Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 26 de maio de 2016 Páx. 20330

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 55/2016, do 12 de maio, polo que se aproba a transmisión de titularidade dunha antiga caseta de legoeiros situada no punto quilométrico 13+125 da estrada AC-552, na parroquia de Lañas, Arteixo, a prol do Concello de Arteixo.

A teor do previsto no artigo 9.7 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade poderán incluír estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Arteixo solicita á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o cambio de titularidade dun inmoble, antiga caseta de legoeiros, situado no punto quilométrico 13+125 da estrada AC-552, en Lañas, Arteixo, de referencia catastral 001901800NH39D0001OL.

Esta caseta de legoeiros é un elemento funcional da estrada de acordo co artigo 6.2.a) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, norma que considera elementos funcionais das estradas as infraestruturas complementarias constituídas por espazos e instalacións destinadas a ordenar, mellorar ou regularizar o sistema xeral de transportes e comunicacións, tales como centros operativos de conservación e explotación, zonas de estacionamento, paradas de autobuses, áreas de servizo, áreas de descanso, zonas de auxilio e atención médica de urxencia, estacións e centros de control, lugares de inspección e pesaxe de vehículos, estacións de contaxe, aparcadoiros disuasorios e calquera outro semellante.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transmisión de titularidade dos terreos que ocupa a vivenda, o patio, así como o terreo lindeiro, que supoñen un total de 295,60 m2 e que determinan a totalidade da superficie.

De conformidade co exposto anteriormente, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de maio de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase a transmisión de titularidade, a prol do Concello de Arteixo, do inmoble, antiga caseta de legoeiros, o patio e o terreo lindeiro, situados no punto quilométrico 13+125 da estrada AC-552, en Lañas, Arteixo, de referencia catastral 001901800NH39D0001OL.

Artigo 2

O Concello de Arteixo deberá levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficiais correspondentes para regularizar a titularidade da superficie, da edificación e dos terreos existentes na parcela.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Arteixo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da superficie, edificación e terreos existentes na parcela, así como o exercicio das funcións que lle poidan corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de maio de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda