Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2016 Páx. 9929

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 8 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, a persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asigna á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 245, do 18 de decembro) recolle no seu artigo 3 como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia» e, no seu artigo 20.1 establece como unha das actuacións incluídas no Catálogo de servizos sociais «as axudas técnicas e instrumentais que permitan manter a autonomía da persoa para desenvolverse no seu medio».

A Consellería de Política Social, segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, é o órgano responsable da dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, corresponden á Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, establece, entre outros, os servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal que se poderán asignar individualmente ou como complemento doutros servizos da carteira de servizos común ou das carteiras específicas, coas limitacións que en materia de incompatibilidades establece a Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e, ao mesmo tempo, poderán configurar os plans de prevención que se destinen a persoas que, non estando en situación de dependencia, se atopan en situación ou risco de padecela, en consonancia co disposto na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020.

Este enfoque de promoción da autonomía persoal a través dos distintos servizos cara a unha mellora das condicións de vida dos colectivos especialmente afectados, co obxectivo da prevención dos factores de risco e de limitacións funcionais e a súa atención integral, recollido na Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia, horizonte 2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros e é prioritario para os fondos estruturais. Neste sentido, o artigo 2.3 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo, establece que o FSE beneficiará os cidadáns e, especialmente, as persoas desfavorecidas, como os desempregados de longa duración, as persoas con discapacidade, os inmigrantes, as minorías étnicas, as comunidades marxinadas e as persoas de calquera idade que sofren pobreza e exclusión social. Así mesmo, o artigo 3 establece que o Fondo Social Europeo apoiará, como prioridade de investimento, en relación co obxectivo temático 9 Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación; prioridade de investimento 9.4 O acceso a servizos asequibles, sustentables e de calidade, incluídos servizos sanitarios e sociais de interese xeral; obxectivo específico 9.4.1 Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos.

Neste marco xeral incardínase esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de axudas económicas non periódicas a persoas con discapacidade para o ano 2016, destinadas á promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desenvolvida a través do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Así mesmo, esta orde enmárcase no P.O. FSE Galicia para o período 2014-2020. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo será de aplicación: o Regulamento (CE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 341, do 20 de decembro); o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, así como a normativa estatal de subvencionabilidade dos gastos para o período 2014-2020.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto global ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custos simplificados.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da convocatoria pública para a concesión de axudas individuais destinadas á adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, así como á adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, para persoas con discapacidade empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva e de carácter non periódico.

2. A finalidade destas axudas é a de colaborar en determinados gastos, con efectos do 1 de xaneiro de 2016, destinados a:

– Facilitar a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal.

– Facilitar a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal.

3. Unicamente poderán ser obxecto de financiamento para esta convocatoria as actuacións que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016.

Artigo 2. Réxime de incompatibilidades

1. As axudas subvencionables ao abeiro desta orde serán incompatibles coa percepción doutras prestacións do catálogo de servizos e das prestacións económicas derivadas do sistema para a autonomía e atención á dependencia como consecuencia da aplicación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como a través dun recurso do sistema galego de servizos sociais incluído como prestación do catálogo do SAAD. En consecuencia, as persoas beneficiarias dun servizo ou prestación a través do sistema de atención á dependencia e/ou do sistema galego de servizos sociais incluído como prestación do catálogo do SAAD quedarán excluídas desta convocatoria. Non obstante, considéranse dúas excepcións á regra xeral de incompatibilidade:

a) Nos supostos de adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, nos cales a persoa solicitante a través desta orde deberá de ter recoñecida a prestación de asistencia persoal a través do sistema para a autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia.

b) Nos supostos de adquisición do servizo de acompañamento e intérpretes, nos cales se permitirá a compatibilidade coa percepción doutro servizo/prestación do sistema para a autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia, ou prestado a través do sistema galego de servizos sociais, sempre que se acredite a súa necesidade para a cobertura dunha necesidade diferente das que se lle dá cobertura a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia o do sistema galego de servizos sociais.

2. As axudas subvencionables ao abeiro desta orde serán incompatibles coa percepción doutras prestacións a través de entidades, organismos, asociacións, etc., que reciban financiamento por parte das administracións públicas a través de ordes de subvencións, convenios, relacións contractuais, etc., cando delas derive a gratuidade da prestación/servizo para a persoa usuaria.

3. Así mesmo, as axudas serán subsidiarias e, se é o caso, complementarias da carteira de servizos comúns de análoga natureza e finalidade do Servizo Galego de Saúde. Así mesmo, poderán ser complementarias, ata o 100 % do custo subvencionado, doutras liñas de actuación similares doutras administracións/organismos.

4. Como regra xeral só se poderá conceder, con cargo a esta convocatoria, unha axuda por persoa solicitante vinculada a un só servizo de promoción da autonomía persoal, dos enumerados no anexo I, ou a un servizo complementario de asistencia persoal. Non obstante, considéranse dúas excepcións á regra xeral de incompatibilidade de dúas axudas:

a) No suposto do servizo de promoción da autonomía persoal de transporte adaptado ou asistido, permitirase a súa compatibilidade con outra axuda con cargo a esta convocatoria. Así, a persoa solicitante poderá ser beneficiaria dunha subvención para a adquisición dun servizo de promoción da autonomía persoal e dunha subvención para a adquisición dun servizo de promoción da autonomía persoal de transporte adaptado ou asistido, cando este último sexa necesario para o desfrute do outro servizo, en consonancia co disposto no artigo 4.1.b) desta orde.

b) No suposto do servizo de acompañamento e intérpretes, permitirase a súa compatibilidade con outra axuda con cargo a esta convocatoria. Así, a persoa solicitante poderá ser beneficiaria dunha subvención para a adquisición dun servizo de promoción da autonomía persoal e dunha subvención para a adquisición dun servizo de acompañamento e intérpretes, cando este último sexa necesario para o desfrute do outro servizo.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

a) Persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o establecido no Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e a Orde do 25 de novembro de 2015 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade en Galicia. Así mesmo, considerarase que presentan unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez, e os pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

Tamén poderán optar a solicitar as axudas reguladas nesta convocatoria as persoas que solicitasen o recoñecemento do grao de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta convocatoria. A percepción da axuda quedará condicionada a que lles sexa recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, dentro do prazo máximo establecido para a resolución desta convocatoria de axudas, segundo o sinalado no artigo 14.2 desta orde. Neste caso, a tramitación do expediente de recoñecemento do grao de discapacidade terá carácter prioritario.

b) En canto ás persoas solicitantes de servizos complementarios de asistencia persoal será necesario, ademais de cumprir co requisito disposto no punto anterior, que a persoa solicitante teña recoñecida a prestación de asistencia persoal a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia, segundo o establecido no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

c) Para os efectos de recoñecer a necesidade da axuda individual solicitada en relación coa adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, e de acordo co servizo de promoción a que se vincula, será requisito necesario que sexa determinada a súa idoneidade de acordo coa situación de saúde e social da persoa solicitante. A idoneidade valorarase de acordo coas dificultades ou carencias importantes na atención das necesidades da persoa solicitante ou na súa integración social, entendendo o concepto de necesidades nun sentido amplo: de subsistencia, de saúde, de carácter social, de desenvolvemento persoal, de autonomía, etc., cun certo grao de intensidade.

Para estes efectos será emitido un informe de oficio pola unidade de coordinación da dependencia da Subdirección Xeral da Dependencia e Valoración da Discapacidade, onde se valore este aspecto, con base na documentación existente no expediente de recoñecemento do grao de discapacidade da persoa solicitante e que, se é o caso, poderá solicitar aqueles informes complementarios ou documentos que se consideren necesarios para tal fin.

No caso de que polo elevado número de solicitudes se faga necesario, o informe de oficio poderá ser emitido polos equipos técnicos dos servizos de dependencia e autonomía persoal territoriais, logo de instrución da persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia e discapacidade da Consellería de Política Social.

2. Ademais, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Residir na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a necesidade da axuda solicitada derive da tipoloxía de discapacidade recoñecida.

c) Que as consecuencias derivadas da tipoloxía de discapacidade recoñecida que sirvan de base para valorar a idoneidade da subvención concedida manteñan a súa vixencia no período de referencia concretado no proxecto de intervención obxecto de subvención.

d) Que a capacidade económica da persoa solicitante, calculada conforme o previsto no artigo 13 desta convocatoria, non supere o 400 % do indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM) establecido para o ano 2016.

e) Non percibir durante o ano 2016 outras axudas para o mesmo fin salvo que a axuda individual solicitada sexa complementaria da anteriormente concedida e, neste caso, ata o límite do 100 % do gasto subvencionado, para os efectos de prever a situación de dependencia ou de promover a autonomía persoal da persoa solicitante.

f) Os establecidos con carácter xeral para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal:

a) Os servizos de promoción da autonomía persoal teñen por finalidade desenvolver e manter a capacidade persoal de controlar, afrontar e tomar decisións acerca de como vivir de acordo coas normas e preferencias propias e facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria, de maneira que todas as persoas poidan levar unha vida o máis autónoma posible. Considéranse servizos de promoción da autonomía persoal subvencionables ao abeiro desta orde os enumerados no anexo I, de acordo co disposto no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

b) Para poder ser subvencionable o servizo de promoción da autonomía persoal de transporte adaptado ou asistido, deberá de xustificarse a vinculación deste servizo para o goce doutro servizo/prestación social, ou como medio de asistencia ao traballo ou a unha actividade formativa non obrigatoria do sistema público educativo cando non se enmarque dentro do ámbito das competencias propias do sistema educativo.

2. Adquisición de servizos complementarios de asistencial persoal:

Segundo o disposto no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, serán servizos complementarios de asistencia persoal subvencionables ao abeiro desta orde os seguintes:

– Asistencia nas necesidades de carácter doméstico e da vivenda.

– Asistencia nas actividades básicas da vida diaria.

– Asistencia en xestións administrativas ou doutra natureza fóra do domicilio.

– Asistencia en actividades de participación social, educativa, laboral ou de lecer.

Artigo 5. Determinación do importe das subvencións

1. Subvencións para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal.

A determinación do importe das subvencións para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal, definidos no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, é un custo unitario, segundo a tipoloxía do servizo e o réxime de prestación, calculados como baremos estándar de custos unitarios consonte co previsto no artigo 67.1.b) e 5.a) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, segundo o cadro seguinte:

0101 Servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal

Custo unitario

Importe máximo subvencionable

010102 Área do coidador

01010202 Servizo de respiro familiar a través da axuda a domicilio

13,75 €/hora

1.010,63 €

01010203 Servizo de respiro familiar a través da atención diúrna

728,82 €/mes

765,26 €

01010204 Servizo de respiro familiar a través da atención nocturna

724,47 €/mes

760,69 €

01010205 Servizo de respiro familiar a través da atención residencial

1.078,96 €/mes

1.132,91 €

010103 Atención temperá (0-6 anos)

29,14 €/hora

1.468,66 €

010105 Área de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional

01010501 Apoio ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria

18,06 €/hora

1.820,45 €

01010502 Rehabilitación funcional (ximnasia, mantemento, etc.)

18,06 €/hora

1.820,45 €

01010503 Fisioterapia (inclúe as técnicas relacionadas, coma p. ex. hidroterapia)

24,42 €/hora

2.461,54 €

01010504 Outras terapias alternativas (musicoterapia, colorterapia, terapia con animais, etc.)

18,06 €/hora

1.820,45 €

01010505 Logopedia

24,42 €/hora

2.461,54 €

01010506 Terapia ocupacional

24,42 €/hora

2.461,54 €

01010507 Estimulación cognitiva

24,42 €/hora

2.461,54 €

01010508 Estimulación sensorial

24,42 €/hora

2.461,54 €

01010509 Atención psicomotriz

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010510 Atención psicolóxica

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010511 Atención neuropsicolóxica

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010512 Atención psiquiátrica

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010513 Rehabilitación psicosocial

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010514 Atención pedagóxica

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010516 Podoloxía

25,26 €/hora

212,18 €

010106 Servizo de actividades e programas

01010601 Actividades de ocio e tempo libre

22,62 €/hora

1.520,06 €

01010602 Comida na casa

7 €/menú

1.788,50 €

01010603 Lavandaría a domicilio

5 €/semana

168,00 €

010107 Supervisión e apoios puntuais en equipamentos especiais

728,82 €/mes

6.122,09 €

010108 Área de habilitación psicosocial

01010801 Deseño de estratexias psicoeducativas

24,42 €/hora

2.461,54 €

01010802 Apoio á vida independente

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010803 Servizo de acompañamento e intérpretes

22,85 €/hora

2.303,28 €

01010804 Fomento e promoción da inclusión social

22,85 €/hora

2.303,28 €

01010805 Adestramento de habilidades persoais e sociais

22,85 €/hora

2.303,28 €

01010806 Fomento do autocoidado físico

22,85 €/hora

2.303,28 €

010109 Servizo de apoio para o desenvolvemento profesional e social para persoas dependentes en idade laboral

01010901 Formación prelaboral (habilidades básicas e polivalentes para o emprego)

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010902 Formación ocupacional

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010903 Formación práctico-laboral

33,18 €/hora

3.344,54 €

01010904 Emprego con apoio

33,18 €/hora

3.344,54 €

010110 Servizo de transporte adaptado e asistido

217,92 €/mes

1.830,53 €

2. Subvencións para a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal.

A determinación do importe das subvencións para a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal é un importe unitario de axuda de 11,94 €/hora, ata un máximo subvencionable de 2.005,90 €, calculado como baremos estándar de custos unitarios consonte co previsto no artigo 67.1.b) e 5.a) e tendo en conta o disposto no artigo 68, punto 2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que sinala que, para os efectos de determinar os custos de persoal en relación coa execución dunha operación, a tarifa por hora aplicable poderá calcularse dividindo os custos brutos de emprego anuais xustificados máis recentes por 1.720 horas.

Artigo 6. Crédito orzamentario

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 que a seguir se especifica:

12.04.312E.480.00 (proxecto 2016-00162), cun importe de 730.185 euros destinado a atender as solicitudes, cofinanciada nun 80 % con fondos FSE no Programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1 Mellorar a accesibilidade para as persoas máis vulnerables a servizos de atención sanitaria, sociais e de orientación, formación e educación, incluíndo a eliminación dos estereotipos.

Con todo, a dita asignación orzamentaria poderá ser incrementada nos termos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Da partida 12.04.312E.480.00 garántese un importe mínimo de 14.041,30 € para subvencionar a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, e un importe de 716.143,70 € para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal. Con todo, no suposto de que o número de solicitudes non sexa suficiente para esgotar o crédito destinado a esta liña de axuda, poderase destinar á atención de solicitudes de servizos de promoción. No caso de que o número de solicitudes sexa maior que o importe mínimo garantido para a adquisición de servizos complementarios de asistencia persoal, as solicitudes non atendidas a través do importe mínimo garantido participarán co resto de solicitudes para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou o seu representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar unha declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o previsto polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Xestión de servizos sociais» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.es

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes, debidamente asinadas pola persoa solicitante ou o seu representante legal ou gardador de feito, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel, no rexistro do concello a que correspondan os servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A solicitude, segundo o modelo que se achega como anexo III a esta orde, dirixirase ao órgano de dirección con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social (Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade).

3. O prazo para a súa presentación será de dous meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o da publicación no Diario Oficial de Galicia, e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 10. Documentación

1. As solicitudes virán acompañadas da seguinte documentación:

a) Autorización á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde do 7 de xullo de 2009 (a autorización cubrirase no anexo III). En caso de denegar a autorización anterior, será necesario presentar fotocopia compulsada do DNI da persoa solicitante, e, se é o caso, da persoa representante legal ou gardadora de feito.

b) Autorización á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para a consulta dos datos de residencia no Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e na Orde do 7 de xullo de 2009 (a autorización cubrirase no anexo III). En caso de denegar a autorización anterior, será necesario presentar certificado de convivencia do padrón municipal de habitantes do concello de residencia.

c) Anexo IV debidamente cuberto, no caso de que a persoa solicitante desexe actuar por medio de representante.

d) Autorización á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para a consulta dos datos de discapacidade e dependencia, conforme o anexo III. En caso de non autorizar a consulta, será necesario presentar fotocopia compulsada do recoñecemento do grao de discapacidade ou, se é o caso, do grao de dependencia.

No caso daquelas persoas solicitantes que solicitasen o recoñecemento da súa situación de discapacidade con anterioridade á data de publicación desta orde, e estea pendente de resolver, deberán de reflectilo no espazo habilitado para tal fin no anexo III (solicitude) desta orde.

e) Proxecto de intervención detallado que conteña os seguintes datos mínimos:

– Entidade prestadora do servizo. Para poder optar á subvención ao abeiro desta orde a entidade/profesional autónomo prestadora do servizo de promoción da autonomía persoal deberá de figurar no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), cuxo responsable é a Consellería de Política Social. Para estes efectos, será suficiente con que a inscrición no RUEPSS se leve a cabo con anterioridade ao prazo sinalado no artigo 16.2 desta orde. No suposto de servizos complementarios de asistencia persoal non será exixible este requisito mentres non estea aprobada a normativa que regule os requisitos de autorización e acreditación do servizo de asistencia persoal.

– Orzamento detallado do gasto que se vai realizar, segundo o custo unitario establecido no artigo 5 desta orde.

– Período de duración das intervencións e calendario programado.

– Servizos e prestacións que se axustarán ás necesidades de atención da persoa solicitante.

– Entidade/profesional prestadora do servizo.

f) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actuación ou gasto procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, no espazo destinado a esta finalidade que figura no propio modelo de solicitude.

g) Copia da declaración do IRPF, certificado de pensións emitido polo Instituto Nacional da Seguridade Social, declaración de toda clase de pensións e prestacións sociais percibidas e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, só no caso de que a persoa solicitante denegue expresamente a súa consulta.

h) Se é o caso, a xustificación da necesidade do transporte adaptado ou asistido para o goce doutro servizo/prestación social, ou como medio de asistencia ao traballo ou a unha actividade formativa non obrigatoria do sistema público educativo cando non se enmarque dentro do ámbito das competencias propias do sistema educativo, de conformidade co previsto no artigo 4.1.b) desta orde, segundo o tipo de actuación para a que se solicita a axuda.

i) A información relativa aos indicadores comúns de execución sobre participantes a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, relativo ao Fondo Social Europeo, segundo o modelo do anexo VI desta orde.

2. As persoas solicitantes destas axudas estarán obrigadas a achegar a documentación complementaria que lles sexa demandada polo órgano xestor.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Órgano instrutor e emenda de erros

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

2. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fai, se considerará desistido ou desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. O órgano instrutor formulará proposta de resolución, logo de informe da Comisión de Valoración segundo o disposto nos artigos seguintes, e elevaralla ao órgano competente para resolver.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. Existirá unha única comisión de valoración que examinará e valorará todas as solicitudes recibidas.

2. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración, que terá a función de propoñer a concesión ou denegación da axuda, segundo os criterios de concesión e o baremo recollido no anexo II desta orde.

3. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente/a: a persoa titular do órgano directivo con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social, ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: a persoa que ocupe a xefatura de servizo de coordinación de procesos da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, e a persoa que ocupe o posto de Coordinación da Unidade de Dependencia da Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, ou persoas en quen deleguen.

c) Secretario/a: a persoa que ocupe a xefatura de sección do Servizo de Coordinación de Procesos da Subdirección de Dependencia e Valoración da Discapacidade.

Ás sesións da comisión poderán ser convocados, en calidade de asesores/as, os/as funcionarios/as que se consideren convenientes, así como un/unha representante da Intervención Delegada da Consellería de Política Social.

Se, por calquera causa, algún dos seus compoñentes non pode asistir ás reunións, será substituído por quen designe o/a titular do órgano de directivo con competencias en materia de dependencia.

Artigo 13. Criterios para a determinación da capacidade económica da persoa solicitante

Para a determinación da capacidade económica da persoa solicitante, para os efectos do disposto no artigo 3.2.d) e no anexo II desta orde, seguiranse os seguintes criterios:

1. Calcularase a capacidade económica da persoa solicitante, sumando os ingresos líquidos anuais. Para estes efectos, teranse en conta as declaracións do IRPF correspondentes ao último exercicio do cal a Administración tributaria dispoña de datos no momento de publicarse esta orde de convocatoria. No caso de que non exista a obriga de presentar declaración do IRPF, ou no suposto das pensións ou prestacións que estivesen exentas de tributación polo IRPF, tomarase o dato que conste en poder do Instituto Nacional da Seguridade Social, así como en calquera outra Administración, en canto ao importe das pensións ou prestacións recibidas no exercicio 2015.

2. Cando a persoa solicitante teña persoas ao seu cargo, a súa renda incrementarase no importe das rendas do resto de persoas que dependan economicamente dela e o resultado obtido dividirase entre o número total de persoas.

Con todo, cando a persoa solicitante teña cónxuxe ou parella de feito rexistrada que non dependa economicamente dela e sempre que non presentasen de forma conxunta a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, no cómputo anterior só se integrarán as rendas da persoa usuaria e das persoas que dependan economicamente dela, e o resultado dividirase entre o número total de persoas, computadas as persoas ao seu cargo a razón de 0,5. No caso de que presentasen a declaración de forma conxunta, o importe total das rendas derivadas da declaración conxunta e, de ser o caso, das rendas das persoas a cargo da parella, dividirase polo número total de persoas.

3. Enténdese por persoas a cargo da persoa solicitante, sempre que reúnan as condicións sinaladas no punto seguinte deste artigo, as seguintes:

a) Cónxuxe ou parella de feito rexistrada como tal.

b) Descendentes da persoa solicitante ou persoas vinculadas a ela por razón de tutela e/ou acollemento, menores de vinte e cinco anos ou maiores de tal idade en situación de dependencia ou con discapacidade ou incapacitados xudicialmente sometidos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

c) Ascendentes da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella de feito rexistrada como tal, maiores de sesenta e cinco anos ou calquera que sexa a súa idade, sempre que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

4. As persoas referidas no punto anterior para ser consideradas persoas a cargo da persoa solicitante deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que as súas rendas anuais, excluídas as exentas, non superen o importe fixado na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas para ter dereito á aplicación do mínimo por descendentes ou por ascendentes.

b) Que estean empadroadas no domicilio da persoa usuaria polo menos desde un ano antes da presentación da solicitude amparada neste procedemento.

c) Que convivan coa persoa usuaria, como mínimo, 183 días ao ano.

Artigo 14. Resolución

1. Unha vez emitido o informe da comisión, a Subdirección Xeral da Dependencia e Valoración da Discapacidade elevará a proposta de resolución á persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social, en quen se delega a competencia para resolver a concesión ou denegación da axuda solicitada ao abeiro desta orde.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa será de tres meses, contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará o importe da axuda concedida, dentro dos límites establecidos no artigo 5 desta orde. Na notificación da resolución da subvención comunicarase á persoa beneficiaria o cofinanciamento con cargo ao Fondo Social Europeo con concreción do obxectivo temático, prioridade de investimento e porcentaxe de cofinanciamento de que se trate.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte de que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde a súa notificación, se o acto é expreso, ou seis meses a partir do día seguinte a que se produza o acto presunto, e sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

5. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da axuda, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tácitamente aceptada.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia da persoa beneficiaria, de conformidade co disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación da axuda

1. As actuacións subvencionables ao abeiro desta orde xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e d) do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. A persoa beneficiaria deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto da axuda no prazo sinalado no proxecto de intervención; non obstante o anterior, a persoa beneficiaria poderá solicitar a ampliación do prazo de xustificación por circunstancias debidamente acreditadas que, en ningún caso, poderá exceder o 30 de novembro de 2016.

Os gastos acreditaranse mediante declaración da persoa beneficiaria da adquisición do servizo ao cal se vincula a subvención, de acordo co anexo V desta orde, asinada pola entidade prestadora do servizo e onde se refléctira unha valoración profesional do cumprimento do proxecto de intervención e o seu resultado.

3. No momento da xustificación da execución total da actuación, a persoa beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma actuación, de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais, segundo o modelo do anexo V desta orden.

Así mesmo, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, conforme o previsto polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, só no caso de denegar expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as ditas certificacións, conforme o previsto no artigo 7.3 desta orde.

4. A suma dos fondos obtidos de calquera Administración pública e das subvencións concedidas por todo tipo de organismos privados, percibidas coa mesma finalidade, non poderá superar o importe total do gasto efectuado.

5. No momento da xustificación a persoa beneficiaria deberá de presentar a información relativa aos indicadores de resultado inmediato, a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro, relativo ao Fondo Social Europeo, conforme o modelo do anexo VII desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen presentar esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. Se non se efectúa a xustificación ou esta resulta insuficiente, segundo o exixido nas bases reguladoras, acordarase o reintegro da subvención ou/e a perda do dereito ao cobramento, conforme o establecido no artigo 75 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, segundo o disposto no artigo 19 desta orde.

Artigo 17. Obrigas da persoa beneficiaria

1. As persoas beneficiarias da axuda veñen obrigadas a destinar o importe desta á finalidade para a que lles foi concedida.

2. Ademais, as persoas beneficiarias das axudas están obrigadas, conforme o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a:

a) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control.

b) Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que considerarán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a a través da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da citada lei e segundo o disposto nos artigos 16 e 19 desta orde.

e) Comunicar calquera variación que se produza en relación co proxecto de intervención ou co seu calendario.

f) Facilitar a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao FSE. Neste senso, ao cubrilos deberá respectarse o principio de integridade dos datos. Os datos de execución e os indicadores de resultado inmediato, que se deberán de cubrir segundo o modelo do anexo V desta orden, facilitaranse no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actuación, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado ao longo prazo descritos no antedito regulamento.

Artigo 18. Pagamento da subvención

1. Ao abeiro desta orde realizaranse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. Conforme o previsto no artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e aos límites máximos subvencionables previstos no artigo 5 desta orde, os pagamentos anticipados serán do 80 % do importe da subvención concedida no momento da resolución da concesión desta.

Neste suposto e conforme o previsto no artigo 65.4.f) e i) do decreto citado, as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde quedan exoneradas da constitución de garantía.

2. O órgano de dirección con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social aboará ás persoas beneficiarias a contía restante da axuda concedida, despois da presentación da xustificación requirida conforme o previsto no artigo 16.

Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro da axuda

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se especifican a continuación:

a) Incumprimento da obriga do deber de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 75 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención. A non presentación da documentación de xustificación, anexo V e VII, implicará o reintegro do 100 % da subvención, así como a perda total do dereito ao cobramento.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para iso, ou ocultando aquelas que o impedisen, implicará o reintegro do 100 % da subvención así como a perda total do dereito ao cobramento, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder segundo a normativa vixente.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención. A realización parcial do proxecto de intervención sen causa xustificada (hospitalización, falecemento, etc.), no que se refire a réxime de sesións e período de realización, implicará un reintegro proporcional da subvención así como a perda proporcional do dereito ao cobramento. Non obstante, se a execución final do proxecto de intervención é inferior ao 50 % do inicialmente previsto, implicará o reintegro do 100 % da subvención, así como a perda total do dereito ao cobramento.

d) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás persoas beneficiarias con motivo da concesión da subvención ou axuda pública, así como dos compromisos por estes asumidos, a condición de que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles compromisos distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, implicará o reintegro do 100 % da subvención, así como a perda total do dereito ao cobramento, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder segundo a normativa vixente.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, de rexistro ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, implicará o reintegro do 100 % da subvención así como a perda total do dereito ao cobramento, sen perxuízo das sancións que poidan corresponder segundo a normativa vixente.

f) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

g) Nos demais supostos recollidos na normativa reguladora da subvención.

2. Igualmente, procederá o reintegro do 10 % da subvención cando exista incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, segundo o disposto nos artigos 10.1.f) e 16.3 desta orde, consideradas incompatibles segundo o réxime de incompatibilidades disposto no artigo 2 desta orde. No suposto do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas consideradas compatibles segundo o réxime de incompatibilidades disposto no artigo 2 desta orde, o reintegro será do 5 % da subvención.

3. Procederá o reintegro do 100 % da subvención, e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, cando exista incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas, segundo o disposto nos artigos 10.1.f) e 16.3 desta orde, consideradas incompatibles segundo o réxime de incompatibilidades disposto no artigo 2 desta orde. No suposto do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas consideradas compatibles segundo o réxime de incompatibilidades disposto no artigo 2 desta orde, o reintegro será do exceso percibido da subvención e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

4. A tramitación do correspondente expediente de reintegro efectuarase de acordo co procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

5. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Será de aplicación aos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Publicidade de datos

Non será necesaria a publicidade da adxudicación da axuda de acordo co establecido no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13.6.a) da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública, e no artigo 9.4.a) do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ao poder ser contraria a salvagarda da intimidade persoal e familiar das persoas físicas.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de competencias na persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social, ao amparo do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda

Esta Administración remitiu á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia da Consellería de Política Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I
Servizos de promoción da autonomía persoal

0101 Servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal

010102 Área do coidador

01010202 Servizo de respiro familiar a través da axuda a domicilio

01010203 Servizo de respiro familiar a través da atención diúrna

01010204 Servizo de respiro familiar a través da atención nocturna

01010205 Servizo de respiro familiar a través da atención residencial

010103 Atención temperá (0-6 anos)

010105 Área de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional

01010501 Apoio ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria

01010502 Rehabilitación funcional (ximnasia, mantemento, etc.)

01010503 Fisioterapia (inclúe as técnicas relacionadas, coma p. ex. hidroterapia)

01010504 Outras terapias alternativas (musicoterapia, colorterapia, terapia con animais, etc.)

01010505 Logopedia

01010506 Terapia ocupacional

01010507 Estimulación cognitiva

01010508 Estimulación sensorial

01010509 Atención psicomotriz

01010510 Atención psicolóxica

01010511 Atención neuropsicolóxica

01010512 Atención psiquiátrica

01010513 Rehabilitación psicosocial

01010514 Atención pedagóxica

01010516 Podoloxía

010106 Servizo de actividades e programas

01010601 Actividades de ocio e tempo libre

01010602 Comida na casa

01010603 Lavandaría a domicilio

010107 Supervisión e apoios puntuais en equipamentos especiais

010108 Área de habilitación psicosocial

01010801 Deseño de estratexias psicoeducativas

01010802 Apoio á vida independente

01010803 Servizo de acompañamento e intérpretes

01010804 Fomento e promoción da inclusión social

01010805 Adestramento de habilidades persoais e sociais

01010806 Fomento do autocoidado físico

010109 Servizo de apoio para o desenvolvemento profesional e social para persoas dependentes en idade laboral

01010901 Formación prelaboral (habilidades básicas e polivalentes para o emprego)

01010902 Formación ocupacional

01010903 Formación práctico-laboral

01010904 Emprego con apoio

010110 Servizo de transporte adaptado e asistido

– Servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal: conxunto de intervencións que teñen por finalidade desenvolver e manter a capacidade persoal de controlar, afrontar e tomar decisións acerca de como vivir, de acordo coas normas e preferencias propias, e facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria, de maneira que todas as persoas poidan levar unha vida o máis autónoma posible.

– Área do coidador: esta área inclúe un servizo de atención aos coidadores e servizos de atención temporal a persoas en situación de dependencia, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas coidadoras.

• Servizos de respiro: servizos temporais de apoio para garantir que o coidador principal poida descansar e recuperarse do desgaste físico e psicolóxico orixinados pola tarefa do coidado. Poden ser prestados a través de servizos acreditados de axuda no fogar, atención diúrna, nocturna e residencial.

– Servizo de atención temperá: conxunto de actuacións preventivas, de diagnóstico e de intervención que, de forma coordinada, se dirixen á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á súa contorna, que teñen por finalidade dar resposta, o máis axiña posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos. Estas actuacións, que deben considerar a globalidade do neno ou da nena, deben ser programadas e executadas por equipos multiprofesionais.

– Área de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional: inclúe un conxunto de intervencións orientadas a manter ou mellorar a capacidade para realizar as AVD, evitar a aparición de limitacións na actividade, deficiencias ou déficits secundarios, co fin de alcanzar o maior nivel de autonomía e calidade de vida. Con carácter xeral, as actuacións levaranse a cabo enfocadas ao mantemento das persoas na súa contorna física e relacional.

• Apoio ás actividades básicas e instrumentais da vida diaria: conxunto de intervencións orientadas a lograr o nivel máximo de independencia e autonomía funcional, mediante actividades deseñadas e desenvolvidas para que o usuario participe de forma activa na readaptación á súa vida cotiá. Este servizo incide nas actividades da vida diaria (mobilidade e locomoción, vestido, alimentación e hixiene persoal), así como nas instrumentais (preparación de comidas, tarefas domésticas e lecer, e integración na comunidade). Este servizo prestarase xunto con algún dos seguintes: rehabilitación funcional, fisioterapia, outras terapias alternativas, logopedia ou terapia ocupacional.

• Rehabilitación funcional: servizo integrado polo conxunto de actuacións que permiten que a persoa alcance un nivel físico, mental e/ou social funcional óptimo, proporcionándolle así os medios de modificar a súa propia vida. Este servizo pode comprender algún dos seguintes servizos: fisioterapia, logopedia, e/ou terapia ocupacional.

• Fisioterapia: servizo que comprende o conxunto de métodos, actuacións e técnicas que, mediante a aplicación de medios físicos, preveñen as enfermidades, promoven a saúde, recuperan e readaptan as persoas afectadas de disfuncións psicofísicas ou as que se desexa manter nun nivel adecuado de saúde, co fin de mellorar o benestar físico da persoa e facilitar a súa reinserción social plena.

• Outras terapias alternativas: conxunto de medios e estratexias destinadas á estimulación multisensorial das persoas con dependencia a través da auga, música, cor, animais, etc., que posibilitan a súa recuperación física e emocional e a súa integración social.

• Logopedia/Audición e linguaxe: servizo prestado a través de actividades de prevención, avaliación e recuperación dos trastornos da audición, a fonación e a linguaxe, mediante técnicas terapéuticas propias da disciplina. O obxectivo deste servizo é facilitar ao usuario a comunicación para lograr un nivel óptimo de interacción e relación, así como unha adecuada competencia social. Este servizo inclúe o apoio na deglutición en persoas con grandes necesidades de apoio ou en proceso de envellecemento.

• Terapia ocupacional: servizo que se ocupa da promoción da saúde e do benestar a través da ocupación. Utiliza un conxunto de técnicas, métodos e actuacións propias que, a través de actividades aplicadas con fins terapéuticos, prevé e mantén a saúde, favorece a restauración da función, suple os déficits invalidantes e valora os supostos comportamentais e a súa significación profunda para conseguir a maior independencia e reinserción posibles do individuo en todas as áreas ocupacionais.

• Estimulación cognitiva: actuacións que, por medio das técnicas adecuadas, ten por finalidade manter e mellorar o funcionamento dalgunha ou dalgunhas das capacidades cognitivas superiores (razoamento, memoria, atención, concentración, linguaxe e similares), das capacidades funcionais, a conduta e/ou a afectividade.

• Estimulación sensorial: servizo que, a través de estímulos (oral, olfativo, gustativo, táctil, visual, comunicación, etc.), aumenta ou diminúe o nivel de alerta e favorece a maduración do sistema nervioso central, favorece respostas motoras normais, mellora aprendizaxes e favorece un maior contacto co ambiente.

• Atención psicomotriz: servizo que integra as interaccións cognitivas, emocionais, simbólicas e sensomotrices na capacidade de ser e de expresarse nun contexto psicosocial, desempeñando un papel fundamental no desenvolvemento harmónico da personalidade, e aumentando a capacidade de interacción do suxeito coa contorna.

• Atención psicolóxica: servizo dedicado á avaliación e seguimento de persoas con trastornos mentais, así como a persoas que, polas súas características cognitivas, a interacción en diferentes contextos e situacións lles producen desaxustes emocionais que requiren de apoios específicos de cara a acadar benestar emocional. Este apoio realizarase baixo as pautas e coordinación co persoal especialista sanitario, no caso de ser necesario.

• Atención neuropsicolóxica: servizo que combina a neuroloxía e a psicoloxía, que analiza os efectos que as lesións, danos ou funcionamentos anómalos nas estruturas do sistema nervioso central, con consecuencias nos procesos cognitivos, psicolóxicos, emocionais e do comportamento individual.

• Atención psiquiátrica: servizo dedicado ao tratamento da enfermidade mental co obxectivo de previr, avaliar, diagnosticar, tratar e rehabilitar as persoas con trastornos mentais.

• Rehabilitación psicosocial: conxunto de actuacións encamiñadas a prestar apoios, transitorios ou permanentes, a persoas con enfermidade mental, co fin de mellorar as súas posibilidades de manterse na contorna familiar e social nas condicións máis normalizadas e independentes que sexa posible.

• Atención pedagóxica: servizo dirixido ao proceso formativo da persoa, nos aspectos psicolóxico, físico e intelectual.

• Podoloxía: servizo destinado á atención e coidado dos pés, mediante a aplicación de curas non cirúrxicas e intervencións de podoloxía básica.

– Área de actividades e programas: inclúe a organización e realización de actividades lúdicas, culturais, sociais, xantar na casa e lavandaría a domicilio, proporcionando os apoios necesarios para que as persoas dependentes cheguen a dispor de habilidades necesarias para gozar do seu tempo de lecer da forma máis autónoma posible.

• Actividades de lecer e tempo libre: actividade que teña unha finalidade rehabilitadora ou terapéutica, que inclúa a organización e realización de actividades lúdicas, culturais e sociais, adaptadas ás características das persoas participantes, e tendo os seguintes obxectivos:

- Fomentar o desfrute das actividades lúdico/deportivas.

- Fomentar os hábitos de vida saudables.

- Fomentar actitudes de solidariedade e convivencia.

- Fomentar o desenvolvemento de habilidades.

- Fomentar as relacións sociais.

• Xantar na casa: servizo de comida a domicilio que facilita e garante unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou a elaboración de menús.

• Lavandaría a domicilio: servizo de lavandaría que recolle a roupa no domicilio, lávaa, pásalle o ferro e devolvea ao fogar. É tanto para a roupa persoal coma para a do fogar.

– Supervisión e apoios puntuais en equipamentos especiais: servizo a través do cal se ofrece un apoio puntual e coidados a persoas con idade igual ou superior aos 16 anos, en equipamentos especiais autorizados.

– Área de habilitación psicosocial: conxunto de actuacións encamiñadas a prestar apoios, transitorios ou permanentes, co fin de mellorar as posibilidades de manter as persoas na contorna familiar e social nas condicións máis normalizadas e independentes que sexa posible.

• Deseño de estratexias psicoeducativas: deseño de habilidades sociais e educativas para a abordaxe de problemáticas específicas das persoas dependentes en idade escolar e as súas familias, mediante un proceso terapéutico e rehabilitador, procurando a permanencia no seu contorno habitual.

• Apoio á vida independente: servizo de orientación, supervisión e control periódico destinado a persoas dependentes diagnosticadas cunha discapacidade, de idade igual ou superior a 16 anos e que non precisen dunha atención intensiva e/ou supervisión directa durante as 24 horas do día pero que nalgúns aspectos teñen necesidades ou carencias que non poden satisfacer por sí mesmas, de xeito que se procure a mellora do seu desenvolvemento e funcionamento individual.

• Servizo de acompañamento e intérpretes: servizo de apoio e acompañamento puntual da persoa en situación de dependencia con discapacidade sensorial, nos desprazamentos ás actividades de carácter laboral, ocupacional e/ou formativo, que realicen fóra do seu fogar, co obxecto de proporcionar o apoio persoal necesario para vencer as limitacións funcionais das persoas en situación de dependencia. Este servizo inclúe tamén intérpretes para persoas con problemas de comunicación.

• Fomento e promoción da inclusión social: servizo para fomentar, dentro dun marco de relacións, a participación e inclusión social das persoas en situación de dependencia. Ten como finalidade achegar unha estrutura de apoio social para que as persoas en situación de dependencia dispoñan dunha rede social de referencia e poidan superar os obstáculos que dificultan a súa participación en actividades sociais e de lecer, promovendo aspectos da autonomía persoal das persoas dependentes e facilitando oportunidades de participación na comunidade, desenvolvendo as súas actividades en contextos naturais e próximos das persoas.

• Adestramento de habilidades persoais e sociais: servizo dirixido á adquisición de destrezas e habilidades para que as persoas en situación de dependencia melloren as súas relacións sociais, habilidades para a solución de problemas e as habilidades para a comunicación verbal e non verbal.

• Fomento do autocoidado físico: adestramento nas habilidades e destrezas en canto ás tarefas básicas do coidado físico: comer, vestirse, espirse, peitearse, realizar a súa hixiene persoal, etc.

– Área de apoio para o desenvolvemento profesional e social para persoas dependentes en idade laboral: conxunto de actuacións dirixidas a persoas dependentes en idade laboral que promoven a incorporación da persoa dependente a un posto de traballo, facilitando os apoios necesarios para o desenvolvemento da súa vida profesional. Esta área inclúe os seguintes servizos: formación prelaboral, formación ocupacional, formación practico-laboral e emprego con apoio.

• Formación prelaboral: apoio no proceso de adquisición e desenvolvemento de habilidades persoais, sociais e coñecementos básicos non específicos para un posto de traballo, co fin de que poidan acadar, dentro das posibilidades de cada persoa usuaria, a máxima integración sociolaboral.

• Formación ocupacional: apoio no proceso de adquisición e desenvolvemento de coñecementos profesionais específicos para os postos de traballo, para que poidan acadar, dentro das súas posibilidades, a máxima integración laboral. Ten como obxecto potenciar e conservar as capacidades laborais para que o usuario deste servizo estea en disposición de integrarse na actividade laboral cando as circunstancias o permitan.

• Formación práctico-laboral: prácticas formativas que teñen como obxecto aplicar as habilidades sociolaborais adquiridas nunha contorna real e normalizada, co fin de acadar a inserción laboral das persoas.

• Emprego con apoio: consiste nun conxunto de servizos e accións de xeito individualizado, para que a persoa poida acceder, manterse e promocionarse nunha empresa ordinaria, con apoio de profesionais e outros tipos de apoio. Forma parte deste contido a adaptación e o seu adestramento no posto de traballo, en aspectos comunicativos, técnicos e nas relacións laborais.

– Servizo de transporte adaptado e asistido: este servizo proporciona aos usuarios o traslado de ida e volta desde os seus domicilios aos centros de atención, e desde estes a outros servizos comunitarios (p. ex. nas visitas a consultas médicas, etc.). Nestes traslados inclúese a axuda e o apoio persoal e de control necesarios para unha adecuada atención, así como as medidas de seguridade oportunas durante a prestación de servizo. O servizo de transporte lévase a cabo coa utilización de vehículos convenientemente adaptados, en caso de transportar persoas con mobilidade reducida e/ou usuarios de cadeiras de rodas, contando con sistemas de acceso e ancoraxe regulamentarios.

Servizo de asistencia persoal

Servizo de atención a persoas dependentes, de idade igual ou superior a 16 anos, no cal se facilita, mediante a asistencia persoal, o apoio necesario á persoa con dependencia en actividades como a asistencia nas necesidades de carácter doméstico e da vivenda, nas actividades básicas da vida diaria, en xestións administrativas ou doutra natureza fóra de domicilio ou en actividades de participación social, educativa, laboral ou de lecer. O servizo estará dirixido a facilitar o apoio persoal, inclusión social e/ou educativa, así como a promoción e participación das persoas dependentes.

Formarán parte deste servizo as seguintes prestacións:

– Asistencia nas necesidades de carácter doméstico e da vivenda.

– Asistencia nas actividades básicas da vida diaria.

– Asistencia en xestións administrativas ou doutra natureza fóra do domicilio.

– Asistencia en actividades de participación social, educativa, laboral ou de lecer.

ANEXO II
Criterios de concesión e baremos para a valoración das solicitudes de subvención destinadas a persoas con discapacidade para facilitar a autonomía persoal

1) Situación económica.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 50 % do IPREM: 50 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 60 % do IPREM: 45 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 70 % do IPREM: 40 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 80 % do IPREM: 35 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 90 % do IPREM: 30 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 100 % do IPREM: 25 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 150 % do IPREM: 20 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 200 % do IPREM: 15 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 250 % do IPREM: 10 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que non superen o 300 % do IPREM: 5 puntos.

– Capacidades económicas per cápita que superen o 300 % do IPREM: 0 puntos.

2) Recoñecemento do grao de discapacidade:

– 100 %/75 %: 35 puntos.

– 74 %/66 %: 25 puntos.

– 65 %/33 %: 15 puntos.

3) Recoñecemento do grao de dependencia:

– Grao III: 15 puntos.

– Grao II: 10 puntos.

– Grao I: 5 puntos.

4) No caso de igualdade de puntuación, prevalecerá o solicitante que se atope con maior grao de discapacidade e, de manterse a igualdade de puntuación, a persoa solicitante con menor capacidade económica.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file