Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2016 Páx. 10669

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2016 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia baseadas nas unidades formativas de cualificación profesional de extinción de incendios e salvamento (SEA129_2) e o certificado de profesionalidade de nivel 2 de extinción de incendios e salvamento (SEAD0111), cofinanciados co Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2016, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dos cursos de formación dirixidos ao persoal das agrupacións de voluntarios/as de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia relacionados coas unidades formativas da cualificación profesional «Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2)» e o certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento (SEAD0111)», conforme as seguintes bases:

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas convocadas serán as que se especifican no anexo desta resolución, na cal se indica tamén o número de horas lectivas, número de edicións, número de prazas, lugar e datas de realización e horarios dos distintos cursos.

As persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

A superación de cada curso supón a obtención do certificado de aproveitamento expedido pola Agasp do curso en concreto, e non suporá a acreditación directa da unidade formativa do correspondente certificado de profesionalidad, que deberá obterse, de ser o caso, polas canles regulamentarias.

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das actividades formativas convocadas pola presente resolución está baseado nas unidades formativas asociadas ao certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento SEAD0111», creado polo Real decreto 624/2013, do 2 de agosto (BOE núm. 223, do 17 de setembro), e vinculadas á cualificación profesional «Extinción de incendios e salvamento SEA129_2», creada polo Real decreto 1087/2005, do 16 de setembro (BOE núm. 238, do 5 outubro).

Na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública http//agasp.xunta.es, na epígrafe de «Formación», publicarase un resumo do contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución.

Terceira. Destinatarios/as

Persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) dos concellos de Galicia.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Ter prioritariamente a condición de demandante de emprego.

b) Ter superado o curso básico de protección civil.

c) Estar como voluntario/a activo/a na correspondente AVPC.

Unha vez acreditados os puntos b) e c), deberá constatarse a condición de demandante de emprego do/a solicitante e realizarase a selección para a cobertura das prazas de acordo cos criterios establecidos na base sétima.

No suposto de existiren prazas vacantes non cubertas por desempregados, serán cubertas polos restantes solicitantes que non cumpran a dita condición seguindo os criterios da base sétima.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou o desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se cubrirá xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es), e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos nos de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios en unha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e no orde indicado:

1º. Teñen preferencia as persoas que estean en situación de demandantes de emprego.

2º. De acordo co artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, en cada edición do curso reservarase un cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

3º. Teñen preferencia as persoas de maior rango xerárquico na AVPC.

4º. Teñen preferencia as persoas con máis antigüidade como voluntarias de protección civil.

5º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Aplicada a anterior selección combinada para desempregados, no suposto de existiren vacantes, realizarase igual proceso para os solicitantes empregados. Cando no proceso de selección de desempregados non se completase a reserva do punto segundo, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, continuará aplicándose no colectivo de empregados ata chegar á referida porcentaxe.

Oitava. Acreditación da condición de desempregado/a

1. A tramitación das solicitudes de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas á Agasp para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos.

2. A presentación da solicitude de inscrición nas actividades formativas incluídas nesta convocatoria pola persoa interesada comportará a autorización á Agasp para a consulta da súa situación laboral no Servizo Público de Emprego.

3. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar o consentimento para a mencionada consulta, e sinalarase a epígrafe correspondente na solicitude de matrícula. Neste suposto, presentará no enderezo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es a tarxeta de demandante de emprego actualizada.

4. O prazo de presentación da documentación mencionada no punto anterior é o mesmo que para a presentación de solicitudes de inscrición e a documentación presentada fóra de prazo poderá non ser tida en conta no proceso de selección do alumnado para as diferentes actividades formativas.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro), as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Aloxamento e manutención

A Agasp proporcionaralle aloxamento na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten, sempre que haxa cuartos dispoñibles. Unha vez comunicada a selección a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es.

A Agasp tamén proporcionará a manutención ás persoas desempregadas admitidas no curso que o soliciten, nos termos que esta estableza e sempre dentro do recinto da Agasp.

Décimo segunda. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

O alumnado dos cursos deberá dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos ao alumnado refírense a data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa operación, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior a finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa operación cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Décimo terceira. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegasen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporalle ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo cuarta. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo quinta. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2014-2020, no eixe 1B, obxectivo temático 08 - Promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral. Prioridade de investimento 08.01 - Facilitar o acceso ao emprego dos desempregados e persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e apoio á mobilidade laboral. Obxectivo específico 08.01.02 - Mellorar a empregabilidade especialmente das persoas desempregadas e/ou demandantes de emprego, a través da adquisición e/ou actualización de competencias profesionais.

Décimo sexta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 17 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO
Cursos baseados nas unidades formativas asociadas ao certificado de profesionalidade de nivel 2 «Extinción de incendios e salvamento SEAD0111» para o persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil

Denominación do curso

Unidade formativa asociada

Núm. de edicións

Horas lectivas

Prazas

Datas

Horario

Lugar

Operacións de salvamento en altura e en espazos confinados

2344: Operacións de salvamento en altura e en espazos confinados

1

50

20

12, 13, 16, 18, 19, 20 de maio

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Rescate en medios de transporte e en medios acuáticos

2345: Rescate en medios de transporte e en medios acuáticos

1

50

20

8, 11, 12, 13, 14, 15 de abril

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Soporte vital básico

0677: Soporte vital básico

1

60

24

18, 19, 20, 23, 24, 25, 26, 27 de maio

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Extinción de incendios urbanos e industriais. Extinción de incendios interiores

2346: Extinción de incendios urbanos e industriais. Extinción de incendios interiores

1

90

20

28, 29 de abril

2, 3, 4, 5, 6, 9, 10, 11 de maio

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Operacións de extinción de incendios forestais

2347: Operacións de extinción de incendios forestais

1

90

15

3, 4, 5, 6, 9, 10, 11, 12, 13, 16 de maio

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Intervención en emerxencias con substancias perigosas

2348: Intervención en emerxencias con substancias perigosas

1

80

20

13, 14, 15, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 de abril

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros

2349: Actuación en sucesos por fenómenos naturais, vendavais, inundacións, riadas, afundimentos por efecto de terremoto ou corrementos de terreo e outros.

1

50

20

20, 21, 22, 25, 26, 27 de abril

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Colocación de pontóns, apuntalamentos e saneamentos

2350: Colocacións de pontóns, apuntalamentos e saneamentos

1

80

20

8, 11, 12, 13, 14, 15, 20, 21, 22, 27 de abril

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)

Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións

2351: Achiques, rescate en ascensores e máquinas, accesos, persoas con enfermidade mental e suicidas, rescate de animais e corte de subministracións

1

60

20

4, 5, 6, 9, 10, 11, 12 de maio

Mañá e tarde

Agasp

(A Estrada)