Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 2016 Páx. 1214

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao abeiro desta.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo ao cal deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás comunidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a reforma, rehabilitación, conservación das súas instalacións, restauración do seu patrimonio ou a mellora de dotacións e equipamentos.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:

– Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación da instalación e/ou do seu patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2016.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as seguintes entidades:

1. Entidades galegas asentadas fóra de Galicia que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Federacións ou asociacións de entidades galegas inscritas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que conten con local social diferenciado do das entidades asociadas.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución, destinarase inicialmente un crédito total de 575.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0. Axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Esta contía distribuirase do xeito que segue:

– Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación de instalacións e/ou patrimonio cultural: 425.000 €.

Só se concederán axudas por este programa ás entidades que sexan propietarias dos bens onde se vaian executar as obras subvencionadas ou que os teñan en réxime de aluguer ou de cesión de uso.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o cal se solicite subvención non poderá superar a contía de 60.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención que se vai conceder.

O importe máximo que se vai conceder será inferior a 30.000 € para obras que se realicen en inmobles propiedade da entidade solicitante ou que teña cedidos en uso exclusivo por administracións ou entes públicos para os cales acredite un período de vixencia de 15 anos ou superior, contado desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que o período de cesión vixente remate entre os próximos 10 e 15 anos, o importe máximo da axuda diminuirase a razón de 4.000 €/ano.

Non se concederán axudas superiores a 6.000 € para obras en inmobles alugados ou que teña cedidos por un período que remate antes dos 10 anos seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

– Programa B. Axudas para mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable: 150.000 €.

O importe máximo dos investimentos do proxecto para o cal se solicite subvención non poderá superar a contía de 24.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para os efectos de determinar o importe da subvención que se vai conceder.

O importe máximo que se concederá neste programa será de 12.000 €.

3. De existir remanente nalgún dos dous programas poderá ser redistribuído, e pasará a incrementar a consignación do outro programa.

4. Este expediente tramitarase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Artigo 4. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As entidades tan só poderán presentar a solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución, agás as resultantes de procesos de unión ou fusión que estivesen rematados dentro dos 5 anos anteriores á data da publicación desta convocatoria; neste caso, o importe máximo da suma das axudas que se concedan nos dous programas será inferior a 30.000 €, sen que se superen os límites establecidos para cada un no artigo 4.

Na solicitude só poderán incluírse proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o día 1 de xaneiro de 2016 e a data límite prevista para a súa xustificación no artigo 12.1.

O importe da subvención solicitada será como máximo o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado superase esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Para fixar o importe do investimento total previsto deberán terse en conta os límites establecidos no artigo 3.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Documentación xeral

1. Xunto coa solicitude as entidades deberán presentar a seguinte documentación xeral:

a) NIF da entidade, só no caso de denegar expresamente a súa consulta, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Catastro…).

Non é necesario que presenten o NIF ou equivalente as entidades que figuren inscritas no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

b) Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia.

c) Declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

d) As entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión deberán achegar, ademais, a documentación que acredite este aspecto.

2. Segundo o programa para o cal se presente a solicitude, a entidade deberá xuntar ademais a documentación complementaria que especificamente se relaciona no artigo 24 ou no 27, segundo corresponda.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A solicitude e a documentación que se presente deberá ser asinada polo representante legal da entidade solicitante.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das entidades interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta resolución, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a entidade solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

3. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reunise os requisitos establecidos, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixese, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 25 e 28 e emitirá informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

5. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas vogais e unha persoa secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa tendo en conta a distribución do crédito e o disposto na convocatoria.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para ser beneficiarias das subvencións establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que acaden aplicando os criterios de valoración establecidos.

En función do número de puntos que acade cada entidade determinarase a porcentaxe do investimento a subvencionar. A contía que se concederá a cada entidade resultará de aplicar a porcentaxe resultante ao seu proxecto de investimento, sen que supere o límite previsto no artigo 3, nin o 80 % do orzamento do proxecto –minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable–, nin a contía solicitada.

O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo a orde de prelación ata que se esgote.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 200 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse, porcentualmente, entre o resto de axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

7. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada programa proposto na resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes efectuarase a través do taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e da páxina web http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das ditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación en que dea conta da realización desta publicación. Non obstante, o prazo de dez días computará desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días para remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

5. No suposto de que non se opte pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que puidese reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustar os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deben xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo enmarcarase dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento previstas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da pedida pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, de ser o caso).

b) Aquel que ao aplicarlle o límite máximo do 80 %, permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 11. Resolución

As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Xustificación

1. As obras ou os equipamentos subvencionados a través da presente convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2016.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación sen que a dita ampliación se poida aplicar ao prazo de execución das obras ou da adquisición dos equipamentos subvencionados establecido no artigo 5.2 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 euros.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 13, as entidades beneficiarias deberán achegar á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo establecido, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das obras efectivamente realizadas ou dos equipamentos adquiridos e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada das facturas ou documentos equivalentes dos investimentos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pode usarse o modelo que figura como anexo III).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiarán a acción subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV.

d) As entidades con sede social en España deberán acreditar que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, así como que non teñen débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, salvo no caso das subvencións que non superen os 3.000 euros individualmente. As restantes entidades beneficiarias deberán presentar unha declaración responsable de que se encontran ao día nesas obrigas, e poderán utilizar para iso o modelo que figura como anexo IV.

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas, de acordo co disposto no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

6. En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros.

7. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderáselles requirir ás entidades beneficiarias a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética asignándolles un número correlativo. Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. O dito número determinará a primeira entidade que será obxecto da mostraxe e os seguintes que se elixan serán múltiplos do dito número.

Artigo 13. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, logo de solicitude xustificada pola entidade, poderanse efectuar pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estes pagamentos estarán suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase logo de completar a xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 14. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto delas, e poderán subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 15. Requirimentos

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es .

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das ditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación en que se dea conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Executar as obras, adquirir os equipamentos ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, ou o resultante da aplicación do artigo 10, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 9.

6. As entidades beneficiarias de subvencións quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse á sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse para o fin para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos.

O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedan os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título.

Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración, e a entidade beneficiaria deberá comunicar con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización de obras e accións e/ou a adquisición dos equipamentos subvencionados, e a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención, que se resolverá a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora,nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion.subvencions@xunta.es .

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva

CAPÍTULO II

Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A. Axudas para obras de ampliación, reforma, rehabilitación e conservación das instalacións e/ou do patrimonio cultural

Artigo 23. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen en obras de ampliación, reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións e/ou patrimonio cultural. Considéranse igualmente incluídos no obxecto deste programa o financiamento dos gastos derivados da adquisición da sede social e os de amortización e xuros de créditos bancarios concertados para esta finalidade, de ser o caso.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros ou calquera tipo de explotación comercial que funcione dentro das instalacións obxecto da solicitude.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias das instalacións en obras que realicen para a súa ampliación, reforma, rehabilitación ou conservación. Tamén se considerarán aqueles investimentos para a adquisición da sede social, ou os de amortización e xuros do crédito bancario concertado, de ser o caso.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación, conservación ou adaptación das instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10 % da totalidade do investimento proxectado.

4. Investimentos na restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levados a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Artigo 24. Documentación que se debe presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva das obras que se vaian a realizar. Detallarase polo miúdo a descrición das obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, alugamento, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas en que se detalle o custo das obras referidas na memoria para as cales se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado superase ese importe, non se terá en conta o exceso.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 25.000 euros deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

d) No caso de adquisición da sede social, copia da escritura pública da adquisición e/ou do crédito bancario xunto co cadro de amortización.

e) No caso de restauracións, informe asinado por un técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental.

f) No caso de non ser propietarios, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de alugamento do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, a non ser que xa conste copia deste na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente. Na documentación achegada debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

Artigo 25. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto: ata un máximo de 40 puntos.

Á vista da memoria descritiva das accións que se vaian acometer, valorarase o grao de urxencia ou necesidade das obras que se van realizar, así como a repercusión e a influencia que poida ter nos seus asociados, no seu ámbito e no seu contorno.

– Obras de rehabilitación que haxa que acometer con urxencia pola afectación nas instalacións de desastres naturais ou outras catástrofes de carácter imprevisto: ata 40 puntos.

– Obras de rehabilitación ou reforma que se deberán realizar nas cales quede acreditada a súa urxente necesidade e investimentos na adquisición da sede social: ata 35 puntos.

– Obras de ampliación, reforma ou rehabilitación destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso dos asociados: ata 20 puntos.

– Obras de conservación, reparación ou restauración, destinadas ou non a ampliar ou mellorar a oferta de uso dos asociados, sexa ou non o inmoble propiedade da entidade solicitante: ata 15 puntos.

– Accións de restauración do patrimonio cultural inventariable da entidade: ata 15 puntos.

Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 % dos socios totais, as puntuacións que se sinalan neste punto reduciranse á metade.

1.2. Estado de conservación das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento: ata 15 puntos.

Outorgarase maior puntuación a aquelas instalacións, locais ou edificios cuxo estado de conservación estea máis deteriorado. Tamén se puntuará máis cando os inmobles sexan propiedade da entidade solicitante.

1.3. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, en relación cos que foron presentados pola entidade en anos anteriores: ata 10 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos: de 8 a 10 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados nos tres últimos anos: de 5 a 7 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos: ata 4 puntos.

1.4. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 15 puntos.

1.5. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos inventariables

Artigo 26. Obxecto e finalidades das subvencións

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que melloren as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas.

Non se concederán subvencións para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros ou doutro tipo cando teñan un carácter de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os seguintes gastos:

a) Mobiliario e equipamentos materiais que melloren as condicións asistenciais, culturais, educativas, etc., en beneficio dos seus asociados.

b) Equipamentos materiais tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

c) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade.

d) Equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades.

e) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades para a realización do seu obxecto social.

Artigo 27. Documentación para presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos equipamentos que se pretenden adquirir, na cal consten os motivos e/ou necesidade da adquisición e a súa finalidade, que deberá constar entre as regulamentarias da sociedade.

b) Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras en que se detalle o custo dos equipamentos para os cales se solicita a subvención.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 9.000 euros nalgún dos equipamentos, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que supere o dito importe, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

Artigo 28. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia do proxecto: ata 45 puntos.

– Valorarase a importancia dos equipamentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade en relación coas actividades de promoción, conservación ou difusión da lingua, vida social, cultural ou progreso de Galicia entre os seus asociados: ata 25 puntos.

– Valorarase o grao de carencia ou necesidade que teña a entidade dos equipamentos solicitados: ata 20 puntos.

Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 % dos socios totais, as puntuacións que se sinalan neste punto reduciranse á metade.

1.2. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, en relación con aqueles que foron presentados pola entidade en anos anteriores: ata 20 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: 20 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: de 8 a 19 puntos.

– Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos solicitados e subvencionados durante os tres últimos anos: ata 7 puntos.

1.3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 15 puntos.

1.4. Nivel de financiamento por outras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file