Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 1 de setembro de 2017 Páx. 41360

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 7 de xullo de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 das normas subsidiarias de planeamento do concello de Vimianzo.

O Concello de Vimianzo remite de novo a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), posibilidade permitida pola disposición transitoria 2ª.1 da vixente Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vimianzo conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 1.7.1994 (texto refundido do 26.9.1994).

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 7.1.2014 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Consta informe do Instituto de Estudos do Territorio en materia de paisaxe do 13.1.2014, no marco do proceso de consultas no procedemento de AAE, no que sinala a necesidade dun estudo da incidencia paisaxística da nova normativa.

4. A Xunta de Goberno Local da Deputación Provincial da Coruña emitiu o 20.3.2014 informe sectorial favorable en materia de estradas e de patrimonio.

5. Constan informes do arquitecto municipal do 5.12.2013, favorable ao documento de inicio; do Servizo de Asistencia Técnica Urbanística da Deputación Provincial, do 17.9.2014, favorable en canto á legalidade e a calidade técnica; e favorable da secretaria municipal do 5.11.2014 (artigo 85.1 da LOUG).

6. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) o 22.12.2014, con observacións.

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 7.7.2015. Foi sometida a información pública por dous meses (La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 20.7.2015; e DOG do 15.7.2015) sen alegacións. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Mazaricos, Laxe, Dumbría, Muxía, Camariñas e Zas. A alcaldía de Zas responde o 28.7.2015 achegando planos de delimitación dos termos municipais.

8. En materia de informes sectoriais, o expediente remitido contén o seguinte:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe en materia de paisaxe do 14.9.2015, no que se fan reparos á aplicación do artigo 29.1 da LOUG ás áreas consolidadas de solo de núcleo rural (NUN).

b) Dirección Xeral de Conservación da Natureza: informe do 14.10.2015, que considera ambientalmente viable a modificación, con consideracións.

c) Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria: informe do 3.3.2016, con cita de normativa en materia de enerxía eléctrica que se deber ter en conta na modificación e mención dos dereitos mineiros.

d) Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal: informe do 31.3.2016.

e) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: 14.4.2016, favorable con observacións.

Así mesmo, consta que foron solicitados mediante escritos do 22.7.2015 os informes sectoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Consellería do Medio Rural e do Mar, Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Consellería de Economía e Industria e da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, sen que conste que respondesen á solicitude.

9. Constan informes da arquitecta municipal, do 15.6.2016, e da secretaria municipal do 21.6.2016, favorables á aprobación provisional.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente por acordo do Concello en Pleno con data do 30.7.2016, tras a entrada en vigor da LSG.

11. Esta Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu por orde do 31.10.2016 non outorgar a aprobación definitiva á modificación.

12. O redactor elaborou un novo proxecto de modificación de data marzo de 2017. A arquitecta municipal e a secretaria de concello emitiron informe favorable con data do 23.3.2017. A modificación foi aprobada provisionalmente de novo o 31.3.2017.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación mantén os tres obxectivos básicos de fixar dentro do espazo produtivo dos núcleos actividades agrícolas e gandeiras existentes con usos complementarios compatibles coa normativa e que precisan diferentes requirimentos de edificación e ocupación que os residenciais; implantar novas actividades económicas propias da pequena industria manufactureira tradicional vencellada á transformación, envasado e comercialización de produtos do sector primario; e garantir a harmonización dos usos construtivos produtivos e habitables, nas rehabilitacións e novas edificacións, coa imaxe da construción rural tradicional.

2. As alteracións propostas afectan ás condicións de parcela exixible e edificabilidade dos ámbitos cualificados coa ordenanza NN, áreas NUN (solo non urbanizable de núcleo rural, áreas consolidadas) e áreas NT (solo non urbanizable de núcleo rural, áreas semiconsolidadas). O novo proxecto incorpora, respecto do anterior, unha epígrafe titulada Condicións compositivas, estéticas e patrimoniais nos núcleos rurais.

3. A modificación tamén ten por obxecto incorporar os plans e proxectos sectoriais parque eólico de Ponte Rebordelo (AD 25.4.2000, DOG 31.5.2000); parque empresarial de Vimianzo (AD 7.12.2006, DOG 19.1.2007); parque arqueolóxico do megalitismo da Costa da Morte (AD 29.9.2011, DOG 29.10.2011); parque eólico do Alto da Croa (AD 27.9.2013, DOG 30.1.2014); e Plan de infraestruturas de Galicia, trazado da vía AG-55 Carballo-Berdoias e CG-1.4 Berdoias-Cee.

III. Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación.

A disposición transitoria 2ª.2 da LSG, sinala que os plans aprobados inicialmente á súa entrada en vigor poderán continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á LSG, polo que é posible resolver neses termos sobre a aprobación definitiva desta MP.

2. O réxime aplicable ao solo clasificado como non urbanizable de núcleo rural das normas subsidiarias de planeamento de Vimianzo é o establecido na disposición transitoria 1ª.2.c) da LSG, aplicándose integramente o disposto no planeamento respectivo, agás no que se refire ás edificacións tradicionais existentes, ás que será aplicable o previsto no artigo 40 desa lei.

3. Adaptación da modificación á LSG (punto III.3 da Orde do 31.10.2016).

O novo proxecto suprime as reducións das superficies mínimas exixibles ás parcelas; e toma como referencia a aprobación das normas subsidiarias para admitir parcelas inferiores á mínima entre outras parcelas edificadas. Porén, mantén a posibilidade de edificar nas áreas NT nas parcelas inferiores á mínima situadas entre outras edificadas, posibilidade prevista nas normas vixentes só para as áreas NUN.

Tendo en conta o criterio xeral do novo proxecto de dar cumprimento ao previsto na Orde do 31.10.2016 sen achegar unha nova análise do asentamento poboacional que xustifique as delimitacións, exixe excluír o parágrafo final da alínea «parcela exixible».

4. O informe do Instituto de Estudos do Territorio (punto III.4 da Orde do 31.10.2016).

A nova epígrafe Condicións compositivas, estéticas e patrimoniais nos núcleos rurais dá cumprimento a este punto.

5. O informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (punto III.5).

A nova epígrafe Condicións compositivas, estéticas e patrimoniais nos núcleos rurais dá cumprimento a este punto, aínda que para os efectos da concordancia deberá introducirse a condición de que os novos peches garden harmonía cos tradicionais.

6. Aumento da ocupación e edificacións adxectivas (punto III.6).

O proxecto aprobado provisionalmente mantén os parámetros de edificabilidade permitida para as edificacións adxectivas establecidos nas normas vixentes. Non obstante, no parágrafo final da alínea «edificabilidade», referido ás edificacións adxectivas nas áreas NT, cómpre corrixir a cifra de ocupación do 3 % pola do 2 % das normas vixentes que figura no primeiro parágrafo da mesma alínea.

7. Incorporación de planeamento sectorial aprobado (punto III.7).

a) As datas de aprobación e publicación no DOG do proxecto sectorial do parque eólico de Ponte Rebordelo son respectivamente o 30.6.2005 e o 26.7.2005.

O ámbito grafado no plano M-68.42 agora correspóndese co da área de afección urbanístico-territorial do proxecto sectorial de data marzo de 2003.

b) En canto ao proxecto sectorial do parque empresarial de Vimianzo, consta que as obras de urbanización e conexións exteriores foron recibidas con data do 1.6.2011.

c) En canto ao proxecto sectorial do parque arqueolóxico do megalitismo da Costa da Morte, a relación de xacementos megalíticos que figura na modificación completouse recollendo os números 11 e 12 do proxecto sectorial; e os planos foron modificados para introducir as delimitacións dos xacementos 6, 8, 9 e 10, dando cumprimento ao sinalado neste punto da orde.

d) Suprímense as referencias ao Plan director de acuicultura litoral, por non ter sido aprobado definitivamente.

e) En canto ao proxecto sectorial do parque eólico do Alto da Croa, a modificación contén agora a normativa urbanística do solo rústico de protección de infraestruturas que establece o punto 10.1 do texto do proxecto sectorial; e grafa no plano M-68.42 a área reservada para o edificio do proxecto sectorial.

f) Respecto ao Plan de infraestruturas de Galicia, trazado da vía AG-55 Carballo-Berdoias e CG-1.4 Berdoias-Cee, os planos da modificación non inclúen no solo rústico de protección de infraestruturas a totalidade da zona de afección medida a partir das arestas exteriores da explanación, o que cómpre corrixir.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á CMAOT, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; e no artigo 10.1.b) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación co artigo 3.4 e as disposicións adicional 10ª e transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e conforme o establecido no artigo 85.7.a) LOUG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 das normas subsidiarias de planeamento do concello de Vimianzo, coas condicións sinaladas nos apartados III.3, III.5, III.6 e III.7.f) do corpo desta orde.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio