-
Xunta de Galicia
- A Xunta de Galicia
- O Presidente
- Conselleiros/as do Goberno Galego
- Todos os presidentes da Xunta de Galicia
-
O Estatuto de Autonomía de Galicia
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título Preliminar
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título I: Do Poder Galego
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título II: Das Competencias de Galicia
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título III: Da Administración Pública Galega
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título IV: Da Economía e Facenda
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título V: Da Reforma
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Disposicións Adicionais
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Disposicións Transitorias
-
O Estatuto de Autonomía de Galicia
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título Preliminar
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título I: Do Poder Galego
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título II: Das Competencias de Galicia
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título III: Da Administración Pública Galega
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título IV: Da Economía e Facenda
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Título V: Da Reforma
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Disposicións Adicionais
- Estatuto de Autonomía de Galicia - Disposicións Transitorias
ESTATUTO DE AUTONOMÍA DE GALICIA
Título IV: Da Economía e Facenda
ARTIGO 42
A Comunidade Autónoma galega contará para o desempeño das súas competencias con facenda e patrimonio propios
ARTIGO 43
I. O patrimonio da Comunidade Autónoma estará integrado por:
- O patrimonio da Comunidade no momento de se aproba-lo Estatuto.
- Os bens afectos a servicios traspasados á Comunidade Autónoma.
- Os bens adquiridos pola Comunidade Autónoma por calquera título xurídico válido.
II. O patrimonio da Comunidade Autónoma, a súa administración, a súa defensa e conservación serán regulados por unha lei de Galicia.
ARTIGO 44
A Facenda da Comunidade Autónoma constitúese con:
- Os rendementos dos impostos a establecer pola Comunidade Autónoma.
- Os rendementos dos impostos cedidos polo Estado a que se refire a disposición adicional primeira e de todos aqueles de cesión aprobada polas Cortes Xerais.
- Unha porcentaxe de participación no que se recade no total do Estado por impostos directos e indirectos, incluídos os monopolios fiscais.
- O rendemento das súas propias taxas por aproveitamentos especiais e pola prestación de servicios directos da Comunidade Autónoma, de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servicios estatais.
- As contribucións especiais que estableza a Comunidade Autónoma no exercicio das súas competencias.
- Os recargos sobre impostos estatais.
- Se é o caso, os ingresos procedentes do Fondo de Compensación Interterritorial.
- Outras asignacións con cargo ós Orzamentos Xerais do Estado.
- A emisión da débeda e o recurso ó crédito.
- Os rendementos do patrimonio da Comunidade Autónoma.
- Ingresos de dereito privado; legados e doazóns; subvencións.
- Multas e sancións no ámbito das súas competencias.
ARTIGO 45
A Comunidade Autónoma galega e os entes locais afectados participarán nos ingresos correspondentes ós tributos que o Estado poida establecer para recupera-los custos sociais producidos por actividades contaminantes ou xeradoras de riscos de especial gravidade para o entorno físico e humano de Galicia, na forma que estableza a lei creadora do gravame.
ARTIGO 46
- Cando se complete o traspaso de servicios, ou ó cumprirse o sexto ano de vixencia deste Estatuto, en caso de o solicita-la Comunidade Autónoma, a participación anual nos ingresos do Estado citada no número 3 do artigo 44 e definida na disposición transitoria quinta negociarase sobre as bases seguintes:
-
a) A media dos coeficientes de poboación e esforzo fiscal de Galicia, este último medido polo que se recade no seu territorio do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas; isto é, o cociente entre o que se recade efectivamente e o potencialmente atinguible, tendo en conta o nivel e distribución persoal da renda.
b) A cantidade equivalente á aportación proporcional que lle corresponde a Galicia polos servicios e cargas xerais que o Estado continúe asumindo como propios.
c) A relación inversa entre a renda real media dos residentes na Comunidade Autónoma e a media estatal.
d) Relación entre os índices de déficit en servicios sociais e infraestructuras que afecten ó territorio da Comunidade e ó conxunto do Estado.
e) Relación entre os custos por habitante dos servi- cios sociais e administrativos transferidos para o territorio da Comunidade e para o conxunto do Estado.
f) Outros criterios que se xulguen procedentes.
-
- A fixación da nova porcentaxe de participación será obxecto de negociación inicial e será revisable por solicitude do Goberno ou da Comunidade Autónoma cada cinco anos.
ARTIGO 47
- A Comunidade Autónoma, mediante acordo do Parlamento, poderá emitir débeda pública para financiar gastos de investimento.
- O volume e característica das emisións estableceranse de acordo coa ordenación xeral da política crediticia e en coordenación co Estado.
- Os títulos emitidos terán a consideración de fondos públicos para tódolos efectos.
ARTIGO 48
No suposto de que o Estado emita Débeda parcialmente destinada á creación ou mellora de servicios situados en Galicia e transferidos á Comunidade Autónoma galega, esta estará facultada para elaborar e presenta-lo programa de obras e servicios beneficiarios da emisión.
ARTIGO 49
- Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a tutela financeira sobre os entes locais, respectando a autonomía que a estes lles recoñecen os artigos 140 e 142 da Constitución e de acordos co artigo 27.2 deste Estatuto.
- É competencia dos entes locais de Galicia a xestión, cobranza, liquidación e inspección dos tributos propios que lles atribúan as leis, sen prexuízo da delegación que poidan outorgar para estas facultades a favor da Comunidade Autónoma galega. Mediante lei do Estado establecerase o sistema de colaboración dos entes locais, da Comunidade Autónoma galega e do Estado para a xestión, liquidación, cobranza e inspección daqueles tributos que se determinen.
- Os ingresos dos entes locais de Galicia, consistentes en participación en ingresos estatais e en subvencións incondicionadas, percibiranse a través da Comunidade Autónoma galega, que os distribuirá de acordo cos criterios legais que se establezan para as referidas participacións
ARTIGO 50
A Comunidade Autónoma galega gozará do tratamento fiscal que a lei estableza para o Estado.
ARTIGO 51
Regularanse necesariamente mediante lei do Parlamento galego as seguintes materias:
a) O establecemento, a modificación e supresión dos seus propios impostos, taxas e contribucións especiais, e das exencións ou bonificacións que lles afecten.
b) O establecemento e a modificación e supresión dos recargos sobre os impostos do Estado.
c) A emisión de débeda pública e demais operacións de crédito concertadas pola Comunidade Autónoma galega.
ARTIGO 52
Correspóndelle á Xunta de Galicia:
a) Aproba-los regulamentos xerais dos seus propios tributos.
b) Elabora-las normas regulamentarias precisas para xestiona-los impostos estatais cedidos de acordo cos termos desta cesión.
ARTIGO 53
- Correspóndelle á Xunta ou Goberno a elaboración e aplicación do orzamento da Comunidade Autónoma galega, e ó Parlamento o seu exame, emenda, aprobación e control. O orzamento será único e incluirá a totalidade dos gastos e ingresos da Comunidade Autónoma galega e dos organismos, institucións e empresas dela dependentes.
- Sen prexuízo do disposto no artigo 136 e no apar- tado d) do artigo 153 da Constitución, créase o Consello de Contas de Galicia. Unha lei de Galicia regulará a súa organización e funcionamento e establecerá as garantías, normas e procedementos para asegura-la rendición das contas da Comunidade Autónoma que deberá someterse á aprobación do Parlamento.
ARTIGO 54
- A xestión, cobranza, liquidación e inspección dos seus propios tributos, corresponderalle á Comunidade Autónoma galega, que disporá de plenas atribucións para execución e organización desas tarefas, sen prexuízo da colaboración que poida ser establecida, en especial cando, coa Administración do Estado, así veña esixida pola natureza do tributo.
- No caso dos impostos dos que se cedesen os rendementos, a Xunta asumirá por delegación do Estado a xestión, recadación, liquidación e inspección dos mesmos, sen prexuízo da colaboración que poida establecerse entre ámbalas administracións, todo iso de acordo co especificado na lei que fixe o alcance e condicións da cesión.
- A xestión, recadación, liquidación e inspección dos demais impostos do Estado recadados en Galicia corresponderalle á Administración Tributaria do Estado, sen prexuízo da delegación que a Comunidade Autónoma poida recibir desta e da colaboración que poida establecer, especialmente cando así o esixa a natureza do tributo.
ARTIGO 55
- A Comunidade Autónoma, de acordo co que establezan as leis do Estado, designará os seus propios representantes nos organismos económicos, as institucións financeiras e as empresas públicas do Estado que teñan competencia dentro do territorio galego e que pola súa natureza non sexan obxecto de traspaso.
- A Comunidade Autónoma poderá constituír empresas públicas como medio de execución das funcións que sexan da súa competencia, segundo o establecido no presente Estatuto.
- A Comunidade Autónoma, como poder público. poderá facer uso das facultades previstas no apartado l do artigo 130 da Constitución, e poderá fomentar, mediante unha lexislación axeitada, as sociedades cooperativas nos termos resultantes do número 17 do artigo 28 do presente Estatuto.
- Igualmente, de acordo coa lexislación do Estado na materia, poderá facer uso das demais facultades previstas no apartado 2 do artigo 129 da Constitución.
- A Comunidade Autónoma galega queda facultada para constituír institucións que fomenten a plena ocupación e o desenvolvemento económico e social no marco das súas competencias