Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 2016 Páx. 3330

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

DECRETO 6/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproba definitivamente a modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal (enlace AP 9) do concello de Oroso (A Coruña).

1. O Concello de Oroso remite a modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal (enlace AP 9), en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. O Concello de Oroso dispón dun PXOM aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 16.2.2005 (DOG do 28 de febreiro) que foi obxecto das modificacións puntuais nº 1 (AD do 3.7.2013, DOG do 17 de xullo), nº 2 (AD do 14.11.2012, DOG do 26 de novembro) e nº 3 (AD do 30.3.2012, DOG do 16 de abril).

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter este proxecto a avaliación ambiental estratéxica por Resolución do 8.8.2012.

4. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ditou Orde do 13.3.2015 de non aprobación definitiva desta modificación puntual nº 5 do PXOM de Oroso, para enlace da autoestrada AP-9 coa estrada N-550, solicitando ao Concello a redacción dos documentos modificados precisos.

5. Emitiron informes municipais o arquitecto (28.4.2015 e 30.10.2015) e o secretario (7.5.2015 e 16.11.2015).

6. O Concello Pleno aprobou o documento emendado o 14.7.2015. Considerando o Concello que as emendas significaban un cambio substancial (artigo 85.8 da LOUG), someteuse a información pública por dous meses (El Correo Gallego do 17.7.2015, La Voz de Galicia do 18.7.2015 e DOG do 24.7.2015). Constan seis alegacións.

7. O Concello Pleno aprobou provisionalmente a modificación o 26.11.2015.

8. A modificación ten por obxecto alterar puntualmente determinacións do PXOM como consecuencia do proxecto do Ministerio de Fomento para ampliar o enlace da autoestrada AP-9 coa estrada N-550 no núcleo de Sigüeiro.

9. As alteracións propostas consisten en:

– Reclasificación de ámbitos clasificados como solo urbanizable non delimitado que pasan a solo rústico de protección de infraestruturas (autoestrada), solo rústico de protección ordinaria e solo de núcleo rural.

– Reclasificación e recualificación de espazos libres de dotación local do polígono empresarial (solo urbano) que pasan a solo rústico de protección de infraestruturas (autoestrada).

– Cualificación como espazos libres de sistemas xerais de 69.732 m2 de superficies clasificadas como solo rústico de protección de espazos naturais e protección de augas.

– Cualificación como sistema xeral de infraestruturas de servizos de 7.781 m2 de superficie clasificada como solo rústico de protección de espazos naturais e protección de augas (ampliación de EDAR).

– Reclasificación de solo rústico de protección de infraestruturas (estrada N-550) que pasaría a solo de núcleo rural.

– Reclasificación de solo de núcleo rural que pasaría a solo rústico de protección ordinaria.

10. Razóns de interese público da modificación: conforme o artigo 94.1 da LOUG, constitúen razóns de interese público a ampliación da ligazón da autoestrada AP-9 e a estrada N-550 e o axuste do núcleo rural de Vilanova, adaptando a súa delimitación á Lei 2/2010, de modificación da LOUG.

11. Recualificación de espazos libres de dotación local do polígono empresarial: a ampliación da ligazón entre a AP-9 e a N-550 supón a redución de 10.930 m2 de zonas verdes no ámbito do parque empresarial de Sigüeiro SAUI sector nº 1, xa executado; e a redución do seu largo a menos de 30 m noutros 8.820 m2.

Estas reducións compénsanse mediante a incorporación ao PXOM de 56.599 m2 de novos espazos libres de sistema xeral para executar un parque fluvial, adscritas ao ámbito urbanizable non delimitado contiguo.

12. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 16.12.2015, emitiu informe favorable sobre a modificación puntual, conforme o previsto no artigo 95.4 da LOUG canto á reclasificación de solo rústico de especial protección e a modificación de terreos cualificados como zonas verdes.

En cumprimento do establecido no artigo 95.4 da LOUG, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións do planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección corresponde ao Consello da Xunta de Galicia.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 16.12.2015, así como por proposta da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do oito de xaneiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal (enlace AP 9) de Oroso (A Coruña), para os efectos do previsto no artigo 95.2 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Disposición derradeira. Recursos

Segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio