Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Martes, 25 de outubro de 2016 Páx. 47665

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 20 de setembro de 2016 pola que se declaran, de xeito provisional, como espazo natural de interese local as Ribeiras do Mero-Barcés, no concello de Abegondo.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, regulan a figura de espazo natural de interese local (ENIL en diante) e establece que, por petición dun concello e despois do informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como tal aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. O Concello de Abegondo considera que a paraxe Ribeiras do Mero-Barcés reúne as condicións adecuadas, polo que solicitou a súa declaración como ENIL.

O ámbito sobre o cal se pretende a declaración das Ribeiras do Mero-Barcés está constituído polo dominio público hidráulico e a zona de servidume dos ríos Mero, Barcés, Gobia, Rego de Fontao e Rego de Roufrío e máis algúns enclaves adxacentes que o Plan xeral de ordenación municipal de Abegondo delimita como solo rústico de protección de espazos naturais. Rexistra colindancia e contigüidade cos límites da zona de especial conservación (ZEC) encoro de Abegondo-Cecebre (ES 1110004), espazo natural protexido que forma parte da Rede Natura 2000 e conta cun PORN aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. Durante a tramitación solicitouse informe do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e de Augas de Galicia:

– No informe preceptivo emitido polo Servizo Territorial de Conservación da Natureza consta que a proposta de declaración do ENIL formulada polo Concello de Abegondo contén a solicitude normalizada e unha memoria que cumpre e se axusta ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. O expediente conta, ademais, co acordo adoptado polo Pleno do 16 de xaneiro de 2013, que contén o compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e de elaborar o plan de conservación. A memoria técnica foi completada satisfactoriamente nos aspectos sinalados polo Servizo Territorial de Conservación da Natureza.

En canto á calidade ambiental, o espazo posúe un gran potencial ecolóxico que contribúe a preservar diversos hábitats de interese comunitario riparios (91E0*), prados de sega de baixa altitude (6510) e bosquetes de carballos, castiñeiros, ameneiros e bidueiros situados na beira dos ríos. Estes hábitats favorecen, ademais, a conectividade ecolóxica ao actuaren como verdadeiros corredores verdes que conectan ecoloxicamente o territorio. Por todo, o espazo é merecente da protección dos seus valores naturais.

– O informe da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes do 5.9.2013 é favorable e certifica que a zona de declaración non afecta ningún monte veciñal en man común nin catalogado como de utilidade pública.

– O informe preceptivo da S. X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 2.10.2013 manifesta que o planeamento vixente no Concello de Abegondo é o PXOM do 14.9.2012. Trátase dun planeamento adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística de Galicia (LOUG), polo que por aplicación da súa DT1ª, á delimitación, segundo o ámbito, correspóndelle na actualidade o réxime previsto para o solo rústico de protección de augas ou solo rústico de protección de espazos naturais, tal e como se recolle no vixente PXOM. No entanto, unha vez aprobado o ENIL, figura incluída dentro das categorías de espazos naturais protexidos do artigo 9 da Lei 9/2001, o réxime do solo rústico especial de protección de espazos naturais tamén será de aplicación a todo o ámbito, de acordo co artigo 32.2.f) e 32.3 da LOUG.

Respecto dos usos actuais, o antedito informe destaca que son agrarios, gandeiros e forestais e que resultan congruentes co réxime xurídico do solo rústico aplicable, en particular, co réxime do solo rústico de espazos naturais. En canto ás actividades que será posible desenvolver, infórmase de que o Concello permitirá as actividades que sexan compatibles coa conservación da natureza e as exixidas no Regulamento do dominio público hidráulico, así como as establecidas no PXOM para os terreos clasificados como solo rústico de protección de espazos naturais.

A proposta de declaración someteuse o 10.12.2015 ao trámite de información pública durante 20 días hábiles sen que consten presentadas alegacións contra ela.

Por outra banda, o informe de impacto de xénero elaborado pola Secretaría Xeral da Igualdade o 10.3.2016 ao abeiro do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma en materia de igualdade, incide na necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero nas medidas que se adopten e suxire coidar a utilización dunha linguaxe non sexista.

No referente á declaración, faise uso do previsto no artigo 4 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural para declarar o ENIL de maneira provisional por un prazo non superior a dous anos. A partires desa declaración provisional a responsabilidade e competencia para a xestión será municipal e isto non implicará a inclusión do espazo na Rede galega de espazos naturais protexidos.

Considerando o exposto e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Proposta de declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local o espazo Ribeiras do Mero-Barcés, no termo municipal de Abegondo, por proposta do Concello de Abegondo.

Artigo 2. Plan de conservación

Durante o prazo da declaración provisional do ENIL Ribeiras do Mero-Barcés e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello de Abegondo deberá de achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o plan de conservación deste espazo. O plan deberá ter en conta as consideracións feitas pola S. X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo recollidas na parte expositiva desta orde e ter coherencia coas medidas de conservación previstas para a ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre (ES 1110004), garantindo que a xestión que se propoña para o ENIL sexa compatible coa conservación da ZEC.

No caso de que o Concello de Abegondo non achegue o plan de conservación das Ribeiras do Mero-Barcés no prazo sinalado, terase por desistido da súa solicitude de declaración e desde ese momento producirase a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Artigo 3. Límites

A extensión e límites do espazo natural de interese local Ribeiras do Mero-Barcés son os sinalados no anexo desta orde.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL Ribeiras do Mero-Barcés levará a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL Ribeiras do Mero-Barcés levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello de Abegondo a xestión do espazo natural Ribeiras do Mero-Barcés.

O Concello comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional das Ribeiras do Mero-Barcés como ENIL non leva implícita a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

2. A declaración provisional das Ribeiras do Mero-Barcés como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desa declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración provisional das Ribeiras do Mero-Barcés como ENIL se desapareceren as causas que motivaron a protección e non fose susceptible de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional das Ribeiras do Mero-Barcés como ENIL no suposto recollido no artigo segundo desta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO
Límites do espazo natural protexido

missing image file