Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Venres, 6 de maio de 2016 Páx. 16856

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 26 de abril de 2016 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017 (cofinanciada parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, puntos 23 e 24, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e en promoción do desenvolvemento comunitario, respectivamente.

En virtude deste título competencial aprobouse a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que ten por obxecto estruturar e regular, como servizo público, os servizos sociais en Galicia para a construción do sistema galego de benestar.

Posteriormente a Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, avanzando no enfoque da inclusión social activa, deseñou un sistema que integra as prestacións económicas de activación/inserción vinculadas a proxectos personalizados de carácter social e formativo.

Este enfoque da inclusión social activa, recollido na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, está consolidado como unha das prioridades da Unión Europea e dos Estados membros e é prioritario para os fondos estruturais. Neste sentido, o artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Consello, establece que o Fondo Social Europeo apoiará, como prioridade de investimento, en relación ao obxectivo temático «promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación», a inclusión social activa, con vistas a promover a igualdade de oportunidades, a participación activa e a mellora da posibilidade de atopar un emprego.

Así mesmo, a presente orde reguladora recolle tamén outra das prioridades establecidas na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, incluíndo axudas dirixidas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social regulados na orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social coa finalidade de reformar e/ou adaptar os ditos equipamentos ás necesidades das persoas usuarias, ofrecéndolles servizos que redunden nunha mellora en calidade da atención dispensada.

Un dos tres piares nos que se basea a inclusión social activa é o acceso a uns servizos de calidade, o que implica no ámbito dos servizos sociais, a complementariedade entre os diversos axentes que operan no territorio e a importancia de complementar a acción pública coa execución de accións e proxectos por parte das entidades de iniciativa social debidamente autorizadas. Neste sentido, a Consellería de Política Social, como órgano que ten asumidas as competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, incluíndo as políticas de inclusión social, servizos comunitarios e inmigración en virtude do Decreto 176/2015, do 3 de decembro polo que se establece a súa estrutura orgánica, considera adecuado fomentar o cumprimento dos fins das entidades de iniciativa social que se axusten aos requisitos de autorización, calidade e complementariedade e aumentar a súa capacidade de acción para loitar contra a exclusión social. A este fin responde esta convocatoria, onde se establecen subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais no ámbito dos servizos sociais comunitarios e da inclusión social, incluíndo aqueles específicos en favor da poboación inmigrante, pois estas institucións, ao traballaren directa e continuadamente coas persoas e familias afectadas por factores de exclusión social, coñecen de primeira man as súas necesidades, características e posibilidades, así como os instrumentos máis eficaces para potenciar as súas capacidades e promover a súa participación social e o seu acceso ao mundo laboral.

Baixo esta perspectiva, a orde regula varios tipos de axudas, en primeiro lugar, aquelas dirixidas á cobertura de necesidades básicas como o aloxamento e manutención, as cales constitúen, en moitos casos, un primeiro nivel de atención que brinda ás persoas usuarias o acceso ao resto dos recursos dispoñibles.

Outras tipoloxías de axudas van dirixidas á promoción de actuacións e á formulación e desenvolvemento de programas dirixidos a complementar, ampliar ou innovar a actuación dos servizos sociais comunitarios, tanto mediante o impulso da especificidade na atención de persoas ou territorios con características singulares, como mediante o complemento da acción que estes levan a cabo.

Así, en consonancia coas previsións recollidas na Lei 10/2013, do 27 de novembro, e na Estratexia para a inclusión social de Galicia 2014-2020, dáse unha énfase especial aos procesos vinculados á inclusión social das persoas usuarias dos servizos, establecendo unha liña de axudas destinada ao desenvolvemento de accións de capacitación persoal para a mellora da empregabilidade das persoas en situación ou risco de exclusión social, así como ao traballo de acompañamento social e ao apoio preciso para facilitar a participación das persoas destinatarias nos proxectos de inclusión sociolaboral. As actividades financiadas neste caso terán como obxectivo o apoio ou reforzo ás persoas que, polo distanciamento dos seus vínculos persoais co contorno social ou a súa condición de inmigrante, precisan dun acompañamento técnico que facilite e/ou posibilite a súa inclusión social e laboral e terán por obxecto tanto a adquisición de habilidades e destrezas coma a formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás súas necesidades, como a preparación para a avaliación das competencias clave exixibles para o acceso normalizado á formación e cualificación profesional. Igualmente serán obxecto de financiamento as actuacións de dinamización en territorios en exclusión seveira que teñan como obxectivo o intercambio de experiencias, vivencias, aprendizaxes e problemáticas comúns e as súas posibles solucións.

Finalmente e tal e como se expuxo, como novidade, incorpórase unha nova tipoloxía de axuda dirixida ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, enmárcase nos programas operativos Feder e FSE Galicia para o período 2014-2020, e dáse debido cumprimento á normativa aplicable, de conformidade co disposto no artigo 125.3 e) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello e Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013 sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006.

Segundo o establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) núm.1304/2013, as subvencións e a asistencia reembolsable que se beneficien dunha axuda pública non superior a 50.000 € adoptarán a forma de baremos estándar de custos unitarios, de importes a tanto alzado ou de financiamento a tipo fixo. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custo simplificados.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da da Xunta de Galicia e polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento de subvencións ás entidades de iniciativa social que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, levan a cabo a atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e desenvolven programas e/ou prestan servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

2. Quedan fóra do obxecto das subvencións reguladas na presente orde as actividades e proxectos que teñan principalmente os seguintes contidos:

a) Promoción da saúde pública, asesoramento sobre enfermidades crónicas, divulgación das características e efectos dunha determinada enfermidade ou outras problemáticas de índole sanitaria, salvo as dirixidas á prevención das discapacidades, especialmente enfermidade celíaca e fenilcetonuria. Estas actividades e proxectos deberán, en todo caso, establecer criterios de progresividade social na atención ás persoas e familias.

b) Realización de actividades lúdicas, culturais, de lecer ou recreo.

3. Non serán prioritarias, para os efectos previstos nesta orde, aquelas actividades ou proxectos susceptibles de acceder a outras liñas de colaboración financeira específicas promovidas por outros centros directivos da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de oito millóns catrocentos trinta e cinco mil trescentos oito euros con oitenta e catro céntimos (8.435.308,84 €), distribuído en dúas anualidades e que se imputarán ás aplicacións orzamentarias que se indican:

Aplicación

Importe 2016

Importe 2017

Importe total

12.03.312A.481.3

1.337.471,16 €

666.666,00 €

2.004.137,16 €

12.03.313C.481.6

2.603.553,00 €

1.062.387,34 €

3.665.940,34 €

12.03.312C.481.0

310.624,00 €

126.615,34 €

437.239,34 €

12.03.313C.781.0

1.745.994,00 €

581.998,00 €

2.327.992,00 €

Total

5.997.642,16 €

2.437.666,68 €

8.435.308,84 €

A partida 12.03.313C.781.0 destinarase ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social e estará cofinanciada ao 80% con fondos Feder do programa operativo de Galicia 2014/2020, con encaixe no Obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación Prioridade de investimento 9.7, investimento en infraestruturas sociais e sanitarias que contribúan ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduzan as desigualdades sanitarias, e o fomento da inclusión social mediante unha mellora do acceso aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais Obxectivo específico 9.7.1 Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local, e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais.

As partidas 12.03.313C.481.6 e 12.03.312C.481.0 destinaranse ao financiamento das actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º e poderán estar cofinanciadas ao 80 % con fondos FSE no programa operativo de Galicia 2014-2020, con encaixe no Obxectivo temático 9, Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación Prioridade de Investimento 9.1, «A inclusión activa, tamén con vistas a promover a igualdade de oportunidades, así como a participación activa e a mellora da posibilidade de encontrar un emprego» Obxectivo específico 9.1.1 «Mellorar a inserción socio-laboral de persas en situación ou risco de exclusión social, a través da activación e de itinerarios integrados e personalizados de inserción».

Da partida 12.03.312A.481.3 destinarase un importe global máximo de 1.700.000,00 €, 1.133.334,00 € con cargo ao exercicio 2016 e 566.666,00 € con cargo ao exercicio 2017, para subvencionar o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas na presente orde as entidades de iniciativa social ás que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para os efectos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais considéranse entidades privadas de iniciativa social, aquelas organizacións non gobernamentais e institucións non gobernamentais que realicen actividades de servizos sociais carecendo de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións recollidas no artigo 1.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado, agás o suposto previsto no seguinte punto.

2. No suposto de solicitar a subvención para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, ademais do disposto no punto anterior, a entidade deberá contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro.

No momento da solicitude será suficiente con presentar unha copia da solicitude do permiso de inicio de actividades na que conste o rexistro de entrada.

A comisión de valoración verificará que as entidades solicitantes teñen concedido o mencionado permiso con anterioridade á notificación da resolución da subvención que corresponda.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables as seguintes tipoloxías de actuacións:

a) Funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

Inclúese neste tipo o funcionamento daqueles centros que complementen os ámbitos de intervención social do Sistema Galego de Servizos Sociais neste nivel de atención, os cales se especifican no artigo 3 da Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, e que corresponden ás seguintes tipoloxías:

Albergues.

Centros de acollida.

Comedores sociais.

Centros de atención social continuada.

Centros de día e inclusión social.

b) Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante.

1º. Actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos:

Inclúese os seguintes servizos coa seguinte desagregación por programas:

Servizos de primeira atención e prevención:

Programas informativos de valoración, orientación e información dirixido a identificar situacións de risco e factores de vulnerabilidade, así como a informar sobre os recursos e prestacións do Sistema galego de Servizos Sociais.

Programas de asesoramento técnico especializado destinado a proporcionar información en materias de diversa índole que requiren un coñecemento especializado (estranxeiría, discriminación por motivos raciais ou étnicos, etc.)

Servizos de atención ás necesidades básicas:

Servizo da cobertura de necesidade de alimento.

Servizo de provisión de recursos básicos (hixiene, roupeiro, lavandaría, apoio material e económico...).

Servizo de atención de rúa e/ou atención urxente.

2º. Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social:

1ª. Atención desenvolvida a través de itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento. Esta atención comprenderá tanto actuacións coa persoa usuaria, como a valoración social individual, deseño dun itinerario, seguimento, revisión dos obxectivos ou actuacións, medidas de acompañamento, accións de mellora de habilidades sociais básicas, busca activa de emprego ou orientación social e laboral, como aqueloutras actuacións para as que non é precisa a presenza da persoa pero que son necesarias para a consecución dos obxectivos do seu proxecto de inclusión, tales como a prospección do mercado laboral, a intermediación laboral activa e/ou a coordinación con outros dispositivos. Incluiranse neste punto aquelas actuacións dirixidas a informar, orientar e asesorar en materia de consumo aos participantes para que poidan exercer axeitadamente os seus dereitos e xestionar os seus recursos de maneira eficiente.

2ª. Actuacións de adquisición e mellora das competencias sociais e profesionais, deseñadas para adquirir unha formación básica e de tipo laboral específica e adaptada ás necesidades das persoas en situación de exclusión social, incluíndo formación dirixida ao autoemprego e constitución de cooperativas.

3ª. Actuacións de apoio á conciliación, que consistirán na posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, no fogar ou nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das persoas nas accións comprendidas nos seus proxectos de inclusión sociolaboral ou en formación complementaria.

4ª. Actuacións de mediación intercultural, a realizar por persoal especializado, dirixidas a facilitar a comunicación e a convivencia entre persoas procedentes de diferentes culturas; esta mediación levarase a cabo a en distintos ámbitos (sanidade, educación, vivenda...), a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima das persoas coas que se levan a cabo as accións de mediación, que teñan por finalidade o respecto e o fomento de actitudes de tolerancia coa diversidade cultural. As accións de sensibilización non poderán representar máis dun 7 % do importe da axuda concedida para esta actuación.

5ª. Actuacións en territorios en exclusión seveira, que aproveiten espazos de dinamización comunitaria ou de interrelación xeracional ou interterritorial e teñan por finalidade tanto compartir experiencias, vivencias e aprendizaxes, como debater problemáticas comúns relativas á análise das potencialidades tanto económicas como sociais do territorio e as súas posibles solucións, sempre que exixan a presenza e dedicación de persoal dinamizador ou experto. Para os efectos da presente orde, entenderase que un territorio sofre exclusión seveira cando a súa dispersión, recente perda de poboación e/ou dificultades de comunicación por estrada impidan ou dificulten de xeito importante o desenvolvemento destes espazos de comunicación. Para os efectos de valorar a dispersión, perda de poboación ou dificultade de transporte por estrada, a comisión de valoración empregará indicadores de estatísticas oficiais que poderá complementar con outros deseñados por axentes ou institucións especializadas.

Serán persoas beneficiarias das actuacións que se subvencionen na letra 4.1.b).2º as perceptoras da renda de inclusión social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia, as persoas en situación ou risco de exclusión derivadas da rede de equipos de inclusión sociolaboral, e, en xeral, as afectadas por factores de exclusión social. Para a consideración destes factores haberá que aterse ao establecido nos artigos 3.1. e 3.3. da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia. Así mesmo e, en aplicación do artigo 56.5. da citada lei, no caso de unidades de convivencia con varias persoas en condicións de participar nun proxecto de inclusión sociolaboral estableceranse medidas personalizadas para cada unha delas. Na ficha de descrición da actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas destinatarias e o seu perfil.

3º. Atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo da poboación inmigrante:

Inclúense neste punto as actuacións que se sinalan na letra 4.1.b).2º adaptadas ás necesidades específicas destas persoas, podendo incluír actuacións de formación lingüística, introdución ao funcionamento e características da sociedade de acollida, formación no coñecemento e respecto dos valores constitucionais, estatutarios e da Unión Europea, dos dereitos humanos e liberdades públicas, de tolerancia e igualdade entre homes e mulleres, e calquera outra formación que resulte necesaria para a atención das súas necesidades específicas.

Serán persoas beneficiarias dos programas ou actuacións subvencionadas neste punto as persoas inmigrantes que acrediten documentalmente tal condición ou a súa orixe estranxeira e se atopen en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, de acordo co establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

Tamén participarán neste programa aquelas persoas solicitantes de asilo ou refuxiadas que puidesen chegar a Comunidade Autónoma galega.

Na ficha de descrición da actuación (anexo IV) deberán quedar reflectidos os criterios de selección das persoas participantes e o seu perfil.

c) Investimento en centros de inclusión e emerxencia social e unidades funcionalmente vinculadas. Estas poderán adoptar as seguintes modalidades:

A construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles que garden unha relación directa coas actuacións anteriores.

A adquisición e instalación de equipamento e moblaxe, así como a adquisición de vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos propios do centro, excluíndose expresamente os vehículos turismos.

2. Poderán solicitarse un máximo de catro actuacións para cada unha das tipoloxías de actuacións singularizadas do artigo 4.1.b), indicando a súa orde de prioridade. Esta limitación non será de aplicación ás tipoloxías de actuacións mencionadas nas letras a) e c) deste artigo nin tampouco a aquelas actuacións que teñan inequivocamente un contido formativo concreto e totalmente diferenciado.

3. Todas as accións comprendidas nos puntos b).2º e b).3º serán deseñadas, desenvoltas e avaliadas incorporando a perspectiva de xénero, o cal significa que se estudará en que medida a variable xénero inflúe nos procesos de exclusión e se terán en conta as diferentes circunstancias, expectativas e necesidades que teñen os homes e as mulleres ás que se dirixen polo mero feito de ser home ou muller. A perspectiva de xénero aplicarase tamén nas accións da letra c) en que sexa posible.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Para os efectos da presente orde, consideraranse como gastos subvencionables os seguintes:

a) Gastos subvencionables para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social e realización de actuacións singularizadas.

1º. Gastos directos: terán esta consideración os que a continuación se relacionan sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran inequivocamente a ela:

Gastos de persoal:

Persoal propio da entidade: serán subvencionables as retribucións totais correspondentes á execución do programa, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e a parte proporcional da paga extraordinaria que lle corresponda. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha previa asignación de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial.

Traballadores/as por conta propia para a realización de actividades de formación.

Axudas de custo e gastos de viaxe, que se rexerán na súa contía pola normativa establecida nos convenios colectivos aplicables.

Gastos por seguros de accidentes do alumnado e participantes que cubran os riscos derivados da actividade subvencionada.

Bolsas por asistencia a acción formativas que non sexan percibidas por persoas titulares dunha renda de inclusión social de Galicia que inclúa ese complemento. Esta restrición non será aplicable as persoas que formen parte da unidade de convivencia da persoa titular da dita renda.

Axudas por desprazamento para participantes en accións de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C.

2º. Gastos de carácter indirecto: terán a dita consideración os que a continuación se relacionan sempre que non se correspondan en exclusiva á actuación subvencionada por ter carácter estrutural pero resulten necesarios para a súa realización:

Gastos de persoal.

Gastos en material funxible.

Gastos de aluguer e mantemento das instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

b) Gastos subvencionables de investimento en centros de inclusión e emerxencia social.

Serán gastos subvencionables aqueles necesarios para a realización do investimento definido no artigo 4.1.c) que se correspondan de maneira indubitada á operación cofinanciada, e deberán estar debidamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto na presente base reguladora, coas seguintes especificidades:

Será subvencionable a construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, así como a adquisición de inmobles que garden unha relación directa coas actuacións anteriores co límite do 10 % do gasto total subvencionable da operación segundo o artigo 69.3 do Regulamento 1303/2013.

Consideraranse subvencionables o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante, así como os tributos necesarios para a realización da subvención, sempre que o beneficiario os aboe efectivamente.

Unicamente con respecto ás solicitudes para ampliación da superficie destinada para a atención das persoas usuarias, serán subvencionables as adquisicións de terreos e de bens inmobles nos que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación, ata o límite do 10% do gasto total subvencionable da operación. Estes terreos deberán ser limítrofes, agás no caso de unidades funcionalmente vinculadas ao establecemento principal, as cales, non obstante, deberán estar próximas a este, de tal xeito que a súa utilización permita o desprazamento a pé polas persoas usuarias.

En todo caso, o importe subvencionable non poderá superar o valor de mercado dos terreos e dos bens inmobles, punto que se deberá acreditar mediante certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Así mesmo, e unicamente con respecto á adquisición de equipamento necesario de adaptación funcional para prestación dos servizos, estes poderán ser de segunda man, sempre que conste unha declaración de quen o vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes puntos mediante certificación de taxación independente.

2. En todo caso, as actuacións establecidas no artigo 4.1.b).2º e 3º deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, no Regulamento UE 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020. As actuacións sinaladas no artigo 4.1.c) deberán cumprir ademais das normas establecidas no Regulamento UE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 citado máis arriba, as normas do Regulamento (UE) núm. 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1080/2006, segundo corresponda en función do financiamento da axuda.

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos a todas as axudas reguladas na presente orde será do 1 de abril de 2016 ao 31 de marzo de 2017. Unicamente para as actuacións de construción, ampliación, reforma e mellora de centros poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual máis aló do 31 de marzo de 2017 e, en ningún caso, posterior a 30 de novembro do mesmo ano, consonte o establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social por propia iniciativa ou a petición de calquera das entidades solicitantes.

5. Con respecto ás subvencións establecidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b) non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles nos que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Non obstante o anterior, cando, de acordo co artigo 29.3. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe de cada un destes gastos supere os 9.000 €, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes empresas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número delas ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 6. Compatibilidade das axudas

1. A percepción de axudas para actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado. As subvencións para actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º, 4.1.b).3º e 4.1.c) son incompatibles coa percepción de calquera outra axuda pública de fondos comunitarios para a mesma actuación.

2. No caso de entidades solicitantes de subvención para accións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º que sexan perceptoras doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. As subvencións para o funcionamento de centros reguladas nesta orde non son compatibles coa reserva de prazas efectuada entre a entidade solicitante e a Xunta de Galicia mediante calquera das modalidades de contratación administrativa nin coa existencia dun convenio de colaboración especificamente asinado para o mantemento de centros e subvención de actividades.

Artigo 7. Iniciación

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación

1. Con cada solicitude (anexo I) é obrigatoria a presentación da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais. Neste caso unicamente se incluirá a copia do DNI ou NIE da persoa representante no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Declaración responsable asinada pola persoa representante legal da entidade na cal se exprese que a entidade está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non concorre ningunha das restantes circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (incluída no anexo I).

c) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas e/ou percibidas para a mesma actuación ou finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións (incluída no anexo I).

d) Copia do NIF da entidade só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

As entidades que solicitasen subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presentar a documentación prevista na alínea a), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación simple expedida pola persoa representante da entidade, onde se indicará a referencia administrativa do expediente onde consta a dita documentación.

e) Memoria da entidade (anexo II) que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

2. Documentación específica para as subvencións de funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

Ficha de identificación do centro para o que se solicita a subvención (anexo III), que incluirá os seguintes aspectos:

a)Tipo de centro para o que se solicita a subvención.

b) Identificación do centro e da persoa responsable. No caso de non contar coa autorización para o inicio de actividades prevista no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, deberán achegar a copia da solicitude do permiso de inicio de actividades.

c) Horario de atención ás persoas usuarias, número de días de apertura coa desagregación reflectida no anexo III.

d) Perfil das persoas usuarias e réxime económico aplicado.

e) Número de prazas autorizadas. Número previsto de persoas usuarias/día.

f) Outras unidades e recursos: módulo de unidades familiares, de media estanza, recursos extra e existencia doutros recursos similares na zona de influencia.

g) Recursos humanos dispoñibles.

h) Descrición das características técnicas do centro.

i) Declaración de gastos previstos para cada anualidade recollendo de xeito separado os gastos ata o 30 de novembro de 2016 e, no seu caso, ata o 31 de marzo de 2017.

A información mínima requirida no anexo III poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

3. Documentación específica para as subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, ou atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante:

Unha ficha de descrición da actuación (anexo IV). Esta/s ficha/s, deberá/n conter como mínimo a información seguinte:

a) Datos da entidade solicitante.

b) Denominación da actuación.

c)Tipo de actuación.

d) Xustificación da necesidade social e localización territorial.

e) Obxectivos e descrición xeral da actuación que deberá estar adaptada ás persoas destinatarias, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero nos termos definidos no artigo 4.

f) Descrición dos recursos humanos e materiais que se van utilizar para garantir o axeitado desenvolvemento da actuación, especificando a titulación e dedicación horaria do persoal á actuación para a que se solicita a subvención. No caso de formación práctica indicarase se o desenvolvemento precisa dun/ha monitor/a a cargo da entidade solicitante. No suposto de accións formativas que comporten o compromiso de contratación ou de prácticas non laborais ao que se refire o artigo 12.2.a) achegarase documento acreditativo asinado pola empresa. No caso de solicitar equipamento especial para unha acción formativa, deberase indicar expresamente a relación de medios necesarios para a impartición que ten que costear a entidade solicitante.

g) Cronograma da/das actuación/s: a/as descrición/s conterá o período temporal de desenvolvemento da actuación, con indicación do seu número total de horas e/ou, no caso de que sexa necesario pola súa natureza, días, semanas ou meses de execución efectiva, así como o número previsto de persoas usuarias, coa desagregación reflectida no anexo IV. Esta descrición deberase presentar desagregada, recollendo de xeito separado as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2016 e, se é o caso, ata o 31 de marzo de 2017, segundo o establecido no anexo IV. Nas actuacións de tipo formativo distinguirase o número de horas teóricas e prácticas e as unidades didácticas ou módulos nos que se divida, con expresión da duración de cada un deles. Tamén se indicará se se van aboar bolsa de asistencia ás persoas participantes, así como o número de días que van acudir á parte teórico-práctica ou axudas para transporte, no caso de apoio á conciliación e/ou formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de conducir.

h) Perfil e criterios de selección das persoas destinatarias para a actuación e para cada unha das súas fases. Indicarase, de ser o caso, a/s problemática/s específica/s das persoas usuarias. No caso de solicitudes tipo b).2º e b).3º este punto deberá axustarse ao establecido nos artigos 3.1 e 3.3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro.

i) Metodoloxía que se vai empregar no desenvolvemento da actuación, a cal deberá incorporar a perspectiva de xénero describindo os axustes que se introducirán en función dos roles diferentes que asumen homes e mulleres na sociedade e que poden condicionar o acceso e a calidade da súa participación.

j) Avaliación cualitativa prevista.

k) Para as actuacións do artigo 4.1.b).1º a declaración de gastos previstos para cada anualidade recollendo de xeito separado os gastos ata o 30 de novembro de 2016 e, no seu caso, ata o 31 de marzo de 2017.

A información mínima requirida no anexo IV poderá ser ampliada, a discreción da entidade solicitante, nunha memoria complementaria.

4. Documentación específica para as subvencións de investimento de centros de inclusión ou emerxencia social:

a) Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver (anexo V), xunto con, no caso de subvención para construción, reforma ou ampliación, proxecto de execución ou licenza. Nesta memoria recollerase, de ser o caso, como se atenden os condicionantes de xénero no proxecto proposto.

b) Orzamento desagregado dos gastos, que se deberá presentar recollendo de xeito separado as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2016 e, se é o caso, ata o 31 de marzo de 2017, segundo o establecido no anexo V.

c) No caso de subvencións para construción, reforma ou ampliación, planos da actuación a escala axeitada e proxecto. No caso de presentación de solicitude para equipamento e vehículos de transporte vinculados á prestación dos servizos do centro, este substituirase por unha memoria xustificativa da súa necesidade e documento das súas condicións técnicas.

d) Documentación acreditativa do réxime fiscal da entidade solicitante respecto do IVE, para os efectos de determinar a súa subvencionabilidade.

5. Calquera documentación complementaria correspondente a calquera solicitude poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2. da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e no artigo 22.3. do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4. da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da entidade solicitante de forma electrónica superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, deberá mencionarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido na documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se se desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizarse de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. Neste caso deberá mencionarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4. da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, en cuxo caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente. Para o trámite de adxudicación, estas certificacións poderán ser substituídas por declaración responsable do órgano competente da entidade solicitante que se presentará xunto coa solicitude (anexo I).

4. De conformidade co artigo 17.1. da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

5. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

Os citados requirimentos de emenda, de acordo cos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, faranse a través do portal de Benestar da Consellería de Política Social (http://benestar.xunta.es ou http://benestar.xunta.gal), a cal, excepcionalmente, se poderá substituír por outro medio de notificación, ben individual ou colectiva, unicamente no caso de existir imposibilidade de realizar a primeira.

Sen prexuízo do anterior, a Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social poderá comunicar os requirimentos aos enderezos que se indiquen na solicitude. Esta comunicación non afectará o prazo establecido no parágrafo primeiro do presente punto.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aquelas actuacións que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, regulada no artigo 11.

7. As solicitudes ou actuacións que non cumpran as esixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. A resolución será notificada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. No exercicio das súas funcións, poderá solicitar informe á unidade administrativa con competencias en materia de autorización e inspección de servizos sociais acerca do grao de cumprimento da normativa en materia de inscrición de entidades e autorización dos centros e/ou programas de servizos sociais e tamén informes dos servizos técnicos pertinentes, tanto a nivel central como territorial, os cales non terán carácter preceptivo nin vinculante. No caso das subvencións de investimento de construción, ampliación, reforma e mellora dos centros, solicitarase informe da unidade técnica administrativa con competencias na avaliación de proxectos, que deberá indicar que o obxecto da subvención está directamente relacionado coa autorización para o inicio das súas actividades. Así mesmo, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de realizar a selección das solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada no caso daquelas susceptibles de someterse a un réxime de concorrencia competitiva, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social.

Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión, a persoa titular da xefatura do Servizo de Prestacións e Acción Social e un/unha funcionario/a adscrito/a á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social.

Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a por proposta da persoa titular da presidencia.

En caso de ausencia dalgún membro da comisión de valoración, este será substituído pola persoa designada polo/a presidente/a.

Na composición da comisión de valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. Unha vez avaliados os expedientes e determinado o importe que lle correspondería a cada actuación, a comisión presentaralle ao órgano instrutor o informe dos resultados da avaliación efectuada.

3. Neste informe figurará de xeito individualizado a avaliación das solicitudes presentadas, especificándose o importe que lle correspondería a cada unha delas.

4. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido nos artigos 30.2. e 33.7 do Decreto 11/2009,do 8 de xaneiro. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base, as cales respectarán a orde de prelación previamente realizada.

Artigo 12. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social, dado que pola súa natureza e finalidade non fai necesaria a comparación entre solicitudes e a súa posterior prelación, será o de concorrencia non competitiva, procedéndose, en virtude do previsto no artigo 19.3. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ao rateo entre as entidades beneficiarias da subvención dun crédito global de 1.700.000 euros, segundo a distribución anual establecida no artigo 2.1., consignado na partida orzamentaria 12.03.312A.481.3 para esta finalidade. O crédito restante nesta partida orzamentaria distribuirase entre as solicitudes para as actuacións previstas no artigo 4.1.b).1º. O crédito da aplicacións orzamentarias 12.03.313C.481.6 e 12.03.312C.481.0 distribuírase entre as solicitudes da tipoloxía do artigo 4.1.b) 2º e 4.1.b) 3º de xeito proporcional ao número de actuacións de cada tipoloxía susceptibles de seren baremadas.

2. O procedemento de concesión das subvencións para actuacións singularizadas do artigo 4.1.b) que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos e para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquelas dirixidas de xeito exclusivo á poboación inmigrante, atenderá a un réxime de concorrencia competitiva.

De non esgotarse todo o crédito destinado a unha tipoloxía de actuación poderá ser utilizado no resto das tipoloxías previstas neste punto sempre que se respecten os principios de elixibilidade que establezan os fondos financiadores das ditas axudas.

Os criterios de valoración destas actuacións serán os seguintes cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Obxectivos, necesidade social e carácter innovador do programa: ata 60 puntos coa seguinte desagregación:

– Complementariedade con outros recursos do Sistema galego de servizos sociais existentes no territorio: ata 15 puntos.

– Necesidade social: ata 15 puntos.

– Grao de novidade respecto do resto de actuacións presentadas nesta convocatoria: ata 10 puntos.

Presentación dun compromiso de contratación ou de realización de prácticas non laborais asinado por unha empresa ou de que a entidade solicitante é promotora ou traballa en coordinación cunha empresa de Inserción Laboral (EIL) debidamente inscrita no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral de Galicia,: 20 puntos.

b) Experiencia na realización de programas de inclusión sociolaboral para persoas en situación ou risco de exclusión social, reflectida na execución de programas e na memoria da entidade. Ata 10 puntos coa seguinte desagregación:

Experiencia da entidade no ámbito da inclusión social, considerada en función do número de anos que desde o actual leva dedicándose ininterrompidamente a este labor. Ata 4 puntos, 1 por ano:

Colaboración coa Xunta de Galicia no desenvolvemento de programas: 2 puntos.

Os catro puntos restantes distribuiranse como se indica a continuación:

Para actuacións 4.1 b).2º e 4.1.b).3º, agás o referido no parágrafo seguinte, número de insercións laborais acadadas en 2014, ata 4 puntos:

Entre 1 e 5 insercións: 2 puntos.

Máis de 5 insercións: 4 puntos.

Para actuacións 4.1 b).2º e 4.1.b).3º experiencia ou formación en mediación intercultural, ata 4 puntos:

Experiencia ou formación: 2 puntos.

Experiencia e formación: 4 puntos.

Para actuacións 4.1 b).1º:

Número de socios que contribúan ao financiamento da entidade: 4 puntos.

c) Actuacións integrais de carácter transversal en dous ou máis ámbitos da inclusión sociolaboral (educación e formación, inserción laboral, acción social, cobertura de necesidades básicas, orientación e información, vivenda, sanidade). Ata 15 puntos coa seguinte desagregación:

Presentación de actuacións en dous ámbitos: 6 puntos.

Presentación de actuacións en tres ámbitos: 9 puntos.

Presentación de actuacións en catro ámbitos: 12 puntos.

Presentación de actuacións nos cinco ámbitos: 15 puntos.

d) Coordinación e cooperación acreditada cos servizos sociais, equipos de inclusión sociolaboral e outras entidades ou axentes sociais. Ata 10 puntos.

Coordinación cos equipos de inclusión sociolaboral no marco do territorio atendido pola entidade: 4 puntos.

Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 3.

Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 3.

e) Realización de actividades específicas de promoción da igualdade de xénero. Ata 5 puntos.

3. O procedemento de concesión das subvencións para investimento de centros de inclusión e emerxencia social será o de concorrencia competitiva atendendo aos seguintes criterios, cun máximo de 100 puntos por proxecto:

a) Necesidade e impacto social do investimento ou equipamento solicitado: 35 puntos.

b) Complementariedade do servizo que vaia prestar o centro con outros dispositivos de atención a persoas en exclusión: 35 puntos.

c) Número de persoas destinatarias potenciais do proxecto: 10 puntos.

d) A coordinación dos proxectos con outros axentes do territorio: 10 puntos.

e) Atención aos condicionantes de xénero no proxecto proposto.: 10 puntos.

Artigo 13. Determinación do importe das subvencións

1. Subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social.

A determinación do importe das subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social tomará como referencia o número de persoas que cada centro prevé atender, coa limitación do número de prazas para as que estea autorizado, e un importe unitario máximo de axuda por persoa atendida por día en función da tipoloxía de centro, do xeito seguinte:

a) Centros de acollida e inclusión: módulo de 6 € por cada persoa con atención básica por día e módulo de 40 € por cada persoa con atención especializada por día, establecéndose un límite máximo de 175.000,00 € por centro.

b) Centros de día de inclusión social: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, establecéndose un límite máximo de 40.000 € por centro.

c) Albergues: módulo de 5 € por cada persoa que se atenda e día, establecéndose un límite máximo de 40.000 € por centro.

d) Comedores sociais: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, establecéndose un límite máximo de 100.000 € por centro.

e) Centros de atención social continuada: módulo de 3 € por cada persoa que se atenda e día, establecéndose un límite máximo de 40.000 € por centro.

2. Subvencións para actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante.

Unha vez valoradas as solicitudes por tipoloxías conforme os criterios establecidos no artigo anterior, obterase unha relación ordenada delas, a cal se empregará como listaxe para a asignación do crédito dispoñible na convocatoria, o cal a distribuirá segundo o establecido no seguinte punto:

O crédito asignado para cada anualidade de gasto distribuirase en función da puntuación xeral resultante en orde decrecente, de tal xeito que, unha vez esgotado o crédito dispoñible para unha das anualidades, continuará asignándose o correspondente á outra anualidade de maneira independente. Para estes efectos, a anualidade de 2016 comprenderá actuacións comprendidas ata o 30 de novembro de 2016 e a anualidade de 2017 desde o 1 de decembro de 2016 ata o 31 de marzo de 2017.

a) Módulo de atención desenvolvida a través de itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento: 19,62 €/hora de traballo efectivo realizado por persoal técnico titulado cun máximo de 1.720 horas para o período subvencionable, que se corresponden coa dedicación dun/dunha profesional a xornada completa. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 persoas atendidas, das cales o 60% deberán ter realizadas, polo menos, seis actuacións presenciais das recollidas no artigo 4.1.b).2º.1ª. O número de persoas atendidas exixido minorarase proporcionalmente en función da dedicación horaria declarada.

Se as persoas atendidas son persoas sen fogar ou se atopan en situación de exclusión seveira, circunstancia que se fará constar no momento da solicitude, exixirase para unha dedicación a xornada completa a atención de 15 persoas que deberán ter realizadas, polo menos, seis actuacións presenciais das recollidas no artigo 4.1.b).2º.1ª.

b) Módulo de accións formativas laborais teóricas/prácticas, sempre que comporten a presenza de monitorado para o seu desenvolvemento: 4,5 €/hora/participante, agás en accións formativas que precisen para o seu desenvolvemento dun equipamento especial, caso no que acadará un importe de 6,75 €/hora/participante. Para a apreciación deste extremo será competente a comisión de valoración de solicitudes prevista no artigo 11.1., a cal recoñecerá esta circunstancia unicamente en caso de imprescindible utilización dos ditos equipamentos no desenvolvemento do curso. Este extremo deberá constar claramente na solicitude de subvención formulada pola entidade. Incluiranse nas accións formativas laborais as que teñan a finalidade de adquirir as competencias clave, a formación lingüística, e a formación nos valores e características da sociedade de acollida dirixida a persoas inmigrantes.

Os importes establecidos corresponderán integramente, ata un límite de 16.000 euros por acción formativa, cando teñan dereito a certificación acreditativa da súa realización un mínimo de cinco participantes.

c) Módulo de formación práctica non laboral en dependencias dunha empresa: 3 €/hora/participante.

d) Módulo de bolsas por asistencia ás acción formativas recollidas na letra b): 4,5 €/ día de asistencia/ participante cun importe máximo do 25 % do importe total da acción formativa.

Este módulo, en ningún caso, será de aplicación ás persoas participantes titulares dunha renda de inclusión de Galicia que inclúa ese complemento nas datas de realización da actuación formativa.

e) Módulo de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C: 4,5 €/hora/participante. Será condición indispensable para o seu financiamento que a persoa estea recibindo atención para a inclusión sociolaboral financiada por esta convocatoria e que esta formación estea incluída no proxecto de inclusión sociolaboral da persoa que a reciba.

As persoas asistentes a esta formación poderán recibir unha axuda no caso de que sexa preciso o desprazamento urbano ou interurbano por lonxanía desde o domicilio ou inexistencia do recurso no seu municipio de residencia, extremos que deberán acreditarse. Para estes desprazamentos usarase o transporte público, sendo posible usar un vehículo particular unicamente se aquel non existe ou ten un horario irregular que non permite compatibilizalo coa acción formativa, circunstancia que será apreciada pola comisión de valoración de solicitudes prevista no artigo 11.1.

As contías destas axudas serán as seguintes:

Transporte público urbano: 1,5 €/día de asistencia.

Transporte público interurbano: o custo real do desprazamento.

Vehículo particular: 0,19 €/km.

f) Módulo de medidas de apoio á conciliación: 13,75 €/hora e participante. Adicionalmente no suposto de que sexa necesario o desprazamento ao domicilio da persoa a que se lle vai prestar o servizo pagarase 1,5 €/día de asistencia en caso de utilización de transporte público urbano, o custo real do desprazamento se se usa transporte público interurbano e a 0,19 €/ km se se utiliza un vehículo particular.

g) Módulo de mediación intercultural: 19,25 €/hora de traballo efectivo realizado por persoal técnico con formación en mediación intercultural. As persoas que fagan mediación poderán recibir unha axuda no caso de que sexa preciso o desprazamento urbano ou interurbano por afastamento desde o domicilio ou inexistencia do recurso no seu municipio de residencia, extremos que se deberán acreditar. Para estes desprazamentos usarase o transporte público, sendo posible usar un vehículo particular unicamente se aquel non existe ou ten un horario irregular que non permite compatibilizalo coa realización da mediación, circunstancia que será apreciada pola comisión de valoración de solicitudes prevista no artigo 11.1.

As contías destas axudas serán as seguintes:

Transporte público urbano: 1,5 €/día de asistencia.

Transporte público interurbano: o custo real do desprazamento.

Vehículo particular: 0,19 €/km.

h) Módulo de dinamización en territorios en exclusión seveira: 4,5 €/hora/participante para a actividade acreditada.

i) Módulo de accións informativas: 5 € por persoa en todo o período subvencionable.

j) Módulo de asistencia para cubrir necesidades básicas: 10 € por persoa en todo o período subvencionable.

Os módulos descritos nas letras i) e j) non estarán cofinanciados con FSE.

A contía máxima de axuda por actuación establécese nun importe de 35.000 €, salvo no caso de formación práctica non laboral en dependencias dunha empresa que acadarán como límite máximo 4.000,00 € e para accións formativas teórico-prácticas que poderán ter un importe máximo de 16.000 € máis o importe que lle puidera corresponder en concepto de bolsa, o cal non poderá superar 25 % do importe total da acción formativa.

A Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social supervisará a realización de todas as actuacións previstas e poderá requirir á entidade solicitante a súa modificación se conteñen duplicidades ou contradicións que afecten a correcta xustificación das axudas.

3. Subvencións para o investimento de centros de inclusión e emerxencia social.

Para os efectos de determinar o importe da subvención haberá que aterse ao orzamento presentado pola entidade solicitante, e esta non poderá superar o 80 % do orzamento total.

En ningún caso o importe máximo da axuda que se vaia conceder superará o importe de 150.000 €.

Artigo 14. Resolución

1. A concesión das subvencións obxecto desta orde será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, a proposta do órgano instrutor e unha vez fiscalizada a proposta pola intervención delegada

2. As resolucións recaídas notificaranse ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. As resolucións das solicitudes sometidas a un procedemento de concorrencia competitiva estarán motivadas e indicarán a puntuación acadada no proceso de valoración. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Coa notificación ao beneficiario informarase das condicións da axuda, de conformidade co establecido nos artigos 125.3 c) e d), 125.4.a) e. 67.6) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no artigo. 10 do Regulamento de execución (UE) núm. 1011/2014 da Comisión, do 22 de setembro de 2014 e no Anexo III do Regulamento delegado (UE) núm. 480/2014 da Comisión, do 3 de marzo.

4. Unha vez recibida a resolución de concesión da subvención a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación. No caso de non comunicación entenderase tacitamente aceptada en todas as súas condicións.

5. En aplicación do artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actuacións recollidas no artigo 4.1.b) e o importe da axuda da proposta de resolución sexa inferior ao que figura na solicitude, poderase instar a entidade beneficiaria a que, nun prazo de dez días, reformule a solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención proposta e/ou formule as alegacións que estime pertinentes. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos e que deron lugar ao seu outorgamento. Así mesmo, a dita reformulación non poderá comprometer a viabilidade do programa polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención a instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Serán de aplicación aos beneficiarios e beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde, o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 17. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades que sexan subvencionadas deberán:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente.

b) Manter de forma separada na contabilidade as axudas percibidas. No caso daquelas axudas dos artigos 4.1 a) e b) bastará con manter de xeito separado o ingreso da axuda percibida, agás no caso de existir na actuación subvencionada o custo real do transporte interurbano, que se deberá reflectir cun código contable propio que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados. En todo caso, respecto das axudas cofinanciadas con FSE ou Feder, deberán conservar toda a documentación relativa á subvención durante un período de tres anos que se contará a partir do 31 de decembro seguinte á presentación destas contas perante á Comisión Europea, data esta que se publicará oportunamente no Diario Oficial de Galicia.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións realizadas a condición de subvencionados pola Consellería de Política Social, se é o caso, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014/2020 ou Fondo Social Europeo 2014-2020 segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou Fondo Social Europeo, segundo corresponda, e nos lugares de realización da actuación e durante esta, informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

d) Informar, se é o caso, ás persoas destinatarias de que as actuacións nas que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social) e, se é o caso cofinanciadas polo Feder e/ou FSE así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas como mínimo nos partes de asistencia/participación, enquisas de avaliación ou certificados de asistencia.

e) Adecuar a metodoloxía das actuacións, así como a de recollida e proceso de datos de seguimento e acreditación da realización da actividade de persoas beneficiadas ás fórmulas que, se é o caso, propoña a Consellería de Política Social e, se así é requirido, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020. Así mesmo, deberán realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Os indicadores de execución relativos á persoa solicitante refirense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior a finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos. Polo que respecta aos indicadores relativos ás axudas ao investimento en centros de inclusión e emerxencia social, realizarase un reconto global da capacidade máxima de persoas para as que está deseñado o centro e, no caso de adquisición de equipamento de uso social, farase unha estimación da poboación beneficiaria durante a súa vida útil.

f) Axustarse na execución das accións aos obxectivos que, se é o caso, estableza a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Inclusión Social. En particular, e coa periodicidade coa que sexa requirida, deberá comunicar á Dirección Xeral de Inclusión Social o cumprimento das accións subvencionadas polas persoas participantes, comunicación na que se fará constar toda a información precisa para dar cumprimento aos requirimentos de información asociados aos indicadores de execución e de resultado do FSE. En particular e con respecto ás persoas participantes recadará información sobre os indicadores de execución e resultado para FSE. Para a acreditación deste punto, a entidade deberá recabar e custodiar unha declaración das persoas participantes ou outra documentación análoga que lle permita responsabilizarse da súa declaración conxunta perante a Dirección Xeral de Inclusión Social. Esta mesma obriga contraerase cos servizos sociais comunitarios de referencia da persoa participante, cando sexa solicitado para o seguimento da súa intervención social.

g) As infraestruturas e equipamentos subvencionados deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco (5) anos, ou vinte (20) anos no caso de subvención para construción, ampliación, reforma e mellora de centros, tal como recolle o artigo 29 do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais e o 31.4.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 71 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 21.3 da presente orde.

h) Comunicar as datas de inicio e remate das actuacións, así como os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social, en especial, os relativos á subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

i) Controlar a asistencia ás accións formativas e garantir que as persoas propostas para certificación acreditativa da realización dunha acción deste tipo teñan asistido como mínimo ao 60 % do total das súas horas.

j) Solicitar, de ser o caso, á Dirección Xeral de Inclusión Social a autorización das modificacións que afecten as actuacións subvencionadas cunha antelación de cinco días á data na que se produzan.

k) Remitir no prazo de dez días os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

l) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Inclusión Social, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

m) Contratar un seguro para o alumnado ou participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento das actividades como os dos desprazamentos para a asistencia a elas.

n) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

o) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Os servizos da Consellería de Política Social poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades de iniciativa social participantes dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Artigo 18. Xustificación das subvencións

1. A xustificación das actuacións recollidas no artigo 4.1.a) e 4.1.b).1º realizarase pola modalidade de módulos conforme o establecido no artigo 44. b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. As actuacións recollidas no artigo 4.1.b).2º e 3º xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e d) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e 14.2 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013. Excepciónase a axuda de transporte para o desprazamento interurbano recollida no artigo 13.2.e), f) e g) desta convocatoria, na que se reembolsará o custo real efectivamente incorrido e aboado, e que se xustificará a través da modalidade de conta xustificativa.

3. As actuacións recollidas no artigo 4.1.c) xustificaranse a través conta xustificativa do gasto realizado. Esta realizarase mediante certificación do órgano que teña atribuída na devandita entidade as correspondentes facultades de control, e unha relación clasificada dos gastos con identificación do acredor, concepto que permita identificar dun xeito inequívoco a subvencionabilidade do gasto de acordo coas normas aplicables, número de factura, nómina ou documento similar, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, e as sumas parciais (folla por folla) e total da relación. A estes documentos acompañarase facturas ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, con expresión do seu número, acredor, data de emisión, concepto e importe e data de pagamento. As facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. En todo caso, tanto as facturas como calquera documento acreditativo que figure e se acompañe na relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizados os pagamentos do correspondente gasto, debendo cumprir os requisitos establecidos no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria. Ademais do anterior, no caso de compravenda, achegarase escritura onde constará que o inmoble obxecto da subvención se destinará, polo menos durante os vinte anos seguintes, á finalidade que serviu de fundamento á petición e, no caso de obra, a correspondente licenza municipal.

4. As entidades beneficiarias deberán xustificar cada anualidade de xeito independente. A xustificación correspondente a 2016 comprenderá as actuacións realizadas ata o 30 de novembro e presentarase con data límite do 5 de decembro de 2016, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda que regule as operacións de cerramento do exercicio. mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) No suposto de subvencións para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social: solicitude de pagamento parcial, listaxe codificada de persoas usuarias por día á que se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos no libro de rexistro ou fichas en soporte papel do centro, declaración de gastos reais correspondente ao período que se pretende xustificar, anexo VII e anexo VI. No caso de comedores, albergues, centros de día e centros de atención social continuada a listaxe a que se refire este apartado substituirase por unha relación do número de persoas que foron atendidas cada día acompañada de certificación acreditativa de que a dita relación se corresponde cos datos recollidos no libro de rexistro ou fichas en soporte papel do centro.

b) No suposto de subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun proxecto de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, ou para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante: solicitude de pagamento, documentación xustificativa dos módulos realizados total ou parcialmente na anualidade 2016, segundo o exposto no punto 5 de xustificación final, anexo VII e anexo VI.

No caso de tratarse de actuacións comprendidas no artigo 4.1.b).1º remitirase ademais declaración de gastos reais realizados no período que se pretenda xustificar e unha relación codificada de persoas usuarias á que se xuntará certificación acreditativa de que os datos que contén a dita listaxe se corresponden cos datos recollidos nos rexistros da entidade salvo que se trate de actuacións informativas que se desenvolvan en centros educativos, suposto no que será suficiente presentar unha certificación expedida pola persoa responsable do centro, onde conste o número de persoas asistentes.

No caso de actuacións comprendidas no artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º deberase remitir, así mesmo, o cuestionario de indicadores de execución integramente cuberto e asinado polos participantes para cada actuación. Igualmente, de non terse solicitado anticipo, deberase enviar xustificante de ter pagado á compañía aseguradora a póliza que cubra as continxencias de accidentes para o alumnado ou participantes a que se refire a o artigo 17.m).

c) No suposto de subvencións para investimento en centros de inclusión ou emerxencia social solicitude de pagamento parcial; conta xustificativa do gasto realizado total ou parcial da anualidade 2016 segundo o artigo 18.3 desta orde e anexo VI.

5. Para a xustificación final e coa finalidade de acreditar a realización total das actividades, así como o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar con data límite do 30 de abril de 2017 a seguinte documentación relativa ás actuacións subvencionadas ata o 31 de marzo de 2017. Excepcionalmente aquelas actuacións do artigo 4.1.c) que teñan unha data de execución posterior ao 31 de marzo de 2017 xustificaranse como límite máximo o 4 de decembro de 2017.

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con cuantificación e indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, asinada pola persoa responsable da entidade, segundo o modelo do anexo VIII.

b) Declaración responsable asinada pola persoa representante da entidade na que se indique que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (anexo VI) e memoria económica xustificativa (anexo VII).

c) No caso de subvención para funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social haberá que aterse ao disposto no punto 4.a) no referente á listaxe e á certificación complementaria.

d) No caso de subvención de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos ou de atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante:

1º. De tratarse de atención desenvolvida a través de itinerarios de inclusión sociolaboral con acompañamento:

Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa subvencionado asinadas polo/a traballador/a e a persoa responsable da entidade.

Formulario de indicadores de execución e resultado integramente cuberto e asinado polos participantes para cada actuación. Este formulario poderá substituírse polo expediente con rexistro de actuacións no caso de participantes que realizasen un mínimo de seis actuacións das establecidas no artigo 4.1.b)2º1ª. Esta ficha, que está dispoñible a través da plataforma informática, deberá remitirse en formato PDF asinada tanto polo/a técnico/a responsable como polo/a participante.

No caso de que esta atención se prestase a persoas sen fogar deberá achegarse ademais unha certificación asinada polos servizos sociais, acreditando a dita situación.

Certificación de finalización dos itinerarios con indicación dos resultados obtidos a través das acción subvencionadas.

2º. De tratarse de accións formativas de calquera dos tipos previstos:

Partes de asistencia onde conste o número de horas de formación, asinados pola persoa participante e o/a responsable/técnico/a da realización da actuación. Nos ditos partes deberanse identificar de xeito veraz as persoas participantes e expresar as horas realizadas diariamente por cada unha delas. Os partes de asistencia a formación práctica non laboral en dependencias dunha empresa deberán conter, ademais, a sinatura do/a responsable na empresa.

No suposto de formación teórica adaptada dirixida á adquisición do permiso de condución tipo B ou C deberase remitir, ademais, a folla de rexistro de actuacións do proxecto de inclusión sociolaboral da persoa que a reciba. Esta ficha, que está dispoñible a través da plataforma informática, deberá remitirse en formato PDF asinada tanto polo/a técnico/a responsable como polo/a participante.

Certificación de finalización da actividade subvencionada comprensiva da relación de persoas asistentes e do número total de horas realizadas por cada unha delas; no caso de que se tivese percibido a bolsa ou a axuda de desprazamento a que se refiren o artigo 5.1.a) 1º, farase tamén constar a súa necesidade, a contía percibida por cada persoa e o importe total percibido por ese concepto. Ademais no suposto de axudas de desprazamento remitirase documentación acreditativa do uso de transporte público interurbano ou certificado da persoa responsable da entidade acreditativo do uso dun vehículo particular.

Formulario de indicadores de execución e resultado integramente cuberto e asinado polos participantes para cada actuación.

3º. No caso de actuacións de apoio á conciliación: copia da demanda do servizo por parte do/a responsable da persoa dependente e parte horario semanal ou diario de atención. Adicionalmente, se hai desprazamento ao domicilio da persoa á que se lle presta o servizo deberá presentarse a documentación acreditativa do uso de transporte público ou certificado da persoa responsable da entidade acreditativo do uso dun vehículo particular.

Formulario de indicadores de execución e resultado integramente cuberto e asinado polos participantes para cada actuación.

4º. Para as actuacións de mediación intercultural.

Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao programa subvencionado asinadas polo/a traballador/a e a persoa responsable da entidade.

Copia da demanda do servizo por parte do/a persoa beneficiaria da mediación e parte horario semanal de atención. Se fose preciso desprazamento do/a traballador/a para a prestación do servizo, deberá presentarse a documentación acreditativa do uso de transporte público ou certificado da persoa responsable da entidade acreditativo do uso dun vehículo particular.

Formulario de rexistro indicadores de execución e resultado integramente cuberto e asinado polos participantes para cada actuación.

5º. No caso de constar na solicitude o compromiso de contratación ou de realización de prácticas non laborais nunha empresa, coa xustificación final, deberá achegarse o contrato de traballo ou o documento acreditativo da realización das ditas prácticas asinado pola empresa, pola entidade e pola persoa participante, agás que a acción subvencionada fose a propia formación práctica non laboral nas dependencias da empresa.

6º. No suposto de subvencións para investimento en centros de inclusión ou emerxencia social conta xustificativa do gasto realizado na anualidade 2017 segundo o artigo 18.3 desta orde e anexo VI.

4. De toda a documentación sinalada deberá enviarse un exemplar orixinal ou copia compulsada e outro en formato electrónico ao enderezo de correo que se comunique á entidade, no caso de que sexa requirido.

5. De cara a homoxeneizar a documentación xustificativa, toda a documentación prevista no punto 4 debe presentarse obrigatoriamente segundo os modelos dispoñibles a través da páxina web da Consellería de Política Social, agás aqueles que se poidan extraer da plataforma informática.

6. No caso de non presentarse a xustificación no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, deberase enviar ao número de fax 981 54 56 38, correspondente á Subdirección Xeral de Inclusión e Integración Social, o oficio de presentación da documentación co seu correspondente selo de entrada.

Artigo 19. Anticipos

1. Poderán realizarse anticipos de pagamento logo da súa solicitude, á que se xuntará a comunicación do/a director/a ou persoa representante da entidade do inicio da actividade, aceptación da subvención e, no caso de actuacións comprendidas no artigo 4.1.b).2º e 4.1.b).3º, xustificante de ter pagado á compañía aseguradora a póliza do seguro de accidentes a que se refire a o artigo 17.l).

A estes anticipos aplicaráselle o disposto no artigo 31.6. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento e acadarán distintas porcentaxes, dependendo da contía de cada subvención individual concedida: para aquelas axudas que non excedan o importe de 18.000 €, o anticipo acadará a porcentaxe do 50 % do importe que se subvenciona da anualidade 2016. Se superan ese importe, a porcentaxe do anticipo será o importe de sumar ao importe fixo de 9.000 €, o 10 % da diferenza entre a subvención concedida e a cantidade de 18.000 €. Non obstante o anterior, as subvencións concedidas para as actuacións recollidas no artigo 4.1.a), no 4.1.b).1º da presente convocatoria que sexan de carácter informativo, e no 4.1.c), non son susceptibles de anticipo.

Calquera dos anticipos a que se refire o parágrafo anterior deberán ser solicitados, necesariamente antes do 30 de setembro de 2016.

Artigo 20. Pagamento das subvencións

1. Unha vez xustificada cada anualidade da subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, realizará as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. No suposto de subvención para o funcionamento de centros de inclusión e emerxencia social establecidos no artigo 4.1.a), o pagamento realizarase en función do número de persoas efectivamente atendidas por día, multiplicado polo importe unitario de axuda establecido no artigo 13.1. Na anualidade 2016, á solicitude da entidade, realizaranse ata tres pagamentos á conta da liquidación definitiva cuxo importe total non poderá superar o 80% da subvención concedida. En todo caso deberá presentarse una solicitude de pagamento relativa ás actuacións realizadas nesta anualidade con data límite do 5 de decembro de 2016. Con cada solicitude de pagamento deberá enviarse a documentación prevista no artigo 18.4.a).

3. Con respecto ás subvencións de promoción de actuacións singularizadas que constitúan a totalidade ou parte dun programa de carácter innovador e/ou complementario dos servizos sociais comunitarios básicos, ou para a atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo á poboación inmigrante e de investimento en centros de inclusión e emerxencia social, na anualidade 2016, no caso de non finalización das actuacións, farase un pagamento a conta da liquidación definitiva en función das accións realizadas. Neste caso, a entidade deberá enviar coa solicitude de pagamento a documentación prevista no artigo 18.4.b).

4. Para facer efectivo o pagamento final a entidade deberá presentar antes do 30 de abril de 2017 a documentación establecida no artigo 18.4.

5. No caso da atención dirixida a fomentar a inclusión social e o acceso e permanencia no mercado de traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, incluíndo aquela dirixida de xeito exclusivo a poboación inmigrante, se non se acredita a atención do número mínimo de persoas establecido en función da dedicación horaria declarada ou non se mantén a porcentaxe de persoas que deben ter realizadas seis actuacións, procederase a unha redución proporcional da subvención concedida en función da porcentaxe do incumprimento.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Particularmente, acadarán a porcentaxe dun 2% de minoración sobre a contía total da axuda percibida o incumprimento das obrigas recollidas no artigo 17.c) e 17.d). O incumprimento das obrigas establecidas no artigo 17.j) e 17.k) implicará que a correspondente acción formativa se considere non realizada, agás no caso da establecida no artigo 17.j), cando se poida acreditar que a non comunicación en prazo se deba a causas imprevistas debidamente xustificadas e comunicadas no momento en que se produzan.

3. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4. do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Política Social poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería de Política Social realizará , ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Inclusión Social xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas Contas e aquel outras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE 2014-2020.

Artigo 23. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Xestión de servizos sociais cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Comunicación de datos á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de inclusión social da Consellería de Política Social para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO VIII
Guión para a elaboración da memoria de actuación das actividades realizadas

1. Datos relativos á actuación.

a) Denominación da entidade.

b) Denominación da actuación con indicación do marco en que se desenvolve.

2. Xustificación da actuación.

3. Obxectivos.

a) Obxectivo xeral.

b) Obxectivos específicos.

4. Recursos empregados.

a) Recursos humanos mediante os que se especifica a súa titulación e dedicación horaria á actuación.

b) Recursos materiais mediante os que se especifica os que son cedidos e a cooperación con outras entidades, se é o caso.

5. Actuacións desenvolvidas.

a) Cronograma.

b) Datas de inicio e remate.

c) Número de horas.

d) Modo de selección de participantes.

e) Metodoloxía (que deberá incorporar a perspectiva de xénero).

f) Relación de participantes con expresión do DNI ou equivalente.

g) Lugar onde se realiza e descrición das instalacións.

h) Outros datos de interese (asistencia, número de baixas, motivación, dificultades, etc.) desagregados por sexo.

i) Coordinación con outros dispositivos (equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios, outras entidades, etc.

6. Datos relativos ás persoas participantes (só para actuacións do artigo 4.1.a) e 4.1.b)1º. Para o resto de actuacións esta información achegarase a través dos cuestionarios que se lles faciliten).

a) Perfil:

1º. Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

2º. Clasificación segundo idade (por sexo).

3º. Clasificación por nivel de estudos, etc. (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito etc.) por sexo.

5º. Clasificación por situación laboral e sexo.

b) Perfil das persoas con inserción laboral:

1º. Número total de insercións laborais.

2º. Clasificación segundo o sexo: (número de homes, número de mulleres).

3º. Clasificación segundo idade (por sexo).

4º. Clasificación segundo problemáticas dos participantes por sexo (inmigrantes, minorías étnicas, sen teito, etc.).

5º. Clasificación por nivel de estudos por sexo, etc.

6º. Datos relativos ao tipo de contrato, xornada e sector de actividade por sexo.

7. Avaliación cualitativa da actuación.

a) Grao de cumprimento de obxectivos.

b) Protocolo de seguimento de actuacións e participantes.

c) Valoración do alumnado/ persoas participantes/usuarias.

d) Resultado de indicadores de avaliación.

e) Conclusións.

(Este guión é orientativo, as entidades poderán engadir nas súas memorias os aspectos que consideren significativos para a valoración das actuacións desenvolvidas).

A entidade deberá presentar unha memoria para cada unha das actuacións subvencionadas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file