Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 29 de setembro de 2017 Páx. 44592

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, sobre a resolución do expediente de clasificación do monte denominado A Lanzada, da parroquia de Santo Estevo de Noalla, no concello de Sanxenxo (Pontevedra), solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Noalla.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 14 de xuño de 2017, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado A Lanzada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Noalla, da parroquia de Noalla, no concello de Sanxenxo (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 1 de agosto de 1984 tivo entrada no rexistro da delegación da Consellería de Agricultura, Pesca e Alimentación solicitude de clasificación como monte veciñal, formulada polo presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Noalla, en relación cos montes Circundado de San Xoán de Aios, Monte da Canteira, Praia de Bascuas, Sobre Praia de Bascuas, Monte da Galiña, Monte do Corvo e Copetito e Rosas, Praia da Lanzada, Praia de Mogorio ou Mogor, todos eles da parroquia de Noalla, xuntando unha serie de documentos que se foron ampliando a posteriori.

Segundo. Con data do 22 de xuño de 1989 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou clasificar como montes veciñais os montes denominados da Canteira, da Galiña, do Corvo, da Lanzada, de Mogor e Gándara, a favor dos veciños da parroquia de Noalla-Sanxenxo, por considerar que os referidos montes reunían todos os requisitos fixados na Lei e no Regulamento de montes veciñais en man común.

Pola contra, denegouse a clasificación dos terreos chamados Circundado de San Xoán de Aios e Praia de Bascuas, ao considerar que non se cumprían as exixencias fixadas ad hoc.

Terceiro. Contra a citada resolución interpuxeron recurso de reposición os veciños de Noalla e o Ministerio de Obras Públicas, que foron ambos os dous desestimados en vía administrativa e o último en sede contenciosa polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por medio de Sentenza do 10 de setembro de 1992 e posteriormente pola STS do 24.1.2001.

Cuarto. Con data do 30.7.2003 tivo entrada no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra solicitude de revisión de oficio formulada polo Concello do Grove, con base nun ditame emitido polo profesor Raposo Arceo do 4.5.2003 contra a resolución do Xurado de Montes de 1989, en relación co monte da Lanzada, por entender que este tiña natureza demanial.

Quinto. Con data do 22.1.2004 o Concello do Grove interpuxo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contra a desestimación por silencio administrativo, da petición da revisión de oficio da resolución do Xurado de Montes do 22 de xuño de 1989 no referente ao monte da Lanzada alegando o artigo 62 da Lei 30/1992, ao entender que o procedemento podería estar viciado por falta de audiencia ao concello do Grove no procedemento de clasificación e irrogar unha posible indefensión.

Este recurso tramitouse finalmente ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, logo de declaración de incompetencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, co número 111/2004, que finalizou coa sentenza 28/2006, do 5 de febreiro, a cal estimou as pretensións dos recorrentes anulando a resolución e ordenando ao Xurado de Montes que procedese a tramitar pola súa vía ata a resolución final o procedemento de revisión en que a dito monte, A Lanzada, atinxise.

Esta sentenza foi impugnada, pola súa vez polo Xurado de Montes de Pontevedra ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ben que, o recurso foi desestimado pola sentenza do 8 de maio de 2008, que confirmou integramente a sentenza 28/2006.

Sexto. Como consecuencia do anterior, e en cumprimento da referida sentenza, con data do 2 de novembro de 2010 o Xurado Provincial de Montes de Pontevedra dita resolución pola que acorda a non admisión do recurso de revisión, confirmando en todos os seus termos a resolución do Xurado do 22.6.1989 con base nos seguintes razoamentos que pasamos a transcribir:

«Terceiro: o motivo esgrimido polo Concello do Grove para solicitar a revisión de oficio do acto de clasificación susténtase no feito de que o procedemento podería estar viciado por falta de audiencia e un erro manifesto en canto á extensión, de xeito que a resolución podería estar viciada de nulidade radical na medida en que supón a adquisición de certas facultades dun dereito se se carece dos requisitos esenciais para iso (artigo 62.1.e) da Lei 30/1992, ou de anulabilidade por producirse indefensión ao Concello ao non darlle audiencia no procedemento de clasificación.

(...) Sexto: en canto á manifestación de que o procedemento podería estar viciado por falta de audiencia, hai que recordar que no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 25.3.1987 se publicou o inicio do procedemento que dá audiencia a todos os posibles interesados.

Pretender a nulidade da resolución por falta de notificación persoal cando se acudiu á notificación mediante edicto non vulneraría o previsto no artigo 62, pois o Concello puido examinar o expediente e aducir durante todo este tempo o que estimase oportuno para a defensa dos seus dereitos, sen que tales alegacións se presentasen. De feito, o artigo 59.6 da Lei 30/1992 lexitima a publicación en lugar da notificación cando se trata de procedementos en que podería existir unha pluralidade indeterminada de persoas».

Sétimo. A raíz do anterior, por medio de escrito do 8 de febreiro de 2011, a representación do Concello do Grove solicitou a execución forzosa da sentenza asegurando que o órgano encargado da execución non cumprira a resolución xudicial posto que a resolución de novembro de 2010 que acordaba a inadmisión do recurso de revisión tiña como finalidade, segundo a alegación do Concello do Grove, eludir o cumprimento da condena recollida na sentenza.

Tendo en conta o anterior, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra acordou, mediante providencia do 8 de febreiro de 2011, escoitar todas as partes, que presentaron as correspondentes alegacións neste trámite.

Oitavo. Finalmente, con data do 5 de maio de 2011 recibiuse neste órgano o auto ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra no cal, tras os oportunos fundamentos xurídicos, dispoñía o seguinte:

«1º. Declaro nula a Resolución do 2 de novembro de 2010 do Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra, que non admitiu a trámite a solicitude de revisión de oficio formulada polo Concello do Grove contra a súa propia resolución do 22 de xuño de 1989 sobre a clasificación do monte denominado A Lanzada.

2º. Ordeno ao Xurado Provincial de Montes de Pontevedra que acredite documentalmente ante este xulgado ter tramitado e resolto en forma expresa o procedemento de revisión de oficio fronte a esa resolución antes do 26.10.2011 (...)».

Noveno. Unha vez recibido este auto, e para os efectos de darlle debido cumprimento, convocouse o antes posible unha reunión do Xurado de Montes en cuxa orde do día se incluía expresamente este tema.

Nela, nomeouse relatora a vogal Lorena Peitado Pérez e acordouse iniciar e impulsar o procedemento de revisión por todos os seus trámites, ditándose o oportuno acordo de incoación con data do 27 de outubro de 2011, o cal se notificou segundo consta acreditado polos correspondentes xustificantes de recepción que figuran no expediente, a todas e cada unha das partes interesadas con emprazamento por termo de dez días para realizar as alegacións pertinentes; todo o anterior acompañado da paralela publicación da incoación do procedemento de revisión de oficio no DOG.

Décimo. Con data do 9 de novembro de 2011 presanta alegacións Roberto Garrido Pérez, en calidade de presidente da CMVMC de Noalla, manifestando a súa oposición á solicitude de revisión de oficio instada polo Concello do Grove e demais consideracións en defensa dos seus intereses.

Con data do 22 de novembro de 2011 presentou alegacións o Concello do Grove reproducindo o xa manifestado en sede contenciosa, que en esencia se reconduce á falta da preceptiva audiencia do Concello no procedemento de clasificación, coa conseguinte indefensión determinante da nulidade do artigo 62 da Lei 30/1992.

Así mesmo, constan unidas ao expediente de revisión de oficio as alegacións das CMVMC de San Vicente e de San Martiño do Grove, defendendo un suposto aproveitamento exclusivo sobre a parcela afectada pero sen posicionarse en relación coa revisión en si.

Finalmente, con data do 28 de decembro de 2011 recíbense alegacións do Concello de Sanxenxo interesando que se resolva de xeito negativo a revisión de oficio.

Décimo primeiro. Con data do 16 de decembro de 2011, e de acordo co preceptuado no artigo 84.2 da Lei 30/1992, ábrese o trámite de audiencia, outorgando un pazo de dez días para que todas as partes afectadas, con carácter previo á redacción da presente proposta de resolución, manifestasen canto considerasen oportuno en prol da axeitada defensa.

Décimo segundo. Unha vez esgotado o prazo para a presentación de alegacións no trámite de audiencia, con data do 13 de xaneiro de 2012 dítase a correspondente proposta de resolución favorable á revisión de oficio e notifícase esta a todas as partes.

Décimo terceiro. Con igual data do 13 de xaneiro de 2012, a instrutora elabora a petición de informe ao Consello Consultivo de Galicia para a emisión do informe preceptivo de acordo co previsto no artigo 102 da Lei 30/1992, xuntando á dita petición copia da proposta de resolución e de todo o expediente de revisión tramitado.

Décimo cuarto. Con data do 8 de xaneiro de 2012 recíbese ditame emitido polo Consello Consultivo de Galicia en que se emite informe favorable á proposta de resolución remitida ao considerar que a omisión do trámite de audiencia respecto do Concello do Grove, en canto titular rexistral, irrogou indefensión determinante da nulidade prevista do artigo 62.1.e) da Lei 30/1992.

Décimo quinto. O citado procedemento de revisión rematou coa resolución do Xurado de Montes do 20.2.2012 na cal finalmente, e en coherencia co ditaminado polo Consello Consultivo, se acorda a revisión de oficio da Resolución do 22.6.1989, ao entender que efectivamente concorría a causa de nulidade do artigo 62.1.e) da Lei 30/1992, coa conseguinte retroacción do procedemento de clasificación do monte A Lanzada ao inicio do expediente.

Décimo sexto. Fronte a esta resolución interpúxose recurso de reposición pola CMVMC de Noalla, que foi desestimado, así como o recurso que se interpuxo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra en sentenza do 31.1.2014.

Décimo sétimo. Unha vez firme a resolución do Xurado de Montes do 20.2.2012, este órgano acorda en reunión do 8.10.2014 darlle cumprimento acordando a incoación do correspondente expediente de clasificación.

Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Sanxenxo.

Parroquia: Santo Estevo de Noalla.

Nome do monte: A Lanzada.

Parcela A. Superficie: 96,84 ha.

Estremas:

Norte: Concello do Grove-parroquia de San Vicente do Grove.

Sur:

– Liña do límite municipal (na data da clasificación xudicial).

– Estrada PO-3208 (antiga estrada comarcal C-550).

– Parcela B (propiedade da CMVMC de Noalla).

Leste:

– Estrada PO-316 (de Sanxenxo ao Grove).

– Estrada PO-308 (antiga comarcal C-550).

– Parcela B (propiedade da CMVMC de Noalla).

– Parcela 392 de Benito Radio Otero, ref. catastral 36051A03100392.

– Parcela 393 de Construcións Erpin, S.L., ref. catastral 36051A03100393.

– Parcela 382, marismas da Lanzada, ref. catastral 36051A03100382.

– Oeste: liña marítima terrestre (océano Atlántico).

Parcela B. Superficie: 17,79 ha.

Estremas:

Norte:

– Parcela A, propiedade da CMVMC de Noalla.

– Liña marítimo terrestre (océano Atlántico).

– Liña do límite municipal (na data da clasificación xudicial).

– Estrada PO-308 (antiga comarcal C-550).

– Camiño público asfaltado.

– Estrada VG-4.1.

– Camiño público dos Madóns.

Sur:

– Estrada PO-308 (antiga comarcal C-550).

– Camiño público asfaltado.

– Estrada VG-4.1.

– Camiño público dos Madóns.

– Liña marítimo terrestre na praia de Foxos.

Leste:

– Parcela 382-marismas da Lanzada, ref. catastral 36051A03100398.

– Parcela 366 de Lorenzo Asturiano, ref. catastral 36051A03100366.

– Parcela 365 de Construciones Erpin, S.L., ref. catastral 36051A03100365.

– Parcela 381 de Ramón Lores Vidal, ref. catastral 36051A03100381.

– Parcela 364 de José Domínguez Otero, ref. catastral 36051A03100364.

– Parcela 363 de Eduardo Radio Vidal, ref. catastral 36051A03100363.

– Parcela 362 de Justavina Ferreiro Fernández, ref. catastral 36051A03100362.

– Parcela 361 de Modesta Otero Lores, ref. catastral 36051A03100361.

– Parcela 360 de Luis Lamelas González, ref. catastral 36051A03100360.

– Parcela 359 de Modesta Otero Lores, ref. catastral 36051A03100359.

– Camiño público asfaltado.

– Estrada PO-308 (antiga comarcal C-550).

– Camiño público asfaltado.

– Parcela 607 de Antonio Touriño Martínez, ref. catastral 36051A01900607.

– Parcela 486 de Victoria Cacabelos Otero, ref. catastral 36051A01900486.

– Parcela 485 de Juan Bautista Rodríguez Torres, ref. catastral 36051A01900485.

– Parcela 484 de Elisa Blanco Sampedro, ref. catastral 36051A01900484.

– Parcela 482 de Luis Piñeiro Dosil, ref. catastral 36051A01900482.

– Parcela 481 de Rosa Touriño Vázquez, ref. catastral 36051A01900481.

– Parcela 480 de Mónica Ferro Folgar, ref. catastral 36051A01900480.

– Parcela 6002 de Manuel Baltasar Ferro Leiro, ref. catastral 36051A01906002.

– Parcela 478 de Enrique Gómez Antón, ref. catastral 36051A01900478.

– Parcela 477 de Justa Álvarez Mera, ref. catastral 36051A01900477.

– Parcela 476 de Justa Álvarez Mera, ref. catastral 36051A01900476.

– Parcela 475 de propietario descoñecido, ref. catastral 36051A01900475.

– Parcela 474 de Francisco Antonio Fernández Leiro, ref. catastral 36051A01900474.

– Parcela 473 de José Olimpio Piñeiro Dosil, ref. catastral 36051A01900473.

– Parcela 469 de Manuel Piñeiro Camiña, ref. catastral 36051A01900469.

– Parcela 592 de Luis Piñeiro Dosil, ref. catastral 36051A01900592.

– Parcela 593 de propietario descoñecido, ref. catastral 36051A01900593.

– Parcela 467 de Estanislao Vázquez García, ref. catastral 36051A01900467.

– Parcela 466 de Victoria Vidal Piñeiro, ref. catastral 36051A01900466.

– Parcela 465 de Guillermina Rodiño Salgueiro, ref. catastral 36051A01900465.

– Parcela 586 de Francisco Rodiño Seijo, ref. catastral 36051A01900586.

– Parcela 464 de Josefa Narcellas Rivas, ref. catastral 36051A01900464.

– Parcela 463 de Manuel Míguez Vidal, ref. catastral 36051A01900463.

– Parcela 460 de propietario descoñecido, ref. catastral 36051A01900460.

– Parcela 459 de Juan Reiriz Pérez, ref. catastral 36051A01900459.

– Parcela 458 de Juan Reiriz Pérez, ref. catastral 36051A01900458.

– Parcela 457 de Silvio Portela López, ref. catastral 36051A01900457.

– Parcela 453 de José Domínguez Piñeiro, ref. catastral 36051A01900453.

– Parcela 454 de Colmar Sanxenxo, S.L., ref. catastral 36051A01900454.

Oeste:

– Liña marítimo terrestre (océano Atlántico).

– Parcela A, propiedade da CMVMC de Noalla.

– Estrada PO-308 (antiga comarcal C-550).

– Parcela 563 do Arcebispado de Santiago de Compostela, ref. catastral 36051A01900563.

Décimo oitavo. Con data do 24.4.2015 a CMVMC de Noalla presenta escrito de solicitude de clasificación do monte da Lanzada, facendo remisión á documentación histórica que consta no expediente de clasificación de 1989 e presentando un novo informe pericial elaborado polo enxeñeiro técnico agrónomo José Antonio González Ferreira (folios 1702-1884).

Décimo noveno. Con data do 26.1.2016 o Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural emite informe (folio 1890 e seguintes) en que se recollen, entre outros, os seguintes datos:

«A maior parte da superficie está ocupada polo sistema dunar e as zonas húmidas de transduna do istmo da Lanzada, praia da Lanzada e areais anexos de alto valor ecolóxico, polo que a totalidade da parcela está incluída dentro do espazo natural protexido ZEC Complexo Ons-O Grove.

– Existen varias construcións: dous grandes aparcadoiros de vehículos, un edificio de aseos públicos e outro de protección civil e vixilancia da praia da Lanzada, o edificio do antigo aeródromo, barreiras e pasarelas de madeira de protección do sistema dunar, paneis informativos do espazo natural protexido, o campo de fútbol e o colexio de Noalla, varios quioscos e a capela de Nosa Señora da Lanzada.

– Os veciños do lugar manifestan que no pasado a parcela solicitada se utilizaba para a obtención de pastos e mulime para estrar as cortes dos animais, e que ao mesmo tempo servía de esterco para fertilizar as leiras. Tamén se aproveitaba, a menor escala, para pastoreo, sobre todo de cabras. Outro uso era o de extracción de area para a súa venda.

– Na actualidade o uso da parcela está moi condicionado polo feito de que na súa totalidade se atopa incluída dentro dun espazo natural protexido e praias (uso turístico, sendeirismo, observación da flora e fauna, aparcadoiro de vehículos, quioscos de praia, aseos públicos, etc.) e o asociado ás infraestruturas públicas existentes (o campo de fútbol e o colexio de Noalla, a capela, etc.)».

Xúntase ao devandito informe un anexo fotográfico.

Vixésimo. Con data do 18.3.2016 a CMVMC de Noalla presenta novo escrito de alegacións cun informe de marzo de 2016 que completa a información solicitada polo Xurado de Montes en relación cos estremeiros (folios 1901 e seguintes).

Vixésimo primeiro. Con data do 11 de maio de 2016 expídese certificación do Rexistro da Propiedade de Cambados en que se sinala que as parcelas cuxa clasificación se insta están inscritas a nome do Concello de Sanxenxo.

Vixésimo segundo. Unha vez aberto o período de alegacións a todos os posibles interesados mediante anuncio no DOG do 18.7.2016, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente presenta oficio emitido pola xefa do Servizo de Costas do 10.8.2016 onde se fai constar o seguinte: «este Servizo Provincial de Costas reitera que todo o istmo da Lanzada se atopa en dominio público marítimo terrestre, segundo o deslindamento aprobado pola Orde ministerial do 1.2.1993, polo que se opón a calquera outra detención posesiva privativa dos ditos terreos por seren incompatibles coa Lei de costas (folio 1980).

Vixésimo terceiro. Con data do 1.9.2016 a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común presenta unha alegación que apoia a clasificación do Monte da Lanzada a favor da CMVMC de Noalla (folios 1997 e 1988).

Vixésimo cuarto. Con data do 2.9.2016 o Concello de Sanxenxo presenta un escrito de alegacións referendando a petición por parte dos veciños de Noalla con remisión á resolución de clasificación de 1989.

Vixésimo quinto. Con data do 5.9.2016 tamén presenta alegacións o Concello do Grove (folios 2003 e seguintes) opoñéndose expresamente á solicitude de clasificación pola CMVMC de Noalla e facendo referencia ao deslindamento aprobado pola Orde ministerial de 1993 e á catalogación dos terreos como Zona de especial conservación (ZEC). Como anexo xúntanse dous planos.

Vixésimo sexto. Con data do 6.9.2016 a Xefatura do Servizo de Costas do Ministerio de Medio Ambiente (folio 2019) remite un novo oficio ao Xurado de Montes ratificando a súa oposición a calquera detención posesiva privativa dos terreos da Lanzada, ao consideralos como parte integrante do dominio público marítimo terrestre e ser incompatible a clasificación coa Lei de costas.

Vixésimo sétimo. Con data de entrada na Xunta o 5.9.2016, tamén se presentan alegacións da CMVMC de San Martiño do Grove nas cales, en esencia, se discute o carácter comunal dos terreos afectados pola clasificación interesando que esta sexa denegada. Como anexo a estas alegacións preséntase un informe da Universidade de Vigo emitido polo profesor Gonzalo Méndez Martínez (folio 2021 e seguintes).

Vixésimo oitavo. Con data do 12.9.2016 a CMVMC de San Vicente presenta alegacións negando o aproveitamento dos terreos por parte dos veciños de Noalla e sinalando, así mesmo, que existen uns sete pozos de auga en que o Concello do Grove estivo extraendo auga para o fornecemento público e algunha outra construción. Afírmase igualmente que existe unha posesión activa do Concello do Grove e de Costas do Estado, que realizou obras de construción dun paseo con prohibición de acceso humano sobre as dunas. Finalmente, sinalan nas súas alegacións que nas praias que bordean este espazo dunar foron os veciños de San Vicente os que tradicionalmente realizaban a recolla de algas para fertilizante agrícola, así como labores de pastoreo. Como complemento das anteditas afirmacións xúntase un informe elaborado polo enxeñeiro Ángel Bravo Portela en que se fai unha detallada análise dos antecedentes históricos e administrativos e se xunta planimetría e fotografías (folios 2063 a 2370).

Vixésimo noveno. Con data do 21.9.2016, a CMVMC de Noalla presenta documentación adicional á que xa figura no expediente de clasificación relativa a convenios celebrados coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo en relación cos terreos da Lanzada (folios 2374 e seguintes).

Trixésimo. Finalmente, con data de entrada do 18.10.2016, a CMVMC de Noalla presenta novas alegacións en resposta aos argumentos presentados ao longo do expediente polas diferentes partes comparecidas como interesadas, insistindo no aproveitamento consuetudinario dos terreos da Lanzada polos veciños de Noalla e na falta de fundamento dos argumentos expostos polo Concello do Grove e das CMVMC de San Vicente e San Martiño.

Aos anteriores antecedentes resultan de aplicación as seguintes consideracións xurídicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. Como cuestión preliminar, faise preciso advertir que estamos ante un expediente de clasificación sumamente complexo e dificultoso, non só polos numerosos antecedentes legais e intereses en xogo da CMVMC de Noalla e dos concellos de Sanxenxo e O Grove, senón pola propia repercusión social e mediática que ten, así como pola especial configuración xurídica dos terreos afectados pola clasificación.

Este xurado é coñecedor, por tanto, de que sexa cal for a resolución que se adopte, vai ser controvertida e discutida polas partes cuxos intereses están en xogo e, precisamente por isto, consideramos oportuno deixar sentado de antemán que a presente resolución obedece única e exclusivamente a unha valoración sumamente razoada dos datos obxectivos que figuran no expediente de clasificación de referencia, así como ao especial réxime xurídico reitor na actualidade dos terreos afectados.

Dito isto, debe deixarse apuntado que o Xurado de Montes é perfectamente coñecedor de que o monte da Lanzada foi efectivamente clasificado por medio da Resolución do 22 de xuño de 1989 e que a tramitación do presente expediente de clasificación obedece á revisión de oficio instada polo Concello do Grove por motivos formais ao non térselle dado audiencia. Pero non é menos certo que a raíz desta revisión de oficio a resolución de clasificación de 1989 se declarou nula e deixouse sen efecto coas consecuencias dimanantes desta declaración de nulidade.

É dicir, en contra do que afirma a CMVMC de Noalla, este xurado non debe estar condicionado polo xa resolto no ano 1989, sinxelamente porque estamos perante un procedemento de clasificación iniciado ex novo e no cal debe atenderse non só aos prolixos antecedentes senón tamén ás novas circunstancias, documentación informes e situacións xurídicas dos terreos.

Con esta apreciación introdutoria, o que se pretende evidenciar é que a día de hoxe non é posible ignorar as circunstancias xurídicas que afectan a catalogación do monte da Lanzada, a raíz do deslindamento aprobado pola Orde ministerial do 1993 e a catalogación da zona, cuxa clasificación se pretende como espazo natural de especial protección, aspectos que condicionan, e moito, o uso que na actualidade puideren darlle os veciños de Noalla ao terreo.

Neste sentido, resulta sumamente esclarecedor o informe emitido polo Servizo de Montes do 25.1.2016, onde se precisa de forma clara o seguinte:

«A maior parte da superficie está ocupada polo sistema de dunas e as zonas húmidas transdunas do istmo da Lanzada, praia da Lanzada e areais anexos de alto valor ecolóxico polo que a totalidade da parcela está incluída dentro do espazo natural protexido ZEC Complexo Ons-O Grove.

– Existen varias construcións: dous grandes aparcadoiros de vehículos, un edificio de aseos públicos e outro de protección civil e vixilancia da praia da Lanzada, o edificio do antigo aeródromo, barreiras e pasarelas de madeira de protección do sistema de dunas, paneis informativos do espazo natural protexido, o campo de fútbol e o colexio de Noalla, varios quioscos e a capela da Nosa Señora da Lanzada.

– Os veciños do lugar manifestan que no pasado a parcela solicitada se utilizaba para a obtención de pastos e mulime para estrar as cortes dos animais, e que ao mesmo tempo servía de esterco para fertilizar as leiras. Tamén se aproveitaba, a menor escala, para pastoreo, sobre todo de cabras. Outro uso era o de extracción de area para a súa venda.

– Na actualidade o uso da parcela está moi condicionado polo feito de que na súa totalidade se atopa incluída dentro dun espazo natural protexido e praias (uso turístico, sendeirismo, observación da flora e fauna, aparcadoiro de vehículos, quioscos de praia, aseos públicos, etc.) e o asociado ás infraestruturas públicas existentes (o campo de fútbol e o colexio de Noalla, a capela, etc.)».

Así pois, non podemos senón coincidir co manifestado en relación con este particular, tanto polo Concello de O Grove como polo Servizo de Costas no seu escrito do 27 de abril de 2012.

Ademais, e seguindo coa análise da nova catalogación xurídica dos terreos, inexistente en 1989 cando foron clasificados como monte veciñal en man común por este xurado, debe terse moi presente, como xa se apunta no informe do Servizo de Montes anteriormente mencionado, que a totalidade da área reclamada polos veciños de Noalla foi declarada LIC (lugar de interese comunitario) con data do 29.12.2004 e como ZEC (zona de especial conservación), incluída na Rede Natura 2000 mediante Decreto 37/2014.

Consideramos que este dato é fundamental á hora de adoptar unha resolución axustada a dereito no tocante ao tema da clasificación pretendida pois a xuízo deste xurado o réxime especialmente tuitivo e protector que na actualidade rexe sobre os terreos da Lanzada resulta incompatible cos usos que pretende acometer a CMVMC de Noalla sobre eles como agrupación veciñal, e así se extrae da lectura conxunta do propio Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas de especial conservación os lugares de importancia comunitaria (LIC) de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000.

E esta conclusión é precisamente a que vén reflectir o informe do Servizo de Montes cando indubitadamente sinala que na actualidade o uso da parcela está moi condicionado polo feito de que a súa totalidade se atopa incluída dentro dun espazo natural protexido e as praias.

Así, e sen prexuízo da análise que se fará en parágrafos posteriores, da documentación presentada pola propia CMVMC de Noalla non pode inferirse un aproveitamento consuetudinario polo grupo veciñal no momento presente; o que temos é un uso público relacionado co turismo, sendeirismo, etc., pero xa nada queda do uso que en tempos inmemoriais se viña dando a estes terreos tales como pasto ou venda de area, a día de hoxe impensables nun espazo integrante da Rede Natura 2000 como ante o que nos atopamos. Tendo en conta o dito ata o momento, cabe preguntarse que sentido tería clasificar o monte da Lanzada como veciñal a favor da CMVMC de Noalla recoñecendo ao seu favor un uso privativo, cando a día de hoxe se está facendo un uso público de toda a zona afectada.

Lembremos que o artigo 3 da Lei de montes veciñais en man común de Galicia 13/1989 sinala que «a propiedade dos montes veciñais en man común, con independencia da súa orixe, é de natureza privada e colectiva, correspondendo a súa titularidade dominical e aproveitamento, sen asignación de cotas, ao conxunto dos veciños titulares de unidades económicas con casa aberta e residencia habitual nas entidades de poboacións ás que tradicionalmente estivese adscrito o seu aproveitamento, e que veñan exercendo segundo os usos e costumes da comunidade algunha actividade relacionada con aqueles.

Trátase, por tanto, dunha forma de titularidade privada sobre bens que pertencen colectivamente aos veciños e que son aproveitados de forma común. É precisamente por esta especial configuración e réxime xurídico dos montes veciñais en man común que este xurado de montes considera que non procede a clasificación do monte da Lanzada, pois como acabamos de sinalar de xeito reiterado en parágrafos anteriores, a súa práctica totalidade é demanial, está incluído nunha zona de especial conservación e, na actualidade, desde xa hai anos está ocupado por edificios públicos que imposibilitan o seu aproveitamento privativo polos veciños de Noalla (informe do Servizo de Montes).

– Deslindamento operado pola Orde ministerial de 1993:

Seguindo coa argumentación exposta ata o momento, tal e como adiantamos ao comezo da presente resolución, a realidade fáctica e xurídica dos terreos cuxa clasificación se pretende non é nin moito menos idéntica á que tomou en consideración o Xurado de Montes no ano 1989, en que se ditou a resolución de clasificación (deslindamento vixente conforme as ordes ministeriais do 30.7.1969 e 2.1.1975), e isto vén motivado en gran parte non só pola configuración do monte da Lanzada como zona de especial protección integrada na Rede Natura 2000, senón tamén polo deslindamento operado polo Estado mediante a Orde ministerial do 1 de febreiro de 1993.

Este deslindamento, de acordo coa regulación contida nos artigos 9, 13, 14 e disposición transitoria primeira da Lei de costas 22/1988 trae consigo unha serie de consecuencias que no presente suposto, tal e como afirma o Concello do Grove, se tornan relevantes para os efectos de adoptar a presente resolución, e que se concretan nas seguintes:

– A zona afectada pola clasificación na actualidade é de dominio público, de titularidade estatal, e así se colixe de xeito palmario dos informes remitidos polo Servizo de Costas, planimetría presentada polas partes interesadas e, en certa maneira, recoñecido pola propia CMVMC de Noalla nos seus escritos de alegacións.

– En terreos de dominio público, tal e como ten afirmado reiteradamente a xurisprudencia, non caben outras formas de propiedade. E, aínda que como é ben sabido, o que ao abeiro do artigo 1 da Lei de montes veciñais en man común, determina a clasificación favorable en prol dunha determinada comunidade de montes é o feito de ter acreditado o aproveitamento consuetudinario polo grupo veciñal, non pode descoñecerse que todos e cada un dos usos pretendidos polos veciños de Noalla, ademais de seren practicamente inexistentes na actualidade, estarían prohibidos e vedados pola normativa reitora sobre este espazo natural de especial protección.

– Finalmente, e aínda que non resulte determinante para este órgano para os efectos de adoptar a presente resolución de clasificación, si consideramos interesante suliñar que o deslindamento aprobado pola Orde ministerial de 1993, atributivo da propiedade sobre os terreos ao Estado, non foi impugnado en ningún momento pola CMVMC de Noalla e tampouco exerceu no prazo de cinco anos fixado no artigo 14 da Lei de costas ningunha acción en relación co demanio público citado así como tampouco a novación da súa titularidade como comunidade veciñal en concesión.

Terceira. Unha vez esgotada a argumentación relativa ao especial réxime xurídico que afecta os terreos catalogados a día de hoxe como ZEC (zona de especial conservación) faise obrigado, a fin de que a CMVMC de Noalla obteña a resposta máis completa posible á súa petición, facer unha análise dos usos que na actualidade se están a dar nos terreos solicitados.

E, chegados a este punto, unha vez máis, atopámonos cun escollo importante á hora de resolver de xeito favorable a clasificación pretendida do monte da Lanzada e isto porque este xurado, á vista da documentación que figura no expediente, e moi especialmente tendo en conta o informe actualizado do Servizo de Montes, non pode considerar suficientemente acreditado o uso consuetudinario no momento actual.

En efecto, de conformidade co artigo 1 da Lei de montes veciñais en man común de Galicia, o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia, 7/2012, do 28 de xuño:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

E para ser máis claros e precisos, non abonda con acreditar este uso no pasado senón que debe haber un uso e aproveitamento actual polos veciños, pois doutro xeito non tería sentido clasificar un monte como veciñal coas consecuencias que tal clasificación implica se este aproveitamento desapareceu ou xa non se pon en activo.

Así o vén recoñecendo o Tribunal Supremo en diferentes sentenzas, por todas elas a do 24 de abril de 2000 da Sala do Contencioso-Administrativo, sección 4ª, que para tal efecto sinala:

«... resulta claro, por tanto, que non é posible prescindir na resolución deste tipo de problemas da circunstancia de que os supostos montes veciñais viñesen sendo aproveitados consuetudinariamente polos membros da comunidade de xeito real e efectivo; de sorte que, no caso de que así non sexa, aparecendo ademais destinada a superficie en litixio desde un tempo considerable a usos industriais, deportivos, mineiros ou calquera outro servizo público, a razón que xustificaría a clasificación administrativa do monte como presuntamente veciñal desaparece, sempre e cando apareza acreditado que a orixe de deses usos non forestais se otorgou en circunstancias tales que evidenciaban a ausencia de posesión do aproveitamento como montes veciñais por parte dos veciños naqueles momentos».

Esa e non outra é a interpretación correcta da mesma definición consagrada no artigo 1 da Lei do 11 de novembro de 1980 cando somete a regulación aqueles montes de natureza especial que, con independencia da súa orixe, pertenzan a agrupacións veciñais e veñan sendo aproveitados consuetudinariamente en man común polos veciños, con clara referencia a un período temporal presente, e non dun pasado máis o menos remoto.

E chegados a este punto, unha vez máis resulta obrigado traer a colación o contido claro e preciso do informe emitido polo Servizo de Montes do 25.1.2016, do cal se colixe unha total ausencia de usos actuais.

De feito, os propios veciños do lugar refírense en todo momento ao pasado á hora de explicar ao técnico encargado de elaborar o informe que usos se daban nas parcelas, pero en ningún momento manifestan cal é o uso actual.

Pola contra, e en relación a cal é este aproveitamento no presente, dise no citado informe o seguinte: «... Na actualidade o uso da parcela está moi condicionado polo feito de que a súa totalidade se atopa incluída dentro dun espazo natural protexido e as praias (uso turístico, sendeirismo, observación da flora e fauna, aparcadoiro de vehículos, quioscos de praia, aseos públicos, etc.), e o asociado ás infraestruturas públicas existentes (campo de fútbol e colexio de Noalla, capela, etc.)».

Pero é que, ademais, se analizamos o propio informe presentado pola CMVMC de Noalla, redactado por J. A. González, vemos que, se ben que se caracteriza pola súa minuciosidade á hora de fixar os antecedentes, analizar a orixe histórica das parroquias, o proceso de formación do istmo da Lanzada e a análise da prolixa documentación histórica presentada no expediente de clasificación de 1989, encóntrase a faltar este mesmo esforzo narrativo á hora de facer unha referencia sólida dos usos que a CMVMC de Noalla puider estar a facer a día de hoxe nos terreos obxecto de clasificación.

O único que se presenta en relación con este importante aspecto son unhas fotografías de varios veciños botando algas sobre un tractor, nada máis, en contraposición ás fotografías e detalle do informe do Servizo de Montes en que poden verse os dous grandes aparcadoiros públicos para vehículos, un edificio de aseos públicos e outro de Protección Civil e vixilancia da praia da Lanzada, barreiras e pasarelas de protección do sistema de dunas, paneis informativos do espazo natural protexido, o campo de fútbol e o colexio de Noalla, xunto cos quioscos de praia; é dicir, nin unha soa evidencia de uso comunal dos veciños de Noalla senón só evidencias dun uso público.

Así mesmo, consideramos oportuno puntualizar unhas alegacións que a CMVMC de Noalla fai sobre este particular ao sinalar que este novo expediente de clasificación se debe única e exclusivamente a cuestións de carácter formal e procedemental, non cuestionándose en ningún caso o aproveitamento colectivo que desde tempo inmemorial veñen facendo os veciños de Noalla.

Pois ben, ao respecto e ben que é certo que a revisión de oficio acordada no seu día obedeceu a un defecto formal (falta de emprazamento ao Concello do Grove), non é menos certo que a declaración de nulidade apreciada no seu día e ratificada xudicialmente obriga a retrotraer as actuacións ao momento de producirse o erro determinante da nulidade con valoración ex novo de toda a documentación e circunstancias concorrentes; dito noutros termos, a resolución de clasificación a favor da CMVMC de Noalla de 1989 non actúa como un condicionante inamovible para este órgano, pois resulta evidente que, de ser así, nin tan sequera tería sentido dar audiencia e admitir as alegacións do Concello do Grove.

E partindo desta base, non debe obviarse, por moito que a CMVMC de Noalla o pretenda facer ver coas súas argumentacións, que a realidade a día de hoxe é outra, as circunstancias non son idénticas ás concorrentes en 1989 e así debe valorarse obxectivamente por este xurado de montes para emitir unha resolución o máis axustada a dereito posible.

En efecto, no momento actual está aprobado o deslindamento de dominio público por Orde ministerial de 1993 que indefectiblemente afecta os terreos da Lanzada, pero sobre todo importa, e moito, que os terreos estean catalogados como ZEC (zona de especial conservación) integrados na Rede Natura 2000.

Finalmente, para concluír, consideramos de recibo deixar sentado que á hora de emitir a presente resolución este xurado non veu condicionado polas alegacións que o Concello do Grove e o Concello de Sanxenxo fixeron ao longo de todo o expediente en relación aos litixios existentes polos lindeiros municipais, pois entrar nestas disertacións non é competencia do Xurado de Montes, que debe limitarse a valorar obxectivamente a concorrencia dos requisitos exixidos pola normativa vixente na materia.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado, co voto en contra do vogal Xosé Carlos Morgade Martínez,

ACORDA:

A non clasificación do monte de A Lanzada solicitada polos veciños da CMVMC de Noalla ao non concorreren os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 13 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Pontevedra