Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Venres, 11 de novembro de 2016 Páx. 50044

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 145/2016, do 27 de outubro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a necesidade da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras, declaradas de emerxencia, para a actuación fronte ao corremento de terra na estrada OU-533, entre os puntos quilométricos 48+160 e 48+295, clave OU/16/235.02, no concello de Petín.

Antecedentes.

O pasado mes de marzo de 2016 produciuse un corremento do noiro de desmonte na estrada OU-533, entre os pp.qq. 48+160 e 48+295, o que orixinou que o seu estado actual presente unhas características que poden xerar situacións de risco potencialmente perigosas para a seguridade viaria. Por todo isto, é necesario levar a cabo unhas actuacións de reforzo e contención de terras, así como definir os muros de coídos requiridos para evitar novos corrementos.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dá conta, no Consello da Xunta do 27 de outubro de 2016, da obra para reparar o noiro danado por desprendementos nos pp.qq. 48+160 e 48+295 da estrada OU-533, declarada de emerxencia pola Axencia Galega de Infraestruturas o pasado 14 de outubro de 2016.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos, para facer fronte aos problemas de seguridade viaria provocados na zona, e cómpre proceder de xeito inmediato á execución da obra de emerxencia e, consecuentemente, á unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no expediente administrativo instruído para tal efecto.

O artigo 27 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, declara, xenericamente, o interese xeral das obras de estradas. En consecuencia, en aplicación do artigo 10 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, o recoñecemento concreto da utilidade pública correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

A competencia para declarar a necesidade de ocupación e a súa urxencia, reguladas, respectivamente, nos artigos 15 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vinte e sete de outubro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído para a execución das obras, declaradas de emerxencia, para a actuación fronte o corremento de terra na estrada OU-533, entre os pp.qq. 48+160 e 48+295, clave OU/16/235.02, no concello de Petín, así como para calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución das obras.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda