Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 22 de novembro de 2016 Páx. 52164

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2016, do Servizo da Delegación Provincial de Lugo, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación, con trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción de mellora da estrada LU-124, treito Lindín (A-8)-A Cruz da Cancela (LU-122), no termo municipal de Mondoñedo (clave LU/15/101.10).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 27 de maio de 2016, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda procedeu á aprobación do proxecto de construción de mellora da estrada LU-124, treito Lindín (A-8)-A Cruz da Cancela (LU-122) (clave LU/15/101.10).

Con data do 9 de xuño de 2016, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra, mediante o Decreto 74/2016, publicado no DOG núm. 122, do 29 de xuño.

Na súa virtude, e en cumprimento do disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo provincial, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolve convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se citan, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Concello de Mondoñedo:

Día: 19 de decembro de 2016.

Lugar: salón de plenos da Casa do Concello (praza do Concello 1).

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas.

De: Barreira Comendeiro, Tomás a Irigoyen Moirón, Mª Hermentina.

Horario: das 16.00 ás 19.00 horas.

De: López Castro, Concepción a Seco García, Mª Visitación.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes, estarán expostos no Concello de Mondoñedo e no Servizo da Delegación Provincial de Lugo da Axencia Galega de Infraestruturas (edif. adtvo., rolda da Muralla, 70).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e achegar os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e último recibo da contribución; poden ir acompañados, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notario.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado ou ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante o Servizo da Delegación Provincial de Lugo da Axencia Galega de Infraestruturas, as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros padecidos ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación.

Lugo, 4 de novembro de 2016

Gerardo Pallares Sánchez
Xefe do Servizo da Delegación Provincial de Lugo