Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41366

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 11 de xullo de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, na aliñación na avenida de Espoz y Mina, 17 e 19.

O Concello de Oleiros remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Logo de analizar a documentación remitida, subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, en relación coas observacións do informe da SXOTU do 6.5.2016; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente polas ordes da CPTOPT do 11.3.2009 e 11.12.2014.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 6.5.2016 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 9.6.2016, no cal se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas, constan informes:

a) Da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 12.5.2016, no cal se indica o non impacto da actuación sobre as súas competencias.

b) Do Instituto de Estudos do Territorio do 24.5.2016, indicando que a modificación non xerará efectos significativos na paisaxe e que estes poderán ser positivos.

4. Consta informe do arquitecto municipal do 4.7.2016, favorable; informe da coordinadora dos servizos urbanísticos do 9.8.2016 e outro da secretaria do concello do 20.9.2016, favorables á aprobación inicial (artigo 60.6 da LSG).

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.9.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 11 de outubro de 2016 e Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro), e non foron presentadas alegacións.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), o concello remitiu a esta consellería a documentación pertinente o 26.10.2016. O resultado do trámite foi o seguinte:

a) Foron emitidos todos os informes sectoriais autonómicos preceptivos:

• A Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil o 22.12.2016, no cal se indica que non é necesario informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• O Instituto de Estudos do Territorio o 20.1.2016, no cal se sinala que a modificación non xerará efectos significativos na paisaxe, e que estes poderán ser positivos.

• A Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia o 1.3.2017, favorable condicionado ás prescricións sinaladas nel.

• A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informe do 25.1.2017 favorable.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Responderon os concellos de Cambre (informe do arquitecto municipal do 15.11.2016, sen obxeccións) e A Coruña (informe do Departamento de Planeamento do 23.11.2016, sen obxeccións).

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, conta con informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil, do 11.10.2016. Foi solicitado o informe da Deputación Provincial da Coruña o 20.10.2016, sen que conste contestación.

8. Consta informe da coordinadora dos servizos urbanísticos municipais do 20.2.2017, favorable á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 30.3.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta a unha fronte de parcelas en solo urbano consolidado situadas á beira da avenida Espoz y Mina, estrada provincial DP-1707, que conecta Cambre coa zona de Iñás en Oleiros, no núcleo de Morzán.

2. O plan xeral vixente establece unha aliñación quebrada non paralela ao eixe da vía e sen corresponderse coa aliñacións dos peches de parcelas edificadas ao abeiro do plan xeral de 1995, que prevía unha aliñación paralela á vía a 8 m do eixe del.

3. A proposta consiste en trazar a aliñación paralela ao eixe da vía seguindo os valados existentes executados ao abeiro do plan de 1995.

III. Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación.

O regulamento da LSG aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG) non é de aplicación á modificación, ao ter sido aprobada inicialmente esta antes da entrada en vigor deste (disposición transitoria primeira do RLSG).

A competencia para a aprobación definitiva corresponde a esta consellería (artigos 61.2 e 83.5 da LSG).

O Plan de ordenación do litoral (POL) aprobado polo Decreto 20/2011 non resulta de aplicación por tratarse de solos clasificados como urbanos consolidados polo planeamento urbanístico hoxe vixente (artigo 3.2 da normativa do POL).

2. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG).

Os fins expostos na memoria, referidos á regularización da rede viaria para adaptala á recente execución do planeamento, poden ser conceptuados como de interese público para os efectos da formulación da modificación (punto III.1 do informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 6.5.2016).

Ao tratarse de alteracións de pequena entidade da ordenación do solo urbano consolidado, enténdese que a valoración da súa oportunidade e conveniencia, desde o punto de vista urbanístico, corresponde ao Concello de Oleiros (punto III.1 do informe).

3. Contido da modificación.

O proxecto de modificación aprobado provisionalmente correspóndese co borrador informado pola SXOTU do 6.5.2016 sen obxeccións en canto ao contido. Só se introduciron os cambios precisos para as mencións á tramitación posterior e ao contido do informe ambiental estratéxico, do que resulta unha condición relativa a un olmo existente no ámbito, que se incorpora no proxecto.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á CMAOT, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3 e as disposicións adicional décima e transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016 do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 7 do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, na aliñación na avenida Espoz y Mina nº 17 e 19.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio