Ir á páxina de inicio Ir á páxina da Xunta
CULTURA

CULTURA - A CIDADE DA CULTURA DE GALICIA

Este proxecto, iniciado en 1999 pola Xunta de Galicia, pretende construír unha serie de centros integrados e agrupados dedicados á conservación, producción, exhibición e consumo cultural, dotados do máis avanzado nivel tecnolóxico para aproveita-las inmensas posibilidades da sociedade da información.

Estado das obras no verán de 2003
Estado das obras no verán de 2003
Reconstrucción 3D do aspecto final
Reconstrucción 3D do aspecto final

Estes centros servirán como lugares de estudio e investigación, foros de debate e exposición das mostras máis representativas do sector artístico, ó tempo que acollerán congresos, seminarios, conferencias e proxeccións, empregando as técnicas e soportes máis modernos.

A proposta elixida foi a presentada polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman ó concurso internacional de arquitectura convocado pola Xunta de Galicia no ano 1999, pola súa singularidade conceptual e plástica, e pola súa excepcional sintonía co lugar.

Santiago de Compostela é a cidade elixida para acolle-la Cidade da Cultura pola súa significación como centro cultural de transcendencia europea e universal, meta do vello continente, cidade universitaria, capital administrativa e política de Galicia e eixe neurálxico de comunicacións. Situarase no Monte Gaiás, pequeno outeiro ó leste de Santiago cunha superficie aproximada de 70 hectáreas, nun ámbito de singulares valores paisaxísticos que constitúe un excepcional miradoiro sobre a cidade. Este monte está bordeado ó oeste polo río Sar e ó leste pola autoestrada A-9, que será o principal acceso ó complexo. A Cidade disporá dos seguintes equipamentos:

Biblioteca e Hemeroteca de Galicia

Cada un dos edificios ocupará unha superficie próxima ós 14.000 m2. Acollerán o rico patrimonio bibliográfico e hemerográfico de Galicia, prestando especial atención á recuperación dos fondos dispersos en institucións culturais e entidades públicas e tódalas doazóns e legados de arquivos e bibliotecas de personalidades da cultura galega.

Na actualidade, o proceso de adquisición de fondos que levan a cabo a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Consellería de Cultura permite dispoñer xa de valiosa documentación. Así mesmo, estase procedendo a dixitalizar outros moitos fondos dispersos en universidades, institucións culturais, particulares, etc., o que permitirá a súa consulta e difusión a través dos máis avanzados sistemas informáticos.

Ademais realizaranse edicións de productos bibliográficos sobre temas e autores galegos e elaboraranse o Catálogo colectivo do patrimonio bibliográfico galego e o Catálogo colectivo de fondos modernos.

imaxe ilustrativa

Por último, a Biblioteca e a Hemeroteca serán unha resposta de vangarda na súa concepción, non só dende o deseño arquitectónico, senón tamén na utilización dos máis modernos sistemas de almacenamento, busca e transmisión de datos. A biblioteca e a hemeroteca virtuais permitirán ó visitante acceder mediante sistemas informáticos á consulta dos seus propios fondos documentais así como dos das distintas bibliotecas galegas, nacionais ou estranxeiras.

O edificio proxectado por Eisenman para a Biblioteca concilia o monumental da súa escala cun deseño humanizado á medida dos usuarios. Levantarase en seis plantas cunha altura total de 42 m e contará con diferentes salas de lectura e de investigadores cunha superficie superior a 2.500 m2; disporá ademais dun depósito central de libros con capacidade para máis dun millón de volumes. Incorporará áreas expositivas de libros de interese, un auditorio e seminarios para cumprir coa súa función formativa.

A Hemeroteca, iniciada en setembro de 2002, contará con máis de 1.400 m2 destinados a salas de lectura e 1.200 m2 de áreas de depósito. Os espacios para recepción e catalogación e para os equipamentos de microfilmación e dixitalización completarán o recinto.

Museo da Historia de Galicia

Este centro recollerá a síntese da historia de Galicia, converténdose nun museo de museos sen competir con outros centros xa existentes no país.

Rompendo con concepcións tradicionais, o plan deste museo baséase en novos conceptos e técnicas expositivas. Búscase un espacio didáctico-interactivo no que prime a participación dos visitantes, aplicando as últimas tecnoloxías audiovisuais e informáticas. O museo debe achegar tamén unha nova forma de narrar para transmitir coñecementos de maneira dinámica, mediante a reproducción de ambientes tanxibles ou de realidade virtual, con feitos e monumentos significativos que cambien cada certo tempo na historia, con textos de interese, con mapas históricos e xeográficos, etc. Tamén será un espacio de sensacións: a vista, sentido esencial de comprensión, completarase co oído, o tacto e mesmo co olfacto.

O proxecto museolóxico incorpora salas permanentes de profundo carácter interactivo nas que se expoña a historia galega secuenciada a través de cinco épocas distintas: os primeiros asentamentos e o mundo celta; a Galicia romana; a Idade Media; a Idade Moderna e a Idade Contemporánea. Nestas salas, ademais de exhibir de forma temática artefactos históricos e o seu contorno, ofrecerase a posibilidade de explorar interactivamente eventos históricos significativos, obxectos de cada época, etc., aplicando as tecnoloxías informáticas e da comunicación máis novidosas.

Ademais disporanse salas de exposicións temporais e versátiles, de importancia vital, pois nelas estarán presentes obras e obxectos reais procedentes de distintos museos de Galicia.

Deste xeito, este centro pretende ser un complemento das extensas coleccións e museos que se atopan ben consolidados na comunidade autónoma.

Edifico de novas tecnoloxías

O plan xeral do edificio pretende achegar á sociedade o coñecemento e uso das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías audiovisuais e da comunicación, así como mostra-la sociedade e cultura galegas dende un punto de vista innovador e de futuro. Este edificio estará integrado por tres áreas interrelacionadas entre si:

- Área dedicada ó traballo, arquivo, investigación e restauración. O rico patrimonio audiovisual galego integrarase nun centro de arquivo e exposición fotográfica co Banco de fotos históricas e actuais de Galicia. Ademais, o proxecto “Galicia Imaxe” permitirá preservar, actualizar e difundir de forma innovadora, en todo o mundo, a imaxe e o son de Galicia ó longo da historia, creando un gran arquivo de imaxe, voz e música, en calquera soporte e dotándoo dos medios técnicos de documentación sonora, visionado, selección, montaxe e distribución máis innovadores. Deste xeito potenciarase a conservación do patrimonio audiovisual coa catalogación e estudio de obras, restauración de películas, adquisición de fondos, etc.

- Área de novas tecnoloxías destinada ó ocio. Contará cun cine dinámico, salas de proxección 2D en proxección plana e esférica e 3D, salas de experimentación en multimedia e videoxogos, simuladores de realidade virtual, etc.

- Área expositiva. Nela terán cabida as exposicións sometidas a unha renovación permanente de contidos como “Galiciadixital” ou “O Camiño de Santiago virtual”. Esta ampla zona pretende ser un escaparate que proxecte o máis vangardista no campo do audiovisual e contidos multimedia realizado polas empresas galegas, así como por multinacionais tecnolóxicas.

Teatro da música

Entre as principais achegas da Cidade da Cultura está a construcción dun teatro que acollerá as grandes representacións de ópera. Galicia non dispón na actualidade dun marco idóneo para gozar deste xénero. O escenario en cruz de case 2000 m2 e o resto de instalacións posibilitarán a presencia dos grandes espectáculos operísticos das compañías internacionais e permitirán albergar concertos sinfónicos, musicais, ballet, etc., ademais de facer posible a realización de produccións propias.

Este teatro contará cunha superficie superior a 25.000 m2, en sete plantas, cunha altura total de 50 m. Xunto co auditorio principal con capacidade para 1.550 persoas e un foxo de orquestra para 107 músicos, existirá un auditorio secundario con capacidade para 450 espectadores.

Edificio de servicios centrais e administración

A Cidade complétase coa dotación dos equipamentos necesarios para conseguir un lugar propicio para o estudio, a investigación, o traballo e a difusión e promoción da cultura galegas. O edificio de Servicios Centrais, con máis de 7.500 m2, ademais de incluí-los servicios administrativos de todo o complexo, disporá de salas de conferencias e multiúsos cos máis modernos medios de traducción e gravación simultánea para reunións e conferencias.

Bosque da Cidade da Cultura

Será o maior espacio forestal que rodee un complexo cultural destas características, converténdose nun área lúdica e natural de grande interese paisaxístico e ambiental. Na zona existen formacións da paisaxe agraria tradicional, como bancais, que serán conservadas, integrándose nunha masa forestal de especies frondosas atlánticas, respectando e preservando as áreas vexetais con especies autóctonas e incorporando áreas de sendeirismo e ocio.

Torres en memoria de John Hejduk

imaxe ilustrativa

Aínda que non formaban parte inicialmente do proxecto, Eisenman quixo render homenaxe ó arquitecto norteamericano John Hejduk, falecido en 2000, levantando as dúas torres de vidro e granito nas inmediacións da Hemeroteca. Este proxecto non é alleo á cidade de Santiago, xa que en 1992 se previra a súa instalación no parque de Belvís, para albergar actividades pedagóxicas complementarias ó xardín como “torres botánicas”.

Estas torres servirán de espacios de recepción e información da Cidade. A torre revestida de granito permitirá, por medio dos cilindros da súa parte posterior, a renovación de aire na galería subterránea de servicios e a saída de gases de combustión da central de caldeiras do complexo situada nas súas proximidades.