Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 6 de outubro de 2017 Páx. 47273

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica modificación número 1 LMT derivada Vilarbasín, no concello de Portomarín.

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificación na Batundeira 2, Velle (Ourense), aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 15 de abril de 2016, a citada empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica denominada modificación número 1 LMT derivada Vilarbasín, no concello de Portomarín, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado.

Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante Resolución desta xefatura territorial do 22 de xuño de 2017. Esta resolución foi publicada no diario El Progreso de Lugo do 18 de xullo de 2017, no BOP de Lugo do 15 de xullo e no DOG do 14 de xullo, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Portomarín. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro. Enviáronse separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Cuarto. Durante o trámite de información pública Edita Folgueiras López presenta alegacións opoñéndose ao trazado proxectado para a instalación eléctrica e solicitando a súa modificación para que discorra sobre terreos de dominio, uso ou servizo público.

Quinto. Persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, los referidos servizos técnicos informan de que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os cales a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan dos decretos 129/2015, do 8 de outubro (DOG núm. 194, do 9 de outubro) e 175/2015, do 3 de decembro (DOG núm. 232, do 4 de decembro) polos que se crea e se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG núm. 22, do 1 de febreiro) sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro do sector eléctrico, correspóndelle resolver sobre a presente solicitude.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 24/2013 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación que formula a empresa promotora, dos informes técnicos e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente basicamente porque a posible variante de trazado que suxire a interesada non se concreta nunha proposta que acredite que reúne, conxuntamente, as condicións exixidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir nun mutuo acordo e causar a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada modificación número 1 LMT derivada Vilarbasín, no concello de Portomarín, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV cunha lonxitude de 21 m con orixe na celosía metálica existente con código 154-111 (nº 0 na presente modificación do proxecto) pertencente á LMT aérea existente, procedente da saída PAL 803 da subestación Palas, no tramo entre os centros de transformación existentes Aviporto C.B. e Cortapezas U.F., condutor tipo LA-56 e final na celosía metálica proxectada número 1.

2. Liña de media tensión aérea a 20 kV cunha lonxitude de 4.058 m con orixe na celosía metálica proxectada número 6, condutor tipo LA 56 e final no centro de transformación non prefabricado caseta rural existente Vilarbasín.

3. Liña de media tensión soterrada a 20 kV cunha lonxitude de 823 m con orixe no P.A.S. sobre celosía metálica proxectada número 1, condutor tipo RHZ1 e final na cela de liña proxectada no centro de seccionamento proxectado.

4. Liña de media tensión soterrada a 20 kV cunha lonxitude de 945 m con orixe na cela de liña no centro de seccionamento proxectado, condutor tipo RHZ1 e final no P.A.S. proxectado sobre celosía metálica número 6.

5. Centro de seccionamento compacto 3L de manobra exterior con envolvente prefabricada de formigón.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica modificación número 1 LMT derivada Vilarbasín, visado o día 31 de marzo de 2016 co número 20160774 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e asinado polo enxeñeiro industrial Darío Sánchez Maeso, colexiado número 2564.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no xornal El Progreso de Lugo do 18 de xullo de 2017, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 15 de xullo de 2017 e no Diario Oficial de Galicia do 14 de xullo de 2017, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Portomarín. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta xefatura territorial de Economía, Emprego e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla 70, 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto modificación número 1 liña de media tensión derivada Vilarbasín presentado pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, (BOE núm. 236, de 2 de outubro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben cando, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prezuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 14 de setembro de 2017

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo