Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 12 de abril de 2016 Páx. 13095

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de abril de 2016 pola que se adaptan e se habilitan electronicamente os procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O Consello da Xunta aprobou o 27 de febreiro de 2014 o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega) co obxectivo de acadar unha Administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar no período 2014-2016 os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Como primeira actuación contida no Plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías para a habilitación de procedementos aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013, actualizadas con posterioridade e, se for o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta medida foi configurada como unha liña prioritaria de actuación polo Goberno galego posto que existen procedementos administrativos que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011; DOG núm. 138, do 23 de setembro), aínda recollían a presentación exclusivamente presencial por parte das súas persoas destinatarias. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Neste marco, e desde o inicio do Plan Achega, os traballos de revisión e habilitación na sede electrónica foron as seguintes:

– Mediante a Orde do 2 de xullo de 2014 (DOG nº 132, do 14 de xullo) foron adaptados e incorporados á sede electrónica da Xunta de Galicia 58 procedementos de prazo aberto da Presidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza logo de revisar un total de 99.

– A través da Orde do 22 de abril de 2015 (DOG nº 77, do 24 de abril), 109 procedementos da Consellería do Medio Rural e do Mar habilitáronse electronicamente logo de revisar un total de 145.

– A través da Orde do 31 de xullo de 2015 (DOG nº 146, do 4 de agosto), 42 procedementos da Consellería de Traballo e Benestar dun total de 88 foron incorporados para a súa presentación electrónica.

– A través da Orde do 22 de outubro de 2015 (DOG nº 204, do 26 de outubro), 51 procedementos da Consellería de Economía, Emprego e Industria foron incorporados á sede electrónica dun total de 225.

A continuación, e seguindo a planificación establecida, levouse a cabo a revisión de todos os procedementos, tanto de prazo aberto como de prazo pechado, correspondentes á Consellería de Infraestruturas e Vivenda que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda non lles foron aplicadas as pautas de simplificación existentes na actualidade.

En concreto, foron revisados 95 procedementos, o que deu como resultado o seguinte:

– 47 procedementos foron dados de baixa por non seren utilizados, por estaren obsoletos ou por seren refundidos. En concreto, 29 corresponden a procedementos de prazo aberto, dos cales 17 danse de baixa por extinción e 12 por refundición noutros co obxecto de simplificar e facilitar o seu uso polos cidadáns. As restantes 18 baixas corresponden a procedementos de prazo pechado.

– 48 procedementos foron preparados para admitir a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde. Ademais, cómpre destacar que 3 destes procedementos son novos e que derivan de dous procedementos que foron refundidos e de dous que foron desagregados coa finalidade de clarificar e facilitar o seu uso e tramitación polos cidadáns.

Así pois, a partir da entrada en vigor desta orde, un total de 48 procedementos novos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

Como alternativa, en todos eles tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Ademais, a Xunta de Galicia puxo recentemente á disposición das unidades tramitadoras de procedementos administrativos un sistema para realizar o envío e a xestión de notificacións electrónicas, con xeración de comprobantes da entrega por parte da persoa emisora e a recepción por parte da persoa destinataria, conforme a normativa vixente.

Deste xeito, en 18 dos 48 procedementos habilitados coa presente orde e que corresponden á Dirección Xeral de Mobilidade, as persoas interesadas poderán manifestar a súa vontade de que as notificacións que se efectúen sexan realizadas de forma electrónica. Progresivamente, os restantes procedementos irán admitindo tamén a posibilidade de enviar as notificacións electronicamente.

Á vista do exposto e en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que figuran no anexo desta orde.

Así mesmo, para os ditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode solicitar para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ), de conformidade co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.es/chave365 ).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo común.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para isto, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 4. Información do estado da tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación dos procedementos, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido así como a data en que foron ditados, estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións que se efectúen nos procedementos habilitados nesta orde deberán realizarse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas nos procedementos que así o admitan só se poderán efectuar cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ( https://sede.xunta.es ). De acordo coa normativa vixente en materia desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e darase por efectuado o trámite seguindo o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto, que figuran no anexo da presente orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

ANEXO
Procedementos habilitados electronicamente a través da presente orde: (48)

• Xa existentes (45):

Código

Denominación

IF205A

Instalación en estrada.

IF205D

Acceso a estrada ou vía de servizo.

IF205F

Construción de beirarrúa.

IF205G

Conservación de edificación.

IF205H

Construción de edificación.

IF205I

Cruzamento con tubaxe subterránea.

IF205J

Corta.

IF205K

Movemento de terras.

IF205M

Tendido paralelo e cruzamento aéreos.

IF205N

Construción de peche.

IF205U

Conexión a rede de abastecemento de auga e/ou de saneamento.

IF205X

Instalación de sinais informativos.

IF205Y

Cruzamento por obras de fábrica.

IF205Z

Condución paralela.

IF206B

Informe sobre licenza en zona urbana.

IF207B

Reversión de expropiación.

IF301K

Prórroga de transporte regular temporal a praias.

IF301L

Certificación para matriculación e expedición de permiso de circulación ou cambio de titularidade.

IF301P

Autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF301S

Autorización para a prestación de servizos regulares permanentes de viaxeiros por estrada mediante a utilización dun mesmo vehículo (solapamento).

IF302A

Concentración de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302B

Transmisión de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302C

Adscrición de vehículos a contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302D

Incremento anual ordinario ou modificación extraordinaria de tarifas de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302E

Modificación das condicións da explotación dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

IF302H

Autorización de transporte público regular de uso especial-escolar a centros públicos.

IF304A

Visado de autorizacións de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF305A

Transmisión de autorizacións de transporte público.

IF307A

Baixa de autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF320A

Inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

IF320B

Modificación de datos no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

VI409B

Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

VI409C

Autorización de amortización anticipada total de vivenda protexida de promoción pública.

VI409D

Autorización de amortización anticipada parcial de vivenda protexida de promoción pública.

VI427B

Autorización para percibir cantidades á conta.

VI427C

Autorización de modificación de proxectos.

VI428C

Inscrición no Rexistro de Demandantes de Vivendas de Galicia.

VI433B

Procedemento especial de innovación tipolóxica e construtiva.

VI436A

Depósito de fianza de arrendamento.

VI436B

Cancelación de fianza de arrendamento.

VI436C

Concesión do réxime de concerto para o depósito de fianzas.

VI436D

Cancelación do depósito e devolución de fianza depositada en réxime de concerto.

VI436E

Cambio de réxime xeral a réxime de concerto.

VI470B

Inscrición no directorio de axentes colaboradores en materia de rehabilitación.

VI471A

Renda básica de emancipación.

• Procedementos novos (3):

Código

Denominación

IF301Q

Cambio de residencia de autorización de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF301R

Autorización ou rehabilitación de transporte e de actividades auxiliares e complementarias.

IF302I

Autorización de transporte público regular de uso especial (escolar, obreiros, lugares de lecer, outros).