Xunta de Galicia

Anxo Lorenzo aposta por aproveitar a potencialidade das redes sociais para estender o uso da lingua galega

O responsable de Política Lingüística participou na entrega de premios dun orixinal concurso de microrrelatos en galego a través de Facebook

A inicitiva organizouse ao abeiro do convenio que subscriben a secretaría xeral e a Asociación Hostelería Compostela para promover o fomento do idioma

Os relatos gañadores difundiranse a través de diversos medios de comunicación

  • Anxo Lourenzo participa na entrega de premios do concurso literario 800 anos en 800 caracteres
    Autor: Ana Varela
  • Anxo Lourenzo participa na entrega de premios do concurso literario 800 anos en 800 caracteres
    Autor: Ana Varela
  • Anxo Lourenzo participa na entrega de premios do concurso literario 800 anos en 800 caracteres
    Autor: Ana Varela

Santiago, 9 de novembro de 2011.- O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, aposta por aproveitar a potencialidade das redes sociais para ampliar os ámbitos de uso da lingua galega. Así o asegurou durante a rolda de prensa na que se entregaron os premios do certame MICRO CompH!ostalería. 800 anos en 800 caracteres, un concurso de microrrelatos en galego que se realizou a través da páxina de Facebook CompHostalería.

A secretaría xeral promoveu esta iniciativa coa Asociación Hostelería Compostela, ao abeiro do convenio que ambas as entidades subscriben actualmente para fomentar o uso da lingua galega a través do sector hostaleiro. Con este fin púxose en marcha o certame, que tamén quere contribuír a conmemorar os 800 anos da catedral de Santiago.

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo puxo de relevo a potencialidade das redes sociais para estender o uso do galego e presentou as novas tecnoloxías e a lingua como “ferramentas indispensables para o desenvolvemento social e persoal”. “As novas tecnoloxías forman parte, cada vez máis, da configuración da nosa identidade, de aí a necesidade de asegurarmos a presenza do galego nelas”, dixo. O secretario xeral tamén destacou o interese desta iniciativa por se basear nunha canle de fomento do galego de primeira orde como é a literatura, que cualificou como “un piar básico da nosa cultura”.

Os premiados
Os relatos galardoados da primeira edición do concurso foron da autoría de Ricardo Saavedra, de Ángela Pontes e de Manuel González, que levaron o primeiro, segundo e terceiro premios, respectivamente. O cuarto galardoado foi Jorge Lage, que acadou o premio ao mellor relato gastronómico.

Na entrega de premios tamén participaron Reyes Leis, concelleira delegada de Economía, Comercio, Turismo e Mercados do Concello de Santiago, e mais representantes do Museo da Catedral, do Mercado de Abastos e do Consorcio de Santiago, que colaboran no certame de microrrelatos.

Difusión dos relatos nos medios
Na rolda de prensa tivo lugar a estrea dunha montaxe radiofónica dos catro microrrelatos premiados, realizada coa colaboración da Radio Galega. Ademais de seren publicados na revista CompHostalería, os relatos gañadores tamén se difundirán a través dos diversos medios de comunicación que colaboran co certame.

O fomento do galego desde o sector hostaleiro
Ademais do certame, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostelería Compostela colaboran noutras iniciativas para promover a lingua galega a través do ámbito hostaleiro. Con este obxectivo, teñen en marcha a campaña Xantar Compostela, que leva distribuídos entre os establecementos da asociación máis de 200.000 manteis con xogos e palabras para achegar a lingua galega ao tempo de xantar.

Ademais, ao abeiro do convenio tamén se distribúe a revista en galego CompHostalería, que ten como destinatarios ao sector de hospedaxe e de restauración de Santiago de Compostela e comarca.

Compártao :