Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 18 de abril de 2016 Páx. 13940

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de abril de 2016 pola que se establecen as bases do programa Deseñando o teu futuro e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da mocidade.

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

O artigo 7 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia, de cara á planificación xeral dos programas relacionados coa educación e coa execución de políticas transversais de educación a favor da mocidade, coordinará accións e medidas de apoio, dirixidas á educación formal como á non formal. E constitúe un obxectivo prioritario, entre outros, desta planificación o apoio da educación non formal da mocidade como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente.

A Consellería de Política Social considera prioritario apoiar a formación da mocidade para que adquiran coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento persoal e futura formación, facilitando un primeiro contacto coa realidade laboral do seu contorno. Deste xeito, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado leva a cabo a promoción e organización de actividades no ámbito da educación non formal, entre as cales se inclúe un programa de aproximación dos mozos e mozas galegos de entre 14 e 18 anos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que se acheguen á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías-visitas en distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas, e facilitar, deste xeito, unha experiencia que lle permita decidir a súa traxectoria formativa profesional.

Así mesmo, esta convocatoria sométese ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e Lei 2/2007, do 28 de marzo, e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión de axudas enmarcadas no programa Deseñando o teu futuro e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. A finalidade das axudas é financiar os proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Poderán solicitar estas axudas, ao abeiro destas bases reguladoras:

A) Entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia, que presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das entidades que as conforman.

B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as axudas que regula esta orde. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

B.I. Ningún concello ou entidade local dos sinalados nos puntos anteriores poderá:

a) Presentar a solicitude de subvención se o fixo unha entidade local en que estean integrados ou da cal dependan.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

O incumprimento destas normas dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta. No caso de figurar en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.

B.II. Aquelas solicitudes conxuntas presentadas en calquera das modalidades previstas nos puntos anteriores nas cales non se acredite suficientemente a realización conxunta do proxecto obxecto de subvención, e que supoñan realmente actuacións independentes de cada entidade local, non serán admitidas a trámite.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Serán excluídas as persoas e entidades solicitantes que estean nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. Os proxectos para os cales se solicite axuda deberán responder aos seguintes criterios:

a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.

b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2016.

c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo

d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 30.

2. Os proxectos constarán de tres fases:

a) Organización e planificación (que inclúe, entre outros, o proceso selectivo e a busca de empresas de acollida para as estadías-visitas).

b) A realización das estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas en Galicia (incluirá a titorización e o seguimento das estadías)

c) Avaliación e o seguimento posterior (inclúe a visualización que se lle dará ao proxecto, en particular, e ao programa Deseñando o teu futuro, en xeral).

3. No proxecto expresarase con claridade o número de participantes, a duración das estadías-visitas, a xornada diaria de cada estadía e a estimación do número de horas de actividades complementarias, se as houber, ademais doutros aspectos que serán obxecto de baremación segundo o que establece o artigo 11.

4. Só se poderá presentar un proxecto por entidade solicitante.

5. Deberase ter en conta, á hora da redacción do proxecto e de cara á súa posterior xustificación, o disposto no artigo 15 desta orde.

6. Calquera das actividades desenvolvidas será de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas, etc.

7. A entidade beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas ditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda o cincuenta por cento do proxecto subvencionado.

Artigo 4. Orzamento

1. A concesión das axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario e realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. A distribución inicial de créditos farase do seguinte xeito:

– 42.820 euros para entidades locais a cargo da aplicación 12.05.313A.460.0.

– 24.485 euros para entidades sen ánimo de lucro, a cargo da aplicación 12.05.313A.481.0.

3. De se produciren remanentes de crédito nunha das partidas indicadas no punto anterior, poderán reasignaranse as contías sobrantes na outra.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

A cantidade subvencionable a cada entidade calcularase a razón de:

– 6 euros por participante/día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza.

– 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas, entre os cales se inclúen: os preparativos da organización, proceso selectivo, busca de empresas de acollida, información tanto ás empresas como ás distintas asociacións e ás persoas participantes, titorías antes, durante e despois das estadías-visitas, asistencia e supervisión dos participantes; adopción de acordos específicos para garantir a calidade das estadías-visitas e gastos de seguros de accidentes e de responsabilidade civil dos/as mozos/as participantes.

Artigo 6. Incompatibilidades das axudas

Estas axudas son incompatibles con calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, destinadas a actividades similares, durante o período de realización do proxecto.

Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que algunha entidade beneficiaria percibiu outra ou outras axudas incompatibles coa outorgada sen efectuar a correspondente renuncia, poderá exixir o reintegro desta axuda.

Artigo 7. Solicitudes

1. Presentación de solicitudes:

A) As entidades sen ánimo de lucro deberán presentar as solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia ou o sistema de identificación con usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

B) No caso de que as entidades solicitantes sexan entidades locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Non se admitirán as solicitudes que non se presenten por medios electrónicos, conforme o sinalado no parágrafo anterior.

B.I. A solicitude poderá formalizala:

a) O/a alcalde/sa-presidente/a ou a persoa en quen delegue.

b) O/a presidente/a da mancomunidade ou a persoa en quen delegue.

c) O/a representante legal da entidade resultante da fusión de municipios ou a persoa en quen delegue.

d) O/a representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supostos previstos no artigo 2.1.B) desta orde, soamente un/unha deles/delas en representación dos/as demais, logo de autorización de cada un dos concellos.

En calquera dos casos, a persoa solicitante deberá ser autorizada e designada polo Pleno, pola Xunta de Goberno local da entidade peticionaria ou por un decreto da Alcaldía.

B.II. Se é o caso, nas solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local deben indicar expresamente cal destas entidades debe considerarse como representante ou a cal deben dirixirse as actuacións administrativas. En ausencia de designación expresa, considerarase como tal a entidade local que figure en primeiro lugar.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.es .

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico teufuturo.ctb@xunta.es .

3. Documentación complementaria.

A) No caso de entidades sen ánimo de lucro, a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

B) No caso de entidades locais a documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a entidade interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.

6. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Artigo 8. Documentación

1. Todas as entidades interesadas deberán presentar a solicitude normalizada segundo o modelo establecido no anexo I e deberán ir acompañadas da seguinte documentación xeral:

a) Proxecto de actividades.

b) Cando se dispoña deles, presentaranse os acordos específicos con centros educativos, as ANPA e asociacións empresariais ou de comerciantes para garantir a calidade das estadías-visitas.

c) Cando se dispoña deles, presentaranse os acordos cos distintos sectores das empresas ou entidades públicas ou privadas onde se realizarán as estadías-visitas. Os acordos estarán asinados tanto pola entidade que presenta o proxecto como pola empresa ou entidade pública ou privada, e neles constará o compromiso para realizar as estadías-visitas.

2. Deberán presentar, ademais, a seguinte documentación específica:

A) As entidades sen ánimo de lucro:

a) Copia do NIF da entidade, só no caso de que se denegue a súa presentación.

b) Copia do DNI/NIE do presidente ou presidenta da entidade, só no caso de que non se autorice a súa consulta.

c) Acreditación da súa lexitimación como presidente ou presidenta e representante da entidade, mediante a certificación do secretario ou secretaria da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección no momento da presentación da solicitude.

d) Documentación xustificativa de que ten sede permanente ou domicilio social en Galicia.

B) Os concellos, mancomunidades, agrupacións de concellos ou entidades resultantes da fusión de municipios:

a) Certificado do secretario ou secretaria que recolla o acordo do órgano competente, de solicitude da subvención e se nomee un/unha representante, se procede.

b) Certificación do secretario/a de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

c) Para os municipios que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2.1.B) desta orde, o documento en que se acorde a colaboración dos concellos, no cal se incluirá o nomeamento da persoa que actuará como representante e o certificado dos/as secretarios/as dos acordos do Pleno ou da Xunta de Goberno en que autorizan o concello a que actúe como representante de todos eles para a petición da subvención.

d) No caso de entidades locais que presenten a solicitude mediante a fórmula de mancomunidade ou agrupación de concellos, debe achegarse declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma por parte de cada un dos concellos integrados nesta (neste caso, empregarase o modelo que se inclúe na convocatoria como anexo II). Deberá xuntarse co anexo II a copia do DNI da persoa representante de cada concello, só no caso de que non autoricen a súa consulta.

Artigo 9. Emenda de defectos

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado requirirá a entidade solicitante para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, logo da resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

Artigo 10. Comisión de avaliación e órgano instrutor

1. A comisión de avaliación estará integrada polos/as seguintes membros:

Presidenta: a subdirectora xeral de Programas para a Xuventude, ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Programas e Mobilidade Xuvenil.

– A xefa da Sección de Programas Europeos

– Un/ha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. A comisión de avaliación poderá solicitar das persoas interesadas a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación dos proxectos.

4. Unha vez avaliados todos os proxectos admitidos a trámite, a comisión de avaliación correspondente emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación e a prelación dos proxectos por orde decrecente de puntuación.

No mesmo informe, determinaranse os proxectos que non foron admitidos a trámite e a causa da dita inadmisión.

5. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas para a xuventude.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A concesión da subvención realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva, atendendo aos seguintes criterios:

Puntuación máxima

1. Adopción de acordos específicos entre centros educativos, as ANPA e as asociacións empresariais ou de comerciantes para garantir a calidade das estadías-visitas:

1 acordo _______________ 8 puntos

2 acordos ______________ 10 puntos

3 acordos ______________ 12 puntos

4 ou máis acordos _______ 14 puntos

14

2. Dispor de empresa/s de acollida das estadías-visitas no momento de realizar a solicitude:

1 empresa _______________ 4 puntos

2 empresas ______________ 6 puntos

3 empresas ______________ 8 puntos

4 ou máis empresas _______10 puntos

10

3. Número de mozos/as participantes no proxectos:

De 1 a 5 participantes_____1,5 puntos

De 6 a 10 participantes____ 2 puntos

De 11 a 15 participantes___2,5 puntos

De 16 a 20 participantes___ 3 puntos

De 21 a 25 participantes___3,5 puntos

De 26 a 30 participantes___ 4 puntos

4

4. Duración das estadías:

De 5 días hábiles__________ 1 punto

De 6 a 8 días hábiles _______ 2 puntos

De 9 a 12 días hábiles ______ 3 puntos

De 13 a 15 días hábiles _____ 4 puntos

4

5. Número de horas da xornada diaria:

De 4 a 5 horas ___________ 2 puntos

De 5 a 6 horas ___________ 4 puntos

4

6. Número de sectores do mercado laboral que comprende a actuación:

2 sectores______________ 2 puntos

3 sectores______________ 3 puntos

Máis de 3 sectores_______ 4 puntos

4

7. Actividades complementarias ás estadías-visitas que contribúan a mellorar a preparación dos/as mozos/as na busca de emprego ou na iniciativa emprendedora.

15

8. Sistemas de titorías e supervisión das persoas participantes, que inclúan información e apoio aos mozos/as.

15

9. Emprego da lingua galega: na preparación, desenvolvemento, execución e visualización do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer.

5

I. Presentación da solicitude por unha mancomunidade ou agrupación de concellos, excluíndo a modalidade de fusión municipal.

1. Pola presentación da solicitude conxunta nos termos e requisitos recollidos no artigo 2.1.B) desta orde de convocatoria.

10

20

2. Por cada un dos concellos que se asocien para formular a solicitude, 2 puntos adicionais.

10

II. Ás entidades resultantes dos procesos de fusión de municipios a través da alteración de termos municipais, a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que presenten a solicitude conxunta para obter a axuda a través desta orde de convocatoria outorgaránselles 40 puntos adicionais. Esta puntuación é excluínte da reflectida no punto anterior.

40

Artigo 12. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas.

Ditaranse dúas propostas de resolución, unha para as entidades sen ánimo de lucro e outra para as entidades locais e cada unha delas constará de:

a) As entidades solicitantes para as cales se propón a concesión da axuda, coa axuda máxima concedida. Esta concesión efectuarase, consonte a orde de prelación establecida no informe da comisión de avaliación, ata esgotar o crédito orzamentario correspondente en cada caso.

b) As entidades solicitantes cuxas solicitudes non foron admitidas a trámite ou foron excluídas e a súa causa.

2. As entidades solicitantes que non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario correspondente pasarán a conformar unha lista de reserva, que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no punto 4.

3. A relación provisional de entidades excluídas, a de admitidas e mais a lista de espera, coa puntuación obtida e a cantidade adxudicada, serán publicadas na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado http://xuventude.xunta.es .

As persoas interesadas terán o prazo dos 10 días hábiles posteriores á data da exposición pública da relación provisional para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da resolución definitiva na mesma páxina web.

4. No caso de se produciren renuncias a estas axudas por parte das persoas e entidades beneficiarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión destas aos beneficiarios e beneficiarias incluídos na lista de reserva prevista no punto anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

5. Desde o 1 de agosto de 2016, malia a existencia das listas de espera, non se realizarán novas propostas de resolución para que se poidan rematar os proxectos das estadías-visitas no prazo máximo previsto (15 de novembro de 2016).

Artigo 13. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, quen, por delegación do conselleiro de Política Social e logo da fiscalización da Intervención, ten a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución, que se notificará ás entidades solicitantes no prazo de cinco meses desde a publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite unha resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación da resolución realizarase exclusivamente a través de súa publicación na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

3. A resolución comprenderá o acto de outorgamento da axuda, que será efectiva desde o día seguinte á súa publicación.

4. Malia o anterior, para a efectividade da resolución, as entidades beneficiarias das axudas deberán presentar mediante correo electrónico dirixido a teufuturo.ctb@xunta.es .

a) O anexo III cuberto, en que se acepte ou renuncie á axuda, no prazo de 10 días hábiles, contados desde o seguinte á publicación da resolución de concesión, en calquera dos lugares e rexistros indicados no artigo 7.

Se a entidade beneficiaria acepta a axuda marcará o cadro correspondente e indicará o número de conta bancaria de que sexa titular (código IBAN).

Cando se queira solicitar o pagamento anticipado do gasto previsto no artigo 16.2 terá que xustificalo no mesmo anexo III marcando o cadro previsto para o efecto.

b) O/os acordo/s coa/coas entidade/s ou empresa/s públicas ou privadas, cando non se presentaran xa coa solicitude, no prazo de vinte días hábiles contados desde o seguinte á publicación da resolución de concesión. Os acordos estarán asinados polas dúas partes, e neles constará o compromiso para realizar as estadías-visitas.

5. As entidades beneficiarias que non presenten en prazo a documentación indicada no punto anterior, necesaria para a efectividade da resolución, decaerán no seu dereito e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado declarará a perda do dereito á axuda, sen que esta declaración dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizatorio para a persoa ou entidade interesada. A resolución que declare a perda do dereito publicarase na páxina web http://xuventude.xunta.es .

6. A Consellería de Política Social reserva para si o dereito de controlar e comprobar a execución do proxecto de actividades cando o considere conveniente, así como de divulgar e de dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

7. En todo caso, a concesión das subvencións quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

8. As entidades solicitantes que resultasen non admitidas ou que renunciasen á axuda disporán dun mes de prazo, desde o día seguinte á publicación da resolución, para retirar a documentación presentada, logo de solicitala por escrito dirixido ao órgano instrutor. Transcorrido este prazo, arquivarase o expediente.

Así mesmo, a partir do 1 de agosto, as entidades en lista de espera que non fosen propostas como beneficiarias tamén poderán retirar a documentación presentada, logo de presentar a solicitude e no mesmo prazo dun mes.

9. A resolución ditada neste procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución ou do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto (artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Realizar a totalidade do proxecto que fundamenta a concesión da axuda, por si mesmas, ou en todo caso respectar os límites que para a subcontratación establece o artigo 3.7 desta orde, posto en relación cos artigos 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o 43 do seu regulamento.

2. Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a realización do proxecto, nos termos establecidos no artigo 15.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o proxecto subvencionado. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Política Social.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias – estatais e autonómicas – e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

10. Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico teufuturo.ctb@xunta.es .

11. Subscribir unha póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil, para dar cobertura ás persoas participantes durante as estadías-visitas.

12. Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado as modificacións substanciais do proxecto concedido, sobre todo no que incida na minoración do número de participantes, os días da estadía-visita e o número de horas da xornada diaria.

13. Cumprir a obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de decembro.

Artigo 15. Xustificación da axuda

1. Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, as entidades beneficiarias procederán, ata o 30 de novembro de 2016, a xustificar a totalidade do proxecto avaliado pola comisión.

2. A documentación deberá presentarse na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Todas as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo IV debidamente cuberto e asinado, que consta de:

– Gastos de manutención e desprazamento da mocidade participante, con relación detallada de:

• Nome, NIF, sexo, idade e localidade onde reside a persoa participante.

• Nome do centro educativo e estudos que cursou, cando proceda. Noutro caso, estudos rematados.

• Nome do centro de traballo onde se realizan as estadías-visitas e sector do mercado laboral a que pertence.

• Número de días de duración das estadías e número de horas da xornada diaria.

• Total importe por participante.

– Gastos derivados da organización do proxecto, incluídos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes, con relación detallada do número, data e importe da factura, nome do acredor, concepto do gasto e data do pagamento.

b) Certificado emitido pola empresa/entidade pública ou privada en que constará a efectiva realización das estadías-visitas, así como o período en que se desenvolveron, o número de horas por día e as actividades levadas a cabo.

c) Autorización dos/das titores/as legais ou pais/nais da mocidade participante menor de idade para efectuar as estadías-visitas non remuneradas.

d) Memoria das actividades realizadas no proxecto de Deseñando o teu futuro, que constará de:

– Resumo explicativo da realización efectiva do proxecto nas súas 3 fases: preparación, execución e avaliación de resultados (deberá incluír reportaxe fotográfica ou audiovisual do desenvolvemento das actividades e unha mostra dos carteis empregados, se for o caso. Nestas reportaxes só se poderán identificar aquelas persoas participantes menores de idade para as cales os seus pais ou súas nais ou titores/as legais prestasen a debida autorización).

– Nome da persoa ou persoas encargadas de desenvolver o proxecto, con indicación do nome e apelidos e funcións ou tarefas que desenvolveron.

– Explicación de como se fixo a difusión das actividades e a visibilidade do proxecto. Indicación das páxinas web e/ou redes sociais utilizadas para a súa difusión pública e, de ser o caso, achegarase a referencia das aparicións do proxecto nos medios de comunicación social.

– Xustificación do emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer.

– Calquera outra información que se considere preciso incluír para obter unha visión global da avaliación do proxecto. Describiranse as dificultades e os apoios que se presentaron na execución do proxecto.

e) Declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos entes ou sociedades.

f) Declaración de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. No caso de que non sexa autorizado ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegar a declaración de estar ao día no cumprimento das obrigas.

4. No caso de entidades sen ánimo de lucro, presentarán, ademais, a seguinte documentación:

a) Memoria económica en que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro del.

b) Acreditación dos gastos e pagamentos efectuados, mediante:

– Facturas orixinais dos gastos realizados ou documentos equivalentes. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, selados e asinados polo beneficiario, polo que todas as facturas deberán presentarse xunto co correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xuntarse, ademais, acreditación da súa titularidade. A dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade.

– Respecto dos gastos de manutención e desprazamento que fosen satisfeitos directamente ás persoas participantes, as entidades sen ánimo de lucro deberán presentar copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do pagamento onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu NIF/NIE e o concepto polo cal se retribúe.

– Respecto dos seguros, as entidades sen ánimo de lucro deberán presentar copias compulsadas dos xustificantes bancarios de pagamento das pólizas de seguros de accidentes e responsabilidade civil dos/as mozos/as participantes no proxecto das estadías-visitas.

– Respecto á xustificación dos gastos correspondentes ao persoal, achegarán necesariamente as copias compulsadas das nóminas xunto cos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social e o modelo 111. Canto ás partidas que se refiran a colaboracións de carácter temporal, figurarán os recibos bancarios onde consten os datos da perceptora ou perceptor, o seu NIF/NIE, o concepto polo cal se retribúe e a retención correspondente ao IRPF.

– Cando se trate de persoas que colaboren en programas a cambio dunha gratificación, deberán presentarse as copias compulsadas dos recibos bancarios xustificativos do gasto, nas cales constará o nome do programa ou actividade, así como os datos persoais que identifiquen a persoa colaboradora.

5. As entidades locais beneficiarias deberán presentar o custo real do proxecto realizado mediante a unha conta xustificativa expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, na cal se faga constar, como mínimo, de forma detallada o seguinte:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) O informe da intervención da entidade local, ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade, dos gastos realizados e que figuran na conta xustificativa da subvención, polos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación:

– Identificación do/da acredor/a.

– Número de factura ou documento equivalente.

– Importe, data de emisión.

– Data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos, e de acordo co artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, considerarase gasto realizado cando teña contabilizado o recoñecemento da obriga o órgano competente da entidade local. As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. Non obstante, no caso de realizarse pagamentos anticipados como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, considerase gasto realizado o que foi efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado pola normativa reguladora da subvención.

6. Os órganos competentes da Consellería de Política Social poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación que consideren oportunos. No caso de que a entidade beneficiaria non os remita dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 16. Pagamento da axuda

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida.

2. De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, faránselles anticipos de pagamento do 80 % como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención a aquelas entidades que, unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente, da forma e no prazo establecido no artigo 13.4.a) desta orde de convocatoria.

Artigo 17. Reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial nos termos e supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas no artigo 14 desta orde.

b) Incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, incorrecta ou fóra de prazo, tendo en conta neste caso os prazos adicionais outorgados pola lei ou dos requirimentos efectuados. Todo isto nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta orde.

c) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impidan.

d) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos asumidos por estes, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, en que se realiza a actividade, en que se executa o proxecto ou en que se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Reintegro proporcional ata un máximo dun 10 % do gasto subvencionable da epígrafe de gastos de organización no caso de incumprimento parcial das condicións establecidas no proxecto concedido.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES 82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Incumprimentos e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación de solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, publicará na súa páxina web a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

Segundo o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídas nun ficheiro denominado «Relacións coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante esta Secretaría Xeral mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo Edifico Administrativo San Caetano 15781, Santiago de Compostela, ou a través do enderezo electrónico sxt.politica.social@xunta.es .

Artigo 22. Publicidade

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Política Social na directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Requirimento de documentación

A Consellería de Política Social poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa estea en poder da administración actuante.

Disposición adicional terceira. Ampliación dos créditos

A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2016 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file