Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2016 Páx. 15351

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria e da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2015/16.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 20.3 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas ao finalizar o terceiro curso de educación primaria, segundo dispoñan as administracións educativas, e no seu artigo 21 establece que, ao finalizar o sexto curso de educación primaria, se realizará unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas, na cal se comprobará o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como o logro dos obxectivos da etapa.

O Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 12 prevé a realización das avaliacións individualizadas a todos os alumnos e as alumnas ao rematar o terceiro curso de educación primaria e ao rematar o sexto curso de educación primaria, e establece que para a avaliación utilizaranse como referentes os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables que figuran nos seus anexos I, II e III.

O Real decreto 1058/2015, do 20 de novembro, regula as características xerais das probas da avaliación final de educación primaria establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 4 dispón que o deseño, aplicación e corrección das probas corresponde ás administracións educativas competentes, que deben garantir as condicións adecuadas de aplicación e cualificación destas.

De acordo co calendario de implantación establecido na disposición derradeira quinta da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, na disposición derradeira primeira do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, e na disposición derradeira primeira do Real decreto 1058/2015, do 20 de novembro, polo que se regulan as características xerais das probas da avaliación final de educación primaria establecida na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, corresponde implantar a avaliación final de educación primaria no curso 2015/16.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no artigo 22 atribúelle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, entre outras competencias e funcións, a organización de probas específicas que deriven da normativa xeral ou específica, nos niveis educativos non universitarios de Galicia.

En consecuencia, como director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto ditar as instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria e da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2015/16.

Estas avaliacións individualizadas terán carácter censual e aplicaranse a todo o alumnado que no curso 2015/16 estea realizando terceiro curso de educación primaria ou sexto curso de educación primaria en centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade das avaliacións individualizadas

1. De conformidade cos números 7 e 8 do artigo 12 do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, a avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

A avaliación final de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de adquisición da competencia en comunicación lingüística, da competencia matemática e das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como o logro dos obxectivos da etapa.

2. As avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria e de final de educación primaria teñen carácter informativo e orientador para os alumnos e alumnas e familias, equipos docentes, centros e Administración educativa. Complementan a información que reciben e orientan a toma de decisións na elaboración de plans de mellora. En consecuencia, deben servir para:

– Achegar información individualizada de cada alumno ou alumna avaliado sobre o seu progreso no grao de adquisición das competencias obxecto de avaliación e contribuír á detección de dificultades na aprendizaxe.

– Achegar información e orientar os centros educativos para que, en función dos resultados obtidos polo seus alumnos e alumnas, cada centro adopte as medidas necesarias que redunden na mellora do proceso educativo.

– Achegar información ás familias e á Administración educativa sobre o progreso da aprendizaxe do alumnado que contribúa a orientar a toma de decisións e o establecemento de medidas encamiñadas á mellora educativa.

Terceiro. Competencias obxecto de avaliación

1. Na avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria avaliarase a competencia en comunicación lingüística e a competencia matemática.

2. Na avaliación de final de educación primaria avaliarase a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, así como o logro dos obxectivos da etapa.

Os referentes para a valoración do grao de adquisición das devanditas competencias serán os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables para terceiro curso e para sexto curso de educación primaria, recollidos nos anexos I e II do Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico de educación primaria, e nos anexos I e III do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Características xerais das probas

1. A Administración educativa proporcionará aos centros docentes os materiais necesarios e o soporte informático para que poidan realizar as avaliacións individualizadas.

2. As probas estarán constituídas por cadernos de alumnado para cada unha das competencias obxecto de avaliación e cuestionarios de contexto dirixidos ao profesorado titor, á dirección do centro, ao alumnado e ás súas familias. Estes cuestionarios permitirán obter información sobre as condicións socioeconómicas e culturais dos centros para a contextualización dos resultados obtidos.

Os cuestionarios de contexto realizaranse preferentemente en formato dixital, sen prexuízo de que as familias o poidan realizar en formato papel.

3. As probas de avaliación final de educación primaria agruparanse en tres ámbitos: competencia en comunicación lingüística, en relación coas áreas de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e Primeira lingua estranxeira, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, e a súa configuración xeral será a establecida no artigo 4 do Real decreto 1058/2015, do 20 de novembro.

4. Con carácter xeral, na avaliación final de educación primaria as probas da competencia matemática realizaranse en castelán e as das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, en galego. No caso de ter sido solicitado polos pais, nais ou titores legais poderán ser realizadas na outra lingua cooficial.

5. Na avaliación final de educación primaria estará exento da realización da proba de competencia en comunicación lingüística en lingua galega e literatura o alumnado que teña concedida unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación nesta área no presente curso escolar.

Quinto. Aplicación e corrección das probas

1. As probas aplicaranse en todos os grupos de terceiro curso e de sexto curso de educación primaria conforme as instrucións que dite a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. As probas de avaliación individualizada de terceiro curso procurarase que sexan aplicadas por mestres e mestras que impartan docencia aos alumnos e alumnas avaliados en áreas distintas das avaliadas.

Con carácter xeral deberán ser corrixidas por profesorado do centro que imparta en educación primaria as áreas de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, ou Matemáticas, pero que non imparta docencia aos alumnos e alumnas avaliados. Cando isto non sexa posible, correspóndelle á comisión de coordinación de avaliación do centro seleccionar os mestres e mestras responsables da aplicación e da corrección.

3. As probas de avaliación final de educación primaria, con carácter xeral, serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

4. No proceso de corrección aplicaranse os criterios establecidos para cada competencia avaliada.

Sexto. Datas das avaliacións

1. A aplicación das probas da avaliación final de educación primaria realizarase os días 11, 12 e 13 de maio.

2. A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 24 e 25 de maio.

3. No caso de que algún centro non poida realizar algunha das probas nas datas establecidas nos puntos anteriores, por coincidir cun día non lectivo no centro ou por circunstancias sobrevidas que imposibiliten a súa realización, a dirección do centro afectado comunicarao á inspección correspondente e á comisión local establecida no punto 9.1 desta resolución, cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao inicio da proba. A comisión, oída a inspección do centro, adoptará as medidas necesarias para realizar as probas nunha data inmediatamente posterior.

4. No desenvolvemento do proceso destas avaliacións, os centros educativos contarán co apoio da plataforma informática Avaldia.

O rexistro de datos na plataforma informática rematará o día 31 de maio inclusive para a avaliación final de educación primaria e o día 3 de xuño inclusive para a avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria.

Sétimo. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

1. Estableceranse as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización das probas se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

2. Con carácter xeral, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que requira unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, realizará a mesma proba que o resto do alumnado, e estableceranse as medidas necesarias para que as condicións de realización da avaliación se adapten ás súas necesidades. As medidas poderán consistir na adaptación de tempos para a realización da proba, a presentación da proba en formatos adaptados e a posta á disposición do alumnado de medios materiais e axudas técnicas que precisen.

O alumnado que leve escolarizado no sistema educativo galego menos dun curso escolar completo e cuxa competencia lingüística non sexa suficiente para a comprensión da proba contará co asesoramento lingüístico necesario do seu profesorado, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

3. O alumnado que teña autorizada unha adaptación curricular será avaliado de acordo con esa adaptación, polo que os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe que figuren na súa adaptación curricular serán os referentes para a dita avaliación e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

4. A elaboración, aplicación e corrección das probas adaptadas a cada alumno ou alumna a que se refire o punto anterior, así como a elaboración do correspondente informe individualizado, será responsabilidade do titor ou titora, contando co asesoramento do resto do equipo docente, da persoa responsable da orientación educativa no centro e coa colaboración do profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe.

5. Para aquelas situacións extraordinarias en que se formule dúbida sobre a aplicación da proba de avaliación ao alumno ou alumna, correspóndelle á comisión de coordinación da avaliación establecida no punto décimo desta resolución, oído o titor ou titora do alumno ou alumna, resolver se se debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada. De ser o caso, esa decisión farase constar mediante dilixencia no informe do dito alumno ou alumna.

Oitavo. Comisións de coordinación das avaliacións

Para o desenvolvemento das avaliacións individualizadas estableceranse dous niveis de coordinación vinculados ás actuacións que se deben desenvolver: unha comisión local de avaliación en cada unha das sedes territoriais de Inspección educativa e unha comisión de coordinación da avaliación no centro.

Noveno. Comisións locais de avaliación

1. Constituirase unha comisión local de avaliación final de educación primaria en cada unha das sedes territoriais de Inspección educativa formada por tres funcionarios ou funcionarias de carreira do corpo de inspectores de educación e, cando menos, dous directores ou directoras de centros públicos ou, de ser o caso, dous profesores ou profesoras funcionarios, todos eles designados pola persoa titular da xefatura territorial de educación correspondente.

2. Corresponde a cada comisión local de avaliación no seu ámbito territorial respectivo:

a) Facilitar toda a información necesaria aos centros do seu ámbito para a realización da avaliación.

b) Coordinar a realización da avaliación nos centros.

c) Coordinar os procesos de corrección, rexistro de resultados e cualificación das probas de avaliación.

d) Resolver as solicitudes de revisión de resultados obtidos na avaliación final de educación primaria elevadas á comisión logo de resolta a revisión no centro.

3. As comisións locais de avaliación constituiranse coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase súa constitución á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

4. As comisións locais de avaliación estarán auxiliadas por todos os inspectores e inspectoras da sede territorial de inspección correspondente e polo persoal docente dos centros en que se realice esta avaliación.

Décimo. Comisión de coordinación das avaliacións nos centros educativos

1. Constituirase unha comisión de coordinación das avaliacións individualizadas de terceiro curso e de final de educación primaria en cada centro educativo formada polo director ou directora do centro, que a presidirá, o xefe ou xefa de estudos, de ser o caso, o xefe ou xefa do departamento de orientación, de ser o caso, un profesor titor ou profesora titora de terceiro curso e un profesor titor ou profesora titora de sexto curso de educación primaria, segundo corresponda, nomeados pola dirección do centro.

2. Esta comisión será a encargada no centro de:

a) Informar a comunidade educativa do centro sobre o sentido e a finalidade da avaliación individualizada de terceiro curso e da avaliación final de educación primaria.

b) Planificar e facilitar as condicións e medios materiais para a correcta realización das avaliacións.

c) Planificar e coordinar todo o proceso das avaliacións no centro e garantir que se realizan de modo adecuado.

d) Seleccionar o persoal docente responsable da aplicación e corrección das probas, de acordo co disposto nos puntos quinto e sexto desta resolución.

e) Comunicar á comisión local correspondente o persoal docente seleccionado que auxiliará a dita comisión na avaliación final de educación primaria.

f) Adoptar todas as medidas necesarias para a realización da avaliación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, para aquelas situacións extraordinarias para as cales se formule dúbida, resolver se ao alumno ou alumna se lle debe aplicar a proba xeral establecida para todo o alumnado ou procede a elaboración e aplicación dunha proba adaptada.

g) Custodiar os materiais das avaliacións e garantir a debida confidencialidade.

h) Garantir o rigor e a obxectividade no desenvolvemento de todo o proceso das avaliacións.

i) Organizar a entrega dos informes de resultados aos pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas e a difusión da información sobre os resultados das avaliacións entre a comunidade educativa do centro.

j) Elevar á comisión local correspondente informe acerca das solicitudes de revisión dos resultados obtidos na avaliación final de educación primaria.

k) Colaborar coa Administración educativa, coa comisión local correspondente e cos servizos de Inspección educativa naqueles aspectos do proceso para os cales sexa requirida.

3. A comisión de coordinación das avaliacións no centro constituirase coa entrada en vigor da presente resolución e comunicarase á súa constitución á inspección educativa correspondente.

Décimo primeiro. Informes

1. A Administración educativa fará constar o nivel obtido por cada alumno ou alumna nun informe individual, que será entregado aos pais, nais ou titores legais e trasladado aos centros en que o alumnado vaia proseguir a súa escolaridade. Este informe terá carácter informativo e orientador para os centros en que cursasen terceiro e/ou sexto curso de primaria e para aqueles centros en que vaian cursar o seguinte curso escolar, así como para os equipos docentes, os pais, nais ou titores legais do alumnado.

2. Os centros educativos obterán un informe de resultados de cada alumno ou alumna que realizou a proba xeral das avaliacións individualizadas de terceiro curso e/ou de final de educación primaria en que se recollerá información sobre os seus resultados globais nas destrezas e competencias avaliadas.

3. O titor ou titora deberá informar os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas dos resultados das avaliacións individualizadas en relación co grao de adquisición das competencias avaliadas e das medidas adoptadas.

4. Os centros educativos obterán un informe de centro en que se recollerá información sobre resultados de centro e de grupo en cada unha das destrezas e competencias avaliadas.

Décimo segundo. Revisión dos resultados das probas de avaliación final de educación primaria

1. Os pais, nais ou titores legais dos alumnos e alumnas poderán solicitar a revisión dos resultados obtidos na avaliación final de educación primaria mediante o modelo facilitado polo centro educativo. A solicitude presentarase no centro educativo onde o alumno ou alumna realizou a proba no prazo de tres días lectivos, contados desde o seguinte a aquel en que teña lugar a comunicación fidedigna dos resultados.

2. O director ou directora do centro trasladará a solicitude aos correctores que deberán adoptar a correspondente decisión nun prazo máximo de tres días lectivos. A dirección do centro, á vista da decisión adoptada polos correctores, resolverá no prazo máximo de dez días lectivos desde a presentación da solicitude de revisión. A resolución será comunicada por escrito aos pais, nais ou titores legais do alumno ou alumna e porá fin á revisión no centro docente. Ao mesmo tempo serán informados do dereito a solicitar revisión ante a comisión local de avaliación correspondente no prazo de dez días.

3. A revisión consistirá na comprobación de que non existen erros materiais ou aritméticos no cálculo da cualificación e que os criterios xerais de avaliación e específicos de corrección se aplicaron correctamente.

Décimo terceiro. Análise dos resultados nos centros educativos

Os centros educativos, a través dos seus órganos colexiados, realizarán unha análise dos resultados obtidos polo seu alumnado nas avaliacións individualizadas de terceiro curso e de final de etapa e unha reflexión interna para establecer as accións de mellora pertinentes, que serán incorporadas á súa programación xeral anual.

De resultar desfavorable esta avaliación, o equipo docente deberá adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis adecuadas. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan solucionar as dificultades, en colaboración coas familias e mediante recursos de apoio educativo.

Décimo cuarto. Control do proceso

A Administración educativa supervisará a aplicación e a corrección das probas das avaliacións individualizadas.

A Administración educativa, a través da Inspección educativa, requirirá dunha mostra significativa de centros, os materiais das avaliacións individualizadas, co fin de realizar unha segunda corrección que contribúa ao control da calidade do proceso.

Correspóndelle á Inspección educativa supervisar e velar polo correcto desenvolvemento das avaliacións individualizadas nos centros educativos do seu ámbito e facer o seu seguimento, participar na corrección de contraste e asesorar os centros na toma de decisións posteriores á realización da proba.

Décimo quinto. Participación do profesorado

De acordo co establecido no artigo 142 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, os equipos directivos e o profesorado dos centros docentes participarán e colaborarán coas administracións educativas nas avaliacións que se realicen nos seus centros.

Décimo sexto. Datos de carácter persoal

Para o tratamento dos datos de carácter persoal aplicarase o disposto na disposición adicional vixésimo terceira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal serán incluídos nun ficheiro denominado avaliación do sistema educativo cuxa finalidade é xestionar os plans e probas que se realizan para contribuír a mellorar a calidade e equidade da educación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: sxt.cultura.educacion@xunta.es.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2016

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa