Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 4 de novembro de 2016 Páx. 48916

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2016 pola que se cancela de oficio o convenio Cancela e outros número 3615587, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Donas (Gondomar, Pontevedra).

Antecedentes:

Primeiro. O 1.6.1984 clasificouse o monte veciñal en man común Montes de Donas, da Comunidade de Donas, no concello de Gondomar (Pontevedra), cunha superficie de 466 ha.

Segundo. O 7.11.1986 aprobouse o convenio Cancela e outros número 3615587, sobre 303 ha do monte Montes de Donas.

Terceiro. O 17.11.2012 aprobouse o proxecto de ordenación do monte veciñal en man común de Donas, con número de rexistro 360097, que está en vigor na actualidade.

Cuarto. De acordo co Servizo de Montes de Pontevedra, o convenio Cancela e outros non presenta débeda na actualidade.

Quinto. O 28.4.2016, o Servizo de Montes de Pontevedra notificoulle ao presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Donas que se lle abría un trámite de audiencia de 10 días hábiles, respecto da cancelación de oficio do convenio. Este prazo transcorreu sen que a comunidade presentase ningunha alegación.

Sexto. O 30.9.2016, a xefa do Servizo de Montes de Pontevedra propuxo a cancelación de oficio do convenio.

Sétimo. O 10.10.2016, o director xeral de Ordenación e Produción Forestal propuxo a cancelación de oficio do convenio.

Oitavo. O 19.10.2016, o letrado asesor da Consellería do Medio Rural emitiu informe favorable sobre a proposta de cancelación de oficio do convenio.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu artigo 27 que á Comunidade Autónoma de Galicia lle corresponde a competencia exclusiva en materia de montes.

Segunda. O artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, confire aos conselleiros as atribucións relativas aos contratos de asuntos propios da súa consellería.

Terceira. Segundo o punto 1.a) da disposición transitoria novena da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de cancelación de oficio nun prazo máximo de cinco anos, contados a partir da entrada en vigor da lei, en tres casos, entre os que se atopan os montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor da lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.

Cuarta. O número 2 da mesma disposición transitoria indica que, previamente á cancelación do convenio ou consorcio, a Administración forestal elaborará e aprobará un instrumento de ordenación ou de xestión forestal que garanta a continuidade da xestión forestal sustentable.

Quinta. Neste caso, o monte xa posúe un proxecto de ordenación en vigor. Este instrumento, de acordo co artigo 8.18 da Lei de montes de Galicia, considérase un tipo de instrumento de ordenación ou de xestión forestal, polo que está garantida a continuidade da xestión forestal sustentable.

Sexta. Segundo o número 5 da disposición transitoria novena da Lei 7/2012, as cancelacións de oficio publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de montes.

Vista a proposta formulada pola Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal,

DISPOÑO:

Primeiro. Que se cancele de oficio o convenio Cancela e outros, número 3615587, cunha superficie de 303 ha, de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Donas (Gondomar, Pontevedra), de acordo co punto 1.a) da disposición transitoria novena da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, por non presentar o dito convenio saldo debedor.

Segundo. Que a antedita cancelación sexa efectiva sen que o titular deba pagar ningunha cantidade á Administración, xa que o convenio non presenta débeda.

Terceiro. Que se publique esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e contra ela as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso de reposición, con carácter potestativo, ante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 114 e 123 e na disposición transitoria terceira da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural