Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Venres, 27 de maio de 2016 Páx. 20438

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 4 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do programa de infravivenda no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O artigo 90 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas con competencias en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

Así mesmo, o artigo 95 sinala que as actuacións nas áreas de rehabilitación integral teñen por obxecto a intervención sobre un conxunto de edificacións con usos residenciais, que se atopen en situación de deterioración, tanto no medio urbano coma no rural, para os efectos de mellorar a habitabilidade das vivendas situadas nos centros urbanos, conxuntos históricos, rueiros ou barrios, municipios rurais ou núcleos singulares, de tal xeito que melloren a calidade de vida dos seus habitantes, satisfagan as necesidades de vivenda da cidadanía e supoñan unha recuperación do patrimonio edificado e dos espazos urbanos ou rurais.

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, determina os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e dá directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 17 de decembro de 2010 realizouse a declaración da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago, que é a única área desta natureza xestionada directamente pola Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Co fin de dar cumprimento ao mandato da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de conformidade co previsto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, o 28 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de decembro de 2015 pola que se abre o prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se establecen as bases reguladoras das subvencións deste programa.

Non obstante o anterior, e coa dobre finalidade de recuperar tanto o patrimonio edificado de grande interese cultural e económico como de satisfacer a necesidade de vivendas dignas para os colectivos máis necesitados, considérase preciso afondar, aínda máis, na protección do ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, introducindo novas axudas destinadas a financiar actuacións urxentes e imprescindibles para mellorar o estado das vivendas ocupadas por persoas en risco de exclusión residencial.

Por outra banda, na disposición adicional primeira desta orde modifícase o anexo I da citada Orde do 22 de decembro de 2015, para os efectos de ter actualizado a listaxe das parroquias incluídas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

Esta convocatoria axústase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

En consecuencia e segundo o disposto nos artigos 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do programa de infravivenda rural no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2016.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes, situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, para que poidan axudar, con carácter urxente, as unidades de convivencia que habiten, en condición de propietarias, nunha vivenda que se encontre en mal estado de conservación e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade. Así mesmo, estas subvencións tamén terán por obxecto permitir aos concellos rehabilitar edificacións ou vivendas do seu patrimonio municipal para destinalos a solucionar os problemas de residencia das unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Artigo 3. Concepto de infravivenda

Para os efectos desta orde, enténdese por infravivenda aquela edificación ou vivenda que non reúna as mínimas condicións de habitabilidade.

Artigo 4. Ámbito

As actuacións de rehabilitación deberán realizarse en edificacións ou vivendas que estean situadas no trazado ou nas parroquias de concellos de menos de 10.000 habitantes polos que transcorra o ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, de acordo coa relación que figura no anexo IV.

Para estes efectos, as referencias contidas neste anexo ao trazado do Camiño deben entenderse referidas, de ser o caso, ao trazado histórico do Camiño, nos supostos que así se estableza na delimitación que dos Camiños de Santiago realice a consellería competente nesta materia.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e vivendas, co obxecto de que estas acaden unhas mínimas condicións de habitabilidade. Estas actuacións poderían afectar elementos exteriores, as condicións estruturais e de seguranza, a habitabilidade e accesibilidade da edificación ou vivenda.

Artigo 6. Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións que se realicen deberán axustarse á normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. As actuacións subvencionables non poden estar iniciadas no momento da presentación da solicitude.

3. O prazo de execución das obras virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder 6 meses.

4. O custo total das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Artigo 7. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes que estean situados no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

2. Para poder ser beneficiarios destas subvencións os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da convocatoria, cuxo prazo de presentación estivese vencido.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Concepto e requisitos das unidades de convivencia

1. Para os efectos desta orde, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que residen en condición de propietarias nunha infravivenda, con independencia da relación de parentesco que exista entre todas elas.

2. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares.

3. As unidades de convivencia deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores ao indicador público de efectos múltiples (IPREM). Este límite de ingresos poderá ser modificado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), a cal será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Será requisito necesario para a concesión da axuda que algún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a da vivenda obxecto da actuación e, así mesmo, que ningún membro da unidade de convivencia sexa propietario/a doutra vivenda en todo o territorio nacional. Este requisito non será de aplicación no suposto de actuacións en edificacións ou vivendas do patrimonio municipal.

Artigo 9. Cómputo de ingresos

1. Os ingresos dos membros da unidade de convivencia determinaranse de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Para estes efectos, procederase do seguinte modo:

a) Partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada persoa da unidade de convivencia relativas ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento da solicitude. De non dispoñer da correspondente declaración por non estar obrigado/a a tributar por este concepto, deberanse acreditar os ingresos mediante certificacións de ingresos emitidas pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, nóminas e seguros sociais. Nestes casos, deberá achegar, ademais, unha declaración responsable dos seus ingresos.

b) A contía resultante converterase en número de veces o IPREM en vigor do período a que se refiran os ingresos acreditados.

c) O número de veces do IPREM resultante ponderarase en función dos seguintes coeficientes multiplicativos, segundo corresponda:

Unidade familiar dun membro: 1,00.

Unidade familiar de dous membros: 0,90.

Unidade familiar de tres membros: 0,80.

Unidade familiar de catro membros: 0,75.

Unidade familiar de cinco ou máis membros: 0,70.

2. No suposto de que a unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar das establecidas na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, os ingresos de cada unidade familiar, convertidos en número de veces o IPREM e ponderados conforme o previsto neste artigo, sumaranse, e o resultado debe ser inferior ao límite máximo previsto nestas bases reguladoras.

3. Se algún membro da unidade de convivencia/familiar é unha persoa con discapacidade, nos termos establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas, o coeficiente corrector aplicable será o do tramo seguinte ao que lle correspondese, conforme o previsto nos puntos anteriores.

4. Para o caso de que na unidade de convivencia houbese mulleres xestantes no momento da convocatoria, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos/as e non nacidos/as contarán como membros da unidade familiar, para os efectos da aplicación do coeficiente multiplicativo corrector previsto no número 1.c) deste artigo, sempre que coa aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio. Igual tratamento terá a acreditación da adopción en trámite.

Artigo 10. Contía da axuda

As axudas aos concellos para as actuacións sinaladas poderán acadar ata o 80 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 12.000 euros por edificación.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, os concellos solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa representante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 12. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberta. Deberá dirixirse á área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo onde estea situada a edificación ou vivenda.

2. A solicitude unicamente poderá presentarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.es/chave365 ).

3. A documentación complementaria deberase presentar por vía electrónica, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

4. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, o/a alcalde/sa ou a persoa en que este/a delegue.

5. O/a alcalde/sa ou persoa en quen delegue, para acreditar a súa identidade, poderá asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. Para o suposto de non ter autorizado a súa consulta, deberase xuntar a copia do seu correspondente DNI ou NIE.

6. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitaran ou obtiveran outras axudas para a mesma finalidade, deberase indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración de que todos os datos consignados na solicitude, así como os documentos que se acheguen son certos.

7. Non poderá presentarse máis dunha solicitude de subvención por edificación ou vivenda a rehabilitar.

Artigo 13. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE do/da alcalde/sa ou persoa en quen delegue, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se xunta á solicitude.

c) Para o suposto de que a vivenda sexa de titularidade privada, anexo II de autorización das persoas propietarias do inmoble, membros da unidade de convivencia, para que o concello execute as obras de rehabilitación, así como compromiso de dedicar a vivenda a domicilio habitual e permanente da unidade de convivencia durante o prazo non inferior a 3 anos, contados desde a finalización das obras.

d) Certificado da secretaría municipal en que se acredite que se cumpriu a obrigación recollida no artigo 7.2 desta orde.

e) Memoria relativa á infravivenda obxecto das actuacións. Esta memoria deberá conter a seguinte documentación:

1. Informe social sobre as circunstancias persoais, así como das económico-sociais de cada un dos membros da unidade de convivencia.

2. Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da infravivenda no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago, das súas características e do seu estado de deterioración. Este informe deberá ir acompañado dunha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou vivenda e dunha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

3. Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución.

4. Informe do/a técnico/a municipal de que as actuacións propostas cumpren coa lexislación vixente.

5. Informe municipal sobre o financiamento da actuación que xustifique a súa viabilidade.

6. Certificado do correspondente órgano do concello de que o nivel de renda da unidade de convivencia das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta orde.

7. Certificado da secretaría municipal en que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal. Para o caso de que a edificación ou vivenda pertenza a algún dos membros da unidade de convivencia, deberase achegar documentación fidedigna que así o acredite.

Artigo 14. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

A tramitación, instrución e a formulación da proposta de resolución da axuda corresponderalle á área provincial do IGVS en que estea situado o concello solicitante. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Artigo 15. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

2. O procedemento iníciase de oficio, mediante a correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de convocatoria.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria da convocatoria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

4. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no artigo 12 ou non se lle xuntou da documentación exixida no artigo 13, requirirase o concello solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndolle que, no caso de non completar o citado requirimento, se terá por desistido da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. Unha vez completado o expediente, a persoa titular da xefatura correspondente da área provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que segundo en dereito proceda, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. O outorgamento ou a denegación das subvencións farase mediante resolución motivada da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, o concello solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución ou desde que se desestimase presuntamente a solicitude.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

3. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase de conformidade co previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 18. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para os efectos da súa tramitación, o criterio que se utilizará será o da maior antigüidade na orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da correspondente área provincial do IGVS ou da sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que conste como validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta orde e na correspondente convocatoria.

3. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas no prazo máximo fixado nesta orde para a súa xustificación.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente área provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de 15 días, contados desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras. A comunicación deberá facerse conforme o anexo III desta orde, debendo xuntar a seguinte documentación:

a) Certificación expedida pola secretaría do concello, co visto e prace do/da alcalde/sa, relativa a aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar de forma detallada o cumprimento da finalidade da subvención, así como os conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta actuación, coa seguinte relación: identificación do acredor, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no punto anterior.

c) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

d) Copia de tres orzamentos, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.

3. En ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de novembro do ano da convocatoria, salvo que o requirimento sinalado no punto anterior se fixese dentro dos dez días anteriores a esa data.

Artigo 20. Pagamento das subvencións. Pagamento anticipado

1. O gasto subvencionable determinarase, logo da comprobación da execución de todas as obras e a emisión do informe favorable dos servizos técnicos das áreas provinciais do IGVS, en atención á certificación municipal sinalada na letra a) do número 1 do artigo anterior e ao artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta sinalada ao efecto polo concello beneficiario.

3. Poderanse realizar pagamentos anticipados ata un importe do 50 % da subvención concedida e sen que supere o importe da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Someterse ás comprobacións e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución das actuacións.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

4. Os concellos beneficiarios destas subvencións deberán acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

6. Destinar a vivenda rehabilitada a solucionar os problemas de infravivenda durante un prazo non inferior a 5 anos, contados desde a finalización das obras, para o caso de que a edificación ou vivenda fose de propiedade municipal.

7. Deberán dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda a través do IGVS.

Artigo 22. Perda e reintegro da subvención

1. Ademais das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, determinarán a da perda da subvención a non execución das obras dentro do prazo establecido na resolución de concesión, así como a falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido no artigo 19.

2. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

4. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o concello solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de bo goberno, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

3. De conformidade co artigo 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido das convocatorias que se realicen ao abeiro desta orde será publicado na Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar os concellos interesados sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a rehabilitacion.igvs@xunta.es .

Artigo 25. Compatibilidade e incompatibilidade

1. Sen prexuízo do establecido no punto seguinte, estas axudas serán compatibles con outras axudas a cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia, as corporacións locais ou calquera outra Administración ou entidade pública ou privada, sempre que o importe das subvencións non sexa de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

2. Os concellos non poderán acollerse a outros programas de infravivenda implantados polo IGVS para a rehabilitación de edificacións ou vivendas situadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

CAPÍTULO III
Convocatoria con financiamento no ano 2016

Artigo 26. Obxecto

1. A convocatoria das subvencións do programa de infravivenda rural no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago para o exercicio 2016 regúlase polo establecido nesta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o 30 de novembro de 2016.

Artigo 27. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.760.00, por importe de 500.000 euros, con cargo á anualidade 2016, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional primeira. Modificación do anexo I da Orde do 22 de decembro de 2015 pola que se abre o prazo para solicitar a participación para actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, no marco do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se establecen as bases reguladoras das subvencións deste programa

Substitúese o anexo I da Orde do 22 de decembro do 2015 polo anexo IV que se xunta a esta orde, de delimitación do ámbito da ARI dos Camiños de Santiago.

Disposición adicional segunda. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicaranse a Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional terceira. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file