Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2017 Páx. 47900

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación de Agolada, promovida pola empresa Primagás Energía Distribución, S.A.U. (expediente IN627A 2017/26-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Primagás Energía Distribución, S.A.U., con CIF nº A66470279 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Beethoven, nº 15, 7ª, 08021 Barcelona.

Antecedentes:

O 16 de marzo de 2017 a empresa Primagás Energía Distribución, S.A.U. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Agolada (Pontevedra), acompañada do preceptivo proxecto.

Ante esta solicitude, o 3 de abril de 2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 27 de abril de 2017 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Primagás Energía Distribución, S.A.U.

Obxecto da petición: autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Agolada (Pontevedra), de conformidade co proxecto presentado para o efecto, titulado «Proxecto de autorización administrativa de planta satélite de regasificación de GNL e rede de distribución para a subministración de gas natural canalizado no termo municipal de Agolada (Pontevedra)».

Descrición das instalacións:

A subministración de gas natural realizarase desde a planta de GNL (gas natural licuado) proxectada, que se instalará na parcela de referencia catastral 36020N502002210000IS (situada no Monte de Ferreiroá, no concello de Agolada), e que disporá dunha capacidade de almacenamento de GNL de 15,79 m3 (1 depósito) e dunha estación de regulación e medida para un caudal de 500 kg/h e tarado a 2,5 kg/cm2 relativos de GN (gas natural).

A rede de distribución proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano de Agolada, deseñarase para unha presión máxima de operación (MOP) de 5 bar, aínda que a presión de operación (OP) será de 2,5 bar, realizarase en tubaxe de polietileno de media densidade SDR 17,6, e estará constituída por unha rede principal que partirá da citada planta de GNL (1.647 m en diámetro de 90 mm) e unha rede secundaria que partirá da rede principal e ramificarase polas distintas rúas do núcleo urbano (4.897 m en diámetro de 63 mm), sendo a lonxitude total da rede de distribución de 6.544 m.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Agolada, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: seiscentos trinta e un mil oitocentos vinte euros con sesenta e dous céntimos (631.820,62 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, r/ Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas