Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 29 de febreiro de 2016 Páx. 7512

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2016 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de leite e determinados produtos lácteos ao alumnado de centros escolares e se convocan para o ano 2016.

A Consellería do Medio Rural, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Sanidade, contribúe á mellora dos hábitos alimenticios e a unha nutrición saudable do alumnado dos centros escolares de Galicia, a través dun programa único e integral: programa Aliméntate ben. No marco do dito programa insírense as accións da consellería que teñen como obxectivo a incidencia nos hábitos alimenticios do alumnado dos centros escolares de Galicia e que contribúen, así mesmo, á estabilización dos mercados destes produtos en Galicia, de especial interese no ámbito do leite e dos produtos lácteos.

Deste xeito, trátase de fomentar o consumo de froitas, hortalizas, leite e produtos lácteos, ademais de produtos do mar, nos escolares co fin de incrementar a súa presenza de forma duradeira nas súas dietas durante a etapa de formación dos hábitos alimentarios, contribuíndo deste xeito, así mesmo, á estabilización dos mercados e a garantir a dispoñibilidade das subministracións, presentes e futuras.

O programa de leite escolar impleméntase por primeira vez no ámbito comunitario no exercicio 1977. Na actualidade, o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados agrarios (en diante, Regulamento único para as OCM), en concreto no seu artigo 26, prevé unha axuda comunitaria para a subministración ao alumnado de centros escolares de determinados produtos lácteos e de produtos lácteos transformados.

En Galicia, a regulación da axuda de leite escolar recollida nesta resolución desenvolve a normativa básica estatal actualmente contida no Real decreto 487/2010, do 23 de abril, que establece as modalidades de aplicación da axuda á subministración de leite e produtos lácteos ao alumnado de centros escolares.

Esta resolución regula no seu capítulo I as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración ao alumnado de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos e no seu capítulo II, a convocatoria das axudas para o ano 2016.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo), e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das facultades previstas no artigo 2 da dita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia de leite e de produtos lácteos transformados recollidos no anexo I da presente resolución e a convocatoria das ditas axudas para o ano 2016, consonte o disposto no artigo 26 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e no Regulamento (CE) nº 657/2008, da Comisión, do 10 de xullo.

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Será destinatario da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

2. As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar. O número de días lectivos, sen engadir os días de vacacións, será o establecido na Comunidade Autónoma pola autoridade competente para cada nivel de ensino e tipo de centro, e no caso de centros de educación infantil poderá facerse extensiva aos días lectivos notificados polo centro escolar dos meses estivais.

O alumnado non será destinatario da axuda durante a súa estadía en colonias de vacacións, con carácter extraescolar ou fóra do período lectivo, organizadas polo centro escolar ou pola autoridade educativa.

3. A axuda concederáselle a unha persoa solicitante autorizada conforme o establecido no artigo 7 para a subministración dos produtos lácteos previstos no anexo I.

Artigo 3. Produtos lácteos que se subvencionan e restricións

1. A axuda concederase, exclusivamente, para os produtos lácteos a que se refire o anexo I, cando se consuman nas dependencias do establecemento escolar.

A concesión da axuda estará supeditada a que a vantaxe que representa repercuta directamente no alumnado dos establecementos escolares.

2. Para tal efecto, non se poderán utilizar os produtos obxecto de subvención na confección de comidas, salvo que non requiran un tratamento térmico e a utilización se realice nas instalacións do centro escolar.

Ademais, prohíbese a utilización dos produtos obxecto de subvención no servizo de cafetaría dos centros escolares, así como a subministración nos ditos centros a través de cátering, cociñas centrais, comedores colectivos, residencias de estudantes ou outros establecementos e sistemas semellantes.

3. Os produtos recollidos na lista do anexo I terán que cumprir os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004 e do Regulamento (CE) nº 853/2004 e, en particular, os relativos á preparación nun establecemento autorizado, así como os de marcación de identificación especificados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4. Contía da axuda

1. Os importes das axudas, por cada 100 quilos de produto de cada categoría, serán os especificados no anexo VI.

2. Non obstante o anterior, no suposto de que a axuda sexa superior ao prezo de venda aplicado pola persoa provedora con anterioridade á dedución da axuda, esta minorarase, de xeito que se garanta que non supere o prezo do produto en cuestión.

3. No caso de que as cantidades de produtos subministrados se expresen en litros, a súa conversión en quilogramos efectuarase mediante a aplicación dun coeficiente de 1,03.

4. Coa finalidade de que a axuda repercuta correctamente no prezo pagado polas persoas destinatarias, a respectiva resolución de convocatoria das axudas fixará os prezos máximos que deberán pagar as persoas destinatarias polas distintas categorías de produtos recollidos no anexo I.

Artigo 5. Cantidade máxima que se subvenciona

1. A axuda concederase pola cantidade máxima global de 0,25 litros de equivalentes de leite por alumno/a e día lectivo.

Para a aplicación da cantidade máxima indicada no parágrafo anterior terase en conta o número de días lectivos e o número do alumnado matriculado durante o período comprendido por unha solicitude de pagamento, e tendo en conta o coeficiente mencionado no artigo 4.3 desta resolución.

2. No caso dos produtos das categorías II, III e V previstas no anexo I, o cálculo sinalado no número anterior efectuarase con base nas seguintes equivalencias:

a) 100 kg de produto da categoría II equivalen a 90 kg de leite.

b) 100 kg de produto da categoría III equivalen a 300 kg de leite.

c) 100 kg de produto da categoría V equivalen a 765 kg de leite.

Artigo 6. Solicitantes da axuda

1. Poderán solicitar a axuda:

a) Un centro escolar.

b) Unha autoridade educativa para o alumnado que teña baixo a súa competencia.

c) A persoa provedora dos produtos.

d) Unha organización que actúe en nome dun ou máis centros escolares e que estea constituída especificamente para tal fin.

2. Para os efectos da aplicación da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, será persoa beneficiaria da axuda unha persoa solicitante autorizada conforme as disposicións do artigo 7 para a subministración dos produtos lácteos recollidos no anexo I desta resolución.

3. Non poderán obter a autorización, nin por tanto, concedérselles a axuda, a aqueles que estean incursos nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de persoa beneficiaria previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

4. Para os efectos de xustificar o cumprimento dos requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas solicitantes presentarán a declaración que figura na comunicación de inicio da subministración (anexo III).

Artigo 7. Autorización como persoa solicitante de axuda de leite para escolares (código de procedemento MR265A)

1. As persoas solicitantes de axudas que teñan a súa sede social en Galicia e que pretendan subministrar produtos lácteos por primeira vez a centros escolares situados na Comunidade Autónoma de Galicia deberán ser autorizadas pola dirección do Fogga; as que xa obtiveran a autorización en anos anteriores deberán solicitar a validación. En ambos os casos presentarán o anexo II desta resolución antes do 31 de xullo de cada ano.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A solicitude dirixirase ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15781 Santiago de Compostela.

3. No suposto en que a subministración se realice por primeira vez, xunto coa presentación do dito anexo II, a persoa provedora dos produtos achegará a seguinte documentación:

a) Memoria técnica de todas as instalacións de produción e distribución, se é o caso,
e/ou almacenamento.

b) Certificado da inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos.

c) Copia compulsada da escritura de constitución da sociedade e das súas modificacións.

d) Documento oficial que acredite suficientemente a representación do solicitante.

e) Certificado actualizado do Rexistro Mercantil. Deberanse achegar os documentos públicos correspondentes aos asentos que figuran nel. No caso das entidades asociativas ou cooperativas non será preciso achegar o certificado emitido polo Rexistro Oficial de Cooperativas que recolla todos os movementos rexistrados e a composición actualizada do Consello Reitor ou, de ser o caso, certificado emitido polo secretario do Consello Reitor, co visto e prace do presidente, que recolla a composición actualizada deste, posto que a comprobación destes datos a realizará de oficio o órgano que tramite o procedemento.

f) Fotocopia do DNI/NIE da persoa representante e do NIF da persoa solicitante. A fotocopia do DNI/NIE unicamente se presentará no caso de non autorizar o órgano xestor para a verificación electrónica dos datos de carácter persoal que figuran no documento de identidade de quen teña a condición de persoa interesada, tal e como establece o artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. Só se presentará o NIF da persoa solicitante no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

No caso de que a persoa solicitante da axuda non sexa unha persoa provedora, deberá presentar a fotocopia do DNI/NIE da persoa representante e o NIF da persoa solicitante nos termos establecidos na letra f) deste artigo, así como a memoria das instalacións para a conservación e almacenaxe do leite e dos produtos lácteos que se van subministrar.

De producirse cambios na documentación sinalada, a persoa solicitante terá a obriga de comunicalo no prazo dun mes desde que estes se produzan.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén se poderá presentar en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. Á vista da solicitude e documentación presentadas, a Dirección do Fogga resolverá no prazo de tres meses desde a súa presentación, e entenderanse estimadas por silencio positivo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no dito prazo.

5. A autorización poderá ser suspendida, por un período de un a doce meses, ou retirada, pola dirección do Fogga, en calquera momento, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo solicitante autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 11 da presente resolución, logo de ponderar as circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, polo menos, doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia da persoa interesada, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

6. As autorizacións concedidas publicaranse na sede electrónica do Fondo Galego de Garantía Agraria: http://mediorural.xunta.es/fogga/

Artigo 8. Inicio da subministración a centros escolares (código de procedemento MR265B)

1. As persoas solicitantes autorizadas de acordo co establecido no artigo 7 comunicarán, en calquera momento e unha vez aprobado polo órgano competente o calendario escolar para o curso correspondente, o inicio da subministración segundo o modelo de anexo III, xunto cunha relación na que figuren os datos correspondentes ao/os centro/s escolar/es, axustada ao modelo de anexo III-C, xunto coa aceptación de compromisos e da certificación de datos de cada centro, de acordo cos anexos III-A e III-B.

2. A comunicación do inicio da subministración presentarase na forma establecida no punto 2 do artigo 7 e dirixirase ao servizo territorial do Fogga onde radiquen os centros escolares correspondentes.

3. No prazo de quince días desde a dita comunicación, o servizo territorial correspondente do Fogga, á vista da documentación achegada, validará expresamente o inicio da subministración con efectos do día seguinte ao da comunicación do seu inicio.

4. A presentación da documentación complementaria farase nos termos establecidos no artigo 7.3 desta resolución. Os datos relativos á matrícula e número de alumnos/as que figuran no certificado de datos do centro poderanse incorporar posteriormente, pero en todo caso antes da solicitude do primeiro pagamento.

Artigo 9. Condicións xerais para o pagamento da axuda (código de procedemento MR265C)

1. As persoas solicitantes autorizadas solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo IV da presente resolución, na forma establecida no artigo 7.2 e dirixirase ao servizo territorial do Fogga onde radiquen os centros escolares correspondentes.

2. A periodicidade da solicitude de pagamento será mensual e abranguerá o período de subministración dun mes.

3. Salvo en casos de forza maior, as solicitudes de pagamento, para seren válidas, deberán estar correctamente cubertas e presentarse, como moi tarde, o último día do terceiro mes seguinte ao termo do período obxecto de solicitude. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no cuarto e quinto mes seguinte, e reducirase o seu importe nun 5 se o atraso é igual ou inferior a un mes, e nun 10 % se é superior a un mes pero inferior a dous.

4. Conforme o previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, salvo que o solicitante denegue expresamente o seu consentimento. Deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

5. Coas solicitudes de pagamento da axuda achegaranse:

– O anexo V que contén os datos das subministracións realizadas e a relación de centros escolares participantes no mes que corresponda.

– As correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado (base impoñible máis IVE) e o importe da axuda, así como unha proba do seu pagamento.

– O certificado ou recibo do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas.

– O certificado do centro escolar do número de alumnos/as matriculados por nivel de ensino, número de alumnos/as participantes na liña de axuda e días lectivos referidos ao período da solicitude de pagamento.

– As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando a persoa solicitante denegue expresamente o seu consentimento segundo establece o punto 4 deste artigo.

A presentación da documentación complementaria farase nos termos establecidos no artigo 7.3 desta resolución.

Artigo 10. Controis

1.O Fogga establecerá un plan anual de controis co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axuda, de acordo co establecido no artigo 15 do Regulamento (CE) nº 657/2008.

2. Para tal efecto realizaranse dous tipos de controis:

a) Control administrativo.

b) Control sobre o terreo.

3. O control administrativo será de aplicación a todas as solicitudes de axuda e por medio deste comprobarase, como mínimo:

a) Que a cantidade pola cal solicita a axuda é acorde co número de alumnos/as e os días lectivos.

b) Que os prezos non superan o máximo autorizado.

c) Que as facturas conteñen a información requirida e están canceladas ou acompañadas de proba de pagamento.

d) Que a axuda solicitada está correctamente calculada.

e) Que os produtos subvencionados son os incluídos no anexo I.

4. Os controis sobre o terreo realizaranse nas instalacións da persoa solicitante da axuda, así como nos centros escolares co obxecto de comprobar:

a) Que a repercusión da axuda recae na persoa destinataria.

b) Que os produtos subvencionados son os previstos no anexo I.

c) As condicións que debe reunir a persoa solicitante da axuda.

d) Rexistros específicos de subministración detallados por produto e centro.

e) Rexistros de contabilidade financeira.

f) No caso de centro escolar comprobarase a colocación do cartel sobre distribución europea de leite en centros escolares, así como os datos referidos ao centro (matrícula, comedor, procedemento de distribución).

Estes controis abranguerán, polo menos, un 5 das persoas solicitantes. Cando o número sexa inferior a 100 o control realizarase nas instalacións de cinco persoas solicitantes; se o número é inferior a 5 someterase ao control o 100 %.

Nos casos en que a persoa solicitante non sexa un centro escolar o control sobre o terreo verase complementado por controis sobre o terreo realizados nas instalacións do 1 % dos centros escolares mencionados na lista da persoa solicitante, cun mínimo de 2. Os controis sobre o terreo deberán cubrir polo menos un período de 4 meses do período escolar anual obxecto de control comprendido entre o 1 de agosto e o 31 de xullo.

Os controis serán realizados por persoal do Fogga debidamente autorizado, que elaborará de cada control un informe en que se precisarán os distintos elementos controlados.

Sen prexuízo do disposto no artigo 7, en caso de fraude a persoa solicitante, ademais da devolución dos importes pagados indebidamente, de conformidade co artigo 14, pagará un importe equivalente á diferenza entre o importe pagado inicialmente e o importe a que ten dereito.

Artigo 11. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades na calidade dos produtos subministrados, se é o caso, ou distribución incorrecta a todo o alumnado participante (lugar, horario, forma, distribuidor e produto) ou a utilización dos produtos durante a estadía do alumnado en colonias de vacacións, o incumprimento dos prezos máximos vixentes, a superación das cantidades máximas de consumo por alumno/a e día lectivo, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio do alumnado, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización, de acordo co previsto no artigo 7 desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo en que puidesen incorrer as persoas responsables do centro escolar, ANPA e a persoa provedora.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda de leite escolar previsto nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous números anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 12. Tramitación e resolución das solicitudes de axuda (código de procedemento MR265C)

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da xefatura territorial, á dirección do Fogga, sobre as solicitudes de pagamento presentadas, para que esta dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de tres meses desde que a solicitude de axuda entrou no servizo territorial do Fogga.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior implica que as solicitudes presentadas se entenderán desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 14. Reintegro da axuda

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e máis os xuros de mora producidos desde a notificación da obriga de reembolso, segundo o establecido no artigo 15.9 do Regulamento (CE) nº 657/2008, da Comisión, do 10 de xullo, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola dirección do Fogga poderase interpor un recurso de alzada ante a presidencia do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a resolución non fose expresa, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 16. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, as persoas beneficiarias da liña de axuda de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 17. Publicidade sobre a distribución de leite e produtos lácteos nos centros escolares

Os centros escolares que distribúan leite e produtos lácteos de acordo coa presente resolución elaborarán un cartel que se axuste aos requisitos mínimos establecidos no Regulamento (CE) nº 657/2008 e que se reflicten no anexo VIII da presente resolución, e que estará exposto permanentemente na entrada principal dos centros escolares.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería do Medio Rural/Fondo Galego de Garantía Agraria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa dos Irmandiños, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dereitosarco.fogga@xunta.es

Artigo 19. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II
Convocatoria das axudas para o ano 2016

Artigo 20. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o ano 2016 as axudas para a subministración, a través dunha persoa solicitante autorizada, dos produtos lácteos transformados sinalados no anexo I da presente resolución, ao alumnado que asista regularmente aos centros escolares.

Artigo 21. Autorización como persoa subministradora de produtos subvencionados (código de procedemento MR265A)

1. As persoas solicitantes cuxa sede social radique na Comunidade Autónoma de Galicia e pretendan subministrar leite e produtos lácteos aos centros escolares situados nesta comunidade autónoma deberán solicitalo ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), segundo o modelo que figura no anexo II, desta resolución antes do 31 de xullo de 2016, ao abeiro do disposto no artigo 7 desta resolución.

2. No suposto en que a subministración se realice por primeira vez, xunto coa presentación do dito anexo II, as persoas solicitantes deberán xuntar a documentación referida no artigo 7.3 da presente resolución.

Artigo 22. Inicio da subministración (código de procedemento MR265B)

As persoas solicitantes autorizadas comunicarán o inicio da subministración de produtos lácteos a centros escolares e asumirán os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8 desta resolución.

Artigo 23. Solicitudes de pagamento (código de procedemento MR265C)

As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e prazo dispostos no artigo 9 desta resolución.

Artigo 24. Prezos máximos

De conformidade co establecido no artigo 4.4 desta resolución, o prezo máximo que deberá pagar o alumnado para os diferentes produtos que se subvencionan será o indicado no anexo VII desta resolución.

Artigo 25. Financiamento

1. Estas axudas fináncianse con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía, con cargo á aplicación orzamentaria 13.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o ano 2016 por importe máximo de 300.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia, de crédito adecuado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias. Deberá procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Artigo 26. Publicidade das axudas

Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas. En calquera caso, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa sede electrónica as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada sede electrónica.

Artigo 27. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos de carácter en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de 5 anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Fogga publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo do previsto no artigo 11 da presente resolución, seralles de aplicación ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda

A concesión e pagamento das axudas á subministración de leite e produtos lácteos prevista nesta resolución que se teñan que efectuar no exercicio seguinte realizaranse con cargo ao orzamento de gastos do Fogga dese exercicio na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 25 desta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I
Lista de produtos que poden beneficiarse da axuda comunitaria

Categoría I.

a) Leite tratado termicamente.

b) Leite tratado termicamente con chocolate, zume de froitas ou aromatizado, que conteña polo menos un 90 % en peso do leite indicado na letra a) e cun máximo dun 7 % de azucre engadido ou mel engadido.

c) Produtos lácteos fermentados con ou sen zume de froitas, aromatizados ou non, que conteñan polo menos un 90 % en peso do leite indicado na letra a) e cun máximo dun 7 % de azucre engadido ou mel engadido.

Categoría II.

Produtos lácteos fermentados ou non, aromatizados ou non, con froitas, que conteñan polo menos un 75 % en peso do leite indicado na categoría I, letra a), e cun máximo dun 7 % de azucre engadido ou mel engadido.

Categoría III.

Queixos frescos e fundidos, que conteñan un máximo dun 10 % de ingredientes non lácticos.

Categoría V.

Queixos que conteñan un máximo dun 10 % de ingredientes non lácticos e que non estean incluídos na categoría III.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI
Importe das axudas, en €/100 kg, por categoría

Categoría dos produtos

I

II

III

V

18,15

16,34

54,45

138,85

ANEXO VII
Prezos máximos que pagará o alumnado nos centros escolares

Cat. (*)1

Produto

Definición

Prezo (€/kg)

Ia

Leite tratado termicamente. Pasteurizado

0,76

Leite tratado termicamente. Os demais

Envase de 1 l.

0,76

2º bis

Leite tratado termicamente. Os demais

Envase de 1,5 l.

0,76

Leite tratado termicamente. Os demais

Envase de 200 cc.

0,76

Leite tratado termicamente. Pasteurizado (produto ecolóxico)

1,10

Leite tratado termicamente. Sen lactosa

1,00

Ib

Leite con chocolate, zume de froitas ou aromatizado

Mín. 90 % en peso de leite e máximo 7 % azucre engadido ou mel

1,10

Leite con chocolate, zume de froitas ou aromatizado

Mín. 90 % en peso de leite e máximo 7 % azucre engadido ou mel

Envase de 200 cc.

1,10

Ic

Produtos lácteos fermentados, con ou sen zume de froitas, aromatizados ou non, que conteñan mínimo 90 % de leite e máximo 7 % azucre engadido ou mel

2,10

II

Produtos lácteos fermentados ou non, aromatizados ou non, con froitas que conteñan mínimo 75 % de leite e máximo 7 % azucre engadido ou mel

2,20

Produtos lácteos fermentados ou non, aromatizados ou non, con froitas que conteñan mínimo 75 % de leite e máximo 7 % azucre engadido ou mel (produto ecolóxico)

3,68

III

Queixos frescos e fundidos que conteñan un máximo dun 10 % de ingredientes non lácticos

7,80

Os petit suisse e queixiños

7,80

V

Os demais queixos que conteñan un máximo dun 10 % de ingredientes non lácticos e que non entren na categoría III

7,95

Os demais queixos que conteñan un máximo dun 10 % de ingredientes non lácticos e que non entren na categoría III (produto ecolóxico)

8,00

(1) Conforme a numeración e definicións establecidas segundo o Regulamento (CE) nº 657/2008, da Comisión, do 10 de xullo.

ANEXO VIII
Requisitos mínimos do cartel sobre distribución europea de leite
nos centros escolares

Tamaño do cartel: A3 ou maior.

Tamaño das letras: 1 centímetro ou maiores.

Título: distribución europea de leite nos centros escolares.

Contido: deberá figurar, polo menos, a seguinte frase, tendo en conta a categoría do centro escolar:

«O/A noso/a [categoría de centro escolar (por exemplo, gardaría/centro de preescolar/colexio)] subministra produtos lácteos subvencionados pola Unión Europea dentro do réxime europeo de distribución de leite nos centros escolares».

Recoméndase resaltar as vantaxes nutritivas e dar directrices nutricionais para o alumnado.

Colocación: nun lugar claramente visible e que sexa lexible na entrada principal do centro escolar.