Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2016 Páx. 13674

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2016, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero establece, no seu artigo 27, o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais teñen especiais dificultades para obter un emprego. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o cal se pretende facilitar a súa integración social.

En aplicación da disposición derradeira cuarta desta lei aprobouse o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, que se xustifica na necesidade de concretar os factores que inflúen na capacidade de inserción profesional das mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén nas posibilidades de modulación da contía da axuda en atención ás distintas circunstancias en que se poden encontrar as vítimas. Estas axudas fináncianse con cargo aos orzamentos xerais do Estado, polo que o importe dos pagamentos será reembolsado polo ministerio competente na súa integridade; non obstante, a concesión correspóndelles ás administracións competentes en materia de servizos sociais. Así, o artigo 40 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, determina que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, regulará as bases da convocatoria e tramitará as axudas que se definan na lexislación estatal, segundo o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas para a protección integral contra a violencia de xénero.

Por outra banda, o Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións regulado no artigo 43 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, indica que a Xunta de Galicia concederá indemnizacións a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou das e dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que non poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e perdas causados, que resultarán fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede no territorio galego. Estas indemnizacións aboaranse cando exista constatación xudicial de incumprimento do deber de satisfacelas por insolvencia económica e este incumprimento comporte unha situación de precariedade económica.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade; na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas previstas nos anteditos preceptos legais e convócanse para o ano 2016.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, réxime e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión das axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2016.

2. A finalidade das axudas establecidas na antedita lei orgánica é proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; a das indemnizacións previstas na lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Artigo 2. Tipos de axudas

As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:

1. Axudas dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego –axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero–.

2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou ás e aos menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas –indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero–.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2016, no caso da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e o 31 de outubro de 2016 para a indemnización recollida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 4. Orzamento

Para a concesión destas axudas destínase crédito polo importe e nas aplicacións seguintes:

– Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 400.000 euros na aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0, código de proxecto: 2015 00180.

– Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 45.000 euros na aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.1, código de proxecto: 2015 00150.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 5. Contía das axudas

1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

1.1. O importe desta axuda será, con carácter xeral, equivalente ao de seis meses do subsidio por desemprego vixente.

1.2. O importe desta axuda será equivalente a doce meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese a cargo un familiar ou menor acollido/a.

b) Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, tivese unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.

1.3. O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo un familiar ou menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, ela ou a persoa dependente.

1.4. O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, ela ou algunha das persoas dependentes.

b) Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido/a con quen conviva tivese recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %.

2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A contía da indemnización que se aboará será, sen prexuízo do disposto no seguinte parágrafo, a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento tras a declaración de insolvencia do obrigado a esta, excluídos os xuros de mora.

A contía máxima da indemnización establécese en 6.000 €, excluídos os xuros de mora, por cada persoa beneficiaria.

Artigo 6. Requisitos

1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Para ser beneficiaria desta axuda, a solicitante deberá reunir na data de solicitude da axuda e manter ata o momento en que se resolva a dita solicitude os seguintes requisitos:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero. Esta condición acreditarase con algún dos documentos establecidos no artigo 8.1.a) destas bases reguladoras.

b) Non convivir co agresor.

c) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

d) Ter especiais dificultades para obter un emprego, que se acreditará a través do informe do Servizo Público de Emprego recollido no artigo 10 destas bases.

e) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

Non poderán ser beneficiarias as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibiran esta axuda ou a axuda periódica establecida no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, con anterioridade.

2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Poderán ser beneficiarias destas indemnizacións as mulleres, maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero, nas cales concorran as seguintes circunstancias:

a) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia.

b) Ter dereito á percepción dunha indemnización, por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento.

d) Que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida, segundo o establecido no artigo 7.2.

e) Non convivir co agresor.

3. Unha vez presentada a solicitude da axuda prevista nesta resolución, a obriga de manter o empadroamento e a residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia ata a resolución da súa solicitude poderá estar exceptuada, para ambas as axudas, no caso daquelas mulleres que por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional, sempre que se xustifique con carácter previo esta circunstancia a través dun informe dos servizos de acollida ou dos servizos sociais da Administración pública galega autonómica ou local.

Artigo 7. Regras para o cálculo da contía das axudas

1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Segundo o disposto no artigo 4 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non obstante, se a solicitante da axuda tivese responsabilidades familiares segundo o establecido no artigo 11, entenderase que cumpre o requisito de carencia de rendas cando a renda mensual do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75 % do salario mínimo interprofesional. No suposto de que a solicitante perciba axudas ao abeiro da Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, estas deberán computarse como ingresos.

2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a persoa beneficiaria, divididos polo número de membros que a compoñen, non superen o importe do IPREM vixente.

3. Consideraranse rendas ou ingresos computables calquera ben, dereito ou rendemento derivado do traballo, do capital mobiliario ou inmobiliario, incluíndo os incrementos de patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por fillo/a ou menor acollido/a a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o 50 % do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas. As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes, computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.

Artigo 8. Solicitudes e documentación

1. Axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

A solicitude da axuda deberá presentarse no modelo do anexo I, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero.

As situacións de violencia de xénero que dan lugar ao recoñecemento do dereito a esta axuda económica acreditaranse coa orde de protección a favor da vítima, cando esta estea en vigor; coa sentenza condenatoria definitiva, ou definitiva e firme, que conteña medidas de protección vixentes que acrediten a actualidade da situación de violencia e, excepcionalmente, co informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a denunciante é vítima de violencia de xénero, mentres non se dite a orde de protección.

b) No caso de que a solicitante teña ao seu cargo polo menos un familiar por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao, deberá achegar a documentación que se relaciona a seguir:

1. Copia cotexada do libro de familia ou doutro documento que acredite os vínculos familiares da solicitante coas persoas ao seu cargo.

2. Se houber convivencia cos familiares a cargo, presentarase fotocopia cotexada do documento de asistencia sanitaria da Seguridade Social da vítima en que se recoñeza a condición de beneficiarios/as dos/das familiares ao seu cargo, ou calquera outro documento que acredite a convivencia (informe social, certificado de empadroamento conxunto...).

3. De non existir convivencia, presentarase fotocopia cotexada do convenio ou resolución xudicial en virtude dos cales exista obriga de alimentos.

Nos casos de menores acollidas/os a cargo, deberán achegar copia cotexada da resolución administrativa ou xudicial acreditativa da dita situación, nos supostos en que esta for expedida por unha Administración distinta á Xunta de Galicia, ou cando, aínda sendo expedida pola Xunta de Galicia, non autorizase expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

c) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, de ser o caso (nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio...). No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación se se autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

d) No caso de discapacidade da solicitante e/ou das/dos familiares a cargo ou menores acollidas/os, copia cotexada da certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que for expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias e se autorizase expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

e) Copia cotexada do DNI ou NIE en vigor da solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

f) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario, en vigor, só no caso de non autorizar a consulta de datos de residencia legal de persoas extranxeiras do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso de que ao órgano xestor non lle for posible a consulta dos anteditos datos, poderá requerirlle á solicitante a copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario en vigor.

g) Certificado de empadroamento da solicitante só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de residencia.

h) De ser o caso, autorización dos membros da unidade familiar de convivencia para a consulta dos datos que constan en poder do Servizo Público de Emprego Estatal (anexo II).

2. Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

A solicitude deberá presentarse no modelo do anexo I, asinada pola persoa solicitante ou o/a representante legal, de ser o caso, xunto coa seguinte documentación:

a) Testemuño da resolución xudicial firme, ou copia cotexada desta, que recoñeza o dereito a unha indemnización por danos e perdas froito dunha situación de violencia de xénero.

b) Testemuño da resolución xudicial, ou copia cotexada desta, que recoñeza a insolvencia do debedor.

c) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, de ser o caso (nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio...). No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación se se autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

d) Copia cotexada do DNI ou NIE en vigor da solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

e) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario, en vigor, só no caso de non autorizar a consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso de que ao órgano xestor non lle for posible a consulta dos anteditos datos, poderá requerirlle á solicitante a copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario en vigor.

f) Certificado de empadroamento da solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de residencia.

g) De ser o caso, autorización dos membros da unidade familiar de convivencia para a consulta dos datos que constan en poder do Servizo Público de Emprego Estatal (anexo II).

h) No caso de que a persoa solicitante sexa un/unha menor de idade que dependa dunha muller que sufra violencia de xénero ou unha persoa maior de idade que dependa económica e/ou asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero, deberá acreditarse a dita dependencia mediante copia cotexada do libro de familia e informe dos servizos sociais, resolución xudicial de custodia ou calquera outro documento que acredite suficientemente esta circunstancia. No caso de que a solicitante sexa unha persoa en situación de dependencia, de acordo coa definición establecida no artigo 2 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, deberá presentar ademais copia cotexada do certificado expedido polo órgano competente de ter recoñecido, polo menos, o grao I de dependencia ou unha discapacidade igual ou superior ao 65 %.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, os protocolos e o tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se producise nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que se lle xuntan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento. No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación se se autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 10. Informe do Servizo Público de Emprego

O informe do Servizo Público de Emprego, segundo dispón o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, deberá facer constar que a muller solicitante desta axuda, debido á súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e ás circunstancias sociais, non vai mellorar de forma substancial a súa empregabilidade pola súa participación nos programas de emprego específicos establecidos para a súa inserción profesional.

Para estes efectos, na elaboración do itinerario persoal de inserción laboral, valorarase cada un dos factores mencionados no punto anterior e a incidencia conxunta destes na capacidade de inserción profesional da vítima e sobre a mellora da súa empregabilidade.

Na apreciación da idade teranse en conta aquelas idades das cales o Servizo Público de Emprego, de acordo coa súa experiencia, poida inferir a dificultade para a inserción laboral.

Polo que se refire ás circunstancias relativas á preparación xeral ou especializada da vítima, consideraranse, fundamentalmente, aqueles supostos de total falta de escolarización ou, se é o caso, de analfabetismo funcional.

Na valoración das circunstancias sociais atenderanse as relacionadas coa situación de violencia sufrida e a súa repercusión na participación ou no aproveitamento dos programas de inserción, co grao de discapacidade recoñecido e calquera outra que, a xuízo do Servizo Público de Emprego competente, poida incidir na empregabilidade da vítima.

Artigo 11. Responsabilidades familiares e convivencia

Consonte o establecido no artigo 7 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, existirán responsabilidades familiares cando a beneficiaria teña ao seu cargo, polo menos, un familiar por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, co cal conviva. Non se considerarán a cargo os/as familiares con rendas de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

As responsabilidades familiares deberán concorrer no momento da solicitude, excepto no suposto de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes. Neste suposto procederá revisar a contía da axuda percibida, de acordo co disposto no artigo 16 destas bases reguladoras, para adecuala á cantidade que lle correspondería se, na data da solicitude, concorresen esas responsabilidades.

Entenderase que existe convivencia cando esta se atope interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero.

Non será necesaria a convivencia cando exista obriga de alimentos, en virtude de convenio ou resolución xudicial. Presumirase a convivencia, salvo proba en contrario, cando as/os familiares teñan recoñecida a condición de beneficiarias/os de asistencia sanitaria da Seguridade Social no documento que apareza estendido a nome da vítima.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no suposto de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá a solicitante para que no prazo de dez (10) días achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixer no prazo indicado, se dará por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos, formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

7. Durante a tramitación do procedemento, o órgano instrutor reunirá a información necesaria co obxecto de comprobar que, antes de ditarse a resolución de concesión da axuda, se manteñen os requisitos para ser beneficiaria, especialmente no caso das axudas do artigo 2.1, que as medidas de protección seguen en vigor e que a solicitante non reiniciou a convivencia co agresor.

8. No caso das axudas do punto 1 do artigo 2 desta resolución, á solicitude incorporarase o informe do Servizo Público de Emprego, solicitado directamente pola Secretaría Xeral da Igualdade, para acreditar que a participación en programas de formación e/ou emprego non vai incidir de xeito substancial na mellora da empregabilidade da beneficiaria.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario. De producirse o esgotamento de crédito nunha data en que existan varias solicitudes que cumpran os requisitos para a concesión da axuda, establécense os seguintes criterios de prioridade e por esta orde para a súa resolución:

1º. Menores ingresos brutos en cómputo mensual, segundo o artigo 7 da presente resolución.

2º. Maior grao de discapacidade da solicitante e/ou das/dos familiares e/ou menores acollidos/as a cargo.

3º. Maior número de familiares e/ou menores acollidos/as a cargo.

4º. Maior idade da solicitante.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, as interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Pagamento das axudas

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, segundo a resolución de concesión.

2. O pagamento da axuda regulada nesta disposición farase unicamente na conta que as solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artículo 16. Revisión da contía

1. No caso de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes á solicitude, segundo o previsto no artigo 11, parágrafo segundo, a beneficiaria poderá solicitar a revisión da contía no prazo de tres meses desde o nacemento, para o cal deberá achegar a seguinte documentación:

– Copia cotexada da partida de nacemento da filla/o ou fillas/os que motivan a solicitude da revisión, ou do libro de familia en que figuran.

– No caso de concorrer discapacidade nalgunha das fillas ou fillos nados con posterioridade á concesión da axuda, copia cotexada da certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que for expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias e se autorizase expresamente a Secretaría Xeral da Igualdade para o acceso telemático aos seus datos, non obstante deberá facer constar tal situación na solicitude de revisión.

2. Á solicitude de revisión seralle aplicable todo o procedemento xeral previsto para a tramitación destas axudas.

Artigo 17. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. No caso das indemnizacións establecidas no artigo 2.2 desta resolución, de producirse o pagamento total ou parcial desa indemnización por parte do obrigado a satisfacela dentro dos catro anos seguintes á concesión da axuda, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicalo á Secretaría Xeral da Igualdade e a devolver total ou parcialmente, segundo o caso, a indemnización percibida, no prazo de dez días contado desde que se realizase o pagamento.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación, sen prexuízo do disposto no segundo parágrafo do artigo 19.

Artigo 19. Reintegro

1. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivese a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivasen a súa concesión. Para a tramitación do expediente declarativo de reintegro haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. No caso das indemnizacións establecidas no artigo 2.2 desta resolución, procederá tamén o reintegro das cantidades percibidas cando se producise o pagamento total ou parcial desa indemnización por parte do obrigado a satisfacela dentro dos catro anos seguintes á concesión da axuda e a persoa beneficiaria non o comunicase á Secretaría Xeral da Igualdade e non devolvese total ou parcialmente, segundo o caso, a indemnización percibida.

3. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da axuda concedida.

Artigo 20. Incompatibilidades

1. Coa excepción establecida no parágrafo seguinte deste artigo, as axudas reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades como por calquera entidade privada destinada para o mesmo fin.

2. A axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, é compatible coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual.

3. Por teren distinta finalidade, a axuda económica e a indemnización reguladas nesta resolución serán compatibles entre si.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Violencia de xénero, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a igualdade@xunta.es

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es/portada), ou da Secretaría Xeral da Igualdade (http://www.mulleresengalicia.es), do teléfono 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.es

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento, e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, o cal se fará por escrito achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Igualdade, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 23. Publicidade

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 18.3.d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 24. Infraccións e sancións

As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Artigo 25. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunidado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade instará a tramitación das modificacións orzamentarias necesarias para recoñecer as obrigas e realizar os pagamentos correspondentes ás axudas aprobadas en cumprimento do disposto no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Disposición adicional segunda

As solicitudes recibidas no prazo establecido na Resolución do 25 de marzo de 2015 pola que se regulan as bases reguladoras para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o desenvolvemento adecuado e o cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2016

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file