Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 11 de agosto de 2017 Páx. 38953

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento o pazo de San Isidro, no lugar do Couto de Outeiro da parroquia do Carme, no termo municipal de Mondoñedo.

O pazo de San Isidro, situado no lugar do Couto de Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, na parroquia de Nosa Señora do Carme do concello de Mondoñedo (Lugo), domina o val desta vila, unha das sete capitais do antigo Reino de Galicia, que coñeceu o seu auxe na época da raíña Dona Urraca cando mandou trasladar a sé episcopal de San Martiño de Mondoñedo de Foz a Vilamaior do Val de Brea ou Vallibria, a actual Mondoñedo.

A súa situación no lugar do Couto fai referencia a un lugar de xurisdición importante, sendo unha zona de mando por poder real. Ao seu pé esta a calzada que levaba ata a mencionada ponte e que daba entrada a cidade de Vallibria. Trátase dun pazo senlleiro, o máis sobresaínte do concello de Mondoñedo, que exemplifica a relación entre o edificio co seu ambiente cultural e histórico.

A edificación actual do pazo de San Isidro é do século XVIII e é un dos tres proxectos presentados polo arquitecto Diego Ibáñez Pacheco, que seguramente aproveitou as edificacións anteriores para apoiar a nova construción. Entre as pedras atopadas no seu interior destaca a aparición dunha peza de xustiza que confirma que o lugar estivo relacionado coa xurisdición civil e criminal. O pazo está formado por diversos corpos rectangulares acaroados entre si que conforman un conxunto de planta irregular cun patio porticado no seu interior, onde destacan os capiteis e bases das columnas do patio de pedra e os fustes de madeira pintada, tipoloxía pouco frecuente en Galicia. O empedrado do chan do patio é máis antigo que o porticado e nel atópase a entrada principal ao pazo que, curiosamente, non ten fronte ao val de Mondoñedo, senón que é unha entrada dirixida de cara á montaña e ao paso do trazado do camiño real, feito que se confirma cos restos da calzada que existen no traxecto que pasa por debaixo do arco de comunicación da capela e que sobe ata á porta principal e continúa ata á ponte do Pasatempo.

Este inmoble destaca pola sucesiva e coidadosa adaptación da súa arquitectura aos diferentes usos ao longo da súa vida, o que tamén exemplifica o devir da historia. En primeiro lugar como torre defensiva, coa súa xurisdición civil e criminal; posteriormente, como convento; finalmente como pazo residencia. Por riba de todos os seus momentos destaca a arquitectura austera, harmoniosa e proporcionada do antigo convento. A calidade formal e construtiva da edificación esténdese aos distintos elementos que o compoñen, non só á edificación residencial principal senón aos detalles no patio pechado con pórtico, ao miradoiro do val, tanto na edificación como no muro de peche do eido no cal se situaban as hortas do convento, ás grandes chemineas, ... Outra característica singular é que a fachada e a porta principais están ocultas no lugar máis recóndito da propiedade e que a fachada de cara á vila é a máis simple e opaca de todo o conxunto; se cadra esta peculiaridade provén da distribución ascética, influenciada polo antigo convento. O pazo completa o seu interese cos valores históricos asociados á vida dos Baamonde e Sarmiento, identificados nos escudos presentes tanto na entrada como no miradoiro do pazo.

O predio esta pechado por muro de xisto en gran parte e nela hai árbores autóctonas de grande porte, un pombal de planta circular executado con fábrica de xisto, un cruceiro e unha fonte.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias que lle atribúe o artigo 13.1.d) do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro) e, en virtude do que dispón o artigo 16 do título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992); como consecuencia da solicitude presentada ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para que iniciase os trámites para declarar ben de interese cultural o pazo de San Isidro, situado no lugar do Couto de Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, na parroquia de Nosa Señora do Carme do concello de Mondoñedo (Lugo); tendo en conta a documentación xustificativa achegada polos interesados; á vista do informe dos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; e despois do ditame favorable dos órganos consultivos en materia de patrimonio cultural consultados en relación co carácter sobranceiro do seu valor e significación no conxunto do patrimonio cultural de Galicia:

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o pazo de San Isidro, situado no lugar do Couto de Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, na parroquia de Nosa Señora do Carme do concello de Mondoñedo (Lugo), descrito no anexo I desta resolución, segundo a delimitación proposta no anexo II, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular, con eficacia desde o momento da notificación ás persoas interesadas. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que se comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situada no Edificio Administrativo de San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita e no servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en Lugo (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Sexto. Notificar esta resolución aos interesados e ao Concello de Mondoñedo.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2017

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Pazo de San Isidro.

2. Localización: Lugar do Couto de Outeiro, parroquia de Nosa Señora do Carme, concello de Mondoñedo, provincia de Lugo.

3. Descrición:

a) Inmobles obxecto da declaración:

O pazo de San Isidro sitúase no lugar do Couto de Outeiro, preto da ponte do Pasatempo, nunha aba dominando o val de Mondoñedo. A súa orixe relaciónase co capitán Pedro Fernández Vaamonde y Saavedra e a súa muller dona María de Losada, que o 28 de outubro de 1627 mercaron o Couto de Outeiro ao convento de San Salvador de Vilanova de Lourenzá, coa súa xurisdición civil e criminal. Casado en segundas nupcias con dona María Pardo de Andrade, fundou o 16 de maio de 1656 o morgado a favor do seu fillo don Isidro Alonso Vaamonde Pardo e Sarmiento. Este Morgado, entre outros bens, comprendía as casas e pazos das prazas de Vilanova de Lourenzá, cos seus lugares, etc.; o couto e xurisdición civil e criminal de Outeiro.

Este capitán fundou tamén a ermida de Nosa Señora do Socorro do Couto de Outeiro e dona María Pardo de Andrade dispuxo a fundación e construción dun convento no Campo dos Remedios pero, debido á forte oposición do cabido catedralicio, construíse no Couto de Outeiro, pegado á citada ermida.

A edificación actual é do século XVII e para a súa construción aproveitáronse as edificacións anteriores; deste xeito a planta baixa do pazo é moito máis antiga que o resto do edificio, que é de orixe medieval. Entre as pedras que se atoparon dentro da propiedade, encontrouse unha peza de xustiza que confirma que o lugar estivo relacionado coa xurisdición civil e criminal.

O pazo está formado por diversos corpos rectangulares acaroados entre si que conforman un conxunto de planta irregular cun patio porticado na parte posterior. É de destacar que os capiteis e bases das columnas do patio son de pedra mais os fustes son de madeira pintada, tipoloxía pouco frecuente en Galicia e moi popular en Castela. O empedrado do chan do patio é máis antigo que o porticado. Neste patio atópase a entrada principal ao pazo, que, curiosamente, non ten fronte ao val de Mondoñedo, senón que é unha entrada recóndita cara á montaña. Non entanto, coincide co paso do trazado do camiño real, feito que se confirma cos restos da calzada que existen no traxecto que pasa por debaixo do arco de comunicación da capela e que sobe ata a porta principal e continúa ata a ponte do Pasatempo e a calzada que agora está asfaltada que sube ata Lindín, camiño de Lugo.

Así mesmo, destaca o arco do corpo que une o antigo convento coa capela, as chemineas e as escaleiras que conducen ao patio e ao miradoiro cara ao val e á vila de Mondoñedo. O eido esta pechado por muro de xisto en gran parte e nel hai árbores autóctonas de gran porte, pombal de planta circular executado con fábrica de xisto, cruceiro e fonte.

A construción do pazo é de carácter tradicional con muros de carga de cachotaría con predominio do macizo sobre os ocos; nalgunhas zonas pódense apreciar restos de revestimentos. As cubertas executáronse novamente seguindo a configuración orixinal e con técnicas e materiais tradicionais (estrutura en madeira rematada con lousa irregular do país). Nalgunhas zonas o piso de planta alta en madeira substituíuse por placa de formigón con acabamento de madeira.

Na planta baixa situábanse as cortes de animais, a cociña e calabozos. A zona de cortes está lixeiramente modificada para adaptarse ás necesidades de vivenda. A cociña conserva a grande lareira e o pozo. Na zona de calabozos non hai ningún tipo de actuación; consérvanse os arcos que sustentan o grande comedor da planta alta, o antigo pavimento de xistos e os restos do que se supón que era unha nora de tracción animal. Os espazos da planta alta conservan a súa configuración orixinal e non existen compartimentacións de actuacións posteriores. Consérvanse dúas chemineas nos diferentes salóns.

b) Partes integrantes:

b.1. Escudos.

O pazo conta con dous escudos, o primeiro situado na porta principal posúe a seguinte inscrición escrita polo Licenciado Molina: «Solar que de antiguo ya pierde sazón/Es de Baamonde con sus siete peces/Que no son de mar ni cosas sueces/Mas moros bien bravos se muestran que son/Sacó la mujer inglesa en nación/Según lo demuestran sus armas y escudo/Por donde la letra que es M le pudo/Dar la corona de aquel su blasón».

O segundo escudo encóntrase no miradoiro do pazo e é anterior á edificación actual; probablemente, pertencía ao edificio da torre de Vallibria e presenta o seguinte texto: «Esta es la casa de solar de los/Sarmientos fundada en es/te outeiro para la gu/ardia del reino de los mo/ros perseguido por mar/y tierra ofendido el Con/de Osorio a Dios pide le g/uarde i a los nobles sus/parientes i mas a sus/allegados que en las ba/tallas le asisten les dad des/poxos insines i de Pelaio/merced».

b.2. Capela.

Fundada en 1664 é de planta rectangular, aínda que case cadrada, ten unha superficie duns 100 m2. Executouse con muros de cachotaría de taco de lousa e pezas de cantaría nas esquinas e ocos. Orixinalmente estes muros estaban recebados e pintados mais quedan poucos restos deste acabamento. Estaba pintada en dúas cores claras, a máis clara para o fondo e máis escura para elementos decorativos. A carpintaría exterior é de madeira pintada de cor verde. O muro cara ao camiño coróase cunha discreta cornixa en cantaría de pedra. A cuberta a tres augas resólvese con armazón de madeira e acabamento de lousa. Posúe unha espadana rematada cun pequeno arco para unha campá. No seu pavimento interior hai catro lápidas sepulcrais, todas elas do século XIX. No altar había un retablo de estilo barroco salomónico, de tipo rexional, hoxe desmontado e gardado no pazo, e nun lateral outro retablo, renacentista con esculturas. Aínda se distinguen as pinturas con formas xeométricas do zócolo dos muros do coro en cores amarelo, vermello e azul e da varanda do coro en vermello e azul. Destaca o arco do corpo que une o antigo convento co coro da capela.

b.3. Patio.

Tratase dun patio pechado que nun dos seus laterais ten un pórtico no cal destacan as columnas de madeira pintada en cor vermella e capiteis de pedra. Fronte a este pórtico sitúase a porta principal de acceso ao pazo co seu escudo e inscrición coroada con pezas decorativas e pequena cruz en forxa. O patio está pavimentado formando un debuxo radial e no centro érguese un cruceiro. Este patio de acceso atópase completamente pechado aos xardíns situados intramuros do pazo que, nos tempos do convento, eran as hortas. Tan só existe un paso a eles cun portón de dúas follas practicables en forxa. Nestes xardíns destaca a impoñente escaleira en cantaría de granito que dá acceso ás principais dependencias do pazo. Así mesmo, destaca a fonte de planta rectangular.

b.4. Cruceiro.

Un cruceiro base está formado por unha única pedra cilíndrica a partir da cal se levanta o fuste formado por dúas pezas, unha de sección cilíndrica e outra octogonal. Remata cun capitel e cruz sinxela exenta, de sección octogonal e remates cuadrangulares que queda un pouco desproporcionada respecto ao resto do cruceiro.

b.5. Outros bens.

No interior do pazo destacan as dúas chemineas nos diferentes salóns, os pavimentos de pedra, a lareira, o pozo, os arcos que sustentan o comedor do sobrado, etc... como partes integrantes da edificación principal con interese cultural. Fóra do recinto amurallado do pazo, no extremo norte do eido, existe un pombal de grandes dimensións que tamén pertence ao pazo. É de planta circular e está realizado con muros de fábrica de cachotaría de pedra recebados no exterior. Actualmente carece de cuberta, xeralmente de forma cónica e cubrición de lousa sobre estrutura de madeira. Ten un estreito sollado perimetral e ocos de acceso das pombas situados na parte superior.

c) Relación de bens mobles e documentais:

O pazo conta con moi poucos mobles dado que non está en uso e descoñécese se os existentes son pertencentes ao propio pazo ou aos propietarios actuais.

4. Estado de conservación:

O estado xeral de conservación en que se atopa o pazo é bo no nivel estrutural e permite unha lectura íntegra do conxunto sen excesivas situacións de inminente risco. O abandono prolongado derivou nun proceso de degradación material e estrutural e, como principal consecuencia, produciuse o colapso dalgunhas partes da cuberta e pisos. Os actuais propietarios acometeron obras de recuperación, como a execución de parte da cuberta caída do corpo principal do pazo, de pisos, cintaxe de muros, receba de muros interiores, etc. En todas estas actuacións empregáronse solucións construtivas e materiais tradicionais. Aínda así, existen moitas partes que precisan de intervencións de restauración e rehabilitación para a súa recuperación total. Por exemplo, o pórtico do patio atópase sen cuberta e coa estrutura de madeira á vista e os calabozos están abandonados e sen uso. En xeral, as carpintarías exteriores están en mal estado de conservación e algunhas delas foron substituídas por outras en aluminio lacado.

5. Uso:

O actual pazo tivo diferentes usos ao longo da historia. Primeiro como torre de xurisprudencia e despois como convento das Concepcionistas, antes que pazo. Na actualidade, dado o seu tamaño, estado de conservación e inexistencia de instalacións acordes coa vida actual, o pazo atópase en desuso.

ANEXO II

Delimitación literal e gráfica

1. Delimitación do monumento:

O pazo de San Isidro aparece delimitado por peches de cachotaría e pola capela. Complétase cunha grande extensión de terreo, especialmente, polo norte onde se sitúa o pombal, e polo leste. O conxunto proposto para a declaración como ben de interese cultural sinálase graficamente neste anexo e correspóndese coa delimitación do ben formulada na ficha do catálogo do PXOM aprobado definitivamente o 13.6.2016 e, en concreto, afecta as seguintes parcelas catastrais: as edificacións do pazo están recollidas coa referencia catastral B01000100PJ31A0001WJ. Cara ao norte e cara ao sur inclúense na delimitación de BIC os predios que conforman o seu conxunto, delimitados en parte por muros de peche e por camiños e liñas de arboredo existente, e que afecta parcialmente ás seguintes parcelas catastrais: 27030B502002570000KW (na cal se atopa o pombal)-27030B502002630000KY-27030B502002680000KT-27030B502003040000KO-3395301PJ3039N0001OO.

missing image file

2. Contorno de protección:

O contorno de protección proposto adáptase á estrutura do territorio, principalmente creando un perímetro que se axusta ás vías que circundan o pazo e os seus predios. Cara ao oeste incorpora o barrio do Couto de Outeiro ata o límite coa estrada LU-124. Cara ao leste esténdese máis para incorporar as masas arbóreas que conforman o límite cara a Lindín. Dentro deste contorno sitúanse outros bens que forman parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, recollidos no Catálogo do PXOM vixente: igrexa parroquial de Nosa Señora do Carme (R-14)e Fonte Santa do Carme (L-39), casa reitoral do Carme (B-19) e o muíño do Carme (M-40). Tamén, na parte suroeste, fica dentro deste contorno parte do territorio histórico do Camiño Norte Costa, que coincide co barrio do Couto de Outeiro. A delimitación deste territorio histórico do Camiño, no seu tramo desde Santiago de Lindín, foi a referencia para delimitar polo sur o contorno do pazo de San Isidro.

Procurouse, por tanto, a delimitación dun contorno homoxéneo que garanta a preservación deste espazo e a súa contemplación, tanto desde o propio ben como desde os puntos de vista próximos máis frecuentes e que recolla a relación con outros inmobles de valor cultural localizados nas súas proximidades.

O contorno de protección proposto queda literalmente xeorreferenciado mediante a cita das parcelas catastrais e estradas ou camiños polos que discorre a demarcación detallada graficamente na planimetría. As parcelas identifícanse mediante a súa referencia catastral e/ou por dous grupos numéricos separados por unha barra que indican o polígono e parcela catastrais (polígono/parcela). A delimitación do contorno de protección proposto axústase aos seguintes puntos:

O punto «A» localízase no cruzamento da estrada LU-124 co camiño cara ao cemiterio, no extremo noroeste da parcela 502/5004. Segue a delimitación polo linde das parcelas ao sur deste camiño, en dirección nordeste ata unha curva pechada na cal se toma dirección sur ata o punto «B», localizado no estremo sureste da parcela 502/241 e cruza o camiño que volve cara á igrexa parroquial no extremo noroeste da parcela 502/319, para continuar cara ao sureste polo linde norte das parcelas 320, 321, 322, 324, 325, 326 e 327 do mesmo polígono ata o seguinte punto. O punto «C» atópase no extremo noreste da parcela 502/326 e segue a delimitación cara ao sur ata o lugar das Abidueiras ata o extremo sureste da parcela 502/314 onde está o punto «D», lindeira co camiño asfaltado cara o núcleo, onde a delimitación volve cara ao oeste. Desde o punto «D» polo linde sur das parcelas 314, 309, 308, 307, 306, 305 e 304 do polígono 502 ata o seguinte punto. O punto «E» atópase no extremo suroeste da parcela 502/90 e segue polo sur do barrio do Couto de Outeiro, incluíndo en sentido cara ao oeste desde o seu número 47 (3395302PJ3039N0001KO) ata o número 1 (3296014PJ3039N0001IO), onde se atopa o seguinte punto. O punto «F» atópase no extremo noroeste da parcela 501/20227, que linda polo norte coa estrada LU-124. A delimitación segue para o norte polo linde leste incluíndo as parcela ata de novo pechar a área que conforma o contorno no punto «A».

missing image file

ANEXO III

Réxime de protección e salvagarda provisional

A incoación para declarar ben de interese cultural como monumento o pazo de San Isidro na parroquia de Nosa Señora do Carme do concello de Mondoñedo (Lugo) determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens de interese cultural, segundo o artigo 17.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE).

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera cambio de uso que poida afectar o ben tamén deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (artigo 39 LPCG), da mesma forma que calquera intervención que se pretenda realizar nel deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 da LPCG). Entre outras consideracións, o réxime implica:

– Deber de conservación: os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre este ben están obrigados a conservalo, mantelo e custodialo debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración (artigo 32 LPCG).

– Acceso: os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre o ben facilitarán o acceso, con fins de inspección, á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e o acceso dos investigadores, logo de solicitude motivada (artigo 36 LPCG).

– Visita pública: os propietarios, posuidores e demais titulares deberán facilitar a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente (artigo 48 LPCG e 13 LPHE).

– Transmisión: toda pretensión de alleamento ou venda que afecte o ben deberá ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar (artigo 49 LPCG e 38 LPHE).

– Expropiación: o incumprimento das obrigas de protección e conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente (artigo 51 LPCG).

– Desprazamento: un inmoble é inseparable do seu contorno e non se poderá proceder ao seu desprazamento agás que resulte imprescindible por causa de forza maior ou interese social, logo de informe favorable da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e co informe favorable de polo menos dúas das institucións consultivas previstas nesta lei (52 LPCG).

Os efectos da incoación recollidos no artigo 17.5 LPCG determinan a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento.

Respecto disto, os concellos deberán remitir á consellaría competente en materia de patrimonio cultural as solicitudes de licenzas de obras que non sexan exclusivamente de mantemento e conservación cuxa tramitación quedase suspendida e notificarán a suspensión aos promotores ou promotoras, aos construtores ou construtoras e aos técnicos directores ou técnicas directoras das obras.

As restantes obras que, por causa de interese xeral, teñan que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, logo de que o Consello da Xunta de Galicia determine a súa prevalencia.

ANEXO IV

Fotografías

missing image file