Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 1 de abril de 2016 Páx. 11758

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2016 pola que se convocan as XI Xornadas estatais de educación viaria para a mobilidade segura e sustentable.

A Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración co Concello de Sanxenxo e a Federación Estatal de Técnicos de Educación Viaria, anuncia a convocatoria das XI Xornadas estatais de educación viaria para a mobilidade segura e sustentable, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: XI Xornadas estatais de educación viaria para a mobilidade segura e sustentable.

Tipo: xornada.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

Sensibilización e concienciación en materia de seguridade e educación viaria.

Promover accións e talleres de boas prácticas de educación para a mobilidade segura e sustentable.

Implementar e familiarizarse co uso das NNTT para favorecer actividades que promovan o estudo e a consolidación da educación viaria no currículo escolar.

Impulsar a Carta Europea da Seguridade Viaria para tratar de lograr o obxectivo cero accidentes.

Contido:

– Talleres de comunicación, marionetas, teatro, música e contos para a mobilidade segura sustentable e de NNTT.

– Condución emocional.

– Talleres de actividades lúdicas e participativas con escolares: tapiz viario e xogo de chapas, simuladores, etc.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatario/as: Policía local, Garda Civil, Policía Nacional, UPA, Protección Civil e público interesado en xeral.

Prazas ofertadas: limitado á capacidade máxima.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es. A non presentación da solicitude motivada implicará a exclusión do proceso.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 11 de maio de 2016.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet: http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección: exclusivamente por orde de inscrición.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 13 de maio de 2016, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaron seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp e Concello de Sanxenxo.

Datas: 18, 19 e 20 de maio de 2016.

Horario: das 9.00 ás 20.00 horas e das 9.00 ás 14.00 horas.

Certificado de asistencia: ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixidas por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 21 de marzo de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública