Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Mércores, 4 de maio de 2016 Páx. 16688

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 12 de abril de 2016 pola que se convoca proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de química.

De conformidade co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 34/2015, do 5 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 (Diario Oficial de Galicia número 47, do 10 de marzo), modifícase o anexo do Decreto 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, respecto das tres (3) prazas do corpo facultativo superior da Xunta (subgrupo A1), escala de químicos, no sentido de que unha (1) praza se convocará mediante o proceso extraordinario de consolidación previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, e na disposición transitoria décimo cuarta do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

O 4 de maio de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, cuxa disposición adicional novena declara extinguida coa súa entrada en vigor a escala de químicos. De acordo coa dita disposición, o persoal funcionario pertencente á escala de químicos intégrase na nova escala de ciencias, especialidade de química, do corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co anterior, o proceso selectivo extraordinario de consolidación derivado da oferta de emprego público para o ano 2014 convócase para o ingreso na escala de ciencias, especialidade de química.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia número 239, do 15 de decembro), esta consellería, en uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo extraordinario de consolidación previsto na disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, para o ingreso no corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de química.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir unha (1) praza do corpo facultativo superior, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de química. O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (en diante TRLEBEP), a disposición transitoria décimo cuarta do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos/as candidatos/as.

Para seren admitidos/as ao proceso selectivo, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionarios/as de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título de licenciado/a en química, enxeñeiro químico ou graduado nunha titulación equivalente da rama de ciencias.

Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.6. Non poderán participar no proceso selectivo as persoas que xa pertencen á escala e especialidade de funcionarios obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

1. Forma de cubrir a solicitude.

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»-«Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, a que se refire a base I.1.2, deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Estes aspirantes poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para realizar os exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto 154/2014, do 11 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Os/as solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2. Forma de aboar as taxas.

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta/o de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a/o solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se encontren:

Discapacitados:

– Certificado de discapacidade.

Familia numerosa ordinaria ou especial:

– Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde polo menos seis meses antes da data da convocatoria.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRX-PAC).

Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

• Non exenta/o de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial:

– Deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

Sen certificado dixital:

– Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

– Poderán realizar o pagamento con cargo á conta do/a titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da LRX-PAC.

Para a devolución da taxa aboada os/as solicitantes deberán figurar como excluídos/as nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso dos solicitantes admitidos provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, das 8.30 ás 20.00 horas, de luns a venres, e os sábados das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do documento nacional de identidade, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que estarán expostas.

I.4.2. As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública, que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza aos/ás aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento de publicación no DOG do nomeamento do tribunal do proceso conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, máis cinco (5) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha delas será a correcta, correspondentes á parte xeral e específica do programa.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número de temas que integran o programa.

O exercicio terá unha duración máxima de dúas (2) horas.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas se descontará unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non será anterior ao 15 de outubro de 2016.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

Os/as aspirantes deberán realizar por escrito un suposto práctico de desenvolvemento que elixirán entre dous (2) propostos polo tribunal sobre os temas que integran a parte específica do programa.

Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios. En relación con estes, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes ao remate do exercicio publicarase no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal o suposto práctico en que consistía o exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Os aspirantes deberán desenvolver por escrito tres (3) temas, a elixir entre seis (6), obtidos mediante sorteo polo tribunal de entre os que forman a parte específica do programa.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas e media.

O exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 10 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para obter esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.4. Cuarto exercicio, que constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán para o galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego para o castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima de unha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter o resultado de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentos de realizar este exercicio os/as aspirantes que acrediten que dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posuían o Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán ser presentados polos aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das/os opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo/a primeiro/a da letra «B», de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2014 (DOG número 27, do 10 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución da mesma consellería do 13 de xaneiro de 2014 (DOG número 15, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2014.

II.1.2.2. Os/as aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos/as aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradores.

II.1.2.4. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que os/as aspirantes que non comparezan serán excluídos/as.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, e xuntarán á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que os/as interesados/as poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polos/as aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha/algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que o/a aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración aos aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1. Servizos prestados.

Servizos prestados nas administracións públicas na profesión propia da escala coa condición de funcionario interino ou persoal laboral temporal: 0,27 puntos por mes de servizos efectivos, ata o máximo de 35 puntos.

II.2.2. Cursos de formación e perfeccionamento directamente relacionados coas funcións propias da profesión para as que habilita a titulación, organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap) sobres as seguintes materias:

a) Procedemento administrativo común.

b) Seguridade e saúde laboral.

c) Igualdade de xénero.

d) Protección de datos persoais.

e) Informática: internet, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, bases de datos, deseño de presentacións.

f) Materias relacionadas coas funcións propias da profesión para as que habilita a titulación.

Así mesmo, puntuaranse os cursos dos idiomas oficiais da Unión Europea, organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados ou polas escolas oficiais de idiomas. A puntuación máxima por coñecemento de idiomas será de 1 punto.

Os cursos valoraranse conforme os seguinte criterios:

– Por cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,20 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 40 horas lectivas e igual ou inferior a 75 horas lectivas: 0,40 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 75 horas lectivas e igual ou inferior a 100 horas lectivas: 0,80 puntos.

– Por cada curso de duración superior a 100 horas lectivas: 1 punto.

Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

A puntuación máxima acadable nesta epígrafe será de 5 puntos.

II.2.3. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 40 puntos, sumados todos os méritos a que se refire a base II.2.

II.2.4. Os méritos enumerados nas bases II.2.1 e II.2.2 deberán referirse á data de finalización do prazo de presentación de instancias, e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.2.5. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das notas do último exercicio, os aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Consellería de Facenda (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.2.6. O tribunal baremará a fase de concurso e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e unha vez realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal publicará no DOG a baremación definitiva da fase de concurso.

II.3. A orde de prelación dos aspirantes virá dada pola suma das puntuación obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias dos/as seleccionados/as antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos dos/as aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeados/as funcionarios/as.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da Consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP, e artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da LRX-PAC ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

O/a presidente/a deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesores/as especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non estaren incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, os/as aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 29 da LRX-PAC.

III.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na LRX-PAC, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

III.8. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas/es candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a identidade do/a opositor/a.

As decisións e acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade dos opositores a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as valoracións que considere pertinentes. Estes asesores/as deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que os/as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que os/as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade do/a aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados/as que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e 115 da LRX-PAC.

III.14. As comunicacións que formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados/as, presentación de documentación e nomeamento de funcionarios/as de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

Posto que na escala de ciencias, especialidade de química, non existe infrarrepresentación femenina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

– Puntuación outorgada polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida nas diferentes epígrafes da base II.2.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre os implicados.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como funcionarios/as.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de aprobados/as, estas/es disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para a presentación dos seguintes documentos:

a) Fotocopia cotexada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non encontrarse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

c) Informe sobre o estado de saúde que acredite que o/a aspirante non padece enfermidade nin está afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

d) Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A Consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que os/as aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os que tivesen a condición de funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

Deberán presentar certificación do servizo de persoal da consellería ou organismo de que dependesen para acreditar tal condición.

IV.4. Os/as que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeados/as funcionarios/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, os/as aspirantes serán nomeados/as funcionarios/as de carreira mediante unha orde do/a conselleiro/a competente en materia de función pública, que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.6. Unha vez publicado o nomeamento, se os/as nomeados/as funcionarios estivesen participando no proceso ordinario para o ingreso na mesma escala serán excluídos deste último. A orde en que se acorde a exclusión publicarase no DOG.

IV.7. A adxudicación das prazas ás/aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1

IV.8. A toma de posesión das/dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na LRX-PAC, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I
Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de ciencias, especialidade de química

Parte xeral.

1. A Constitución española de 1978: estrutura e contido. Os valores superiores. Os principios constitucionais. Dereitos fundamentais e liberdades públicas, a súa garantía e a suspensión.

2. A organización territorial do Estado. Organización constitucional do sistema autonómico. Distribución constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. A Administración local.

3. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado.

4. A organización institucional da Comunidade Autónoma de Galicia. O Parlamento. A Xunta e a súa Presidencia. A Administración de xustiza en Galicia.

5. A Administración autonómica. A organización da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Entidades instrumentais do sector público autonómico.

6. O ordenamento xurídico da Unión europea. Eficacia directa e primacía do dereito comunitario. Dereito orixinario e derivado. As institucións da Unión Europea. Composición e atribucións. As competencias da Unión Europea.

7. O dereito administrativo. As fontes do dereito administrativo. O acto administrativo. Revisión dos actos administrativos. Recursos contra os actos administrativos. O procedemento administrativo común: fases.

8. Dereitos dos cidadáns nas súas relacións coas administracións públicas. A información e a atención á cidadanía na Comunidade Autónoma de Galicia. A transparencia na actividade administrativa.

9. O acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos. Normativa de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia. Sede electrónica. Identificación e autentificación. Rexistros, comunicacións e notificacións electrónicas. A xestión electrónica dos procedementos.

10. A responsabilidade patrimonial da Administración. O réxime xurídico no sistema español. Responsabilidade de autoridades e funcionarios. Responsabilidade das administracións públicas por actos dos seus concesionarios e contratistas.

11. Os contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Elementos. Clases. Preparación, adxudicación e formalización. Execución e modificación. Extinción.

12. As subvencións. Réxime xurídico das subvencións na Administración da Xunta de Galicia: concepto. Partes na relación subvencionable. Establecemento. Procedemento de concesión, xestión e xustificación. Causas de reintegro.

13. A facenda da Comunidade Autónoma de Galicia. A lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: principios xerais. O orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia: contido, estrutura, elaboración e aprobación. Fases da execución.

14. O persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia: clases e normativa de aplicación. Adquisición e perda da relación de servizo. Réxime disciplinario. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos. Situacións administrativas. Réxime de incompatibilidades.

15. A protección de datos de carácter persoal. Normativa reguladora. Principios informadores e dereitos das persoas en materia de protección de datos. Ficheiros de titularidade pública. Réxime sancionador.

16. Políticas de igualdade de xénero. Disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: disposicións xerais. A transversalidade. A erradicación do uso sexista da linguaxe. As condicións de emprego en igualdade na Administración pública galega. Medidas de conciliación e corresponsabilidade no emprego público. Políticas contra a violencia de xénero. A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: medidas de sensibilización, prevención e detección. Dereitos das mulleres vítimas da violencia de xénero.

17. Discapacidade. A definición de discapacidade segundo a Organización Mundial da Saúde. O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: consideración de persoa con discapacidade. Dereitos. Especial consideración do dereito á vida independente de participación en asuntos públicos. Igualdade de oportunidades e non discriminación.

Parte específica.

1. Análise volumétrica. Volumetrías ácido-base. Volumetrías redox. Volumetrías de precipitación. Volumetrías de formación de complexos.

2. Gravimetrías. Potenciometrías e condutimetrías. Fundamentos, equipamentos e aplicacións. Electrofórese. Fundamentos, equipamentos e aplicacións.

3. Cromatografía de gases. Principios de operación. Compoñentes básicos. Inxectores: tipos. Columnas: tipos, características, instalación e mantemento. Detectores (MS, FID, TCD, ECD, PID).

4. Cromatografía de líquidos. Principios de operación. Compoñentes básicos. Bombas: tipos. Sistemas de mestura. Inxectores: tipos. Columnas: tipos, características, instalación e mantemento. Detectores (UV-VIS, fotodíodos, FL, IR, condutividade, electroquímico, MS). Fontes de ionización en HPLC-MS. Principios de supresión en cromatografía iónica.

5. Técnicas espectrométricas: espectrometría de infravermellos, visible e ultravioleta. Fundamento, equipamentos e aplicacións.

6. Espectrometría de absorción e emisión atómica. Chama. Cámara de grafito. Xerador de hidruros. Principios de operación e compoñentes básicos de cada un dos sistemas.

7. Espectrometría de plasma de acoplamento indutivo (ICP-AES e ICP-MS). Principios de operación. Sistemas de introdución de mostra: tipos de nebulizadores, tipos de cámaras de nebulización. Características dun plasma, o facho. Interfase e óptica: xeneralidades. Detectores: tipos. Interferencias en ICP-AES e ICP-MS: tipos, tratamento.

8. Métodos analíticos baseados en inmunoanálises. Fundamento. Tipos. Compoñentes básicos dos equipamentos. Aplicacións.

9. Sistema de calidade baseado na norma UNE-EN ISO/IEC 17025: manual de calidade, control de cambios, cualificación do persoal, calibración, control e mantementos de equipamentos, inventarios e fichas de equipo, auditorías, accións correctivas e preventivas, rastrexabilidade, informes de ensaio.

10. Sistema de calidade baseado na norma UNE-EN ISO/IEC 17025: métodos de ensaio e calibración, validación de métodos, control de calidade, precisión e exactitude, reproducibilidade e repetibilidade, límites de confianza, cálculo de incertezas, patróns e materiais de referencia, ensaios interlaboratorio.

11. Regulamentos REACH e CLP: características de perigo dos produtos químicos, criterios de clasificación de substancias e mesturas químicas, mecanismos de información: etiquetas, fichas de datos de seguridade; restricións de fabricación, comercialización e uso de substancias perigosas.

12. Toxicoloxía industrial: criterios de valoración de axentes químicos. Valores límite ambientais (VLA): definición e directrices para a avaliación da exposición por inhalación de axentes químicos. Valoración por comparación co VLA de exposición diaria VLA-ED e de exposicións curtas VLA-EC. Medicións periódicas de control. Valores límites biolóxicos (VLB): definición, características e métodos de control.

13. O Real decreto 374/2001 sobre riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo: avaliación dos riscos, medidas de prevención xerais e específicas, medidas que se van adoptar fronte a accidentes, incidentes e emerxencias. Real decreto 665/1997 sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos e mutáxenos durante o traballo: identificación e avaliación da exposición a carcinóxenos, prevención e redución da exposición.

14. Laboratorios químicos: riscos específicos hixiénicos e de seguridade. Consideracións relativas á estrutura, deseño e distribución dos laboratorios. Consideracións sobre seguridade relativas a instalacións e aparellos. Consideracións sobre operacións comúns. Equipamentos de seguridade: elementos de protección e de actuación. Xestión dos residuos no laboratorio: normas xerais de manipulación de residuos, programa de xestión de residuos no laboratorio: sistema de recollida; clasificación e eliminación de residuos; envasamento e etiquetaxe; almacenamento temporal.

15. Control das exposicións a riscos químicos (hixiénicos e de seguridade). Técnicas xerais: accións de control técnicas. Accións de control organizativas. Priorización do control de riscos. Accións sobre o axente. Accións sobre o proceso. Accións no local de traballo. Accións nos métodos de traballo.

16. Avaliación e control de riscos químicos (hixiénicos e de seguridade) de carácter específico: clasificación de áreas e medidas de control de atmosferas explosivas. Documento de seguridade en atmosferas explosivas. Riscos químicos no manexo de fertilizantes. Riscos toxicolóxicos dos principais grupos de praguicidas. Riscos específicos nas operacións en viveiros e invernadoiros.

17. Toma de mostras para análise química: importancia nos resultados das análises. Representatividade das mostras. Distintos procedementos de toma de mostras. Conservación e preparación de mostras para análise química. Homoxeneización e redución do tamaño da mostra. Conservación dos diferentes tipos de mostras segundo as determinacións que se van realizar.

18. Análise química dos diferentes tipos de forraxes: determinación do valor nutritivo. Estado de conservación dos ensilados: determinacións analíticas para a súa avaliación.

19. Composición química dos pensos. Análises básicas para a determinación do seu valor nutritivo. Outros compoñentes: hidratos de carbono, fósforo, calcio, cobre, urea, cloruros. Fundamentos dos métodos de análise. Análise micrográfica. Compoñentes tóxicos en pensos: fundamentos dos métodos de análise de aflatoxinas, nitratos, nitritos, metais pesados e arsénico.

20. Aceites e graxas. Parámetros determinantes da calidade e pureza. Fundamentos ou principios dos métodos físicoquímicos para a identificación dos aceites e os seus compoñentes máis importantes.

21. Carnes e produtos cárnicos. Fundamentos ou principios dos métodos de análises químicas dos parámetros máis importantes.

22. Produtos en conserva: conservas e semiconservas de peixe, conservas vexetais. Fundamentos ou principios dos métodos de análise físicoquímicos dos parámetros máis importantes.

23. O viño: automatización da análise de viños-Analizadores FTIR. Constitución ácida e glucídica das uvas e dos viños e a súa análise. Compostos fenólicos das uvas e dos viños e principios das análises. Compoñentes volátiles das uvas e dos viños e a súa análise. Composición mineral dos viños e a súa análise.

24. Os destilados: normativa relativa á súa definición (Regulamento CE 110/2008). Composición química das augardentes. Fundamentos das análises de augardentes (OIV, CE).

25. Cervexas: tipoloxías e características principais. Fundamentos das análises máis características. Vinagres: tipoloxías e características principais. Determinacións máis características.

26. Directiva marco da auga: calidade das augas. Estado químico e estado ecolóxico das augas. Analíticas que se van efectuar para definir o estado ecolóxico das augas.

27. Análises de augas superficiais e subterráneas. Calidade das augas superficiais. Indicadores de calidade para a clasificación e seguimento do estado. Redes de control e seguimento. Requirimentos de calidade analítica.

28. Analítica de augas residuais e industrias de vertedura ao dominio público hidráulico (DPH) e ao dominio público marítimo (DPM). Parámetros característicos de vertedura e valores límites de vertedura. Obxectivos de calidade do medio receptor.

29. Analítica de solos contaminados, de tecnosolos e de lodos da EDAR. Analitos para ter en conta; fundamentos dos métodos de análises.

30. Leite e produtos lácteos. Composición. Tipos. Fundamentos ou principios dos métodos de análise química dos principais compoñentes.

31. Análises de produtos fitosanitarios. Concepto. Clasificación. Persistencia e toxicidade. Efectos sobre a saúde humana e o ambiente. Plans de control de residuos de produtos fitosanitarios. Problemática xeral da análise de residuos de pesticidas. Métodos de preparación de mostras e análises.

32. O solo: textura e estrutura, o pH, a acidez e as necesidades de cal, o complexo de cambio, nutrientes principais no solo, relación C/N, materia orgánica, utilización das análises de solo para a determinación da fertilidade.

33. Fundamentos ou principios dos métodos de análise de solo: textura, densidade, humidade, pH, condutividade eléctrica, carbono, nitróxeno (Ca, Mg, Na e K asimilables), oligoelementos, fósforo asimilable, acidez do solo, materia orgánica, carbonatos, análise foliar para a determinación da fertilidade.

34. Fertilizantes inorgánicos e emendas. Real decreto 506/2013 sobre produtos fertilizantes e Regulamento (CE) 2003/2003 relativo aos fertilizantes: definicións, fundamentos da súa clasificación, fundamentos ou principios dos métodos de análise físicoquímica.

35. Fertilizantes orgánicos e órgano-minerais. Real decreto 506/2013 sobre produtos fertilizantes: definicións, fundamentos da súa clasificación, fundamentos ou principios dos métodos de análise físicoquímica.

36. Substratos. Real decreto 865/2010, do 2 de xullo, sobre substratos de cultivo: definicións, fundamentos da súa clasificación, fundamentos ou principios dos métodos de análise fisicoquímica.

37. Distribución de competencias en materia de augas na Comunidade Autónoma de Galicia. Competencias en materia de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais. Demarcacións hidrográficas de Galicia. Plan hidrolóxico Galicia-Costa.

38. Tratamento de augas residuais: pretratamento, tratamento primario, tratamento secundario, tratamento terciario. Tratamento dos lodos de depuración das augas residuais urbanas e de industrias agroalimentarias. Usos destes lodos.

39. Lei 1/1995 de protección ambiental de Galicia: a inspección ambiental. As avaliacións de impacto ambiental e de plans e programas. Lei 9/2013 de emprendemento e de competitividade económica de Galicia: avaliación ambiental de actividades.

40. A prevención e control integrado da contaminación: a Lei 6/1992 e a Lei 5/2013: actividades que están suxeitas a este procedemento; a autorización ambiental integrada; os valores límites de emisión (VLE); as mellores técnicas dispoñibles; a información e sistemas de comunicación das actividades IPPC; o control ambiental destas instalacións IPPC. O rexistro europeo PRTR.

41. Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados. Diferentes tipos de residuos. A xerarquía dos residuos; tratamentos. Subprodutos. Códigos LER. Produtores e xestores. A rastrexabilidade dos residuos. Traslados. Autorizacións administrativas.

42. Calidade dos solos e das augas subterráneas. Redes de control e seguimento. Declaración de solos contaminados. Actividades potencialmente contaminantes de solos. Técnicas de descontaminación e recuperación de solos contaminados.

43. Calidade do aire. Redes de control de calidade do aire. Equipamentos automáticos de medida de contaminantes no aire ambiente. Toma de mostras e caracterización da composición do material particulado do aire ambiente.

44. Actividades potencialmente contaminadoras da atmosfera: rexistro destas actividades en Galicia: Regade-Capca. Control de emisións á atmosfera. Sistemas automáticos de medida de contaminantes nos focos emisores á atmosfera. Avaliación do cumprimento dos valores límite de emisión.

45. A responsabilidade ambiental. Operadores afectados pola normativa de responsabilidade ambiental. A garantía financeira obrigatoria. Análises de riscos ambientais. Dano significativo ambiental: formas de avaliación. Medidas reparadoras primarias; medidas compensatorias e medidas complementarias.

46. Riscos industriais no sector químico: normativa europea (Directiva Seveso), española e galega aplicable. Directriz básica de risco químico. Os plans de emerxencia exterior: estrutura destes e empresas afectadas en Galicia.

ANEXO II

Don/Dona..., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a do corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de..., especialidade de..., que non está inhabilitado/a ou en situación equivalente nin foi sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ..., ... de ... de 201...