Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52006

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 175/2015, de 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta consellería para o exercicio de 2015, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do Programa Nacional de Reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego 2014-2016, do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o Dialogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego van encamiñadas a que os estados membros deben, en aras a unha maior flexibilidade, descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local coa fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia de que todas as persoas menores de vinte e cinco anos reciban unha boa oferta de emprego, educación continua, formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras quedar desempregados ou rematar a educación formal.

Para a Xunta de Galicia a situación de desemprego xuvenil constitúe una das súas principais preocupacións e o centro de atención das diferentes medidas postas en marcha en materia de políticas activas de emprego.

O nivel de desemprego xuvenil pon de manifesto a grave situación laboral na que se atopan os mozos e mozas que pode ter como consecuencia unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo.

Neste sentido, a Estratexia de Emprendemento e Emprego Xoven contempla, entre outras medidas, a extensión dos programas formativos dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade coa finalidade de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das mozas e mozos incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que nin estudan, nin traballan, nin reciben formación e impedir que a situación de desemprego se prolongue no tempo, xa que deste xeito redúcense as posibilidades dunha reincorporación óptima ao mercado de traballo. Trátase, en definitiva, de prever no posible e, se é o caso, de minimizar os períodos de desemprego obxectivo de especial importancia para a xente xoven.

A este obxectivo responde o Sistema Nacional de Garantía Xuvenil regulado no título IV, capítulo I, da Lei 18/2014, de 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Como unha das medidas para a súa implementación, concíbense estes programas a través da posta en funcionamento de proxectos mixtos de formación e emprego (obradoiros de emprego) que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de dezaoito ou máis anos incluídos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao programa.

Nestes obradoiros será obrigatorio a impartición dun módulo formativo de igualdade de xénero co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre mulleres e homes. Partindo do coñecemento da situación real con este módulo preténdese concienciar aos alumnos e alumnas na problemática da desigualdade que afecta ás mulleres, e en concreto, no ámbito laboral, dándolles a coñecer e favorecer a aplicabilidade do principio da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no devandito ámbito.

Nesta convocatoria deberán presentarse as solicitudes das axudas e subvencións a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta posibilidade leva aparellada a necesaria obtención por p artigo dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do artigo 1.1º da Orde da Consellería de Economía e Facenda, de 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde de 27 de novembro de 2000 e pola de 25 de outubro de 2001, quedando a concesión da subvención sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitada e suficiente no momento da resolución, existindo crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2015.

Nesta convocatoria de 2015, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas inscritas por provincia no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde, realizarase con cargo aos créditos da aplicación 09.41.322A.460.2 (código de proxecto 2015 00 554) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 por un importe de 2.154.750 de euros. Para o exercicio de 2017, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación polo importe de 1.500.000 de euros.

Esta convocatoria enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil 014-2020, número CCI2014ES05M90P001, cofinanciado cunha porcentaxe do 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, en particular:

• Eixe 5. Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación e formación, en particular no contexto da garantía xuvenil.

• Prioridade de investimento 8.2. Integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, así como os mozos que corren o risco de sufrir exclusión social e os procedentes de comunidades marxinadas, en particular no contexto da garantía xuvenil.

• Obxectivo específico 8.2.2. Reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación.

• Medida 8.2.2.5. Programa Escolas Taller e Casas de Oficios e programas mixtos de emprego-formación.

De acordo co anterior, a presente orde é coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios.

En particular, de acordo co artigo 67, número 1, letra d), e número 5, letra a), do «Regulamento (UE) nº 1303/2013, poderase utilizar un importe a tipo fixo, determinado aplicando unha porcentaxe a unha ou varias categorías definidas de custo.

Esta orde acolle na súa regulación a dita posibilidade distinguindo entre:

• Custos de persoal, incluíndose neste concepto os salarios aboados aos participantes, suxeitos ao réxime ordinario de xustificación por medio de documentos xustificativos do gasto e pagamentos,

• E outros custos, suxeitos ao réxime de custos simplificados

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 23 de decembro de 2015, a concesión de anticipos das axudas e subvencións reguladas nesta orde así como o seu carácter plurianual e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2016, en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego e formación (obradoiros de emprego), dirixidos a mellorar a ocupabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os obradoiros de emprego configúranse como programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A súa programación integrarase, na medida do posible e conforme aos itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes deste programa aquelas mozas e mozos desempregados, de dezaoito ou máis anos que estean inscritos no ficheiro do Sistema de Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que se requira a súa inscrición como demandantes de emprego, de conformidade co disposto no artigo 90.1.a) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

Ademais, en coherencia co disposto no artigo 105.1 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, deberán manter o cumprimento dos seguintes requisitos, con carácter previo, a participar nos obradoiros de emprego:

a) Non ter traballado nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

b) No ter recibido accións educativas que conleven máis de corenta horas mensuais nos noventa días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

c) Non ter recibido accións formativas que conleven máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores ao momento de recibir a actuación.

No suposto de que o interesado en inscribirse tivese finalizado a súa participación no sistema educativo, considerarase que o requisito da letra b) queda suxeito a non ter recibido accións educativas que conleven máis de corenta horas mensuais nos trinta días naturais anteriores.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao proxecto, durante toda a duración do proxecto, de acordo co previsto no artigo 11.2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o Texto refundido da lei do estatuto dos traballadores

3. Se a formación a impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, garantirase que o perfil dos alumnos se adecue aos requisitos sinalados nos reais decretos que regulan os ditos certificados.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras

1. Os proxectos que se financien ao amparo desta convocatoria poden ser promovidos por:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma.

b) Os consorcios locais previstos no artigo 149 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4. Duración

1. Os proxectos terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o proxecto considerarase finalizado.

3. A data límite para o inicio dos proxectos será o 30 de setembro de 2016.

CAPÍTULO II

Contidos formativos

Artigo 5. Formación en alternancia nos proxectos

1. Durante o desenvolvemento do proxecto, o alumnado traballador, recibirá formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 17.2.c) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no apartado 1 do artigo 11 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. Desde o inicio da súa participación no proxecto, o alumno será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe,

3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder á data de remate do proxecto.

Artigo 6. Formación complementaria

1. Nos proxectos impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática e sensibilización ambiental.

2. Tamén se impartirá un módulo de sensibilización en igualdade de xénero, tendo en conta a vulnerabilidade que as mulleres teñen no ámbito laboral e a importancia das medidas dirixidas a combater os esteorotipos de xénero e a segregación na educación e na formación, que teñen unha gran incidencia na empregabilidade das mulleres xóvenes.

3. En todos os proxectos impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación a desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado de profesionalidade.

4. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 17.2.c) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral respectando o disposto no artigo 33 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Artigo 7. Orientación, información profesional, formación empresarial e asistencia técnica

1. As alumnas e alumnos, durante todo o proceso formativo, recibirán orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal ao efecto.

2. Ao remate da actividade do proxecto, as entidades promotoras prestaranlles asistencia técnica aos alumnos participantes, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. No caso de existiren iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promover a súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Con esta finalidade, as entidades promotoras poderán solicitar á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 8. Educación básica

1. Para os alumnos participantes que non acadasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do Texto refundido da lei do estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable aos alumnos que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 9. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no proxecto os alumnos recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no artigo 11.2.e) do Texto refundido da lei do estatuto dos traballadores e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados.

2. Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederalles aos alumnos uns diplomas nos que se recollerá a duración da súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

CAPÍTULO III

Selección e contratación

Artigo 10. Procedemento de selección dos alumnos e alumnas

1. A selección dos alumnos será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

Na selección terase en conta, en todo caso, criterios como a idade, a experiencia laboral previa, a permanencia no desemprego ou o nivel de cualificación, priorizando a aquelas persoas mozas que non recibiran previamente atención por p artigo do Sistema e a aqueles que estean máis próximos a cumprir a idade máxima prevista no Sistema, todos eles contemplados no artigo 105.3 da Lei 18/2014, de 15 de outubro.

Cando a formación a impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, as persoas candidatas deberán cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan ditos certificados.

Para a selección do alumnado-traballador, o grupo de traballo mixto determinará o perfil das persoas candidatas, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aquelas deben cumprir, con suxeición ao previsto na citada Lei 18/2014, de 15 de outubro e no Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020.

As bases de selección deberán publicarse na páxina web do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es)

Artigo 11. Procedemento de selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio

1. A selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio participante no proxecto que se vai poñer en funcionamento, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

2. A este grupo corresponderalle establecer os criterios de selección de todo o persoal de dirección, docente, e administrativo de apoio, mediante a aprobación das correspondentes bases reguladoras, nas que deberán respectarse os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e nas instrucións e circulares da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que a desenvolvan, procurando a maior adaptabilidade das persoas seleccionadas ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas.

Unha vez aprobadas as bases reguladoras do proceso de selección do persoal de dirección, docente, e administrativo de apoio, deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego e da entidade promotora do proxecto, así como na páxina web da entidade promotora.

3. Rematados os procedementos de selección, o grupo de traballo preparará a relación das persoas seleccionadas como persoal directivo, docente e administrativo de apoio, elaborando unha acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado e remitiralle un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á xefatura territorial da consellería.

4. Na selección do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, podendo utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas.

5. Así mesmo, corresponderalle ao grupo de traballo mixto determinar o perfil, as características e os requisitos a cumprir polas persoas candidatas, elaborar as convocatorias, establecer os baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse, preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese. Así mesmo encargarase de difundir as convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen.

6. A selección definitiva deberase realizar entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, debendo considerar, na medida do posible, tres candidatos ou candidatas por posto.

7. Terán preferencia as persoas que en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido se atopen en situación de desemprego

Artigo 12. Contratación

1. Os alumnos e alumnas seleccionados serán contratados, pola entidade promotora, dende a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe que levará implícitas as seguintes particularidades:

a) De acordo co disposto no apartado 1 da Disposición adicional segunda do Texto refundido do estatuto dos traballadores, non será de aplicación o límite de idade, nin o de duración establecido, respectivamente, no artigo 11.2.a) e b) de dito estatuto. Así mesmo nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo , maternidade, adopción o acollemento, risco durante a lactancia e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

b) En función do previsto na Disposición adicional segunda do citado texto refundido, os contratos para a formación e aprendizaxe subscritos cos alumnos e alumnas destes proxectos non cotizarán nin estarán protexidos polas continxencias de desemprego.

2. A entidade promotora contratará ao persoal de dirección, docente e administrativo de apoio que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo mixto, a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, debendo facerse constar a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, a denominación do proxecto para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados e comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@, indicando, a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, por medio dunha opción específica que figura no apartado «Datos específicos do contrato». Unha vez indicada esta opción aparecerá un despregable que permitirá elixir de, entre varias opcións, as correspondentes a «Alumno/Traballador» e «Persoal» que se empregarán, respectivamente, para os alumnos e o persoal directivo, docente e administrativo de apoio do obradoiro.

Artigo 13. Incidencias e reclamacións

1. As incidencias e reclamacións que se puidesen suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas polo grupo de traballo mixto,sen que caiba ulterior recurso en vía administrativa.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa unha entidade pública. Neste último caso, o persoal directivo, docente, administrativo de apoio e os mozos seleccionados non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 14. Solicitudes. Prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónica ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

Artigo 17. Documentación

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo 1) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha administración local, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

b) Copia do NIF, que se presentará só no caso de que se denegue a súa consulta.

c) Copia do DNI da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta, a través do Sistema de Verificación de Datos de Identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa presentación.

d) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

e) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a mesma, e os consorcios, deberán presentar certificación expedida polo secretario ou secretaria da entidade promotora, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, adoptado polo órgano competente, ou se é o caso as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, do convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

f) Declaración asinada pola persoa representante legal, no que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada polo representante legal do concello solicitante, cada un do resto de representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración na que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou para a mesma finalidade, polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo II.

g) Certificado do secretario, interventor ou cargo equivalente no que consten as fontes de financiamento da p artigo do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así como unha declaración responsable da entidade solicitante de que dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda.

2. De carácter específico: Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras dos proxectos deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos.

b) As autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto. De non seren necesarias, achegarase certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora en tal sentido.

c) Proxecto para o que se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se xunta como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, no seu defecto, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 18 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da actividade do proxecto.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

No caso de que algún dos documentos a presentar pola persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial e debidamente rexistrada dentro do prazo previsto no artigo 14.2 desta orde. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá presentar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites más comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán.

Artigo 18. Contido do orzamento dos proxectos

Para os efectos do previsto no artigo 17.2.c) desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a) Custos derivados da contratación do persoal de dirección, docente e administrativo de apoio e dos alumnos participantes, recollendo os ditos custos tamén de xeito individualizado para cada un dos perfís a contratar.

b) Custos derivados do funcionamento e xestión do proxecto:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que se deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas.

• Viaxes dos alumnos para a súa formación.

• Material de oficina.

• Aluguer de instalacións, maquinaria e equipos, excluído o leasing.

• Custos indirectos necesarios para o desenvolvemento do proxecto: auga, calefacción, comunicacións, limpeza, luz e transportes.

• Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do proxecto durante todo o seu funcionamento, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto, dos que deberá presentarse a documentación xustificativa precisa para a súa autorización, autorización que se recollerá, se fose procedente, na notificación da resolución de concesión da axuda.

2. Orzamento de ingresos expresará a p artigo financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a p artigo para a que se lle solicita financiamento á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 28 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo obradoiro de emprego.

Artigo 19. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación e Promoción Laboral competente en materia de emprego da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

2. Si a solicitude de iniciación non reúne os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, considerarase desistida da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42, da Lei 30/92, do 26 de novembro, de conformidade co establecido no artigo 71 da mesma lei.

Artigo 20. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 15 días, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase, que terá lugar preferentemente na segunda quincena de maio.

2. Para estes efectos a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que a presidirá; e serán vogais as persoas responsables das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e actuará como secretario a persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación e Intermediación Laboral, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidera asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 21. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Número de persoas mozas incluídas no ficheiro como activos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito territorial no que se desenvolva na data de remate da presentación de solicitudes, ata 9 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan máis 100 mozos e mozas inscritos, 9 puntos.

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan entre 51 e 100 mozos e mozas inscritos, 6 puntos.

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan entre 26 e 50 mozos e mozas inscritos, 4 puntos.

• Proxectos promovidos por un concello ou agrupación de concellos que teñan entre 11 e 25 mozos e mozas inscritos, 2 puntos.

b) O ámbito xeográfico de actuación do proxecto, ata 9 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos promovidos por máis de cinco concellos, de menos de 20.000 habitantes: 9 puntos.

• Proxectos promovidos por un só concello de máis de 20.000 habitantes, 6 puntos.

• Proxectos promovidos por máis de tres concellos, de menos de 20.000 habitantes, 5 puntos.

c) Proxectos dirixidos á rehabilitación do patrimonio artístico, histórico, cultural ou natural, revalorización de espazos públicos e urbanos, protección e mantemento de zonas naturais e aqueles que incidan directa ou indirectamente no control da enerxía, así como os dirixidos ao establecemento de servizos de lecer e culturais: promoción do turismo e desenvolvemento cultural e local: 3 puntos.

d) Dedicación do proxecto a implantación de servizos personalizados de carácter cotián como: atención á dependencia, coidado de nenas e nenos, prestación de servizos a domicilio a persoas con discapacidade ou persoas maiores, axuda a mozos e mozas en dificultades e/ou con desarraigamento social, ata 4 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos que non conteñan ningún módulo relacionado cos servizos indicados, 0 puntos.

• Proxectos que conteñan un módulo relacionado cos servizos indicados, 1 puntos.

• Proxectos que conteñan dous módulos relacionado cos servizos indicados, 2 puntos.

• Proxectos que conteñan tres módulos relacionado cos servizos indicados, 3 puntos.

• Proxectos en que todos os módulos sexan dos indicados, 4 puntos.

e) Proxectos dirixidos a formación e capacitación naqueles sectores que teñan maiores perspectivas de inserción laboral tales como novas tecnoloxías da información e comunicación, enerxías alternativas, xestión da auga e de residuos, 9 puntos.

f) Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional dos mozos beneficiarios e dos beneficios sociais que se prevexa xerar co desenvolvemento do obxecto de actuación, ata 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de calidade media, 3 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, 5 puntos.

g) Calidade do plan formativo cara á obtención do certificado de profesionalidade, ata 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de calidade media, 3 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, 5 puntos.

h) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria, 3 puntos. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso.

i) Participación efectiva dos axentes económicos e sociais, con presenza no territorio na elaboración do contido do proxecto ou cando estiver vinculado ou xurdira a iniciativa ou coa participación do Comité Territorial de Emprego competente e conste expresamente: 3 puntos.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas terán preferencia aquelas solicitudes nas que se utilice a lingua galega na elaboración dos proxectos.

3. A puntuación mínima exixible para a aprobación dos proxectos e concesión da correspondente subvención será de 20 puntos.

4. Cando a Comisión Central de Valoración informe unha variación do número de alumnos e alumnas participantes, a entidade promotora, no prazo de quince días, desde a súa notificación, deberá realizar os axustes e modificacións pertinentes no proxecto presentado, para os efectos da súa aprobación segundo o previsto no artigo seguinte desta orde.

Artigo 22. Resolución

1. Dentro dos cinco meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 20 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable da xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ditará e notificaralle á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes apartados:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o financiamento dos gastos sinalados no artigo 26 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Referencia a que a Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, mediante a Iniciativa de Emprego Xuvenil, Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020. Eixe prioritario 5. Prioridade de investimento 8.2. Obxectivo específico 8.2.2. Medida 8.2.2.5. cofinanciará a subvención concedida nunha porcentaxe do 91,89 %.

e) Calquera outra especificación que se coide oportuna en cada caso concreto. En particular determinarase se os «Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto» que sinala o artigo 18.1.b) desta orde se consideran subvencionables ou non.

Deberá informarse a entidade promotora que a aceptación da subvención implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias

Así mesmo, informaráselle, aos efectos de difusión pública e seguindo as previsións contidas na normativa aplicable (anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 de 17 de decembro de 2013) que deberá identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de vallas, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do obradoiro de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto. Tamén deberá facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do F.S.E.

Tamén na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda ás que quedan sometidos os beneficiarios derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se notificase resolución expresa entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 35 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se dito acto for expreso; se non o for, o prazo será de tres meses e contarase, para a entidade solicitante e calquera outro posible interesado, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no rexistros de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro , na Lei 4/2006, do 30 de xuño, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais, deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado no artigo 17.2.c). Para estes efectos terán a consideración de substanciais aquelas modificacións que supoñan un cambio no obxecto de actuación que afecte a máis do 50 % da programación dos traballos programados nos correspondentes itinerarios formativos ou que impliquen a necesidade de cambiar as especialidades formativas.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, as xefaturas territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas responsables das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o exixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para seren resoltas pola xefatura territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

CAPÍTULO V

Financiamento e xustificación de subvencións

Artigo 24. Financiamento da subvención

1. O programa será financiado con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria, con cargo aos créditos da aplicación 09.41.322A.460.2 (código de proxecto 2015 00 554) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe de 2.154.750 de euros. Para o exercicio de 2017, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto equivalente polo importe de 1.500.000 de euros. Este importe poderá ser incrementado ou minorado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde, estará supeditada á existencia de crédito nas aplicacións orzamentarias citadas dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Para os efectos do disposto no artigo 25.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 2.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será proporcional ao número de persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en función das solicitudes presentadas e aprobadas.

Artigo 25. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os que se comprometan a achegar p artigo do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 17 desta orde, e comunicarase á Consellería de Economía, Emprego e Industria no momento en que formalizasen se as ditas achegas se recibisen con posterioridade ao momento da solicitude da axuda e polo tanto non constasen na dita memoria.

Artigo 26. Gastos a subvencionar

As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria para cada proxecto, e que se determinarán na resolución que o aprobe, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

1. Custos directos de persoal e salarios dos alumnos

a) Os salariais e de Seguridade Social derivados dos contratos de traballo que se subscriban coas alumnas e alumnos.

b) Os custos salariais e de Seguridade Social correspondentes ao persoal docente que imp artigo os módulos formativos. Non se incluirán como custos de persoal os correspondentes ás horas de docencia que no seu caso puidera impartir o persoal de dirección ou administrativo de apoio.

En ningún caso poderán financiarse con cargo á subvención concedida as indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras, e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos ou cesamentos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutado durante a duración do proxecto formativo.

Unha vez contratado o persoal docente e, en todo caso con anterioridade ao desenvolvemento do proxecto, a entidade beneficiaria deberá achegar á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria a seguinte documentación:

• Os contratos, nos que se especificará que son para desenvolver as tarefas que corresponda no proxecto subvencionado.

• Unha relación do persoal docente contratado, con expresión dos módulos nos que participará cada un, a época que abrangue, o horario previsto.

• Modelo de control de partes de horario e asistencia ao que fai alusión o artigo 30.1.a) desta orde.

2. Outros custos, todos aqueles que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto entre os que figuran os seguintes:

a) Os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación do director e persoal administrativo de apoio, sen prexuízo de que o dito persoal de dirección ou administrativo de apoio realice tarefas docentes de calquera duración durante a actividade.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As amortizacións de instalacións e equipamentos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

d) As viaxes para a formación dos alumnos.

e) Os materiais de oficina.

f) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal do proxecto durante a súa duración, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

g) Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo, que teñan sido autorizados na resolución de concesión. Custos indirectos necesarios para o desenvolvemento do proxecto tales como: auga, calefacción, comunicacións, limpeza, luz e transportes.

En ningún caso, o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán, estará en función dos custos reais de persoal así como do resto de custos subvencionables necesarios para o desenvolvemento do obradoiro.

Artigo 27. Cálculo da subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase do seguinte xeito:

a) Subvención para «Custos de persoal e salarios dos alumnos», que será o resultado da suma dos custos salariais durante a duración do proxecto (6 meses) dos seguintes grupos:

• Alumnado (salario mínimo interprofesional/mes, vixente no momento de asinar o contrato de traballo, incluída unha paga extraordinaria),

• Persoal docente (1.500,00 euros/mes por docente) que imp artigo os módulos formativos, incluída unha paga extraordinaria

Así como a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, Formación Profesional e Desemprego previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

Considerase como máxima a relación dun ou dunha docente a xornada completa por cada oito alumnos, non subvencionando un rateo profesor/alumnos superior.

b) Subvención para outros custos, que será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 30 %, calculado consonte co previsto no artigo 67, apartados 1.d) e 5.a).ii) do R 1303/2013 aos custos de persoal e imputados ao proxecto e que se destinará:

• Ao pagamento do custos salariais do director ou directora (de 1.900,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria de 1.900,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, Formación Profesional e Desemprego previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• E máis ao pagamento do persoal administrativo de apoio (de 1.100,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria (de 1.100,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, Formación Profesional e Desemprego previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• En terceiro lugar, o dito 30 % tamén se destinará a sufragar o resto dos custos necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto enumerados no artigo 26.2.

A presente regulación é coherente coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados e ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios.

Artigo 28. Produción de bens e servizos

Cando os proxectos, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos descontaranse do importe a pagar pola subvención.

CAPÍTULO VI

Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 29. Pagamento da subvención

1. Correspóndelles ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

2. Unha vez iniciado o proxecto, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 25 % do importe total da subvención do proxecto.

Na medida que a entidade promotora xustifique os gastos e despois de recibida a súa solicitude, poderá aboárselle, en concepto de pagamento a conta, ata o 55 % do importe total da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 desta orde.

3. O 20 % ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 30 e 32 desta orde.

4. Unha vez recibidos os fondos a entidade promotora deberá remitir á xefatura territorial correspondente, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

5. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

6. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto ou finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 30. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. A entidade promotora, dentro dos dous meses seguinte ao remate do período que xustifique, remitirá á correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo aos fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos custos (directos de persoal incluíndo salarios dos participantes e outros custos).

Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

a) Xustificación de custos de persoal e salarios dos alumnos:

A xustificación por horas realizadas nos proxectos, deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos gastos salariais dos alumnos e alumnas participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

A antedita documentación deberá xuntarse á nova solicitude de transferencia de fondos, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Para a xustificación dos gastos salariais e de seguridade social, tanto dos alumnos como dos docentes, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos, individualizados, dos pagamentos efectuados xunto cos documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario); así como unha certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente, na que se relacionen todos os xustificantes, individualizados, dos pagamentos realizados así como a data do seu pagamento.

Tendo en conta que a axuda vai destinada a sufragar os custos da formación profesional para o emprego non será subvencionable ningún custo que non teña relación coa actividade formativa dos alumnos, tales como os relacionados con ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de fillos ou outros, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, por lactancia e calquera outro gasto que non se corresponda coa actividade formativa vinculada ao desenvolvemento do obradoiro, tanto dos docentes como dos alumnos.

Para iso deberá levarse un control de partes de horario e asistencia que deixe constancia de tales feitos e que será presentado xunto coa documentación exixida para a xustificación dos proxectos.

b) Xustificación de outros custos:

A xustificación dos outros custos, con base na súa consideración de custos simplificados, realizarase en función da xustificación dos custos de persoal e da comprobación da realización das actividades do proxecto.

2. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos, e procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

3. Os gastos correspondentes ao exercicio de 2016 xustificaranse como data límite o 31 de decembro de 2016 e os de 2017 antes do 1 de maio de 2017.

Artigo 31. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada, non poderá exceder a que resulte de sumar os custos de persoal e os salarios dos alumnos xustificados máis a porcentaxe sobre os ditos custos que determine os outros custos subvencionables do proxecto.

Para estes efectos, o cálculo dos custos de persoal e os outros custos financiables deberá ter en conta e, polo tanto, descontar as baixas de alumnos ou docentes que se producen ao longo da actividade subvencionada, que non poderán ser consideradas (horas do alumnado ou docente que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto ou a data da súa reincorporación).

As ditas alteracións deberán comunicarse de xeito inmediato á respectiva Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria logo de producirse e deberán supoñer:

• Para os custos de persoal e salarios dos alumnos, a minoración dos pagamentos que corresponde realizar polas datas de ausencia dos alumnos ou docentes.

• Para os outros custos, a minoración da contía de subvención resultante (toda vez que a dita contía é un 30 % dos custos de persoal e salarios dos alumnos que se teñen minorado).

Calquera corrección financeira que se aplique sobre os gastos que serven de base de cálculo do tanto fixo, en virtude das verificacións e controis que poidan realizarse, dará lugar a unha minoración do importe da subvención.

Por último, asimilaranse ás horas de formación efectivamente impartidas as correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos disfrutados, durante o período de duración do proxecto, polos alumnos e alumnas participantes, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 32. Compatibilidade da axuda

Esta axuda é compatible con calquera axuda e subvención concedida para o mesmo proxecto e finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos.

Artigo 33. Liquidación do expediente

1. Dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a seguinte documentación:

a) Custos de persoal e salarios dos alumnos:

• Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo a última provisión de fondos.

• Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.

• Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

• Copia cotexada dos certificados de aproveitamento, nos que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

b) Outros custos:

A subvención para outros custos, será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 30 % aos custos de persoal xustificados e imputados ao proxecto e que se destinará:

• Ao pagamento do custos salariais do director ou directora (de 1.900,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria (de 1.900,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, Formación Profesional e Desemprego previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• E máis ao pagamento do persoal administrativo de apoio (de 1.100,00 euros/mes) incluída unha paga extraordinaria (de 1.100,00 euros/mes) e a totalidade das cotas pagadas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, Formación Profesional e Desemprego previstas para os respectivos contratos de traballo na súa normativa específica.

• En terceiro lugar, o dito 30% tamén de destinará a sufragar o resto dos outros custos necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto descritos no artigo 26.2.

A xustificación destes custos, levarase a cabo a través da comprobación da efectiva realización da actividade, e, significadamente pola xustificación dos custos de persoal.

2. Dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto deberán presentar a documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada, segundo as instrucións que se publican na web institucional da Xunta de Galicia, no enlace http://traballo.xunta.es/cofinanciamento-fse.

3. As entidades promotoras tamén deberán presentar, dentro dos dous meses seguintes ao remate do proxecto, unha memoria final no que se reflictan as actuacións desenvolvidas e na que se relacionarán detallados todos os custos, subvencionados ou non, imputados ao desenvolvemento do obradoiro, segundo o modelo de orzamento de gastos do anexo III da orde.

4.No prazo indicado de dous meses, deberá presentarse así mesmo a documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, de 17 de decembro de 2013, ás que fai referencia o artigo 34.2.a) desta orde, mediante achegas de fotocopias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web etc.

Así mesmo, no prazo de dous meses, deberán presentar a información relativa aos indicadores de execución das entidades e dos alumnos participantes que midan a súa situación antes de iniciarse o proxecto; e os indicadores de resultado inmediato que miden a situación desde que o abandonan e ata catro semanas posteriores, de acordo co establecido no artigo 5 do Reglamento (UE) 1304/2013, de 17 de decembro de 2013.

A actualización destes datos poderá ser requirida pola Administración aos 6 meses de rematar o proxecto, co fin da dar cumprimento aos indicadores de resultado a longo prazo.

5. Despois de verificada a xustificación presentada e, en caso de acordo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados, e procederá ao aboamento das cantidades previstas no artigo 29.3 desta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, a xefatura territorial descontará do pagamento do 20 % restante as cantidades non xustificadas.

6. Revisada a xustificación, e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a xefatura territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

7. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a documentación sinalada na letra c) do punto 1 deste artigo.

CAPÍTULO VII

Obrigas, seguimento e control

Artigo 34. Obrigas

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as que se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Formar aos participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plano formativo e contratar aos alumnos e alumnas participantes, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como do Tribunal de Cuentas as relativas ás verificacións que podan realizar os organismos implicados na xestión o seguimento do Fondo Social Europeo, que comprenderán as oportunas visitas sobre o terreo, e ás que poidan corresponder, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, á Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas.

g) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como aqueles estados contables e rexistros específicos sexan exixidos por esta orde, coa identificación e conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poden ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

i) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.

j) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos, ben como traballador ou traballadora por conta allea ou ben mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia.

k) Respectar as normas de subvencionabilidade do gasto financiado polo FSE, reguladas mediante os artigos 69 e 125 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 decembro de 2013 e o artigo 13 do Regulamento (UE) 1304/2013, do 17 de decembro de 2013, así como as que se diten no seu desenvolvemento para o período 2014-2020.

l) Aceptar a súa inclusión na lista de beneficiarios publicada segundo o disposto no artigo 115 apartado 2 do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013.

m) Comunicar a todas as persoas que participan no proxecto que os custos derivados da súa realización poden ser cofinanciados polo Fondo Social Europeo, nun 91,89 %, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020.

n) Cumprir con cantas obrigas deriven da normativa de aplicación do cofinanciamento polo FSE e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

o) Remitir a xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria copia cotexada dos certificados de aproveitamento, nos que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

p) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no desenvolvemento do proxecto

q) Procurar, na execución do obradoiro, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

Artigo 35. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo: seguimento

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020.

2. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE Iniciativa de Garantía Xuvenil, ao abeiro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do período 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade promotora deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

• Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, de 17 de decembro de 2013. En concreto:

Aos efectos de difusión pública, deberán identificar convenientemente as actividades, obras e servizos que desenvolva o proxecto subvencionado, especialmente a través de publicidade estática realizada por medio de vallas, carteis ou paneis que, colocados en lugar visible, tamén informarán do cofinanciamento do obradoiro de emprego pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil. Así mesmo, o dito cofinanciamento deberá ser posto en coñecemento das persoas que participen no proxecto.

Tamén deberán facer unha breve descrición da operación na súa páxina web destacando o apoio financeiro da Unión Europea a través do F.S.E.

b) Relacionadas coas verificacións administrativas e sobre o terreo, e sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro e na presente orde:

• Levar un sistema de contabilidade separada ou código contable adecuado en relación con todos os gastos subvencionados.

• Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación da certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello de 17 de decembro de 2013 relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 36. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por p artigo da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento, e se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de p artigo da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe a reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 35.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 35.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 35.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de comunicar a respectiva xefatura territorial das ausencias por enfermidade e accidente con baixa laboral (IT), por enfermidade e accidente sen baixa laboral, por adopción, por acollemento, por enfermidade de familiares, por coidado de fillos ou outros, por falecemento, por matrimonio, por maternidade ou paternidade, tanto dos docentes como dos alumnos: o importe a reintegrar será igual ao gasto imputado a estas situacións.

h) Incumprimento da obriga de realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións establecida no artigo 35.2.c): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 37. Asistencia, seguimento e avaliación

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión dos proxectos, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como no desenvolvemento do mesmo na realización das actividades para as que se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión, obtendo dos proxectos, a información referente aos alumnos e alumnas participantes, persoal directivo, docente e administrativo de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos as entidades promotoras, aos dous meses da súa finalización deberán presentar información dos indicadores de execución sobre as entidades e os participantes aos que se refiren os anexos I e II do Regulamento (UE) 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (http://garantiaxuvenil.xunta.es)

A actualización destes datos poderá ser requirida pola Administración aos seis meses de rematar o proxecto, co fin de dar cumprimento aos indicadores de resultado a longo prazo.

Disposicións adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 20 % do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do día 23 de diciembre de 2015.

Disposición adicional segunda. Modificación do crédito

A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 09.41.322A.460.2 (código de proxecto 2015 00 554) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Os créditos previstos para o financiamento das axudas e subvencións que se concedan ao abeiro desta orde, poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución dos fondos destinados a financiar os programas do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para a autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou, no seu defecto, de conformidade co disposto no Decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposicións adicional cuarta. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposicións final primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición final segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria