Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15916

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2016 pola que se comunica a modificación, pola normativa básica estatal, do prazo de presentación da solicitude única de axudas PAC/DR 2016.

A disposición derradeira primeira da Orde do 29 de xaneiro de 2016, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 20, do 1 de febreiro), faculta a directora do Fondo Galego de Garantía Agraria, no ámbito das súas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución desta orde.

Mediante a Orde AAA/583/2016, do 21 de abril, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, pola que se amplía o prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2016, establecido no artigo 96 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, establécese no seu artigo único que no ano 2016 o prazo de presentación da solicitude única a que se refire o artigo 96 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, finalizará o 15 de maio de 2016, incluído.

Por tanto, o prazo para a presentación en Galicia da solicitude única de axudas PAC/DR 2016 concluirá o 15 de maio de 2016, incluído.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria