Xunta de Galicia

O galego participa nunha iniciativa europea para promover entre a mocidade o uso das linguas propias minoritarias

 A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta nun seminario en Irlanda os principais programas que está a impulsar para ampliar a presenza da lingua galega nas franxas de idade máis novas

O seminario forma parte dun proxecto da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística en Eruopa, no que tamén participan, entre outros idiomas, o irlandés, o galés, o éuscaro, o corso, o frisio, o escocés e mais o sami

Donegal (Irlanda), 9 de novembro de 2011.- A Xunta de Galicia participa nunha iniciativa que busca promover entre a mocidade o uso dos idiomas propios en diferentes comunidades europeas con linguas socialmente minoritarias. Con este fin, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentará os principais programas que está a promover para ampliar a presenza do galego nas franxas de idade máis novas. Farao nun seminario que terá lugar entre hoxe e mañá no condado de Donegal, en Irlanda.

Este seminario forma parte dun do proxecto sobre xuventude desenvolvido pola Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística en Europa (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD). Trátase dun proxecto que ten como obxectivo principal fomentar unha reflexión sobre as estratexias que favorezan o uso das linguas minoritarias no grupo de idade de 12 a 19 anos mediante o intercambio de experiencias positivas e de boas prácticas. Ao mesmo tempo, o proxecto busca concretar liñas prioritarias de actuación para o futuro que poidan ser de utilidade para todas as comunidades lingüísticas.

Os programas de dinamización do galego
Co fin de contribuír con estes obxectivos, a secretaría xeral contextualizará a situación de Galicia a través dunha análise dos usos lingüísticos da xente nova e explicará os obxectivos nos que se basean as súas actuacións dirixidas a incrementar o uso do galego neste sector prioritario. Para dar a coñecer as experiencias do caso galego, a secretaría xeral presentará os seus principais programas de dinamización, entre os que se inclúen Os Axóuxeres, dirixido a favorecer a transmisión lingüística; Bocaberta, que abrangue un ampla variedade de actividades para o público infantil e xuvenil; ou O Galego Campa, pensado para os xogos dos rapaces e rapazas nos campamentos.

As linguas que participan no proxecto
Xunto co galego, participan neste proxecto o irlandés, o galés, o éuscaro (no País Vasco), o corso, o sueco (en Finlandia), o finés (en Suecia), o frisio (en Frisia, Holanda), o escocés e mais o sami (en Finlandia). De todas estas linguas tamén se analizarán experiencias concretas a través de diferentes ámbitos, como a actividade deportiva, a realización cinematográfica, os proxectos teatrais, os festivais de música, as experiencias radiofónicas ou as ferramentas en liña.

O seminario completarase cunha parte máis teórica na que se abordará a cuestión da investigación sobre as experiencias de boas prácticas que animen os rapaces e rapazas a utilizar as linguas propias.

Coordinación coas institucións europeas
A NPLD preséntase como un foro de encontro e coordinación entre as diversas institucións europeas que traballan a prol do fomento das súas linguas minoritarias. Dela forman parte un total de 28 entidades, entre as que se inclúen gobernos, organismos e asociacións que teñen como cometido a promoción da diversidade lingüística no contexto dunha Europa plurilingüe.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, é membro fundador da rede, na que tamén están representadas linguas como o éuscaro, o catalán, o galés, o irlandés, o estoniano, o bretón e o frisio, entre outras.

 

Compártao :