Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 28 de abril de 2016 Páx. 15682

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 8 de abril de 2016 pola que se convoca a concesión de subvencións para as persoas adquirentes, adxudicatarias ou promotoras individuais para uso propio de vivenda, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

O artigo 4.2 do citado decreto establece que as subvencións con cargo a fondos finalistas do Estado, xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financien con fondos propios da Comunidade Autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás disposicións que a desenvolven. Ademais, no artigo 4.3 disponse que o importe das axudas se establecerá mediante ordes de convocatoria anuais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Estas axudas teñen por obxecto facilitar o primeiro acceso á vivenda en propiedade e están dirixidas ás persoas adquirentes, ás persoas adxudicatarias de vivendas promovidas en réxime de cooperativa e ás persoas promotoras individuais de vivendas para uso propio, que conten co financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Para a concesión destas subvencións é preciso que a persoa solicitante formalizase un préstamo convido do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012, e que cumpra o resto dos requisitos establecidos nesta orde.

A exixencia, como requisito para acceder a estas axudas, da formalización dun préstamo convido dentro do devandito intervalo de datas obedece ás dispoñibilidades orzamentarias e á previsión que fai a Administración das persoas solicitantes que puideron formalizar o préstamo convido nese intervalo.

De conformidade co disposto no artigo 4.3 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, e no artigo 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións foron aprobadas polo Decreto 402/2009, do 22 de outubro (DOG núm. 217, do 5 de novembro), en que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, para o período 2009-2012.

Artigo 2. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar para a anualidade 2016, a través dun procedemento en réxime de concorrencia non competitiva, subvencións destinadas a afrontar os gastos derivados da adquisición, da adxudicación ou da promoción individual de vivenda para uso propio, por parte de persoas que obtivesen financiamento cualificado do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións que se convocan mediante esta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451B.780.1, do orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o ano 2016, por importe de 493.900 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas físicas:

a) As adquirentes de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

b) As adquirentes de vivendas libres de prezo limitado, así como de vivendas usadas.

c) As adxudicatarias de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral promovidas en réxime de cooperativa.

d) As promotoras individuais para uso propio de vivendas de protección autonómica de réxime especial ou xeral.

2. En todo caso, será requisito necesario que as persoas beneficiarias estean acollidas ao sistema de financiamento para o primeiro acceso á vivenda en propiedade do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, así como ter formalizado un préstamo convido entre o 6 de novembro de 2009 e o 31 de decembro de 2012 e, ademais:

a) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, que conten coa escritura pública de compravenda ou adxudicación inscrita no Rexistro da Propiedade, onde conste, separadamente, o prezo da vivenda e de cada un dos anexos, se os tiver.

b) Cando se trate de persoa promotora individual para uso propio de vivenda protexida, que conte coa resolución de cualificación definitiva da vivenda.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións aquelas en que concorran algunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tampouco aquelas que obtivesen con anterioridade as mesmas axudas que se convocan nesta orde.

4. As circunstancias persoais da persoa solicitante e da súa unidade familiar que se terán en conta para resolver sobre estas subvencións serán as acreditadas no expediente polo que se outorgou o financiamento estatal, así como as acreditadas na documentación indicada no artigo 8 desta orde.

Para a tramitación destas solicitudes terase en conta a documentación xa presentada polas persoas solicitantes na súa solicitude de financiamento estatal, sen que sexa preciso volver a achegala.

Artigo 5. Contía das subvencións

1. Ás persoas beneficiarias con dereito a protección preferente, de acordo co establecido no artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, excepto no suposto previsto na súa letra l), correspóndenlles unha axuda de 2.000 euros. Se se acredita a pertenza a máis dun colectivo dos establecidos nese artigo, a subvención será de 2.000 euros por cada un deles. As familias numerosas de cinco ou máis fillos terán unha axuda adicional de 2.000 euros.

2. Ás persoas solicitantes con ingresos familiares que non excedan 1,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) nas cales concorra a circunstancia sinalada na letra l) do citado artigo 1.2 do Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, relativo ás persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como ás persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade corresponderalles, como subvención, o 25 % do prezo total da vivenda que figura na correspondente escritura de compravenda ou adxudicación ou, no caso de promoción individual para uso propio, da suma dos valores da edificación e do solo que consten na escritura de obra nova. Nestes casos, a subvención terá un límite de 17.000 euros. Estes colectivos non se poderán acoller ás axudas recollidas no punto 1 deste artigo.

Os requisitos de ser persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, así como das persoas emigrantes retornadas nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade acreditaranse mediante informe social do concello e por certificación do organismo competente en materia de emigración, respectivamente.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. Coas solicitudes deberanse achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se for o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para iso o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderanse asinar as seguintes autorizacións:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

c) Para consultar os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase presentar o certificado de empadroamento.

7. No modelo de solicitude realizaranse, ademais, as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou concedesen outras axudas, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

f) Declaración de que todos os datos da solicitude e documentos que se acheguen son certos.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) Copia do DNI ou NIE da persoa representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

c) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

e) Certificados acreditativos de acharse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

f) Certificación da entidade de crédito en que se indique que a persoa solicitante obtivo o préstamo convido ao abeiro do Plan de vivenda e rehabilitación 2009-2012, a súa data de formalización e o seu importe.

g) No caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias, copia da escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a adquisición da vivenda.

h) No caso de persoas sen fogar ou procedentes de operacións de erradicación do chabolismo, o informe social e económico do concello sobre a familia afectada, así como da súa situación legal de residencia e da súa capacidade de integración.

i) Declaración responsable, de ser o caso, de ter a condición de emigrantes galegos retornados nos dous anos anteriores ao momento da solicitude e que se atopen en especial situación de necesidade, a efectos da solicitude de informe da Secretaría Xeral de Emigración.

k) De ser o caso, anexo II de autorización da persoa ou persoas copropietarias da vivenda.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Órganos competentes para instruir e resolver o procedemento

A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda corresponderalle á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 11. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, terase por desistida da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da correspondente Xefatura da Área Provincial do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido no artigo 3 desta orde, resolverá o que, segundo dereito, proceda.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 13. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de formalización da escritura do préstamo convido. No caso de igualdade da data de formalización da escritura do préstamo convido, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da Área Provincial do IGVS, onde estea situada a vivenda. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde.

Artigo 14. Xustificación do gasto subvencionable

De conformidade co artigo 38 do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, a subvención xustificarase, no caso de persoas adquirentes ou adxudicatarias de vivenda, cando se achegue a escritura pública inscrita no Rexistro da Propiedade que acredite a transmisión da vivenda e a obtención do préstamo convido e no caso de promotores/as individuais de vivenda para uso propio, mediante a resolución de cualificación definitiva da vivenda e a acreditación da obtención do préstamo convido.

Artigo 15. Pagamento das subvencións

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta que sinalen para o efecto.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ademais de cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Desde o momento da presentación da solicitude, poderán realizar o IGVS as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

Artigo 17. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Esta subvención é compatible con outras axudas ou subvencións que a persoa beneficiaria poida obter de calquera Administración ou entidade pública ou privada.

Non obstante, a suma das axudas financeiras estatais e as que lle corresponden nesta orde, así como ás doutras administracións ou organismos públicos, outorgadas para a mesma finalidade, non poderá superar o prezo máximo de adquisición da vivenda obxecto de axuda por esta convocatoria.

2. No caso de que a adquisición, a adxudicación ou a promoción individual para uso propio dunha vivenda se fixese en réxime de cotitularidade, só se concederá unha subvención por vivenda.

Artigo 18. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de 13 xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Artigo 19. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a planificacion.igvs@xunta.es

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, no Real decreto 2066/2008, do 12 de decembro, e no Decreto 402/2009, do 22 de outubro.

Disposición adicional segunda. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión desta axuda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file