Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Venres, 11 de novembro de 2016 Páx. 50137

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ames

ANUNCIO de corrección de erros materiais no Plan xeral de ordenación municipal de Ames.

1. O Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ames foi aprobado polo Pleno o 28 de xullo de 2002 e publicado no BOP da Coruña núm. 176, do 2 de agosto de 2002.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como titular do Instituto de Educación Secundaria de Ames, ao longo de 2016 manifesta ao Concello a necesidade e inminente execución de obras de mellora e ampliación das instalacións do devandito centro escolar. Durante a redacción dos proxectos correspondentes ponse de manifesto a existencia dun erro nos planos do PXOM, xa que non reflicten correctamente a realidade física existente anterior á súa aprobación.

3. Con data do 17 de agosto do 2016 a arquitecta municipal emite informe en que detalla en que consiste o erro apreciado, que afecta exclusivamente a corrección do linde oeste do conxunto de equipamentos dotacionais públicos, centros docentes e deportivos vinculados, en coherencia coa estrutura da propiedade.

Os planos que se rectifican correspóndense cos relacionados na lista seguinte, que virían substituír os contidos no documento aprobado definitivamente.

Nome

Escala

C

Localización e denominación de solos.

1:20.000

2C

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:10.000

C-15

Clasificación do solo e sistema xeral viario.

1:5.000

B-C

Clasificación do solo urbano de Bertamiráns.

1:2.000

B-C 01

Clasificación do solo urbano.

1:1.000

B-G

Réxime e xestión do solo urbano de Bertamiráns.

1:2.000

B-G 01

Réxime e xestión do solo urbano.

1:1.000

4. Con data do 23 de agosto do 2016 a asesora xurídica de urbanismo emite informe coa seguinte fundamentación xurídica:

«Fundamentos xurídicos.

De acordo co artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, “as administracións públicas poderán, asemade, rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos”.

Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 1.1.7, do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ames, “non terán carácter de modificación de plan xeral, senón de adecuación, os cambios puntuais dalgún dos seus contidos que se poidan producir por (…) corrección de erros materiais en calquera dos documentos ou resolucións ou por contradicións entres estes”.

A xurisprudencia é pacífica respecto da definición da corrección de erros dos instrumentos de planeamento. Así, por exemplo, a Sentenza do Tribunal Supremo do 8 de xullo de 1982 sinala que “o acto administrativo rectificador ha mostrar idéntico contido dispositivo, substantivo e resolutorio do acto rectificado, sen que a Administración poida baixo a súa potestade rectificadora encubrir unha auténtica potestade revogadora, a cal entrañaría un verdadeiro trans legis constitutivo dunha desviación de poder”.

Por tal motivo, o Tribunal Supremo advirte da necesidade de diferenciar entre erro de dereito e mero erro de feito material, negando a existencia deste último cando a súa apreciación implique un xuízo valorativo, exixa unha operación de alteración fundamental do sentido do acto, entendendo que o erro material ou aritmético é só o erro evidente, é dicir, aquelo que non transforma nin perturba a eficacia substancial do acto en que existe.

Idéntica doutrina se seguiu nas sentenzas do Tribunal Supremo do 3 e 22 de outubro de 1986, 8 de febreiro de 1990 e 24 de marzo de 1992, entre outras.

En consecuencia, erro material ou de feito é aquel que se caracteriza por ser ostensible, manifesto, indiscutible e evidente por si mesmo, por poder ser advertido polos propios datos que constan no expediente, sen necesidade ningunha de interpretación das normas aplicables.

No presente caso, o erro constátase a simple vista por medio da superposición dos planos do PXOM cos que reflicten a situación actual das instalacións do IES de Ames, situación fáctica que é coincidente coa que existía con anterioridade á data de aprobación inicial do PXOM. Tal e como recolle a arquitecta municipal no seu informe, “a verdadeira implantación das construcións do IES de Ames desde o ano 1999 non se reflicten na cartografía base do PXOM, dado que o voo efectuado para a restitución cartográfica utilizada é anterior, aínda que a execución e remate das obras sexa anterior á aprobación inicial do planeamento xeral (de data 5 de setembro de 2001) e incluso ao documento de avance, deste xeito, parte do inmoble escolar queda reflectido de xeito erróneo fóra do perímetro do conxunto dotacional e consecuentemente fóra do límite de solo urbano do núcleo de Bertamiráns”.

O conxunto dotacional, polo tanto, na realidade é máis amplo do que recolle o plan xeral, polo que a corrección de erros non supón a mingua da superficie dotacional (artigo 1.1.7 PXOM).

A competencia para a corrección dos erros detectados nos instrumentos de planeamento réxese polas normas xerais que regulan o procedemento administrativo.

Segundo se recolle no artigo 22.2.c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, corresponde ao pleno a aprobación inicial do planeamento xeral e a aprobación que poña fin á tramitación municipal dos plans e demais instrumentos de ordenación previstos da lexislación urbanística, así como os convenios que teñan por obxecto a alteración de calquera dos ditos instrumentos.

Como xa se sinala nos antecedentes de feito deste informe, o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ames foi aprobado definitivamente por acordo do Pleno do Concello, en sesión extraordinaria celebrada o 28 de xuño de 2002, de conformidade coa Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, vixente no momento da dita aprobación.

De acordo co transcrito artigo 105.2 da Lei 30/1992, as administracións poden corrixir os seus propios actos, polo que, do teor literal do devandito artigo, en consonancia co tamén citado artigo 22 da LBRL, se deduce a competencia exclusiva do Pleno do Concello de Ames para a corrección do devandito erro, por ser este quen aprobou definitivamente o PXOM, sen prexuízo da comunicación que do acordo se faga á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa constancia, e da súa publicación no DOG, de acordo co previsto no artigo 82 da Lei 2/2016.

Por todo o exposto, considerando o interese público da corrección da discrepancia constatada entre o sinalado na cartografía do plan xeral vixente e a realidade existente, infórmase favorablemente sobre a corrección do erro material descrito no informe da arquitecta municipal do 17 de agosto de 2016 (...)».

5. Con data do 29 de agosto de 2016, emítese informe de Secretaría Xeral coa seguinte proposta de acordo:

De conformidade cos antecedentes expostos e os fundamentos de dereito aplicables, en concordancia cos informes da arquitecta municipal e da asesoría xurídica de urbanismo transcritos no corpo deste acordo e que serven de motivación ao mesmo, emítese o seguinte informe-proposta para que o pleno da corporación por maioría absoluta do número legal de membros adopte os seguintes acordos:

Primeiro. Corrixir os erros materiais detectados nos planos C, 2C, C-15, B-C, B-C 01, B-G e B-G 01 do PXOM de Ames.

Segundo. Remitir o acordo de corrección de erros materiais á consellería competente en materia de urbanismo, xunto cos planos corrixidos para a súa inscrición no rexistro do planeamento urbanístico de Galicia.

Terceiro. Publicar o acordo de corrección de erros materiais no Diario Oficial de Galicia, unha vez producida a súa inscrición no rexistro de planeamento urbanístico de Galicia.

Cuarto. Facultar o alcalde para cantas actuacións de trámite sexan precisas para a mellor execución do acordado.

6. O Pleno do Concello de Ames, na súa sesión ordinaria celebrada o 8 de setembro de 2016, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Punto oitavo. Corrección de erro material dos planos C, 2C, C-15, B-C, B-C 01, B-G e B-G 01 do PXOM do Concello de Ames.

(...)

Primeiro. Corrixir os erros materiais detectados nos planos C, 2C, C-15, B-C, B-C 01, B-G e B-G 01 do PXOM de Ames.

Segundo. Remitir o acordo de corrección de erros materiais á consellería competente en materia de urbanismo xunto cos planos corrixidos para a súa inscrición no rexistro do planeamento urbanístico de Galicia.

Terceiro. Publicar o acordo de corrección de erros materiais no Diario Oficial de Galicia unha vez producida a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Facultar o alcalde para cantas actuacións de trámite sexan precisas para a mellor execución do acordado.

O que se publica no Diario Oficial de Galicia en cumprimento das previsións do artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Ames, 5 de outubro de 2016

José Manuel Miñones Conde
Alcalde