Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Luns, 25 de setembro de 2017 Páx. 43726

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Padrón e Teo, na provincia da Coruña, e A Estrada, Valga, Caldas de Reis, Cuntis e Pontecesures, na provincia de Pontevedra (expediente IN407A 2010/268-1).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE) con domicilio para os efectos de notificación en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro. O 19.10.2010 a empresa REE presentou a solicitude de autorización administrativa da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, acompañada do anteproxecto e das separatas técnicas para os organismos afectados.

Segundo consta no anteproxecto, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste nunha liña eléctrica aérea a 220 kV, de dobre circuíto, cunha lonxitude total de 40.338 m e 27 aliñacións, en condutor tipo Cóndor AW e con dous cables terra-óptico tipo OPGW 15.3-48 FO-17 kA, sobre apoios metálicos de celosía, con orixe na futura subestación de Lousame (na provincia da Coruña) e final na subestación de Tibo (na provincia de Pontevedra), e discorre polos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Padrón e Teo, na provincia da Coruña (cunha lonxitude de 23.454 m), e A Estrada, Valga, Caldas de Reis, Cuntis e Pontecesures, na provincia de Pontevedra (cunha lonxitude de 16.884 m).

Segundo. O 3.12.2010 a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu informe favorable á instalación de transporte de enerxía eléctrica referida no antecedente de feito anterior.

Terceiro. O 19.10.2010 a empresa REE presentou o estudo de impacto ambiental, xunto coa documentación xustificativa dos trámites realizados no seu momento perante o Ministerio de Medio Ambiente (trámite de consultas previas), que comprende as catro instalacións eléctricas seguintes (para as cales se indican os números de expediente baixo os cales se tramitaron simultaneamente as solicitudes reflectidas):

• Nova subestación a 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1: solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública).

• LAT 220 kV DC Lousame-Tibo (expediente IN407A 2010/268-1: solicitude de autorización administrativa).

• LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1: solicitude de autorización administrativa).

• LAT 220 kV DC E/S na subestación de Lousame da LAT Santiago-Tambre (expediente IN407A 2010/270-1: solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública).

O órgano ambiental considerou válidos os trámites realizados polo Ministerio de Medio Ambiente, e notificou á Xefatura Territorial da Coruña da actual Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) certos aspectos que había que engadir ao estudo de impacto ambiental para á súa exposición pública.

Cuarto. O 22.11.2012 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública o estudo de impacto ambiental único sobre o conxunto das catro instalacións eléctricas citadas, así como a solicitude de autorización administrativa da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, nos concellos de Lousame, Rois, Brión, Padrón e Teo, na provincia da Coruña, e A Estrada, Valga, Caldas de Reis, Cuntis e Pontecesures, na provincia de Pontevedra (expediente IN407A 2010/268-1).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.12.2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 18.12.2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 13.12.2012 e nos xornais El Correo Gallego e Faro de Vigo do 22.12.2012. Así mesmo, estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lousame, Rois, Brión, Padrón e Teo, na provincia da Coruña, e A Estrada, Valga, Caldas de Reis, Cuntis e Pontecesures, na provincia de Pontevedra, así como nas dependencias das xefaturas territoriais da Coruña e de Pontevedra das actuais consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Economía, Emprego e Industria.

Quinto. Durante o citado trámite de información pública, ademais das alegacións ao estudo de impacto ambiental, que se integraron no expediente ambiental que se remitiu ao órgano ambiental para a formulación da declaración de impacto ambiental, presentáronse as seguintes alegacións ao anteproxecto da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo (das cales se deu traslado á empresa promotora da liña eléctrica, quen presentou a súa contestación a elas):

1. Jacobo Pérez Gulín, actuando en calidade de presidente da entidade local menor de Arcos da Condesa, presentou un escrito de alegacións en que, en resumo, manifesta o seguinte:

– Mostra a súa desconformidade co arranque en dirección leste da liña eléctrica na subestación de Tibo, porque vai incrementar a afección neste tramo inicial sobre os terreos situados á marxe esquerda da estrada N-550 en dirección a Pontevedra, xa xerada por outras dúas liñas eléctricas que saen desta subestación (unha a Portodemouros en dirección noroeste e outra a Lourizán en dirección sueste), o que vai consolidar unha gravísima afección de terreos, afectando directamente núcleos de poboación existentes (Marán, Ceboleira, Badoucos e San Martiño).

– Propón o soterramento da liña proxectada (cuxo trazado cambia a dirección norte a partir do punto V-24) en trazado coincidente ou próximo coa liña a Portodemouros, ata sobrepasar os núcleos de poboación existentes.

– Sinala que os terreos afectados pola liña eléctrica proxectada ata o punto V-24 (onde se produce o seu cambio de dirección de leste a norte) teñen carácter industrial, tanto no planeamento actual como no futuro en tramitación, comprometendo o asentamento industrial, determinante para o desenvolvemento da zona como xerador de emprego.

– Advirte que ao respecto do Monte Agüeiros, que resulta afectado e está catalogado como de utilidade pública, o Servizo de Montes de Pontevedra remitirá un informe ao respecto, co que están de acordo.

2. Ángel Martínez Pérez, actuando no seu propio nome, presentou un escrito de alegacións en que, en esencia, fai as mesmas manifestacións que o presidente da entidade local menor de Arcos da Condesa (recollidas no parágrafo anterior), engadindo que é propietario de edificacións próximas á liña eléctrica proxectada na súa saída da subestación de Tibo.

3. Luis Rajoy Iglesias e outras 309 persoas presentan un escrito de alegacións, referido fundamentalmente á afección que a liña eléctrica proxectada supón para a parroquia de San Clemente de Cesar no municipio de Caldas de Reis (e, de forma especial, para os núcleos da Igrexa, Ribocias e Casaldrago), no cal, en resumo, manifestan o seguinte:

– Sinalan que a parroquia de San Clemente de Cesar xa está afectada polo trazado doutra liña eléctrica entre a subestación de Tibo (Caldas de Reis) e Padrón, e, en consecuencia, coa instalación dunha segunda liña eléctrica como a proxectada xeraríase unha importante afección a terreos privados, así como un importante malestar entre os veciños, polo seu impacto visual e os seus efectos sobre a saúde das persoas.

– Consideran necesario analizar a liña eléctrica proxectada en conxunto coa liña eléctrica xa existente, para os efectos de minimizar o seu impacto sobre os núcleos de poboación, procurando que o trazado discorra afastado das vivendas e, a ser posible, por terreo público ou comunal.

– Non entenden por qué o trazado proxectado fai varios cambios de dirección, entrando no concello de Caldas de Reis para despois volver ao concello de Cuntis, considerando que o trazado podería vir recto se discorrese integramente polo concello de Cuntis ou, polo menos, de maneira equidistante aos núcleos de ambos os municipios, substituíndo deste xeito a afección a un importante número de parcelas de titularidade privada pola afección a monte comunal.

Sexto. O 29.11.2012 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas da instalación eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens ou dereitos afectados: Concello de Lousame, Concello de Rois, Concello de Brión, Concello de Padrón, Concello de Teo, Concello da Estrada, Concello de Valga, Concello de Caldas de Reis, Concello de Cuntis, Concello de Pontecesures, Ministerio de Fomento-Demarcación de Estradas do Estado na Coruña e en Pontevedra, Augas de Galicia, CMATI-Servizos de Infraestruturas da Coruña e de Pontevedra, Servizos de Montes na Coruña e en Pontevedra, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Servizo de Vías e Obras e Medio Ambiente das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra, ADIF, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica.

A respecto das entidades que non contestaron (concellos de Rois, Brión, Padrón, Teo, A Estrada, Caldas de Reis, Cuntis e Pontecesures, e Deputación Provincial de Pontevedra), enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, conforme o disposto no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo das autorizacións que lles corresponda outorgar.

O Concello de Valga emitiu informe en que expón unha serie de obxeccións (xa manifestadas durante a información pública do estudo de impacto ambiental), do cal se deu traslado á empresa promotora, quen respondeu ás ditas obxeccións. Deuse traslado desta resposta ao Concello de Valga, que non contestou, e en consecuencia enténdese a súa conformidade, de acordo co disposto no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

O Servizo de Montes de Pontevedra emitiu informe negativo sobre o trazado proxectado á saída da subestación de Tibo, con base nunha serie de argumentacións (xa manifestadas durante o trámite de información pública do estudo de impacto ambiental), do cal se deu traslado á empresa promotora, que respondeu ás ditas argumentacións. Deuse traslado desta resposta ao Servizo de Montes de Pontevedra, quen reiterou o seu informe negativo. A este respecto hai que indicar que as obxeccións feitas polo Servizo de Montes teñen carácter ambiental e, como tales, foron analizadas polo órgano ambiental, quen decidiu formular a declaración de impacto ambiental co trazado proxectado.

As outras entidades presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa REE, quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Sétimo. O 19.6.2015 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe en que se resume a instrución do expediente IN407A 2010/268-1 (información pública e consulta ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas no estudo de impacto ambiental) e se conclúe o seguinte:

• A infraestrutura denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo atópase recollida no documento Planificación dos sectores de electricidade e do gas 2008-2016, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 30 de maio de 2008.

• Procede remitir ao órgano substantivo o documento inicial do estudo de impacto ambiental, así como todos os informes e/ou alegacións relacionados con este e de consultas ás administracións públicas afectadas.

• O proxecto técnico cumpre coas exixencias regulamentarias do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Oitavo. O 22.2.2017 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ás instalacións eléctricas LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, Nova subestación a 220 kV de Lousame, LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre e LAT 220 kV DC Lousame-Tibo.

O 27.3.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se deu publicidade á devandita declaración de impacto ambiental, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia do 29.5.2017.

Noveno. O 23.6.2017 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe sobre dereitos mineiros en confluencia coa traza da LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, na provincia da Coruña, en que se conclúe que non existen dereitos mineiros en afección.

Décimo. O 1.8.2017 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, emitiron informe sobre dereitos mineiros en confluencia coa traza da LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, na provincia de Pontevedra, no cal se conclúe que existe en afección un perímetro de protección aprobado o 28.3.2016 do acuífero que abastece os mananciais e pozos de augas mineiro medicinais e termais aproveitados no concello de Caldas de Reis.

A este respecto hai que indicar que no momento de tramitar a aprobación do proxecto de execución da liña eléctrica se poderá analizar en detalle a afección producida por esta sobre os aproveitamentos mineiros e, en consecuencia, será nese momento cando se determine a necesidade de abrir ou non un trámite de compatibilidade de utilidades públicas.

Fundamentos de dereito

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas ao proxecto da instalación eléctrica, da contestación a elas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• Con respecto aos escritos de alegacións presentados por Jacobo Pérez Gulín e Ángel Martínez Pérez, faise constar o seguinte:

– En canto á desconformidade co arranque da liña eléctrica, hai que indicar que a dirección de saída, tanto das liñas eléctricas existentes como proxectadas, está condicionada pola localización dentro da subestación de Tibo das rúas para estas posicións.

– En canto á proximidade da liña eléctrica a núcleos de poboación, hai que indicar que o estudo do trazado das liñas eléctricas se realiza dun modo global, tendo en conta todo o seu percorrido e non só un tramo concreto, para evitar chegar a resultados erróneos, considerando ademais o resto de condicionantes técnicos e ambientais, e non adoptando un trazado con base nun único criterio. Un dos factores primordiais que hai que ter en conta no estudo do trazado das liñas eléctricas é a minimización do impacto sobre os núcleos de poboación e as vivendas existentes, e este criterio é aplicado pola empresa promotora na determinación do trazado proxectado. A presenza de vivendas illadas, naves industriais e outras construcións, estradas e o resto de liñas eléctricas impide proxectar un trazado aéreo coincidente ou máis paralelo á actual liña eléctrica a Portodemouros.

– En canto á proposta de soterramento da liña eléctrica, trátase dunha instalación de transporte de enerxía eléctrica e, por tanto, está comprendida na planificación dos sectores de gas e electricidade 2008-2016, aprobada polo Consello de Ministros o 30.5.2008; nesta planificación recóllese unha capacidade de transporte de 710 MVA no inverno e 600 MVA no verán, e a inclusión de calquera soterramento implicaría un incumprimento do disposto nesta planificación, posto que se reduciría a capacidade de transporte.

– En canto ao carácter industrial dos terreos, de acordo co planeamento vixente (NSP 1995) os terreos apuntados cualifícanse como solo rústico e o seu carácter industrial recóllese no novo PXOM en tramitación, aprobado inicialmente o 25.1.2013. Non obstante, esta data é posterior ao inicio do procedemento de avaliación ambiental e de autorización administrativa da liña eléctrica de referencia.

– En canto á afección a terreos de titularidade privada, a implantación de liñas eléctricas non impide o normal desenvolvemento dos labores agrícolas e gandeiros; non obstante, polo que respecta á posible depreciación do terreo, non se toma en consideración por non ser obxecto deste procedemento, senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o que se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, na cal se determinará a indemnización que corresponda e na cal o afectado poderá presentar a súa folla de aprecio en que concretará o valor que considera que lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

• Con respecto ao escrito de alegacións presentado por Luis Rajoy Iglesias e outras 309 persoas, faise constar o seguinte:

– En canto á afección de terreos de titularidade privada e á proximidade a núcleos de poboación, reitérase o disposto ao respecto no parágrafo anterior, como contestación a outros escritos de alegacións.

– En canto ao impacto visual da liña eléctrica, hai que indicar que foi sometida ao procedemento de avaliación de impacto ambiental e obtivo a correspondente declaración de impacto ambiental, en cuxa documentación se prevé un estudo de impacto e integración paisaxística.

– En canto aos posibles efectos sobre a saúde das persoas, no ano 2001 o Ministerio de Sanidade e Consumo, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e Consumo, indicou que a exposición a campos electromagnéticos non ocasiona efectos adversos para a saúde, dentro dos límites establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea (1999/519/CEE), relativa á exposición do público a campos electromagnéticos de 0 a 300 Hz. A este respecto, a empresa promotora manifesta cumprir coa dita recomendación en todas as súas instalacións.

– En canto á proposta de que o trazado discorra recto, esa posibilidade, á marxe doutros condicionantes (como a presenza de núcleos de poboación que se tratan de manter a máxima distancia posible), resulta inviable xa polos numerosos elementos do patrimonio cultural (xacementos) presentes na zona.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme o disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar á empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Padrón e Teo, na provincia da Coruña, e A Estrada, Valga, Caldas de Reis, Cuntis e Pontecesures, na provincia de Pontevedra.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. De conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, por proposta do órgano ambiental fíxase no 1 % do orzamento do proxecto de execución (pendente de presentar) a contía do aval que deberá constituír a empresa promotora (REE), para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración.

A empresa promotora deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

Segunda. As instalacións que se autorizan son as recollidas no anteproxecto titulado LAT 220 kV DC Lousame-Tibo, asinado polo enxeñeiro industrial Luis Fernando Acarregui Zabala (colexiado nº 2.684 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Bizkaia) e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 3801/2009 e data 23.12.2009; e no que figura un orzamento de 16.027.933 €.

Terceira. Dentro do prazo de seis meses contado a partir da notificación desta resolución, a empresa promotora deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución e o recoñecemento da utilidade pública da infraestrutura eléctrica de referencia, para o que deberá presentar o proxecto de execución das instalacións e a relación de bens e dereitos afectados.

Cuarta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito sexto da presente resolución), a empresa promotora procederá a realizar as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Quinta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas