Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2016 Páx. 11447

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de marzo de 2016 pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos desta consellería.

O Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por persoal funcionario público docente que imparte ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, prevé no seu artigo 3.2, que as prazas que nel se indican poderán ser cubertas mediante o correspondente concurso específico de méritos e polo prazo que se determine na convocatoria; as ditas prazas deberán ser provistas a través dun concurso específico de méritos para a súa provisión mediante nomeamento temporal con reserva do posto de traballo de orixe e polo tempo que se estableza na correspondente convocatoria, que en ningún caso poderá exceder máis de seis anos.

Así mesmo, o artigo 5 do dito decreto establece que se poden cubrir por este mesmo procedemento aquelas prazas que favorezan a elaboración de proxectos, innovacións curriculares ou metodolóxicas, entre as cales existen prazas de recente implantación ou de difícil cobertura polo procedemento ordinario.

Ao ser necesaria a provisión de distintas prazas por mor dos diversos convenios entre a Administración educativa e distintas institucións ou entidades a que se refire o artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo, e outras incluídas no artigo 5 do dito decreto, tendo en conta a habilitación que figura na disposición derradeira primeira do mesmo decreto que autoriza o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións que sexan precisas para a súa aplicación e desenvolvemento, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Convocar concurso público de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que impartan ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para adxudicar, en comisión de servizos, as prazas que figuran no anexo I desta orde.

Artigo 2. Participantes e requisitos

Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que estea en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2015/16 e que estea en posesión do título de perfeccionamento en lingua galega ou do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou certificación ou validación equivalente.

Enténdese tamén en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia o 31 de agosto de 2016 aquel persoal docente que desde un destino definitivo da Comunidade Autónoma de Galicia accedeu a un posto docente no estranxeiro e que se debe reincorporar obrigatoriamente a esta comunidade no próximo curso académico.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación

O prazo para a presentación de instancias para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e poderán presentarse no Rexistro Único, Edificio Administrativo San Caetano, nas xefaturas territoriais, ou ben na forma prevista no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No suposto de optar pola presentación da solicitude e demais documentación ante a oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa selada e datada polo persoal funcionario antes de ser certificada.

Unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e demais documentación, non se admitirá ningunha modificación nas peticións formuladas. Non obstante o anterior, admitirase renuncia á participación no concurso de méritos específico dentro do prazo establecido para as reclamacións sinaladas no punto quinto, entendendo que tal renuncia afecta todas as peticións formuladas.

Artigo 4. Solicitude e documentación

Aínda que se concurse a máis dunha praza, o persoal concursante presentará unha única instancia, acompañada dunha fotocopia desta e unha folla de autobaremación, que aparece como anexo IV, e simultaneamente presentará, para a demostración dos méritos, os documentos que se indican no baremo que aparece como anexo II.

Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos de méritos alegados que fosen presentados polos concursantes para completar o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais

As/os concursantes presentarán ademais:

Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, tendo en conta as características deste, cunha extensión máxima de 20 folios, formato DIN-A4, escrito por unha soa cara e a dobre espazo interlineal, con letra tipo Arial, sen comprimir, tamaño de 12 puntos.

Artigo 5. Comisión de Selección

1. A selección das/dos aspirantes será realizada por unha comisión integrada polo seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en que delegue.

Vogais: ata un máximo de catro, coa categoría de subdirectores ou subdirectoras xerais ou xefas ou xefes de servizo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou membros da Inspección educativa.

Unha funcionaria ou funcionario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretaria ou secretario, con voz e sen voto.

2. A Comisión de Selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. Ademais, poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na Mesa Sectorial Docente non Universitaria, con voz e sen voto.

A Comisión poderá dispor a constitución de subcomisións técnicas para colaborar na valoración daqueles méritos e/ou proxectos de traballo que coide pertinentes.

Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá nomear unha persoa representante, con voz e sen voto, para a asistencia ás sesións das subcomisións.

3. Para a valoración dos números 1, 2, 3.1, 3.2 e 3.3 do baremo establecido no anexo II, a Comisión de Selección poderá delegar esta función nunha subcomisión formada por persoal funcionario da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Logo de seren baremadas todas as solicitudes presentadas, os resultados provisionais serán publicados no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es onde se sinalará a relación de persoal excluído e a causa da súa exclusión provisional. Contra esta resolución provisional poderanse presentar, no prazo de 10 días naturais desde a súa publicación, as reclamacións que procedan. As reclamacións entenderanse contestadas mediante a publicación da resolución definitiva.

4. Os membros da comisión e, de ser o caso, da subcomisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo), que están cualificadas na categoría primeira.

Artigo 6. Proposta de nomeamento

O persoal aspirante que non acade unha puntuación mínima de 4 puntos no proxecto non poderá ser proposto pola Comisión. Será seleccionado o persoal aspirante que, obtendo as puntuacións mínimas sinaladas, acade as maiores puntuacións no total dos puntos recollidos no baremo establecido no anexo II para a praza que solicita.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo sucesivamente e por esta orde á maior puntuación nos números 1, 3.3, 3.1, 3.2, e 2.

Unha vez realizado todo o proceso anterior, a Comisión de Selección proporalle ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación dos postos, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderá notificado, para todos os efectos, o persoal concursante a que afecte.

Artigo 7. Resolución da convocatoria

A resolución da convocatoria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e mediante ela entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas concursantes que afecte.

O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses contado desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8. Toma de posesión

O persoal seleccionado deberá incorporarse ás prazas obtidas con data do 1 de setembro do ano 2016 e cesará no seu destino de procedencia o 31 de agosto do mesmo ano.

As prazas adxudicadas serán en comisión de servizos, por un período dun ano e un máximo de seis e con reserva do posto de traballo de orixe, de acordo co disposto no punto 2 do artigo 3 do Decreto 244/1999, do 29 de xullo.

Disposición derradeira primeira. Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Nº do posto

1

Convenio: Consellería de Política Social (Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica).

Destino

Centro: Santo Anxo de Rábade-Lugo.

Prazas

Lugo: 1 profesor/a de ensino secundario no ámbito sociolingüístico-inglés.

Funcións

Docencia no centros ás/aos internas/os que, por diversos motivos, non asistan a clases en centros ordinarios.

Apoio educativo ás/aos internas/os que estean escolarizados en centros ordinarios e coordinación dos ditos centros.

Apoio educativo ás/aos internas/os matriculadas/dos en modalidades de educación a distancia.

Observacións

Dispoñibilidade horaria (xornada partida para adaptarse ás necesidades das/dos internas/os).

Nº do posto

2

Destino

Secretaría Xeral para o Deporte.

Prazas

2.1. Ourense.

2.2. Pontevedra.

Mestra/e ou profesora/profesor de ensino secundario, especialidade de educación física ou licenciados en educación física.

Funcións

Desenvolvemento da campaña do Deporte en Idade Escolar.

Participación na programación e divulgación da campaña de Deporte en Idade Escolar e as zonas e comarcas da súa área de actuación.

Organización e seguimento de competicións deportivas.

Coordinación do grupo de traballo e dinamización da campaña.

Elaboración de memorias e estatísticas da campaña.

Requisitos

Experiencia en organización de competicións deportivas.

Observacións

Horario adecuado ás necesidades da actividade deportiva e ao seu desenvolvemento (tardes e fins de semana). Necesidade de desprazamento ás competicións ou servizos de coordinación.

Nº do posto

3

Programa específico: Consellería de Sanidade.

Destino

3.1. Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Prazas

1 praza para mestres/as.

Funcións

Proseguir a formación dos/das nenos/as durante a permanencia no hospital, sen que a actividade docente cause prexuízos ao seu benestar e non obstaculice os tratamentos correspondentes. Manter hábitos de estudo. Coordinación cos centros educativos a que asisten normalmente. Estimular a actividade creativa para evitar o aburrimento. Dar un carácter positivo e contido formativo ao tempo libre e de ocio no hospital.

Requisitos

Funcionario/a do corpo de mestres.

Observacións

Horario adaptado ás necesidades do centro.

ANEXO II

Conceptos

Puntuación

Total puntos máximo

Documentos xustificativos

1. Antigüidade:

Por cada ano de servizo como funcionaria/o de carreira.

0,50 puntos

5 puntos

2. Méritos académicos:

As titulacións, no caso de que non fosen as exixidas con carácter xeral para o ingreso no corpo desde o que se participa, valoraranse da forma seguinte:

(Titulacións distintas ás alegadas para o ingreso no corpo no concurso de traslados).

2.1. Polo título de doutora/doutor...................................................

2.2. Titulacións de segundo ciclo: por cada licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou títulos declarados legalmente equivalentes..................................................................................

2.3. Titulacións de primeiro ciclo: pola segunda diplomatura ou os 3 primeiros cursos dunha licenciatura......................................

2.4. Título de grao.........................................................................

1 punto

0,50 puntos

0,25 puntos

0,50 puntos

2 puntos

Copia compulsada das titulacións alegadas

3. Formación e perfeccionamento:

3.1. Por cursos superados que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre os aspectos científicos e didácticos, organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas polas administracións precitadas, así como os organizados polas universidades (0,10 puntos por cada 10 horas de cursos superados acreditados).

3.2. Por outras actividades de formación e perfeccionamento en materia educativa, incluída a impartición de cursos (0,10 puntos por cada 3 horas).

3.3. Por actividades de formación específica directamente relacionadas co posto a que se pretende acceder (0,10 puntos por cada 10 horas).

Ata 2 puntos

Ata 1 punto

Ata 3 puntos

6 puntos

Copia compulsada da documentación alegada

4. Proxecto de traballo:

O proxecto de traballo deberá conter os obxectivos, planificación xeral, actividades, xustificación e definición a que corresponde a praza que se solicita..............................................

(puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 4 puntos)

Ata 6 puntos polo proxecto

Ata 6 puntos

Orixinal, cunha extensión máxima de 20 folios

missing image file
missing image file