Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 30 de agosto de 2016 Páx. 38384

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 17 de xuño de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Miño.

O Concello de Miño remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) en relación coa disposición transitoria 2ª.1 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada, subscrita polo arquitecto municipal Ignacio Pedrosa e a secretaria municipal Alejandra Rodríguez, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Miño dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 8.8.2002.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu o 11.1.2013 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No período de información pública e consultas do documento de inicio, o órgano ambiental recibiu informes de:

a) Augas de Galicia: informe do 26.12.2012 no que se indica que non existe incidencia sobre bens baixo a tutela ou xestión de Augas de Galicia, non prevéndose efectos adversos significativos sobre o medio hídrico.

b) Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes: informe do 17.11.2012, canto que non se afecta a monte catalogado de utilidade pública nin veciñal en man común.

3. No expediente remitido constan os seguintes informes:

a) Informes do asesor xurídico Carlos Abal e do arquitecto municipal Ignacio Pedrosa do 2.2.2012, favorables a varias modificacións do plan xeral.

b) Informe técnico do arquitecto municipal do 20.5.2013, favorable.

c) Informe xurídico da secretaria do Concello do 20.5.2013, favorable. E informe do 12.5.2016, favorable respecto da aprobación provisional.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) o 5.8.2013, con observacións.

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 5.5.2014. Foi sometida a información pública dous meses (Diario de Ferrol e El Ideal Gallego do 3.6.2014 e DOG da mesma data). Non foron presentadas alegacións, conforme o certificado municipal do 18.5.2016. Dada audiencia aos concellos lindantes, achegouse certificado da secretaría municipal do 18.5.2016 sobre as contestacións.

6. Consta informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 23.2.2015, desfavorable no que afecta aos cemiterios, e do 12.4.2016, favorable.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 31.3.2015.

8. A solicitude de aprobación definitiva recibiuse o 2.2.2016. Requiriuse, mediante escrito do 29.2.2016, a emenda das deficiencias observadas no expediente. O Concello achegou documentación o 26.5.2016.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. Os obxectivos principais perseguidos pola modificación son compatibilizar usos e superficies e utilizar dun xeito máis racional o territorio, adaptando o PXOM á situación socioeconómica e á tendencia normativa actual na procura dunha nova proposta onde prime a supresión de limitacións para a cidadanía sen que afecte a sustentabilidade e xestión ambiental do conxunto.

2. As modificacións propostas afectan distintos artigos da normativa e consisten, no proxecto obxecto do informe previo á aprobación inicial, informado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 5.8.2013, en:

a) Modificación das ordenanzas Z3 Residencial intensivo de vivenda plurifamiliar en quinteiro ou ringleira e Z4 Residencial intensivo aberto en bloques do solo urbano, no referente ás condicións de uso, alterando os artigos 205 e 212 da normativa para incorporar máis usos que se consideran compatibles co característico que é o de vivenda colectiva. Detalladamente son:

– Eliminar a prohibición nas plantas baixas dos usos vivenda e garaxe na estrada da praia entre as rúas Barrosa, Carreira e Raxel, e a rúa do Hermo, pola falta de presenza do uso comercial nesta zona polas súas características.

– Planta soto ou semisoto: permitir usos auxiliares do uso residencial comunitario e hoteleiro (xa permitidos en edificio completo na ordenanza vixente).

– Planta baixa: incorporar o uso residencial comunitario e hoteleiro (uso xa permitido en edificio completo).

– Plantas altas: eliminar a limitación de que o uso sanitario estea só en planta 1ª e incorpórase o uso residencial comunitario e hoteleiro; no artigo 212 incorpórase como uso permitido a categoría 3ª do uso administrativo e de oficina, anteriormente permitido só en categoría 2ª, igualando así a regulación do vixente artigo 205.

– Espazo baixo cuberta independente (onde o plan vixente xa permite o uso vivenda): incorporar como usos permitidos o industrial e almacéns en categoría 1ª, administrativo e oficinas en categoría 3ª no artigo 205 e 3ª no artigo 212, sanitario en categoría 4ª, residencial comunitario e hoteleiro.

– Edificio completo: incorporar como uso permitido o de espectáculos públicos en categoría 1ª e 2ª (xa está permitido en categoría 4ª).

b) Modificación do artigo 133 da normativa redefinindo a categoría 4ª do uso sanitario cara a eliminar a exixencia aos centros sanitarios sen hospitalización de que estean en planta baixa, semisoto ou 1ª.

c) Modificacións dos artigos 98.5, 158.4, 165.4 da normativa, en relación cos aparcadoiros soterrados no subsolo dos espazos libres públicos e da rede viaria, e o artigo 259 dela en relación cos equipamentos privados en núcleos rurais.

3. A modificación aprobada provisionalmente diferénciase do proxecto previo á aprobación inicial, en:

a) O uso residencial e hoteleiro nas ordenanzas Z3 e Z4 en plantas superiores á primeira só se permite agora se constitúe unha unidade funcional independizable do resto do inmoble sen deixar plantas intermedias intercaladas a vivenda.

b) Suprímense as modificacións dos artigos 98.5, 158.4, 165.4 e 259 da normativa.

III. Análise e consideracións.

1. As finalidades relativas a permitir unha maior variedade de usos compatibles en dúas ordenanzas do solo urbano poden ter acollida como razóns de interese público para os efectos de fundamentar unha modificación de planeamento tal como exixe o artigo 94.1 da LOUG.

2. Os cambios introducidos coa aprobación provisional na redacción dos artigos 205, e 212 da normativa do plan xeral son de escasa entidade e supoñen unha menor alteración do contido da normativa orixinal.

3. Corrixíronse as observacións formuladas ás modificacións dos artigos 98.5, 158.4, 165.4 e 259 no informe desta SXOTU do 5.8.2013, previo á aprobación inicial.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 LOUG e o artigo 3.a), en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Miño.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio