Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 26 de abril de 2016 Páx. 15323

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 8 de abril de 2016 pola que se convoca a concesión de subvencións complementarias da Comunidade Autónoma de Galicia para as persoas promotoras de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, establece as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O seu artigo 4.2 establece que as subvencións deste decreto, con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolvan.

Ademais, o artigo 4.3 dispón que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

De conformidade co disposto no artigo 4.3 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, e no artigo 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións foron aprobadas polo Decreto 402/2009, do 22 de outubro (Diario Oficial de Galicia número 217, do 5 de novembro), no que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Artigo 2. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para a anualidade 2016, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, subvencións destinadas a favorecer a construción de aloxamentos protexidos.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.770.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o ano 2016, por importe de 21.000 €.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas ou xurídicas promotoras de aloxamentos protexidos que reúnan os requisitos establecidos nos artigos 35 e seguintes do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, polo que se regula o Plan estatal de vivenda e rehabilitación 2009-2012, e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro. A promoción terá que contar con cualificación definitiva emitida con anterioridade ao 31 de decembro de 2012.

2. Para resolver sobre estas subvencións teranse en conta as circunstancias acreditadas no expediente de cualificación.

Artigo 5. Contía das subvencións

A contía será de 200 euros por cada metro cadrado de superficie útil protexida do aloxamento e de superficie útil protexida destinada a servizos comúns, a cal non poderá exceder o 30 % do total da superficie útil dos aloxamentos. As axudas fraccionaranse en función do número de aloxamentos alugados.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, salvo que xa estean en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a promoción.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365) .

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderanse asinar as seguintes autorizacións:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de persoa representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de 7 de xullo de 2009, que o desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar a copia do DNI ou NIE.

7. No modelo de solicitude realizaranse, ademais, as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou concedesen outras axudas, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude e documentos que se acheguen son certos.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do seu representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante.

c) Certificados acreditativos de acharse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Nota simple ou certificación rexistral da anotación no Rexistro da Propiedade da cualificación definitiva dos aloxamentos protexidos, para o suposto de non a ter presentado con anterioridade no mesmo expediente de cualificación.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda corresponderalle á área provincial do IGVS onde estea situada a promoción. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 11. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciarase, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da presente convocatoria.

2. Se a solicitude ou documentación presentadas non reúnen os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou xunte os documentos preceptivos, e advírteselle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da xefatura da correspondente área provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 3 desta orde, resolverá o que conforme o dereito proceda.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O prazo para a interposición deste recurso será dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 13. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude de subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade na data da cualificación definitiva. No caso de igualdade da data da cualificación definitiva, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no Rexistro da Área Provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quede validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e xuntárense a totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das subvencións

1. De conformidade co artigo 33 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, a subvención xustificarase unha vez obtida a cualificación definitiva e asinados os correspondentes contratos de arrendamento ou ocupación dos aloxamentos, que deberán estar visados polo IGVS.

2. O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta que sinalen para o efecto.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumpriren coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude, o IGVS poderá realizar as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 16. Compatibilidade e incompatibilidade

Esta subvención é compatible con outras axudas ou subvencións que a persoa beneficiaria poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que lle corresponden nesta orde, así como as doutras administracións ou organismos públicos, outorgadas para a mesma finalidade, non poderá superar o prezo, custo ou orzamento protexido das actuacións comprendidas nesta convocatoria.

Artigo 17. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 8 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Artigo 18. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a planificacion.igvs@xunta.es.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Disposición adicional segunda. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados por vía electrónica accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file