Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15834

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de abril de 2016 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2016.

O artigo 5.5 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, modificado pola disposición derradeira primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas favorecerán o exercicio do dereito de asociación dos pais, así como a formación de federacións e confederacións para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara, no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade Autónoma galega para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial mediante a subvención dos gastos ocasionados polas citadas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións.

En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 18 de xaneiro).

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvencionar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos legalmente constituídas e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial, desde o 1 de xaneiro de 2016 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Artigo 2. Requisitos

Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de pais de alumnos, así como as asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3. Financiamento das axudas

O importe que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será de setenta e tres mil seiscentos setenta e catro euros con dous céntimos (73.674,02 €), cantidade que procede de fondos propios da Comunidade Autónoma e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para esta finalidade. Non obstante, o importe destas axudas poderá incrementarse se, antes da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, se recibe unha transferencia do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para esta mesma finalidade, e así se publica no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo á partida 10.60.423A.481.0 dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2016.

Artigo 4. Destino das axudas

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

Artigo 5. Solicitude e documentación

O modelo de solicitude que figura como anexo I a esta orde conterá os datos actualizados do solicitante e deberá ir acompañado da seguinte documentación:

a) Orzamento desagregado de cada unha das actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

b) Plan de actividades para as cales se solicita a axuda, facendo constar unha breve memoria por cada unha das actividades.

c) Copia certificada do acordo do órgano competente polo que se decide solicitar a axuda.

d) Para as federacións, relación das asociacións de pais de alumnos que as integran. Para as confederacións, relación das asociacións de pais de alumnos e das federacións que as integran.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vai acompañada da preceptiva documentación; en caso contrario requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que deben achegarse, e advírteselle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e procederase ao seu arquivamento sen máis trámite, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 9. Comisión de valoración das axudas

Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Centros.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Centros.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Xestión de Programas Educativos.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura da Sección de Programas Educativos.

O/a funcionario/a da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Artigo 10. Distribución das axudas

A distribución das axudas farase do seguinte xeito:

a) As confederacións recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha do 10 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

b) As federacións de ámbito provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 2 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

c) As federacións de ámbito inferior ao provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 1,5 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

d) As confederacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de federacións e asociacións de pais de alumnos que as integran. O importe por cada federación confederada non excederá o 1,5 % do importe total da convocatoria. O importe por cada ANPA confederada non excederá o 0,5 % do importe total da convocatoria.

e) Todas as federacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de asociacións de pais de alumnos que as integran. O importe por ANPA federada non excederá o 0,5 % do importe total da convocatoria.

f) As asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial recibirán unha contía que será igual para todas as asociacións e que non excederá para cada unha o 1,5 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

Non obstante, poderanse superar as porcentaxes anteriores se, de acordo co número de solicitudes presentadas e as porcentaxes máximas indicadas, non é posible a distribución total do importe da convocatoria. O incremento será proporcional ás porcentaxes máximas establecidas para as contías fixas e variables fixadas nas letras a) a f) deste mesmo artigo.

Artigo 11. Resolución de concesión

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

A resolución de concesión das axudas, ditada polo titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non se ditase resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben as entidades interesadas poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 23/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Xustificación e pagamento

O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para poderen dar curso aos libramentos, as entidades beneficiarias presentarán, antes do 31 de outubro de 2016, a xustificación dos gastos realizados, mediante orixinais ou copias compulsadas de facturas e/ou nóminas e acreditación documental de que se efectuou o seu aboamento.

Ademais, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo II (declaracións cos datos actualizados), e terán que estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A xustificación indicada nos dous parágrafos anteriores será enviada no prazo mencionado á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Subdirección Xeral de Centros, Servizo de Xestión de Programas Educativos, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 13. Control e comprobacións das axudas

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir da entidade solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polas entidades peticionarias.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada pola entidade solicitante á citada dirección xeral.

Artigo 14. Obrigas da entidade beneficiaria

A entidade beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a mencionada Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxcentros@edu.xunta.es

Artigo 16. Publicidade da convocatoria

Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das actividades realizadas ao abeiro desta orde que realicen as confederacións, federacións e asociacións deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Artigo 17. Causas de reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Lexislación

Esta orde adáptase ao texto articulado da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e haberá que aterse ao disposto nela no non previsto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Autorizacións

Facúltase o titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Recursos

Contra esta orde as entidades interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Vixencia

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file