Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2017 Páx. 32934

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica denominada nova subestación 132 kV de Barreiros, no termo municipal de Barreiros, na provincia de Lugo (expediente IN407A 2015/115-2, 8308 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (en adiante Viesgo) con enderezo para os efectos de notificación en rúa Isabel Torres, 25 (PCTCAN), 39011 Santander (Cantabria), resultan os seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 18.12.2015 a empresa Viesgo presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica denominada nova subestación a 132 kV de Barreiros, acompañada do proxecto de execución e as separatas técnicas para os organismos afectados.

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste nunha subestación formada por dous niveis de tensión:

– Un sistema de alta tensión de 132 kV de intemperie en configuración de dobre barra, con cinco posicións de liña (Foz, Doiras, Mondoñedo-1, Mondoñedo-2 e Porzún) e unha posición de peche de barras. Emprégase unha tecnoloxía mixta-híbrida (convencional e compacta) cunha tipoloxía de dobre barra con peche de barras no sistema de 132 kV.

– Un sistema de 20 kV de interior en configuración simple barra, formado por tres celas (remonte, protección e medida) blindadas con illamento en SF6 para a medida e a protección do transformador de servizos auxiliares, desde o cal se alimentará a instalación (a liña de media tensión a 20 kV que alimentará a SE non forma parte deste proxecto).

Segundo. O 21.04.2016 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción desta instalación eléctrica (expediente IN407A 2015/115-2, 8308 AT) que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 28 de abril de 2016 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 2 de maio.

Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. A Xefatura Territorial de Lugo trasladou as separatas técnicas da instalación eléctrica ao Concello de Barreiros e á Axencia Galega de Infraestruturas para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O Concello de Barreiros non emitiu informe. Reiterouse a petición de informe e non se obtivo contestación, polo que, segundo o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende conforme coa autorización.

A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe requirindo nova documentación e Viesgo achegou a documentación solicitada. A Axencia Galega de Infraestruturas non contestou, polo que, segundo o artigo 131 do Real decreto 1955/2000, entenderase a conformidade coa contestación ao condicionado feito polo peticionario.

Cuarto. O 3.5.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe de impacto ambiental da nova subestación eléctrica Barreiros 132 kV e as LAT 132 kV de E/S na subestación (LAT Doiras-Mondoñedo, LAT Porzún-Mondoñedo e LAT Porzún-Mondoñedo/Foz), nos concellos de Barreiros e Lourenzá (Lugo).

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fixo público o dito informe mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia do 2 de xuño de 2017.

Quinto. O 21.4.2017 a Xefatura Territorial de Lugo emitiu informe favorable e o 30.5.2017 trasladou o expediente e o proxecto a esta dirección xeral.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas,

RESOLVE:

1. Outorgar á empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada nova subestación 132 kV de Barreiros, no termo municipal de Barreiros (Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado nova subestación SE Barreiros 132 kV, asinado polo enxeñeiro industrial José María Garayo Rodríguez (colexiado nº 13411 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20153115 e data 10.11.2015; e no que figura un orzamento de 2.897.420,19 €.

Segunda. A empresa Viesgo asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa Viesgo deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito terceiro da presente resolución), a empresa Viesgo procederá a realizar as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas