxectos subvencionables que acaden maior puntuación: 5 proxectos da modalidade A, 5 proxectos para da modalidade B e 3 proxectos da modalidade C.

4. Dos cinco proxectos subvencionables da modalidade A, tres estarán reservados para aqueles solicitantes que non figuren como guionistas en ningunha longametraxe realizada e que non teñan recibido axudas á escrita de guión en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre os demais solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida. Dos cinco proxectos subvencionables da modalidade B, tres estarán reservados para aqueles solicitantes que non figuren como director de ningunha longametraxe realizada e que non teñan recibido axudas á realización de curtametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic, sen prexuízo de reasignar as adxudicacións entre os demais solicitantes se non hai suficientes proxectos que acaden a puntuación exixida. Na modalidade C reservaranse dous proxectos para aquelas solicitudes cuxo director non teña recibido subvencións á realización de longametraxes en anteriores convocatorias da Xunta de Galicia ou da Agadic.

5. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións.

Décimo segunda. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración que aplicará a comisión serán os seguintes:

1.1. Modalidade A: escrita de guión. Establécese un máximo de 30 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

a) Orixinalidade da proposta. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución: creatividade da proposta (5 puntos), potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto á temática (5 puntos), tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural. Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego (5 puntos).

c) Viabilidade cinematográfica. Posibilidades de realización da proposta segundo a súa temática, grao de dificultade das localizacións da rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo. Máximo 10 puntos, asignados proporcionalmente tendo en conta os aspectos citados.

1.2. Modalidade B (curtametraxes): máximo 30 puntos, coa seguinte distribución:

a) Calidade e creatividade do proxecto. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución: creatividade da proposta (5 puntos), potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto á temática (5 puntos), tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural. Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego: 5 puntos.

c) Viabilidade cinematográfica. Posibilidades de realización da proposta segundo a súa temática, grao de dificultade das localizacións da rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo: ata 10 puntos, outorgados proporcionalmente aos criterios citados.

1.3. Modalidade C (longametraxes) máximo 30 puntos, coa seguinte distribución:

a) Calidade e creatividade do proxecto. Ata 15 puntos outorgados proporcionalmente atendendo á seguinte distribución: creatividade da proposta (5 puntos), potencial contribución á diversidade do panorama audiovisual galego en canto á temática (5 puntos), tratamento narrativo ou calquera outro aspecto diferenciador con respecto a obras xa existentes (5 puntos).

b) Contribución cultural. Obterá puntuación aquela proposta que cumpra dous dos seguintes requisitos: que contribúa ao enriquecemento da cultura audiovisual galega, que poña en valor o talento creativo e artístico galego, que sexa unha adaptación dunha obra literaria galega e/ou escrita orixinalmente en lingua galega, que aborde temas actuais culturais, sociais ou políticos relacionados con Galicia, que a acción se desenvolva en Galicia, que utilice o patrimonio arquitectónico, arqueolóxico e natural galego: 5 puntos.

c) Viabilidade cinematográfica. Posibilidades de realización da proposta segundo a súa temática, grao de dificultade das localizacións da rodaxe ou medios técnicos e humanos necesarios para levala a cabo: ata 5 puntos, outorgados proporcionalmente aos criterios citados.

d) Orzamento. Teranse en conta o deseño e a coherencia do orzamento presentado con respecto ao proxecto. Ata 3 puntos, outorgados proporcionalmente.

e) Estratexia de difusión. Terase en conta a presentación dunha estratexia e a coherencia das accións deseñadas para a difusión da obra: 2 puntos.

Décimo terceira. Resolución da convocatoria

1. Unha vez cumprido o disposto nas cláusulas anteriores, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución, indicando as solicitudes subvencionadas, que elevará á Presidencia da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de quince (15) días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

3. A súa notificación ás persoas adxudicatarias da subvención cursarase no prazo dos dez (10) días hábiles seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase ou publicase resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención. Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

5. Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo cuarta. Obrigas dos beneficiarios

1. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos.

2. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto, cambio de título, modificación substancial de contidos ou trocos nos responsables do equipo técnico deberalle ser notificada con anterioridade á Agadic, que adoptará as medidas que considere procedentes.

3. Na documentación do proxecto (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante, páxina web, etc. farase constar que recibiu unha subvención por parte da Agadic coa súa imaxe corporativa.

4. Os beneficiarios dan a autorización expresa á Agadic para a utilización da produción subvencionada co obxecto da súa sociabilización nas actividades de promoción e difusión que lle corresponden. Nas modalidades B e C, nos títulos de crédito iniciais da produción deberá figurar en cartón único: «coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais», de conformidade coa normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

5. Así mesmo, estarán obrigados a facilitarlle á Agadic copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (guión definitivo, carteis, fotografías, músicas, capas e outros materiais).

Decimo quinta. Xustificación

1. O prazo de xustificación da subvención rematará, para as modalidades A e B, o 15 de setembro de 2016 e, para a modalidade C, o 30 de xullo de 2017. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario deberá entregar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) unidade adscrita á Agadic, como filmoteca oficialmente recoñecida pola Xunta de Galicia en canto que arquivo fílmico que exerce as funcións de recuperación, investigación e conservación do patrimonio cinematográfico correspondente o seguinte: unha copia do guión no caso da modalidade A e un DCP ou, na súa falta, un BluRay ou un arquivo dixital de alta resolución no caso das modalidades B e C.

3. O beneficiario deberá presentar no Rexistro Xeral da Agadic, dentro do prazo de xustificación, a memoria xustificativa da realización da subvención de creación audiovisual, que conterá:

a) Unha memoria de actuación con indicación das actividades realizadas para a escrita do guión, realización da curtametraxe ou longametraxe.

b) Unha copia do guión definitivo no caso da modalidade A e no caso de curtametraxes e longametraxes entregarase unha copia en DVD en perfecto estado.

c) Inscrición no Rexistro de Propiedade Intelectual cotexado ou compulsado.

d) Autorización para a socialización da actividade subvencionada con fins culturais e de promoción do audiovisual galego, por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais.

e) Declaración actualizada sobre subvencións solicitadas, percibidas ou concedidas e pendentes de percepción para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os dous últimos exercicios fiscais e durante o exercicio fiscal en curso, ou ben declaración de que a información facilitada ao respecto na solicitude non sufriu variacións desde a data da súa presentación (anexo II).

f) Ademais do anterior, para a modalidade C, unha memoria económica, que se corresponderá co orzamento presentado, que conterá:

– Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan o número de documento, a identificación do acredor, o importe e a data de emisión, a suma parcial (folla por folla) e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE. A relación poderá ser enviada en soporte papel, soporte CD-Rom ou en memoria USB.

– Contratos mercantís e relativos a adquisición de dereitos.

– Xustificantes do ingreso na facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

– Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

Son gastos xustificables os que de maneira indubidable respondan á realización da longametraxe, por unha cantidade equivalente ao importe da subvención concedida. Os gastos deberán corresponder ao período subvencionable, que comprende desde o 1 de xaneiro de 2016 e a data máxima de xustificación establecida na convocatoria. En todo caso, deberá enviarse a documentación xustificativa do pagamento. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

O beneficiario poderá xustificar ata un máximo do 5 % do importe da subvención, en concepto de gastos de amortización de material informático e audiovisual directamente relacionado coa realización do proxecto obxecto da subvención, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

– A adquisición do material deberá producirse durante o período subvencionable.

– Para o cálculo do importe que se amortizará, dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a produción.

– Será imprescindible a presentación da correspondente factura de compra dos bens que se pretendan amortizar, así como a xustificación do seu pagamento, cotexadas ou compulsadas.

3. Non serán gastos subvencionables:

a) O importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos de carácter recuperable.

b) Os gastos suntuarios, as gratificacións, as provisións de gastos e as capitalizacións.

c) Gastos de subcontratación con empresas vinculadas.

Décimo sexta. Pagamento

1. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar, a aqueles que obtiveron a condición de beneficiarios en concepto de pagamento anticipado, as seguintes contías:

– Ata o 80 % da subvención concedida nas modalidades A e B.

– Para a modalidade C, o importe adxudicado na anualidade 2016, sempre e cando non supere o 50 % da subvención concedida. No ano 2017, poderase solicitar o pagamento anticipado da contía que, sumada ao concedido no ano 2016, alcance como máximo o 50 % da subvención concedida.

Para facer efectivo o pagamento, o beneficiario deberá enviar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II), e unha memoria do estado de execución do proxecto.

2. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O importe restante será aboado tras o cumprimento dos requisitos enumerados na cláusula décimo cuarta e décimo quinta destas bases.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

5. Sen prexuízo das obrigas dispostas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidos. As producións subvencionadas deberán axustarse fielmente ao proxecto presentado. Calquera alteración relevante do proxecto deberá ser autorizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais e non poderá afectar aspectos avaliados pola Comisión.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II).

Décimo sétima. Modificación, incumprimento, reintegros e sancións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou recursos, ou doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución inicial de concesión e, eventualmente, á súa revogación nos termos establecidos na súa normativa reguladora, podendo en tal caso a Agadic proceder á reclamación e conseguinte reintegro, total ou parcial, da suma concedida á compañía adxudicataria nos termos anteriormente estipulados.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria, ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitava. Control

1. Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

2. Ademais, deberanlle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

CT207Eg.pdf
CT207Eg.pdf
CT207Eg.pdf
CT207Eg.pdf