Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36632

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, dun fito miriamétrico sito no lugar de Agüeira, na parroquia de Agüeira, no concello de Becerreá.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e a teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia que, primeiramente, no seu artigo 8.1, clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia, establece que os bens do patrimonio cultural poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e, a continuación no parágrafo 3, define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo o artigo 87 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), os bens que integran o patrimonio arquitectónico son os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás que se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela. Ademais, o artigo 88.1.f) establece que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico para a súa inclusión dentro dos bens que integran o patrimonio arquitectónico daqueles inmobles e construcións propios das obras públicas e a enxeñaría histórica que aparecen integrados de forma harmónica no territorio formando parte das cidades, núcleos urbanos ou rurais tradicionais e das franxas territoriais que transformaron, axudaron a construír e caracterizan culturalmente. Forman parte da enxeñaría histórica as pontes, os túneles, as estacións e os edificios ferroviarios, as presas, as canles e os abastecementos, os faros e os peiraos, as infraestruturas e os edificios portuarios, e outras construcións que posúan unha significativa dimensión paisaxística, urbana, territorial, técnica e arquitectónica e que fosen construídos antes de 1901. Ademais, o artigo 104.1.d) da mesma lei, establece que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico para a súa inclusión dentro dos bens que integran o patrimonio industrial daqueles lugares, instalacións, fábricas, edificios e obras de enxeñaría que constitúan testemuño e expresión dos avances técnicos da construción de instalacións e infraestruturas destinadas ás redes de transporte e comunicación ferroviaria, terrestre, marítima e por cable, as redes de abastecemento de auga en ámbitos urbanos ou industriais e as destinadas á produción e transporte da enerxía.

O 28.4.2017 un particular solicita a protección dun fito miriamétrico sito no lugar de Agüeira, na parroquia de San Xoán de Agüeira, no concello de Becerreá (Lugo), tendo en conta que os fitos miriamétricos son tipos específicos de sinais, situados cada 10 quilómetros nas distintas vías de comunicación nos que se indicaba a distancia aos lugares de destino. Posteriormente, o 5.5.2017 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, informan sobre a relevancia e significación do achado, concluíndo que o fito miriamétrico é un elemento de interese histórico, digno da conservación, destacando que este ben está situado na marxe esquerda da antiga estrada Nacional VI en dirección Lugo, con forma prismática e remate curvo superior e unha base máis ancha a modo de plinto, por riba desta a sección é cadrada. Ademais, presenta varias inscricións que refiren a distancia que existe tanto a Madrid coma León e Lugo.

Este ben é probablemente de finais do século XIX ou principios do XX e a súa localización na citada Nacional VI denota a importancia desta vía que seguiría, con poucas variacións, o trazado do Camiño Real e no que aparecen outros bens incluídos no Catálogo.

Polo tanto, en virtude do manifestado e do informe achegado polos servizos técnicos desta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no que se manifesta o interese histórico e a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e, polo que, no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o fito miriamétrico sito no lugar de Agüeira, na parroquia de San Xoán de Agüeira, no concello de Becerreá (Lugo), segundo a descrición do ben que consta no anexo I e as fotografías deste fito contidas no anexo II.

Segundo. Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar de forma provisional o réxime de protección previsto para os bens catalogados en tanto se tramite o expediente, que deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Tras transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e abrir un período de información pública por un prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, Santiago de Compostela), ou no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo (rolda da Muralla, 40, 27071 Lugo), despois da correspondente petición da cita.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao concello de Becerreá así como aos departamentos con competencias no ámbito afectado.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2017

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición

Denominación: fito miriamétrico.

Descrición: prisma pétreo con remate curvo superior e unha base de maior tamaño a modo de plinto. Por riba desta, a sección é cadrada. Na cara frontal aparece a inscrición «A Madrid 560», no lado dereito pon «A León 176», e no lado esquerdo «A Lugo 51».

Localización: lugar de Agüeira. Parroquia de San Xoán de Agüeira. Concello de Becerreá (Lugo).

Coordenadas ETRS 89 Fuso UTM 29: X: 653.766 Y: 4.742.812.

Categoría: monumento.

Nivel de protección: integral.

Contorno de protección: ao tratarse dun elemento existente nunha estrada moi transformada desde a época do Camiño Real non se propón un contorno de protección.

ANEXO II
Fotografía

missing image file